Respecto da etimoloxía de Congostra / Congostro e as súas variantes, Corongosta, Carangosta e Quiringosta, esta última focalizada na zona de Vigo e nos concellos lindantes con Portugal, e máis Quingosta, Congosta, Cangosta e Alcangosta (Portugal), cabería partir dunha frase latina, como sinalaran Leite de Vasconcelos, J.M. Piel e Meyer-Lübke. As frases latinas propostas por estes investigadores xogan co adxectivo angustus, -a, -um, "estreito", ben consensuado polos filólogos que se ocuparon deste topónimo, máis un substantivo variable que alude ó sentido de "pasaxe". Nas linguas románicas peninsulares Congostra / Congostro ten a acepción maioritaria de "desfiladeiro entre dúas montañas" (orónimo), máis na área do galego-portugués adoita ter o significado de "camiño estreito e fondo entre muros" (odónimo) (v. estado da cuestión en Toponomasticon Hispaniae: Toponimia asturiano-leonesa: Congosta). As propostas destes investigadores son, polo tanto:
canalis angusta > *canangosta, *caangosta
calle angusta
Nós fornecemos outra etimoloxía semellante, mais partindo da frase latina AGGERE ANGUSTA; non por enredar máis na enigmática orixe de Congostra / Congostro, senón porque o termo agger, -is, "trincheira dunha vía; plataforma", encaixa perfectamente no campo semántico da odonimia, en concreto do que sabemos sobre as vías de comunicación de orixe romana, e explica satisfactoriamente os intrigantes Corongosta / Carangosta / Quiringosta. Amáis, esta etimoloxía introduciría unha nova perspectiva na orixe da gheada vs. queada, pois vese que o fenómeno da queada implica a evolución dende a xeminada latina gg > k.
Aggerem é definido por algúns autores como viam lapidibus stratam (camiño lousado con pedras). Para San Isidoro o aggerem era o amoreamento de pedras que os romanos chamaban via militaris; aínda que tamén había aggeres publicos, isto é, vías públicas, non estrictamente militares. Semella que agger era propiamente a trincheira onde se encaixaba o encachado de pedras que soportaba a calzada ou a vía de comunicación. Exemplos do topónimo en correlación coas vías romanas: polo lugar da Congostra de Fonte Carballa (Vilar de Santos - A Limia) pasaba a Vía Nova, como indican os numerosos miliarios da zona; polo pobo de Congosto (León) tamén discorría a mesma Vía Nova, mencionada no Itinerario de Antonino; polo Pas del Congost (entre Osona e El Vallès) atravesaba outra calzada romana; por Àger (Lleida) transcorría unha vía que se considera de orixe romano.
Evolución fonética: trala separación do a- inicial do primeiro termo da frase AGGERE ANGUSTA, por terse interpretado como artigo, o resto *GGERENGOSTA tería experimentado a asimilación da xeminada sonora latina GG ó son simple xordo K, que viría ser equivalente en potencia sonora segundo a escala de graos dos dous paradigmas das consoantes xordas e sonoras que colidiron no proceso de lenición. Da forma resultante *KERENGOSTA / *KERANGOSTA sairía, tendo en conta a tendencia á apertura da vogal e ante r, a forma Carangosta; mais tamén Quiringosta (cunha pronuncia do e moi pechada). A perda da vogal átona por inestabilidade *K(E)RENGOSTA seguida de harmonización vocálica e-o > o-o tería producido as formas Crongosta - Corongosta - Congostra - Congosta.
Polo que vemos, a frase "aggere angusta" puido ter sido, máis ben, unha designación que os romanos aplicaron ás vías de comunicación indíxenas, cuxos trazados foron aproveitados nalgúns casos para levar por eles os camiños de longo percorrido, as clásicas calzadas romanas do tipo "via lata". A oposición angusta / lata determina, en calquera caso, a existencia de dous tipos de ancho viario.
2 comentarios:
En la provincia de Guadalajara existe un pueblo llamado Congostrina.
Y varios Congostos por buena parte de la geografía española.
Publicar un comentario