lunes, 28 de octubre de 2024

Paradanta e A Antiga


A finais do século XVIII os límites da parroquia de Lueda (A Cañiza) aínda pasaban por Pedra Dante (actual Paradanta). Non é ningunha novidade que para- en composición sexa unha forma sincopada de pedra, así aparece no topónimo Parafita (Chandexa de Queixa), composto provinte do latín petra ficta, ou no orónimo Monte da Paralonga (Valeixe - A Cañiza) e A Paravedra (Covelo), do latín petra vetula. A forma Pedra Dante do Catastro de Ensenada proba o que xa se sabía. É curiosa por levar incorporada a preposición de ó sustantivo anta, que ás veces tamén aparece coa -s final do artigo feminino plural engadida: As Santas atópase de cando en vez nomeando necrópoles megalíticas, e por suposto non debe considerarse unha variante lingüisticamente correcta.

O sustantivo anta provén do latín anta, "ucheira, xamba dunha porta". O galego mantivo esa acepción no derivado anteira = "cada unha das pedras que forman os laterais da boca do forno", mais tamén desenvolveu, como outras linguas peninsulares, dúas acepcións especializadas relativas ós megálitos, anta = "chanto, mollón de termo, marco" e "dolmen". No texto que seleccionamos do Catastro de Ensenada (parroquia de Lueda - A Cañiza) fálase precisamente dos límites territoriais que pasaban polo "marco de Pedra Dante".

Temos falado xa de que na toponimia as formas Antón, Antões ou Antoinha, etc. e mailos aparentes hipocorísticos alpinos de Antoine (Togne, Tougne, Tognet), idénticos ó nome personal, son en realidade derivados da forma anta, e designan dólmenes ou megálitos doutro tipo (cfr. Forno dos Mouros, Toques - Serra do Bocelo, Arqueotoponimia 2015).

Posto que anta ten xerado derivados, imos valorar se o topónimo A Antiga / A Antigua, ligado ós primitivos camiños reais que ían polas cordas das serras, inzados de megálitos e marcos, podería ser un derivado dela, concretamente da forma *ántiga, que tería experimentado desprazamento do acento, e non, como se cre, do adxectivo latino antiquus, -a, -um "antigo".

Na documentación medieval aparece antiqua xunto dos termos carrale, karraria, via, vereda, semita. Os escribáns dos documentos medievais adoitaban expresarse no rexistro culto da lingua, ó que pertence sen dúbida o adxectivo latino antiquus, -a, -um; o pobo, pola súa parte, prefiriu os termos provintes de vetulus, -a, -um, "vello" > vello / vedro, para expresar esta mesma idea.

A proposta de JL Pensado ("Sobre el gallego "Antiga", "Antigua" y su paralelo italiano", Verba 1978) é que o topónimo A Antig(u)a, en xeral, proviría da elisión do sustantivo ou núcleo dunha destas frases, "illa (vereda) antiqua" > A Antiga / A Antigua: adxectivo substantivado que acabaría por quedar na fala como sinónimo de vía ou camiño. Nós consideramos improbable a súa etimoloxía, pois é que, como dicimos, o pobo non usou este adxectivo, senón vetulus, -a, -um, "vello", e amais o termo Antiga pode provir, mellor, do latín anticus, -a, -um, "dianteiro, na franxa do limes ou borde situado diante do territorio, á súa entrada ou saída". Este termo pertence ó eido dos agrimensores, foi usado nas centuriacións (repartos das terras) e tiña xa en latín unha acepción próxima á de vía ou camiño (como sucede co termo decumanus, que é un dos eixes das centuriacións e tamén forma unha vía principal - cfr. via decumana). A nosa proposta encaixa co feito de que o galego conserva, recollido no dicionario, o termo antiga como "servidume de paso a través de fincas alleas", conservando a dobre noción de camiño e límite, propia das centuriacións territoriais.

Tal e como se formou a frase via decumana, por trazarse o camiño sobre o decumano territorial, semella que puideron formarse expresións como via antica ou carrale antica, por trazarse estes camiños sobre os límites territoriais dianteiros (limes anticus = via anterior), xerando a impresión de que se trataba do adxectivo homófono antiquus, -a, -um, "vello". E así interpretamos un documento dun apeo de Sobrado do século XIV, no que  a colisión dos case homófonos antica / antiqua semella provocar a glosa do escribán, que non acaba de entender a expresión: "a pena de Spino e ende a o o marco que esta contra o Pedrouco e ende a a antigua vella e ende fonte de Soo Lodeyro e ende iusa pelo rego".

Non é extraño, porén, que o topónimo A Antiga ou A Antigua (xa con wau pola confusión mencionada) apareza con moita frecuencia nos deslindes. Nos límites entre Samos e Oincio (IGN 1944) descríbense varios mollóns de termo na Pena Dantigua e na Petada Dantigua.


Neste documento de Samos (ano 1277 - Corpus Xelmírez) obsérvase reiteradamente a expresión "fer no antigo" en relación cos límites das leiras: "Conosuda couſſa ſſeya a quantoſ eſta carta viren, como noſ, don Julao, abade de Sſamooſ, τ o conuento de eſſe mííſmo logar, damoſ a uoſ, don Pedro Rodericj́ τ a uoſſo ermao, Nuno Rodericj́, o noſſo herdamento que auemoſ ena uila de Fferreyroſ ſſu ſſino de Sſan Sſadurnino, τ de San Martin de Loſſeyro, o qual erdamento teuo de noſ uoſſo padre τ uoſſa madre, saluo ende a erdade, que ffoy de don Fferreyro τ a que ffoy de don Pedro Sſobrino, conuen a ſſaber [...]: τ una leyra marcada na cortina do Sſouto nouo, que jas entre laſ do caſſal de Ffernan Paes, τ autra leyra ias en Sſindjn aſſi como ſſe determina de la de Ffernan Paes ate ña de Vermon Paes τ ffer no antigo; τ outra leyra en Eyrella aſſi como determina per la de Martin Paes τ per outra do caſſal de Johan Lobo e ffer no antigo; τ autra leyra aa ffonte dEyrella como ſſe determina per la de Sſeſinas τ per la de Sſaa, τ ffer no antigo; τ outra leyra aa caſtineyra de Barreyro, como ſſe parte per la leyra do caſſal de don Payo, τ dautra parte per lo ageyro τ ffer no rrio; τ outra leyra ao poso que jas entre laſ do caſſal de don Nuno, τ ffer na leyra de Gontina τ per lo antigo; τ outra leyra ao Pumarino ante o paso que ffoy de don Payo, como jas marcada entre laſ doſ Ffreyres τ ffer no antiguo; τ autra aa ponte aſſi como jas marcada entre laſ do caſſal de don Nuno τ ffer no antiguo; outra leyra cabo a cortina do caſſal que jas ſſu a daſ Quintaſ aſſi como ſſe uay per la do caſſal de Nuno Peres; outra leyra en Pomar de Dono, que jas ſſu a de Farra eyro τ do outro cabo ſſu a Regãẽga τ fer na de Eglleſia τ no antiguo; outra leyra en Pomarino como vay do antiguo que vay pra Eglleia τ do outro cabo co ſſe uay per la de Vermon Paes no valle de Sſautan, como ſſe uay per lo ualado, a derreyto pra o ualado de Golan, entre la de Pay Ffernandes τ de Ff......do como ffer toda ena de Eccleſia τ vay ao antigo per meo τ da una parte τ dautra, τ toda de Sſamooſ; outra leyra do Mero como jas entranbas las de Sſaa, como ffer no antiguo do Mouro; outra leyra do Baso como jas cabo a da Chaue; outra leyra aa Sſeyta que jas en braso con na lama τ ffer na de Ffernan Paes; outra leyra na cortina de Fformarigo ſſu antiguo que vay p..g.ada τ ffer no Fformarigo; outra leyra ſſu a cortina d ' Ayra que ffoy de don Pedro Sſobrino τ ffer no antiguo da Pedreyra, τ ſſi y mayſ ouuer, que a tendeſ pra o moeſteyro. τ eſteſ herdamentoſ de ſſuſſo ditoſ vos damoſ per atal condison [...]".

Sostemos, polo tanto, que a toponimia A Antiga / A Antigua provén do termo latino anticus, -a, -um, relacionado cos límites da configuración territorial, coas fronteiras e os camiños trazados sobre elas (ou á inversa: fronteiras trazadas sobre camiños previos), á súa vez vencellado ó termo anta, "ucheira, xamba da porta de entrada", que nun senso amplo pódese considerar como a entrada do territorio.

jueves, 24 de octubre de 2024

As Pedras do Tempo e as Manales Petras etruscas

A relación entre as Pedras Manales do ritual de impetración da chuvia da relixión etrusca que herdaron os romanos, e as Pedras do Tempo galegas, como O Touzo e A Touza (Serra do Faro de Avión), A Pedra do Tempo da necrópole de Santa Mariña (Oincio - Sarria), ou Os Santos da Porteliña de Tomonde non está suficientemente estudada. Non hai moito máis que unha breve alusión de Alonso Romero e Almagro Gorbea, na que non se analizan con precisión os elementos que integran o rito etrusco:

"Con estas costumbres se puede relacionar igualmente una interesante tradición semejante que existía en la antigua Roma, donde se veneraba el Lapis Manalis («la piedra que mana»), una piedra utilizada para el rito del Aquaelicium o «llamada a las aguas» (Fest. s.v. manalis), que servía para propiciar la lluvia. Cuando los romanos tenían necesidad de lluvia en tiempos de sequía, los pontífices y magistrados llevaban esa piedra desde el templo de Marte situado en la Porta Capena, donde se conservaba habitualmente, hasta al monte Aventino, donde, tras hacer ofrendas a Júpiter, se vertía agua sobre ella para provocar la lluvia que se necesitaba" (Penas Sacras de Galicia, 2022).

O rito etrusco non está descrito con exactitude, faltan datos esenciais, polo que non se percibe o asombroso paralelismo co ritual galego. Tampouco a etimoloxía fornecida sobre o termo manales é, case con seguridade, correcta, o que non permite achegarse ó fondo do ritual e ós actores envolvidos nel, que son os mortos, os antepasados.

Segundo a Expositio Sermonum Antiquorum de Fulxencio, un tal Labeo contaba que os etruscos, se vían na hepatoscopia (adiviñación polo fígado dunha víctima) que a víscera tiña determinada cor, era necesario procurar as pedras manales para arrolalas, é dicir, aquelas pedras que os antigos adoitaban arrolar como cilindros polos límites territoriais para pedir a chuvia (evitar a sequía). Na opinión de Arthur Bernard Cook estas pedras poderían ser piares funerarios etruscos ou marcos ou pedrafitas dos límites territoriais (Zeus: A Study in Ancient Religion, 1914).

As características máis relevantes da descrición de Fulxencio son:

1. As pedras (poderían ser varias ou, cando menos, dúas) no rito de impetración etrusco arrolábanse como cilindros.

2. Arrolábanse, si ou si, polos límites territoriais.

3. O seu nome probablemente está vencellado ós manes, ós espíritus dos antepasados. Eran as pedras dos antergos. O historiador romano Sexto Pompeio Festo dicía que o lapis manalis tamén podía ser a pedra que pechaba a entrada ó mundo subterráneo ("ostium Orci") dos manes, o que dende logo invita a pensar nas grandes lousas cobertoiras que pechan os dólmenes.

Comprobamos que en Galicia este rito milenario, que tivo que estar moi extendido e ser común a unha gran parte de Europa, se conservou ata hoxe. Así por exemplo, O Touzo ten forma de cilindro, sitúase no límite territorial de Carballeda de Avia e Melón, e o ritual de impetración consiste en botalo arrolando monte abaixo ata un barrizal (Vázquez Varela, "Estudio etnoarqueológico del ritual para cambiar el tiempo moviendo grandes piedras en el Noroeste de la Península Ibérica", Veleia 2007-2008). No caso da Pedra do Tempo de Santa Mariña (Oincio - Sarria) tamén se situaba no límite territorial destes concellos, no medio dunha grande necrópole megalítica de máis de corenta túmulos (vencello cos manes - antepasados); parece ser que neste caso a pedra non se arrolaba, só se cambiaba de posición, erguéndoa ou deitándoa, o que se pode considerar unha variante do movemento de volteo ó que se someten as pedras neste ritual. Sobre este último caso é necesario precisar que, aínda que os investigadores que a estudaron falan de que eran dúas pedras (A Pedra da Chuvia e A Pedra do Sol), segundo o historiador Xabier Moure era somentes unha (A Pedra do Tempo - cfr. o artigo na prensa: "Denuncian la destrucción de una piedra ritual en el monte de Santa Mariña", El Progreso, 14/8/2018).

Segundo os informantes de Xabier Moure, A Pedra do Tempo, a última lapis manalis, sería esta gran lousa esnaquizada nunha lagoa da necrópole de Santa Mariña (Oincio - Sarria). (C) El Progreso, 2018.

Unha lectora chamada Cristina achega nun comentario a esta entrada unha boa noticia sobre a Pedra do Tempo da necrópole de Santa Mariña: a pedra manal podería existir aínda, enteiriña. Segundo os testemuños dos veciños máis vellos do lugar atoparíase a uns 400 metros desta lagoa cara ó interior da necrópole. Cristina engade que hai rumores falsos de todo tipo sobre o paradoiro da Pedra do Tempo, mais insiste en que hai que lles facer caso os veciños maiores, que lembran perfectamente a ubicación orixinal e acreditan a súa integridade.

Comprobamos que outras dúas pedra manais, as de Chan do Marco, tamén se situaban noutra necrópole megalítica e formaban os límites territoriais entre As Neves e A Cañiza, de feito as pedras tiñan gravadas as cruces de termo. Segundo Estanislao Fernández de la Cigoña, cando se quería chuvia, unha comitiva silenciosa encabezada polo cura subía ó monte. A pedra femia deitábase coa cara na que tiña unha cruz gravada mirando ó ceo, mentras que a macho, que tiña dúas cruces, levábase nunha padiola ó río Lueda (apud Fernando Alonso Romero, Cultos y crencias en torno a los megalitos del área atlántica europea, Andavira, 2012). Vese que o cura que encabezaba a comitiva desempeñaba a mesma función dos pontífices no ritual etrusco, pois no oficio ritual é preciso sempre un intermediaro co sagrado, co mundo dos espíritus, un especialista no ceremonial.

Necrópole megalítica de Chan do Marco.

Na nosa opinión existe un fío conductor entre este rito de impetración que se documenta no terceiro milenio a.C. na cultura etrusca, os fitos de termo e os espíritus dos antepasados das necrópoles megalíticas, que adoitan compartir o mesmo espazo liminal. Este fío leva a establecer que o rito de impetración descrito é de orixen prehistórica, e se encadra no periodo do megalitismo.

sábado, 19 de octubre de 2024

Shiva o destrutor de mundos en "Prometheus" de Ridley Scott

A ficción-documental sobre os ancient aliens púxose de moda no século pasado da man de científicos divulgadores como Carl Sagan e, sobre todo, de visionarios e moitos cuentistas. Na súa versión estándar consiste en especular sobre a remotísima e improbable posibilidade de que antigas civilizacións extraterrestres, se é que as houbo, nos tivesen visitado no pasado máis remoto para crear a vida no planeta Terra, ou ben crear os seres humanos, dotarnos das tecnoloxías máis avanzadas, construír as arquitecturas máis impresionantes da antigüidade (megálitos, pirámides, templos) e fundar as relixións, pois eles serían... os deuses celestes que venerou a humanidade. Hai quen cre con fe cega na certeza destas especulacións debido a que se difunden baixo a forma de documentais en canais de sona, como o Canal Historia, pero xa digo que teñen que se encadrar no xénero da ciencia-ficción, xunto con películas como a de Prometheus (2012), do director Ridley Scott.


O tema central de Prometheus desenvólvese no eido dos ancient aliens. A misteriosa escena inicial que precede ós títulos de crédito de apertura do filme adoita explicarse como o sacrificio dun dos Enxeñeiros, un humanoide extraterrestre, o que, tras inxerir o enigmático líquido preto contido nun vasiño, experimenta unha desintegración do seu corpo en fragmentos que caen no océano; na auga continúa a súa disolución ata niveis microscópicos (o ADN en fragmentos de cromosomas).

Destrución do ADN na escena inicial de Prometheus de Ridley Scott.

E agora, supostamente, ó espallárense por este medio acuático os anaquiños de ADN do Enxeñeiro, xérase a vida na Terra. Isto é moito dicir, xa que esta escea remata co ADN desintegrándose, toda ela filmada en cores azuladas, verdosas e grisáceas. A continuación aparece o título e o comezo auténtico do filme: en cores vermellas, opostas ás da escea anterior, vemos como se produce a mitose que precede á división celular dos organismos eucariotas, que anuncia a replicación da vida. A chamada escea inicial, polo tanto, queda fóra do tempo narrativo da película e non é posible ligala á primeira escena na que se representa a reprodución da vida. Os acontecementos que se suceden nela e as cores escuras, por oposición ó vibrante vermello no que se filma a mitose, expresan o contrario, a morte, a destrución. Temos xa bosquexado nos primeiros minutos o mito cosmogónico das antigas relixións, baseado no ciclo da destrución e a creación. Fáltanos os deuses? Non. Como indicamos ó principio, adoitan manifestarse como extraterrestres nas ficcións sobre os ancient aliens.

Mitose celular na primeira escena de Prometheus de Ridley Scott.

Dada a grande importancia que ten a lingua da reconstrución indoeuropea no filme de Prometheus, que se presenta como probable lingua nai dos Enxeñeiros extraterrestres, e sobre todo, a grande similitude entre a escena inicial da película e algúns dos mitos cosmogónicos indoeuropeos, cremos que o personaxe do Enxeñeiro que se sacrifica inxerindo o misterioso líquido preto non é outro que o deus azul do hinduísmo, Shiva, o destrutor de mundos. Non sería, porén, Prometeo, o titán da mitoloxía grega, tal e como se ten dito. Aquí o filme é enganoso e esixe, como a boa literatura, un esforzo intelectual, e moitos coñecementos previos por parte do espectador para intrepretalo. Prometheus, o título, se acaso será unha alusión ó empresario Weyland, que fleta a nave "USCSS Prometheus" para se dirixir ó encontro dos creadores da humanidade e lles solicitar o don da inmortalidade, do mesmo xeito que o titán Prometeo fora xunto dos deuses na procura do lume.

Shiva, o deus azul do hinduísmo, a piques de inxerir o escuro veleno chamado halāhala ou kālakūṭa, mentras tras el continúa o batido do océano de leite. (C) Revista Kalyan, Gyta Press.

Dentro do mito hindú de "O batido do océano de leite" existen varias versións sobre como se xerou o veleno chamado halāhala ou kālakūṭa, comparable dende todo punto de vista ó líquido preto que inxire o Enxeñeiro. Vou resumilas para amosar que as personaxes e feitos do mito se poden identificar cos seus correlatos no filme de Ridley Scott.

Ó principio dos tempos os deuses benévolos (devas) e os malévolos (asuras) non eran inmortais. Para acadar o elixir da inmortalidade (amrita ou ambrosía) tiveron que someter ó océano de leite primordial a un proceso de centrifugado, exercendo sobre a masa de auga unha gran forza mediante unha batidora xigantesca, formada por unha montaña, unha tartaruga e unha serpe que servía como corda para que os deuses puxeran en movemento o primitivo electrodoméstico. A serpe Vasuki (rei dos nagas), tan estreitamente vencellada ó deus Shiva que adoita representarse enroscada ó redor do seu colo, foi utilizada como corda.

Vasuki enrolada no colo de Shiva. (C) Wikipedia.

Entre os elementos e seres que se formaron no proceso de batido do océano, como se forma a manteiga ó bater o leite, o primeiro foi o escuro veleno chamado halāhala ou kālakūṭa. Mais non está claro se se formou a partires da masa de auga, ou se foi escupido polo rei dos nagas, a serpe Vasuki. Para evitar que o veleno se espallase polo mundo e propagase a destrución, Shiva inxeriuno e con elo o seu corpo tornouse de cor azul. Noutra versión é Brahma o que fai que o veleno estale desintegrándose en milleiros de anacos, que son capturados polas serpes nagas (Therese Bane, Encyclopedia of Mithological Objects, 2020; Stella Kamrishc, The Presence of Siva, 2021).

 —Procurabamos a inmortalidade  —dinlle os deuses a Shiva —, e atopamos a morte.

Nunha pasaxe do Himno de Tandi vese resumido o papel do deus Shiva como creador e destrutor de mundos: "o eterno, que proxecta a tódolos seres na existencia e os atrae novamente cara si, a orixe dos mundos, o que é chamado Tempo: o destrutor". Mais na Trimurti ou Trinidade hindú Shiva é considerado únicamente o destrutor de mundos, destrución que ocorre ó final de cada ciclo do Universo, nun proceso necesario para que se desenvolva a continuación a nova creación, da que se encarga o deus Brahma. E así transcorren os primeiros minutos de Prometheus: comezando polo final do Universo (destrución), seguido do inicio da vida - inicio do filme (creación).

Na película utilízase todo este material procedente da mitoloxía hindú para construír unha historia sobre a creación e a destrución do Universo e a procura da inmortalidade, idéntica ó mito hindú salvo por unha pequena volta de porca. Os guionistas Lindelof (Star Trek 2009) e Spaihts (Passengers), partindo do rol do deus Shiva como destrutor de mundos, comezan o film co Enxeñeiro (deus Shiva) tomando o veleno para destruír o Universo, non para salvalo, como ocorre no mito hindú de "O batido do océano de leite". O veleno destrutor halāhala ou kālakūṭa é, por suposto, o mesmo veleno que bebe o Enxeñeiro, e a súa orixe está dalgún xeito vencellada ás serpes nagas do mito, que son os xenomorfos no filme de Ridley Scott.

Que lingua ían falar na película os Enxeñeiros extraterrestres = deuses indoeuropeos do panteón hindú? Pois... a lingua proto-indoeuropea da reconstrución, que senón? Aquí os guionistas estiveron ben inxeniosos, pero como non tiñamos caído ata o de agora en que os Enxeñeiros e as súas accións estaban baseados en Shiva e nos mitos cósmicos do hinduísmo, este detalle polo que se identifica á lingua indoeuropea como a lingua dos deuses pasáranos inadvertido.

sábado, 12 de octubre de 2024

Megálitos entre Vimianzo e Zas

Nas Actas de Deslinde entre os concellos de Vimianzo e Zas (1940 IGN) aparecen varios megálitos que se van recoñecendo pola comisión como fitos ou mollóns que establecían os límites territoriais. Nesta visita a pé dos marcos (apeo), fóronse gravando sobre eles cruces de termo como confirmación do acto. 

Os megálitos, ó que parece non identificados como antigas sepulturas ou construcións por ningún dos membros da comitiva, foron definidos pola forma das grandes laxes cobertoiras utilizándose constantemente a frase "de forma aproximada a un casquete esférico". Así pois, é moi doado identificalos no documento, pois a devandita frase aplícase con regularidade ós dólmenes, e non a outros fitos.

A continuación fornecemos a lista dos mollóns "de forma aproximada a un casquete esférico", entre os que hai algúns dólmenes ben coñecidos, e con seguridade outros sen identificar aínda, por estar destruídos ou atoparse en paraxes de moi difícil acceso. A liña de termo entre os concellos de Viamianzo e Zas séguese perfectamente no Visor PBA da Xunta, onde tamén se poden localizar os lugares mencionados no deslinde, ben na toponimia base ou activando a capa catastral. De sur a norte son os seguintes, polos nomes que aparecen no documento de deslinde.

Pedra Borreira (mollón 8), de dimensións 4,60m de diámetro e 1,30m de altura. Vese que o límite metíase máis cara a Vimianzo, na liña coa mámoa de Pedro Muíño, da que temos falado no blog - sen inventariar no PBA.

Bau de Vieira (mollón 9), de dimensións 1,80m de diámetro e 1,20m de altura. Na zona do Rego do Vao da Aveeira está sinalada no PBA a "Mámoa da Piña", pero ben podería ser outra aínda sen inventariar.

Pedras de Prado do Trinta (mollón 11), de dimensións 1,20m de diámetro e 0,30m de altura - sen inventariar no PBA.

Pedra da Arca (mollón 12), de dimensións 3,5m de diámetro e 1,20m de altura. Trátase da célebre Arca da Piosa, cuxa descrición como "pedra nativa, caliza, de forma aproximada a un casquete esférico", da idea do descoñecemento do topógrafo sobre as construcións megalíticas do noso pasado, e da mineraloxía.

Matanza (mollón 14), de dimensións 1,80m de diámetro e 0,90m de altura - sen inventariar no PBA.

Carballiña I (mollón 16), de dimensións 1,30m de diámetro e 1,05m de altura - sen inventariar no PBA.

Carballiña II (mollón 17), de dimensións 2,30m de diámetro e 1,10m de altura - sen inventariar no PBA.

Carballiña III (mollón 18), de dimensións 3,30m de diámetro e 2,10m de altura - sen inventariar no PBA.

Costa del Molino de Santa Cecilia (mollón 19), de dimensións 2,20m de diámetro e 1,15m de altura. No lugar de Costa do Río (Santa Sía de Roma) vense varias mámoas inventariadas no PBA, chamadas "Mámoas das Valiñas".

Pedras Altas (mollón 20), de dimensións 3,20m de diámetro e 1,40 de altura - sen inventariar no PBA.

Baliñas (mollón 24), de dimensións 3,80m de diámetro e 1,40m de altura - sen inventariar no PBA. O lugar, seguindo o límite entre concellos, será o da Valiña de Treviño.

Pedras Berrugas (mollón 25), de dimensións 4,20m de diámetro e 2,10m de altura - sen inventariar no PBA.

Riba das Eiras (mollón 28), de dimensións 3,20m de diámetro e 1,20m de altura - sen inventariar no PBA. O microtopónimo Arriba da Eira localizámolo en Treviño.

No ángulo inferior dereito, a parcela de Arriba da Eira (Treviño).
(C) Voo Americano de 1956.

Bau de Campos (mollón 34), de dimensións 4,20m de diámetro por 1,80m de altura - sen inventariar no PBA. Vao de Campos está xa moi preto da aldea de Sandrexo.

As Brañeiras (mollón 36), de dimensións 0,85m de diámetro e 0,30m de altura - sen inventariar no PBA. As Brañeiras localízase na mesma zona de Vao de Campos, ó leste da aldea de Sandrexo.

Pedras Mayores (mollón 37), de dimensións 2,80m de diámetro e 1,30 de altura - sen inventariar no PBA. O microtopónimo Pedras Maiores localízase na mesma zona de Vao de Campos e As Brañeiras, ó leste da aldea de Sandrexo.

Na esquina superior esquerda, a aldea de Sandrexo; na esquina inferior dereita, a leira chamada Pedras Maiores, na que se perciben traballos forestais ou agrícolas coa conseguinte destrución do megálito.

Milleira da Hierba (mollón 38), de dimensións 0,60m de diámetro e 0,30m de altura - sen inventariar no PBA. As parcelas chamadas Milleira da Herba sitúanse na mesma zona ó leste de Sandrexo.

Na esquina inferior dereita, as parcelas de Milleira da Herba no Voo Americano de 1956.

Liña dos mollóns dende Vao de Campos a Milleira da Herba no plano do deslinde de 1940.


Cotoneira (mollón 45), de dimensións 1,80m de diámetro e 1,10 de alto - sen inventariar no PBA. Cotoeira é unha parcela pegada a Sandrexo polo norte.

Denllos da Baixo (mollón 47), de dimensións 1,10m de diámetro e 0,10m de altura - sen inventariar no PBA. Os Denllos localízanse na toponimia do PBA, entre as aldeas de Sandrexo e Vilar.

Abueiro ou Batabueiro (mollón 50), de dimensións 3,80m de diámetro e 1,90m de altura - sen inventariar no PBA. O lugar de Matabueiro atópase baixo a aldea de Saconde, na zona dos megálitos da "Mina de Saconde".

Cruceiro (mollón 54), de dimensións 3,25m e 0,60m de altura - sen inventariar no PBA. O lugar de Cruceiro atópase na aldea de Pazos, a continuación da aldea de Saconde.

Peñón (mollón 55), de dimensións 8,20m de diámetro e 4,10m de altura. Polas súas dimensións, e a pesares de ser descrita como os megálitos ("casquete esférico") descartamos que poida tratarse dun. O lugar do Peñón vese sobre a aldea de Pazos no Visor PBA.

Quintáns (mollón 57), de dimensións 1,30m de diámetro e 0,60m de altura - sen inventariar no PBA. Precísase que está ó oeste do río Xora (sinalado como río Torrente no PBA). Moi preto está a necrópole das Minas / Pedras Grandes.

Peñas do Canle (mollón 59), de dimensións 6,80m de diámetro e 2,25m de alto - sen inventariar no PBA. O lugar de Pena da Canle é situado polo PBA sobre as mámoas das Minas / Pedras Grandes.

Pedra Vegía (mollón 60), de dimensións 1,20m de diámetro (non se fornece a altura) - está catalogada no PBA como "Dolmen de Pedra Vixía". Suxerimos aquí que o nome orixinal ben puido ser Pedra Vexiga.

En resumo, os termos dos concellos de Vimianzo e Zas ían sinalados por 25 "pedras semellantes a un casquete esférico", das que só catro están catalogadas como dólmenes (suliñadas en cor verde). Só pode descartarse a priori que un dos restantes 21 fitos en forma de casquete esférico non sexa un dolmen, pois as súas dimensións non cadran coa información que temos dos megálitos coñecidos na zona (Pedra da Arca, Pedra Vixía); tamén se percíbe que na contorna deles existen necrópoles megalíticas, o que indicaría que a maioría dos "casquetes esféricos" deste deslinde (documento 1940) son con moi alta probabilidade dólmenes pertencentes a eses conxuntos.

jueves, 10 de octubre de 2024

Fonte dos mouros de Fontenla - Mandiá (Ferrol)

Aínda que a fonte dos mouros de Fontenla, en Mandiá, podería ter sido derruída, xunto co vello lavadoiro do Corgo, polo menos quédanos a súa descrición. É interesante porque semella ser a única lenda de mouros conservada na cidade, no seu entorno máis inmediato, periurbano e demasiado aculturado como para que se preserven lendas tradicionais deste tipo.

Rego do Corgo ó seu paso por Fontenla, coa ubicación do lavadoiro.
(C) Minutas Cartográficas do IGN.

A nota coa lenda dos mouros consérvase dende hai case un século no deslinde dos termos municipais de Ferrol e Narón, efectuado no ano 1927, pois a fonte dos mouros e mailo lavadoiro do Corgo funcionaron tamén como fitos ou mollóns de límite dos territorios dos concellos: "Séptimo mojón - se reconoció como tal la fuente donde nace el arroyo llamado del Corgo. Esta fuente está cerrada en su frente con una losa de pizarra y en sus tres caras restantes revestida con piedras de sillería. Su parte superior está cubierta con una gran piedra de sillería. Está situada doscientos metros al S. del lugar de Fontelo [erro por Fontenla ou Fontela], desde donde se llega directamente por un sendero. Según dicen en el lugar, esta fuente fue hecha por los moros".

Do lavadoiro do Corgo, que facía de mollón octavo, dicían o seguinte: "Se reconoció como tal un pequeño lavadero llamado del Corgo. Está formado por una semiesfera tallada en piedra de granito de un metro de diámetro. Esta semiesfera forma pilón, y está rodeada de sillares de mampostería que sirven para lavar. Está situada noventa metros al S. del mojón anterior".

Evidentemente, o topónimo Fontenla ou Fontela alude a esta fonte ou nacedoiro do rego do Corgo, construída polos míticos mouros.

miércoles, 9 de octubre de 2024

Botarlle moedas ós marcos - O marco do Lugar Vello (Miño - Vilarmaior)

Botarlle moedas ós marcos... isto que é, senón un culto ó diaño? Sería o que diría San Martiño de Dumio se coñecese este costume, que chegou ata hoxe a pesares dos seus intentos de corrixir ós rústicos, ós da aldea.

Na Acta de Deslinde dos concellos de Vilarmaior e Miño (1924 - IGN) tivemos a sorte de topar cun topógrafo ben curioso, que deixou anotado o seguinte dato etnográfico dun ritual que fai un século se desenvolvía ó redor dun antigo mollón chamado marco do Lugar Vello, que era o marco octavo do límite dos concellos: "de piedra de pizarra con forma irregular cuyas mayores dimensiones visibles son siete metros de longitud, setenta centímetros de altura y setenta y nueve centímetros de latitud. En su parte superior, de forma redondeada, tiene [...] una cruz en la que se encontraron dos monedas de cobre, debidas a que se dice en la comarca que el marco de Lugar Vello cura las enfermedades si se deja alguna moneda sobre su cruz, y se da una vuelta alrededor de él, enfermedades que recoge quien coja las monedas depositadas en él". Prosegue o topógrafo con alma de etnógrafo indicando a importancia do marco, e a súa ubicación no trifinio das parroquias de Carantoña, Doroña e San Pedro de Vilarmaior.


Unha vez sabida da existencia do marco, foi dito e feito! Este mesmo sábado Xabier Moure localizouno coa axuda dos veciños de Mide, e ademáis de nos enviar unhas fotografías foi quen de averiguar máis datos interesantes sobre el: o marco chámase do Lugar Vello ou Pena das Meigas, e as súas dimensións son de case 7 metros de longo, 0,90 metros na parte máis alta e case 1 metro de ancho. No marco tamén se deixaban prendas: unha muller que non quedaba embarazada deixou os calzoncillos do marido e deste xeito conseguiuno... Tódalas ofrendas realizábanse sempre sen falar, en silencio. Os veciños de Mide tamén lembran que se dicía que dende o marco víanse sete igrexas.

Marco do Lugar Vello ou Pena das Meigas. (C) Xabier Moure Salgado, 12/10/24.

Cruz do marco do Lugar Vello / Pena das Meigas, na que se depositaban as moedas. (C) Xabier Moure Salgado, 12/10/24.

Grazas á información fornecida por Xosé María Ferro Formoso e Xabier Moure sei que hai outros dous casos semellantes, o marco do Seixo e o marco da Cartelida, ámbolos dous nos límites dos concellos de Monfero e Vilarmaior. Nestes dous casos tamén se depositaban ou arroxaban moedas (ou anaquiños de seixo) para curar diversas doenzas, e existía a crenza de que nelas ía a enfermidade, polo que era moi arriscado recollelas. Pero estes dous marcos non son afloramentos rochosos, como o de Lugar Vello, senón os clásicos mollóns de termo de entre 0,5 e 1 metro de alto.

Marco do Seixo entre Monfero e Vilarmaior, coas cruces de termo nun lateral.
(C) Moncho Boga, 2012 - blog Dólmenes e demais familia.

Puri Soto, arqueóloga do concello da Laracha, indícame que na Pedra do Ghicho de Erboedo, marco entre A Laracha e Arteixo, tamén coñecido como Pedra do Carallo ou Marco da Anta, do que temos escrito no blog (Pedra do Carallo), aínda se fan ofrendas de moedas, chegando a atoparse ata moedas internacionais, algunha procedente de Nova Zelanda.

Moedas no marco da Pedra do Ghicho. (C) Puri Soto.

O documento sobre o marco do Lugar Vello que presentamos agora é excepcional por describir o ritual das moedas sobre un soporte diferente, nun afloramento rochoso, e máis por especificarse que o devandito costume de depositar moedas practicábase sobre a cruz gravada nel. Na nosa opinión isto último é indicativo de que os paisanos estaban a identificar a cruz (de termo) co símbolo cristiano, e precisamente por iso realizarían o conxuro da enfermidade nos vellos puntos liminais, agora aparentemente cristianizados, creando así un culto sincrético xurdido das vellas tradicións.

O Lugar Vello sitúase preto da aldea de Mide (Vilarmaior). No círculo vai indicada a ubicación do marco, e no cadrado, como curiosidade, unha casa da que contan que unha mitade está en Vilarmaior e a outra en Miño. Coordenadas: 569301.42, 4801177.79. Ubicación e coordenadas, por cortesía de Xabier Moure.


Continuación do "Camiño de Maciñeira" pola Serra da Capelada

Segundo o estudo que Emilio Ramil adicara ó patrimonio da Serra da Capelada, Federico Maciñeira amais de ser un pioneiro nos estudos de arqueoloxía da paisaxe, ó establecer a relación entre os megálitos e as vías de tránsito natural, estimaba que non habería túmulos na zona do Macizo da Herbeira por mor do tipo de material petrográfico, que non era adecuado para a construción dos megálitos.

Tal e como indica Ramil, a hipótese formulada por don Federico, subscrita por varios investigadores do megalitismo, logo revelouse errada cando se atoparon dous túmulos funerarios coa súa cámara ó norte da garita de Vixía Herbeira. O achádego é importante tamén porque "amosa unha continuidade do denominado camiño de Maciñeira ata prácticamente o Cabo Ortegal".

Os datos de Ramil sobre as mámoas da Herbeira están publicados en dous artigos: "A Serra da Capelada: patrimonio arqueolóxico e patrimonio natural" (Brigantium 14, 2003) e "Novo conxunto megalítico na Serra da Capelada" (Brigantium 6, 1989-1990). Ámbolos dous dixitalizados en Issuu por cortesía do Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón.

As dúas mámoas localizadas por Ramil xa están inventariadas no Visor PBA. Segundo o investigador localizábanse ó tomar a estrada Cedeira - Cariño, unha vez pasada a garita de Herbeira e a uns 100 metros dela.

Mámoas da Vixía Herbeira no Visor PBA da Xunta de Galicia.

Pois ben, entre os "Cadernos de Campo" e as "Actas de Deslinde" dos concellos de Cariño e Cedeira (IGN 1940), vimos de encontrar agora mesmo outras tres mencións a túmulos megalíticos, situados en liña coa garita de Herbeira e os dous túmulos de Ramil. Verifícase así a continuidade do devandito camiño de Maciñeira, que estaría conformado por unha ringleira de túmulos que percorría a vía de tránsito natural da dorsal da Serra da Capelada dunha forma semellante ó que acontece na veciña Serra da Faladora.

Garita de Herbeira nun debuxo de 1940. (C) Fernández y Platero - IGN.

O topógrafo José Mª Fernández y Platero regálanos un debuxo da garita, que serviría de mollón número 15 neste deslinde (logo numerado como 8), e explica que os mollóns 12 a 14 eran montóns de pedra e terra de forma piramidal situados no Coto Ameneiro, un onde nacía o río Seixo de Landoi, e os outros dous a 13 metros e a 1 metro ó oeste do camiño que ía de Meizoso a Cariño. Nun mapa de 1944 pódense ver os mollóns identificados polo seu número, así como a aliñación coa garita.

Zona entre Meizoso e Vixía Herbeira nun mapa de 1944. (C) IGN.

Nas "Actas de Deslinde" de 1989 temos as descricións destes tres mollóns (túmulos) en liña coa garita e visibles entre si. Hai un cambio na numeración dos mollóns, do que xa nos tiña avisado o topógrafo de 1940, de feito vese no debuxo que fixera: o mollón 15, que é a garita, pasa a ser o número 8, polo que os mollóns 12 a 14 (os túmulos), serán agora os números 5, 6 e 7.

Mojón quinto: "un montón de tierra y piedras de forma piramidal, cuyas dimensiones son un metro con cincuenta centímetros por dos metros los lados de la base y noventa centímetros de altura. Está situado en el paraje denominado Coto Ameneiro, en el punto donde inicia su curso el río Seixo de Landoi".

Mojón sexto: "una gran roca ferruginosa rodeada de otras tres rocas, y cuyas dimensiones máximas visibles son dos metros de longitud por un metro de latitud y un metro con cincuenta centímetros de altura. Está situado en el alto del Coto Ameneiro, a unos doce metros al O. del camino que va de Meizoso a Cariño [...] El mojón anterior se ve a unos doscientos metros".

Mojón séptimo: "un montón de tierra y piedras, de forma piramidal cuyas dimensiones máximas visibles son un metro con cincuenta centímetros de longitud por dos metros de latitud los lados de la base, y un metro de altura, siendo la naturaleza arenisca ferruginosa, la parte de piedra. Está situado en el alto del Coto Ameneiro y a un metro al O. del camino que va de Meizoso a Cariño, en su margen derecha [...] Desde este mojón [...] al N.O. se ve la caseta Vixía Herbeira".

Suliñamos que o tipo de pedra utilizada na construción da cámara destes túmulos, arenisca ferruxinosa, é un material distinto ó habitual co que se constrúen estas (granito), o que encaixa coa afirmación de Ramil de que non se poden excluír do mapa do megalitismo galego determinadas zonas xeográficas en función da existencia ou non de rochas graníticas nelas.

Agradecementos: a Juan M. Tojeiro, veterinario da Capelada, pola súa inestimable axuda ó me mostrar un destes dólmenes fotografado por el, o que, dende logo, fornece completa seguridade e certeza sobre o que describo sen ver; xa non é só imaxinar a partir dos textos dos deslindes. Moitas grazas Juanma.

martes, 8 de octubre de 2024

Pedra do Carapucho - Cerceda / Culleredo

 

Pedra do Carapucho. (C) Fotografada e xeoposicionada no Google Maps por M.V. Bastón.

A Pedra do Carapucho ten forma de "gorro frixio". Sitúase na esquina nordeste da urbanización O Castelo (monte Ghalo), e serviu para establecer unha liña topográfica entre os concellos de Cerceda e Culleredo, só ós efectos de elaboración do mapa topográfico nacional.

No 1924 reuníranse no Seixo de Ollo Bo, nas inmediacións da Pedra do Carapucho, os comisionados pola Comisión Xeográfica de Galicia para percorrer e establecer os límites municipais (alcaldes, concelleiros, e máis un perito agrícola), e non habendo avinza sobre o amolloamento a partir do último marco que se tiña por seguro (Pedra de Santa Marta), estableceuse a Pedra do Carapucho como fito dende o cal tirar unha liña topográfica (non de límite) entre ámbalas dúas: "a efectos topográficos y con el exclusivo fin de cerrar el perímetro de la línea de término y practicar las operaciones necesarias relacionadas con el Mapa de España, se fijó una piedra llamada Piedra Caparucho [erro por Carapucho], debido el nombre a la forma de sombrero, y más exactamente, de gorro frigo que tiene, cuyo pico cae el N.E. La referida roca está situada en el monte llamado "Alto del Seijo", midiendo una altura de tres metros, una anchura también de tres metros y un espesor de un metro sesenta centímetros". E aínda que os límites entre os concellos non ían exactamente pola liña, así quedou reflectido no mapa, ata hoxe.


Ás pedras con nome motivado pola súa forma de gorro, como a Pedra do Carapucho, podemos engadir o Marco do Bonete, que foi límite entre Paderne e Irixoa (mollón 10º dos Deslindes entre Paderne e Irixoa - 1924 IGN). A pedra estaba situada no Monte de San Antón, hoxe destruída por unha canteira.

lunes, 7 de octubre de 2024

A Ruña e o seu glaciar rochoso

O profesor Vidal Romaní ven de informar nun recente artigo de La Voz de Galicia da extraordinaria alfaia xeolóxica que albergan os montes da Ruña (Mazaricos), nada menos que un glaciar rochoso (non de xeo), único en Galicia polo seu excepcional desenvolvemento, e que se comezou a formar fai 135.000 anos.

Semella que o glaciar da Ruña corre perigo pola pretensión de Feroe Ventures & Investments (que mercou a antiga XEAL) de instalar no cumio do monte a balsa dunha central hidroeléctrica revertible, das que bombean auga dun embalse cara o alto cando a enerxía está barata (horas valle), para logo deixala caer e turbinala nas horas na que a enerxía está máis cara (horas punta). O proceso é totalmente absurdo dende o punto de vista ecolóxico do aforro enerxético, pois xérase a mesma cantidade de enerxía que se consumiu para producila. Isto non se lle ocorrería nin ó que asou a manteiga... a non ser, claro, que o único que se pretenda sexa o beneficio económico que se produce ó vender a enerxía así captada (en barato) ó prezo máis elevado das horas punta. Isto chámase acaparamento, e é unha práctica especulativa ilícita (pois recae sobre bens de primeira necesidade), non ten nada que ver coa ecoloxía.

Alá eles, que se escornen, así como os que lles permiten semellantes imbestments, con b de bestas. Eu limítome a advertir, dende unha pequena lección etimolóxica, de que o proxecto na Ruña non é viable, tal e como indica (avisa) o propio orónimo Ruña.

Evidentemente o orónimo Ruña, único en Galicia, está relacionado coa presenza deste glaciar rochoso, tamén único en Galicia. O seu étimo é o latín ruina, "derrubamento: dunha construción, ou dunha formación oroxénica". É indicativo, pois, de que o monte estivo sometido ó proceso visible de esboroamento periglaciar que constatou o profesor Vidal Romaní, o que fai inestable a súa superficie. Jules Guex na súa obra adicada á toponimia alpina explica por exemplo que Le Rogneuse e Le Rognoc son montes ou terreos que se esboroan, derruban, esborrallan (La montagne et ses noms, Lausanne, 1946). A expresión ruina montium (ruína dos montes) coñecémola polo historiador romano Plinio o Vello, que a describe como unha técnica de minería que provocaba o esboroamento dos montes.

Entón, agora semella que non é o glaciar da Ruña o que corre perigo, senón a balsa proxectada por Feroe Ventures & Imbestments. Non é a primeira vez que a toponimia avisa, sen que se lle preste atención, do inadecuado de realizar determinadas construcións nun lugar. Lembramos por exemplo que no ano 1962 a Riera de les Arenes, habitualmente seca, encheuse por causa dunhas chuvias torrenciais e provocou efectos catastróficos nalgúns barrios de Terrassa e na localidade de Rubí, nos que había construcións no propio leito da riera.


Pregamos encarecidamente a corrección do barbarismo Larruña que aparece na Enciclopedia Galega Universal da Xunta de Galicia.

A Tablilla (Cerceda - Tordoia)

Na entrada sobre A Tablilla, topónimo e lugar común ós concellos de Cerceda e Tordoia, a Comisión de Toponimia fornece un resumo dos obxectos así designados que puideron motivar a creación do topónimo, que se trataría dun claro castelanismo:

1. Tablilla: táboa indicadora dos prezos en distintos establecementos comerciais (mesóns, carnicerías, pescaderías...) - segundo Lidia Gómez e Luz Méndez, en Toponimia de Tordoia (2022, px. 75).

2. Tablilla: taboleiro de información municipal (equivalente do actual "tablón de anuncios") que se ubica nas casas consistoriais, ou preto das igrexas nas aldeas ou núcleos de poboación máis afastados.

3. Tablilla: taboleiros nos que se indicaban os impostos ou tasas ás que estaban suxeitas as mercadorías que entraban a comercializarse nas cidades. Estas "tablillas" atopábanse expostas nas estradas.

4. Tablilla: poste viario nunha estrada no que consta a indicación toponímica. Para o caso da Tablilla de Cerceda / Tordoia o periodista Ramón Vilar Landeira, segundo se recolle na devandita entrada elaborada pola Comisión de Toponimia, tiña comentado nun artigo publicado na Voz de Galicia que esta aldea nacera polos anos 30 do século pasado coa construción das primeiras casas xunto da estrada que unía Ordes e Carballo, nun punto no que había "unha pequena táboa de madeira que indicaba o camiño cara ao veciño municipio de Tordoia". Esta táboa na que estaba escrito "TORDOYA" (nos anos 30 probablemente aínda sen normalizar, escrito á castelá) sería a famosa "tablilla" que motivou o nome do lugar, ó se desenvolver as casas xunto dela.

O uso de "tablilla" con este último significado confirmámolo ó atopalo así nunha das actas de deslinde entre Ares e Mugardos (ano 1927 - IGN): "Decimocuarto mojón, se reconoció como tal una tablilla indicadora que tiene escrito en letra blanca sobre fondo azul la palabra "Mugardos" y cuyas dimensiones son sesenta y cinco centímetros de ancho por veinte de alto, clavada en cruz sobre un poste de un metro cincuenta centímetros de alto. Está situado en el borde occidental de la carretera Ares a Mugardos, en el lugar en que de esta carretera arranca el "Camino de Simou", entre los kilómetros dos y tres de la misma". Resulta tamén curioso o emprego das cores da sinaléctica viaria moderna de tipo informativo nas sinais dos anos vinte do pasado século.

domingo, 6 de octubre de 2024

O Cristo ó que lle caeron os brazos, e perdeu as pernas

 

Cristo de Mouraz xunto ó seu marco no 2008. (C) Andregoto Galíndez.

En xaneiro de 2008 publicáramos unha fotografía do Cristo de Mouraz na web Celtiberia.net, agora fornecemos esta outra vista tomada na mesma data, que dá idea da súa altura, uns 2 metros. Témolas mellores, pero esta é adecuada ó asunto da lonxitude do esteo e á posición do marco xunto ó Cristo. Daquela o Cristo de Mouraz xa non tiña brazos e nós non nos faciamos idea de como era posible que se lle chamase Cristo a aquelo, como ó Cristo da Faladora, que si ten brazos. O chanto de Mouraz era o Cristo? Ou sería que sobre el estaría colocada unha pequena cruz..., ou sería que nunca tivo brazos?

Nun traballo monográfico de Ana Durán Penabad sobre O Cristo de Mouraz (Fol de Veleno 9, 2020) podemos ler como os seus informantes lle describían o esteo ou chanto como "un Cristo ó que lle caeran os brazos". Ana Durán recolle varias historias sobre como o Cristo perdeu os brazos, ata unha que atribúe a responsabilidade ós roxos que andaban escapados polo monte. Convén sinalar, pois, que aínda que a maioría de nós viamos nesta peza un simple esteo ou chanto, os veciños insistían en que se trataba dun Cristo sen brazos.

O certo é que si os tivo, tal e como lle apuntaron a Ana Durán os veciños das parroquias limítrofes. Nas Actas de Deslinde entre Ortigueira e Mañon (IGN 1940) aínda os conservaba, formando, polo tanto, a cruz que se describe como mollón 28: "una cruz de piedra labrada, cuyas dimensiones son, ancho de los brazos - setenta centímetros, alto - dos metros; está situado en el sitio llamado "El Cristo de Mouraz" y en la margen izquierda del Camino de Mañon a Candedos". Amais a ficha do mollón vai acompañada dun debuxo esquemático no correspondente Caderno de Campo do deslinde Ortigueira / Mañón, no que se perciben os braciños do Cristo de Mouraz.


O seu estado actualmente, segundo se desprende do estudo de Durán, é de esnaquizamento total. Seguindo coa idea expresada nas lendas populares sobre a perda dos brazos do Cristo, podemos dicir que agora tamén perdeu as pernas, sen que se poida atribuír desta vez a masacre ós roxos escapados... O certo é que ós Xuncos de Mouraz pódese chegar en coche, e hai plantacións de árbores que periodicamente se cortan con maquinaria pesada, factores que non se dan no Cristo da Faladora, que por iso mesmo permanece intacto. O Cristo de Mouraz agora mesmo é un muñón de corpo (non poño fotografía para non ferir sensibilidades), sen brazos nen pernas, máis é Cristo aínda: cruz direccional, antigo lar vial, deus dos camiños, home de pedra.

sábado, 5 de octubre de 2024

Cal de Romanos - Xove

Cal de Romanos é un microtopónimo viario que indica a existencia dunha antiga vía de comunicación do tipo via militaris romana. O camiño semella pasar por diante do Castro de Loureiro (Chavín - Viveiro) atravesando o lugar do Cal, cuxo nome viría motivado polo propio camiño, e logo seguir cara Foz atravesando a Serra de Cabaleiros, tal e como ven marcado nas rutas militares da Biblioteca Virtual de Defensa (ano 1864 - "Itinerarios de Galicia: Reducidos al 1:500.000" [C.54-N.20]).

Camiño interior ou de montaña entre Viveiro e Foz segundo os "Itinerarios de Galicia: Reducido al 1:500.00". (C) BVD.


O microtopónimo resulta moi interesante, amais, porque é practicamente único. Só aparece outro Romanos (O Coto dos Romanos - no buscador da base de datos xeolocalizada Toponimia de Galicia) no concello lindante de Cervo, na Serra de Cabaleiros, nome que á súa vez pode gardar relación co paso de cohortes equitatas (dacabalo), que serían eses cabaleiros ós que alude o orónimo. Pero non atopamos evidencias nos visores do PBA, a simple vista, de ter existido neste lugar do Coto dos Romanos un campamento estacional, e cecais só sexa un topónimo ligado á ruta romana que estamos a describir.

En calquera caso, o topónimo Cal de Romanos indica unha vía militar romana que probablemente reutilizase un antigo camiño natural de tránsito, dos que ían polas divisorias de augas. Xa o feito de continuar a sinalarse no mapa de itinerarios do exército do ano 1864 (1400 anos despois) amosa que continuou sendo de utilidade estratéxica para os desprazamentos militares, aínda que só fose como vía secundaria.

O topónimo Chavín (Viveiro) que nomea a parroquia na que se inicia este camiño dá conta tamén do estrato romanizado no que se insire; é ben coñecido que Chavín, como Chaves (Portugal), se ligan etimolóxicamente ós emperadores da dinastía Flavia, ben por recibir o estatuto de municipio durante o mandato desta familia, ben por proceder directamente o topónimo do nome persoal Flavius, ou do seu diminutivo Flavinius (en caso xenitivo de posesión Flavinii > Chavín).