martes, 19 de agosto de 2025

A gabardina: icónica prenda de orixe galega

No ano 1274 dona Rama Fernández, da parroquia de Sobrada (Tomiño - Pontevedra), legou ó mosteiro de Tomiño unha manda por valor de cen soldos, e dentre as súas pertenzas deixoulle ó seu confesor "Martino Iohanis, suum mantum et suam garuadynam", o seu manto e a súa gabardina; as mellores prendas unisex ou non binarias do fondo de armario da señora (v. Víctor Rodríguez Muñiz, Os mosteiros de Santa María de Tomiño e Santa Baia de Donas na Idade Media, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, 2022). Supomos que na escrita da palabra producíuse unha traslocación ou metátese do son vibrante, dende gauardynam a garuadynam.

O filólogo Joan Coromines tiña estudado a etimoloxía da palabra gabardina, atopando que a súa primeira documentación se rexistraba na obra castelá de Enrique de Villena, Arte Cisoria (1423). Nós non encontramos na Arte Cisoria de Villena a palabra "gavardina" que indica Coromines, a non ser no "Glosario" que acompaña o texto, que foi realizado polo editor Felipe-Benicio Navarro (1774-1832). Así pois, tendo en conta que no devandito "Glosario" o editor incluiu palabras modernas de uso pouco común que non se atopaban no texto da Arte Cisoria, teremos que considerar incorrecta a data de Coromines e pasar á que sería a primeira ocorrencia en castelán da palabra, a que aparece nas Coplas del Provincial (1465-66):

En un hospital vi estar,
al rincón de una cozina,
a Hernando el de Tovar
con su capa y gabardina [capa-gabardina]
es muy pobre, más por eso
muy ufano de hidalguía.

Como a primeira ocorrencia da palabra prodúcese nun documento galego medieval (1274), case douscentos anos anterior á primeira vez que se rexistra en castelán (1465-66), podemos soster que o termo gabardina é con seguridade de orixe galega ou galaica. Dende a nosa lingua pasaría ó castelán, e deste ó francés (en Rabelais lese "gualvardine"); finalmente do francés transmitiríase ó inglés (en Shakespeare lese "my Jewish gaberdine").

Gabardina empelicada e con capeliña (tipo Sherlock Holmes) fotografada no pobo de Vilar de Perdices no 2012. (C) Andregoto Galíndez.

Segundo Coromines a palabra gabardina viría dun cruce entre gabán e tabardo, prendas de vestir semellantes á gabardina. Mais gabán non se rexistra na documentación medieval galega, polo que non parece posible continuar sostendo a proposta do filólogo. Se atendemos á suxerencia que nos fixo o investigador José Manuel Barbosa Álvares, ó se localizar a orixe da palabra en Galicia, a etimoloxía do termo podería encontrarse nas linguas xermánicas que nos chegaron cos colonos suevos, e que nos deixaron outros termos vencellados ós campos semánticos da guerra e das prendas de vestir, como p.ex. luva (cfr. inglés glove): "et accepimus pro inde roboracione unas luvas" (ano 1183 - Oseira).

Tras valorar distintas posibilidades de combinacións morfolóxicas para a base xermánica WARD, "vixiar, protexer, gardar", que nos parece a máis axeitada, inclinámonos por unha prefixación da partícula GE- á base, que adoita aparecer na formación dos participios de pasado ou ben engade un sentido de reforzo do verbo: *GEWARDAIN = "prenda que resgarda, gorece e protexe", que viría ser a mesma idea que se reflicte no substantivo gardapó, substantivo composto formado cun primeiro elemento provinte tamén da base xermánica WARD, e que se define como una "peza de roupa que se pon sobre outros vestidos para preservalos da sucidade. Ao baixar da dilixencia, por debaixo do gardapó empoeirado lucía un impecable traxe gris".

Non obstante, como nos indica Barbosa, tampouco pode descartarse que a prenda tomara o seu nome do eido militar, do campo semántico da guerra. Segundo este investigador, podería ter sido unha especie casaco de coiro que levarían os wardingos (mesma base xermánica WARD, "vixiar, protexer, gardar"), gardiáns que formaban o séquito dos reis visigodos. Neste suposto, o nome destes oficiais reais sería a orixe do nome da prenda, coa mesma prefixación GE- que vimos de comentar. GEWARDING > GABARDIN-A.

O escocés Macintosh ou o inglés Burberry inventarían as teas impermeables para as gabardinas, que ó usarse nas trincheiras durante a Primeira Guerra Mundial pasaron a chamarse trenchs, mais o deseño da prenda e o seu nome orixinal son moda galega!

domingo, 17 de agosto de 2025

A lei do mar no romance de "A Nau Caterineta" e na canción "La Courte-paille"

Do romance de "A Nau Caterineta" consérvanse varias versións dun e doutro lado do Atlántico. O Pan-Hispanic Ballad Project da Universidade de Whasington ten recollidas 39: unha en Brasil, cinco en Cataluña, e as restantes en Portugal (dende Viana do Castelo ó Algarve) incluíndo os arquipélagos de Madeira e Azores.

A estrutura e mailo argumento das variantes do romance é sempre a mesma. Tras unha introdución na que se explica que a nau Caterineta queda en alta mar sen provisións, de tal xeito que ata tiveran que comer coiros botados a remollo, a historia dá paso ó recurso extremo ó canibalismo mediante sortes: o que sacara a palla máis curta sería comido polo resto da tripulación. A existencia, dende unha data ben recuada, da práctica do canibalismo de supervivencia en situacións extremas ponse de manifesto no gran número de variantes do romance de "A Nau Caterineta" e da canción tradicional dos mariñeiros das costas francesas, "La Courte-paille", nas que a sorte, ou mellor dito, a mala sorte, recae sempre no capitán do navío.

A tripulación da nau Caterineta espera o xantar humano á mesa, mentres o capitán da nau e mailo gajeiro observan dende o mastro se avistan terra. Mural de Almada Negreiros (1945) na Gare Marítima de Alcântara - Lisboa.

Lá vem a nau Catrineta que tem muito que contar:
escutai, se quereis ouvir uma história de pasmar.
Muito tempo era passado que iam na volta do mar;
já não tinham que comer, já não tinham que manjar.
Deitaram sola de molho para o outro dia jantar,
mas a sola era tão dura que a não podiam rilhar.
Deitam sortes à ventura, quem haviam de matar,
mas a sorte foi cair no capitão-general.
(versión portuguesa)

El patró de la galera pallas curtas n` hi va tirant,
tot tirant n` hi las pallas curtas la mes curta li `n pertocá.
(versión catalana)

O gajeiro divisa ás fillas do capitán do navío baixo unha laranxeira. Mural de Almada Negreiros (1945) na Gare Marítima de Alcântara - Lisboa.

Entón o capitán, nun intento de evitar ou retardar a súa morte, ordena a un membro da tripulación, ó gajeiro, que suba ó mastro por se ve "terras d' Espanha ou areias / praias de Portugal". Ata tres veces o mariñeiro observa dende o mastro e finalmente remata por ver terra, sempre detallando os obxectos e figuras cunha agudeza visual que indica seguramente que estaba a usar anteollos. O motivo observado en terra que máis se repite nas versións portuguesas é o das propias fillas do capitán.

-Também vejo três meninas debaixo dum laranjal:
uma sentada a coser, outra na roca a fiar,
e a mais linda delas todas está no meio a chorar.
-Todas três são minhas filhas, quem nas pudera abraçar!
A mais linda delas todas há-de contigo casar.

O romance pode finalizar aquí, ou ben prolongarse coa negativa do mariñeiro a casar coa filla, pois o que en realidade desexa é a nau Caterineta. Tamén pode descubrirse ó final que o gajeiro é o mesmo diaño, entón o capitán intenta salvar a súa alma tirándose ó mar, sendo rescatado por un milagre ou a intercesión da Virxe ou un anxo, que o recolle antes de caer na auga e conduce a embarcación a terra.

Entre os mariñeiros das costas francesas cantábase unha canción idéntica en contido e estrutura coñecida como "La Courte-paille" (A palla máis curta), aínda que tamén pode atoparse baixo os seguintes títulos: "Les Marines de Terre-Neuve", "Ce sont trois galions d'Espagne", "Les gars de La Rochelle", "Il était un petit navire (d'Espagne)", "Trois matelots porteurs de lettres", "Le bateau de Louis-Philippe", etc. (cfr. a Base d'archives ethnographiques RADdO RÉSEAU D'ARCHIVES ET DE DOCUMENTATION DE L'ORALITÉ"). A canción rexístrase fundamentalmente nos departamentos atlánticos de Vendée, Loire-Atlantique, Morbihan, Finistère, Ile-et-Vilaine e Seine-Maritime, existindo algún caso documentado na Illa de Guadalupe (Caribe), Canadá, Reino Unido e Estados Unidos. A versión máis famosa é sen dúbida a do "Petit navire", que, convenientemente edulcorada, foi a orixe da canción infantil "Había una vez un barquito chiquitito".

"La Courte-paille", como "A Nau Caterineta", comeza coa prolongada navegación dunha embarcación e a falla de víveres, o que orixina a necesidade de botar as sortes da palla máis curta. Tócalle novamente ó capitán saír elixido para ser o plato principal do menú caníbal, e o home tamén recorre a un mariñeiro para que suba ó mastro coa intención de que aviste terra e así evitar ser comido. O matalote acada finalmente o seu obxectivo e describe cun grao de detalle asombroso o país que ve: a frecha do campanario da igrexa onde foran bautizados, ós paisanos pola campiña pastoreando os cordeiros...

En virtude da unidade de contidos e estrutura, ámbalas dúas tradicións ("A Nau Caterineta" e "La Courte-paille") remiten a un tronco común orixinario do Atlántico leste, que dá conta da existencia da chamada "lei do mar" (canibalismo por sortes permitido nos naufraxios) dende o século XVI: en 1565 desenvolveuse a longa travesía de Jorge de Alburquerque Coelho, na que se documenta a intención da tripulación da nau Santo António de practicar o canibalismo, suceso logo recollido na História trágico-marítima e que é tido como a orixe do romance de "A Nau Caterineta".

Podedes escoitar a versión de "A Nau Catrineta" interpretada por Fausto Bordalo Dias neste enlace: https://www.youtube.com/watch?v=Yqz5jUbLkzI

sábado, 16 de agosto de 2025

A escapulomancia nun documento galego do século XV

 

Tiñamos esta carta do ano 1499 (Carta de Pedro de Ayala ós Reis Católicos), conservada no Arquivo Xeral de Simancas, pendente de publicar no blog por non saber con seguridade, ata o de agora, como interpretar a referencia ós adiviños galegos que cataban as espaldas tal e como facían os adiviños galeses. Dubidabamos de se sería unha mención temperá á técnica de "levantar a paletilla caída", ou se sería algún tipo de mancia esquecido do que non tiñamos máis noticia que esta.

Na carta, que orixinalmente era un documento cifrado, logo trasladado polo arquiveiro de Simancas, exponse claramente que no País de Gales e na Galicia se practicaba un sistema de adiviñación ou prognóstico baseado no exame da espalda: "otras veces he escrito cómo aquí se guían por profecía, afírmolo por cosa cierta: sabrán Vuestras Majestades que hay muchos en la provincia de Guales que adevinan como en Galicia catando en espaldas, acá en otras diversas cosas y pláticas que tienen. Esto digo porque ha pocos días que el rey apremió mucho a un clérigo que dijo lo que sucedido al rey Aduardo y la fin del rey Ricardo, que le dixiese qué había de ser de él, porque siempre le había dicho mucho bien. Ahora dícenle dixo cómo su vida tenía grandísimo peligro [...] y otras cosas no buenas, afirmole que su reino se haría dos partes, mandole que con nadie lo comunicase".

Zonas de lectura dunha escápula ou omoplata; en parte concibíase como un mapa (abaixo lese "barbari", e á súa dereita "Toletum arabes"). (C) BNF Gallica, Liber Abdalabeni de spatula, s. XVI.

A técnica á que alude Pedro de Ayala, de adiviñar polo exame da espalda, ten que ser unha referencia á escapulomancia (scapulimancy) ou espatulomancia, que consistía na observación do óso chamado spatula (étimo latino de onde sae a palabra "espalda"), espádoa, escápula, omoplata ou paleta (paletilla) dun animal, co obxectivo de tirar do seu exame algún prognóstico ou predición. A nosa conclusión definitiva sobre o asunto da carta de Pedro de Ayala ten que ser correcta porque con anterioridade Xerardo de Gales no século XII xa tiña falado, precisamente, de que os habitantes de Pembrokeshire (Gales) practicaban a inspección da omoplata dereita dos carneiros. Aínda que Xerardo de Gales indicara que os que facían os augurios eran emigrantes de orixe flamenca, a práctica do mesmo sistema de adiviñación rexistrouse tamén en Escocia, o que non deixa lugar á dúbidas de que era unha técnica coñecida nas Illas Británicas (Ch. Burnett, "Arabic Divinatory Texts and Celtic Folklore: A Comment on the Theory and Practice of Scapulimancy in Western Europe", 2024). No gaélico escocés esta mancia recibía o nome de slinneanachd (Dictionary of the Gaelic Language, 1828): "un tipo de augurio obtido pola inspección da omoplata dun animal".

O animal en cuestión, seguindo a Burnett, non podía asarse (someterse directamente á acción do lume), senón que debía ser cocido, e a carne retirada da espalda sen coitelo, procurando non deixar marcas artificiais no óso para así ler só as marquiñas naturais (liñas, buratiños, irregularidades, relevo, manchas...) que presentaba a súa supeficie. Non obstante, outras técnicas de escapulomancia, como a empregada na antiga China ou na Península do Labrador, baseábanse sobre todo na interpretación dos sinais que o lume deixaba nos ósos.

Lecturas de escapulomancia practicadas polos indíxenas da Península do Labrador mediante lume aplicado ós ósos. (C) Frank G. Speck, Naskapi: The Savage Hunters of the Labrador Peninsula, 1977.

Para Manuel Alberro, cuxo traballo "La difusión de la escapulomancia desde el reino de Aragón hacia el resto de Europa durante el siglo XII" (2003) segue moi de preto o de Burnett e pode lerse para ampliar coñecementos en profundidade sobre a historia desta técnica adiviñatoria, a escapulomancia difundiuse por Europa dende España grazas ás traducións que se fixeron no país dos tratados árabes sobre esta disciplina. Non obstante, a dispersión da escapulomancia por case todo o mundo maila súa utilización nos paises célticos, poderían indicar tamén, segundo a nosa opinión, que a técnica adiviñatoria da lectura da omoplata animal xa era coñecida antes da chegada dos árabes á Península Ibérica. De feito, Freeman e González Echegaray tratan da posible utilización das escápulas gravadas no magdaleniense da cova-santuario de El Juyo (Cantabria) en rituais de escapulomancia ("Coping with chance: animal bones and the aleatory", Munibe, 2005), ó tempo que mencionan a práctica do exame da omoplata queimada dunha ovella na antiga Roma e, no século IX, en Reims.

No contexto peninsular atopamos dúas referencias á escapulomancia. Unha na obra Confesión Rimada, de Fernán Pérez de Guzmán, algo anterior á carta de Pedro de Ayala (1460). Ámbalas dúas resultan moi interesantes por utilizar o mesmo verbo que de Ayala para se referir á observación que se realizaba sobre a omoplata, "catar". Nas coplas iniciais o poeta vai expoñendo as características dos bos cristiáns, que son os que non practican certas supersticións; e ó chegar á sexta copla describe a escapulomancia:

Aquel a dios ama que de las cartillas
que ponen al cuello por las calenturas
non usa, nin cura de las palabrillas
de los monifrates, nin de las locuras
de aquel mal cristiano que con grandes curas
en el hueso blanco del espalda cata,
quien come la carne muy mejor barata
que el que en el hueso busca sus venturas.

A outra referencia encóntrase nunha obra atribuída ó bispo de Xaén Pedro Pascual (século XIII), aínda que non haxa seguridade. Nela, ó falar da "secta mahometana", indica que os seus membros non tiñan prohibido "catar agüeros nin espaldas".

Segundo Fernández Ugalde ("Qué Dios nos conserve el grano! Una interpretación de los omoplatos con  inscripción árabe procedente de yacimientos medievales, 1997",  as escápulas inscritas en árabe ou con debuxos máxicos aparecidas na Península, en Oriente e no Magreb, terían función profiláctica ou talismánica (amuletos), o que na nosa opinión se relaciona dalgún xeito coa técnica adiviñatoria da escapulomancia. Pensamos tamén que o escapulario cristián derivaría, e tería recibido o seu nome, de ter sido primeiramente un amuleto sobre escápula (óso animal).

domingo, 3 de agosto de 2025

O cadrado máxico SATOR do tombo de Caaveiro: un esconxuro ou exorcismo medieval

Nun documento de venda de 1248 do Tombo do Mosteiro de Caaveiro (manuscrito 1439 do Arquivo Histórico Nacional - px. 211 do visor) atópase un signo rodado validatorio ó final do mesmo que contén o famoso palíndromo SATOR AREPO TENET OPERA ROTAS*. A súa utilización na antigüidade ven constatada pola aparición dunha destas inscricións, chamadas cadrados SATOR, en Pompeia, selada pola erupción do Vesubio do ano 79.

SATOR
AREPO
TENET
OPERA
ROTAS

O de Caaveiro presenta varias particularidades. A máis salientable é que o palíndromo aparece disposto de forma circular, non, como é habitual, en forma de cadrado que se pode ler en tódalas direccións horizontais e verticais. Amais, no selo de Caaveiro faltaría a palabra ROTAS; pensamos que non se escribe expresamente ó estar xa a frase inscrita entre as dúas rodas do signo validatorio. O contexto é claramente cristián ó presentar a cruz no centro do deseño.

Para Ana Suárez González, a súa descubridora, o palíndromo SATOR do tombo de Caaveiro, maila lenda que aparece entre as rodas do signo validatorio doutro documento de doación do mesmo tombo, do ano 1153, "XRS VINCIT, XRS REGNAT, XRS IMPERAT", tiveron gran difusión ó longo da Idade Media como fórmula de protección contra o lume, as tormentas, a enfermidade e o demo ( "Invocar, validar, perpetuar (un círculo de círculos)", Revista de poética medieval, 2013).

"Christus vincit, Christus regnat, Christus imperat" - Tombo de Caaveiro
(manuscrito 1439 do Arquivo Histórico Nacional - px. 176 do visor).

As dúas lendas, polo tanto, son esconxuros ou exorcismos contra o mal ou o demo. No caso dos documentos de Caaveiro, ó que parece, fixéronse co obxectivo de protexer o acto xurídico de venda / doación que os precede.

O seu uso atópase en amuletos e esconxuros medievais de, por exemplo, Alemania e Dinamarca. A taboiña de plomo de Schleswig (Alemania) contén o comezo do Evanxeo de San Xoán e un esconxuro contra os demos e a enfermidade, e vai rematada cunha invocación ó poder da cruz: "Crux benedicat me nomen amen, Crux Christi protegat, Crux Christi eruat me nomen a diabolo ac omnibus malis, amen"; á súa vez, a taboíña de plomo vai dobrada sobre si mesma formando un paquetiño ou sobre, e na cara exterior grabouse o palíndromo SATOR deste xeito:

Amuleto de Schleswig co palíndromo SATOR. (C) Rudolf Simek, "Elves and exorcism. Runic and Other Lead Amulets in Medieval Popular Religion", en Myths, Legends and Heroes. Essays on Old Norse and Old English Literature in Honour of John McKinell, ed. Daniel Anzelark, 2011).

Segundo indica Ana Suárez, o signum validatorio SATOR de Caaveiro con disposición de xeito circular non sería un caso excepcional, pois se ten encontrado algún semellante, como o que arrodea un mosaico medieval coa escea de Daniel no foso dos leóns, na igrexa de Sant'Orso de Aosta (Italia). Pensamos, polo tanto, que é posible que nas nosas igrexas poida aparecer algún gravado deste tipo, que ata o de agora teña pasado desapercibido.

Roda SATOR en Sant'Orso de Aosta. (C) Samuel e Daniela, blog Indagini e Misteri: "The Sator square, an enigma that crosses history", 2020.


__________________________________________________________________

* Non nos pronunciamos sobre o significado do palíndromo, habendo gran cantidade de información sobre este quebracabezas, polo de agora irresoluble, na Internet. As súas palabras son latinas: SATOR = sembrador, creador, AREPO = ?, TENET = sostén, OPERA = obra, ROTAS = rodas.