martes, 18 de noviembre de 2025

Saencia e A Saínza

Pódese relacionar o orónimo Saencia de Navia de Suarna, e mesmo o topónimo A Saínza (Rairiz de Veiga - Ourense) coa raíz hidronímica paleoeuropea *SAL-, "auga", na liña de Xosé Lluis García Arias (Toponimia asturiana, 2005), que propón a devandita base indoeuropea, presente no nome do río Salia > Seya, para explicar varios topónimos de Asturias e León, como Saliencia (Somiedo), La Salencia (unha fonte de Llaviana) ou Salientes (Palacios del Sil). O investigador non descarta, doutra banda, que estes topónimos estean relacionados co verbo salir (saír no caso do galego, con perda do -l- intervocálico).

Julio Concepción, no seu Diccionario etimológico de toponimia asturiana (2007) comparte tamén esta última idea: "en algún caso sería posible una supuesta relación con el verbo salir ('un lugar de salida'), referida lo mismo a una 'salida' de agua que a un terreno, un valle, a la 'salida' respecto a otro con el que comunica".

Pódese partir, pois, da base *SAL-, ou ben, mellor, do verbo saír, cuxo significado pensamos que se adapta perfectamente a estes dous casos: no Monte da Saencia en Navia de Suarna, nace (sae, abrolla) o Río Acevedo, e moi preto da Saínza de Rairiz de Veiga o Río Bidueiro conflúe no Limia, sae ó Limia.

No primeiro sentido Saencia (< Salientia) é sinónimo do hidrónimo Lucenza (punto onde ve a luz un ollo de auga ou manancial - v. Cabeza Quiles, Toponimia de Galicia, 2008). No estudo de Suárez Fernández "Salimeira, Salime, Saliencia y Salanceira: continuadores del llatín salire" (2006) inclúense exemplos moi ilustrativos, así como a proposta de Coromines, que consideraba o aranés Salient como "(aquam) salientem" = salto de auga. Suárez conclúe indicando que Saliencia sería un lugar onde existe un salto de auga (fervenza) ou onde abrolla a fonte ou manancial que forma un río.

Pozo do Ollo Pequeno en Begonte (Lugo), onde abrolla a capa freática do Ladra ó se unir co Parga. Fotografía por cortesía de Luís Torres (2025).

No sentido de salto de auga ou fervenza, o termo cenza, "queda de auga", podería proceder da forma Saencia (< Salientia), con monoptongación (*senza) e hipercorrección do que se considerou seseo (cenza).

Para os topónimos galegos Saencia e A Saínza parécenos máis adecuada ó contexto románico peninsular a proposta hidronímica que vimos de expor que a fitotoponímica de Gonzalo Navaza (Fitotoponimia galega, 2006), que relacionaba estes dous topónimos co latín *salicea, "lugar no que abundan os salgueiros", derivado provinte do latín salicem, "salgueiro". O que non explica satisfactoriamente o -n- de Saencia / A Saínza, nin documentación antiga do termo en contexto hidronímico "per aqua de ipsa Sayza" (ano 1172 - Ribas de Sil; probablemente coa nasalización do y sen reflictir na escrita mediante til).

miércoles, 12 de noviembre de 2025

As fontes do Anllóns

Parece mentira que a estas alturas do século XXI aínda quede no planeta Terra pendente de realizar algunha exploración mítica, semellante á da procura do Paso do Noroeste ou a de atopar as fontes do Nilo. Onde podería suceder iso senón aquí mesmiño, en Galicia?

Cando fixera a entrada do blog adicada ós hidrónimos Lengüelle e Anllóns dinme de conta de que nacían moi xuntos, na Serra de Montemaore (zona das Brañas da Estaca e Porto do Eixo). Por suposto que non estaba a descubrir o nacemento de ningún deles, ou iso pensaba eu; só aproveitei a proximidade das fontes para establecer unha etimoloxía común, e di por sentado que se coñecía con seguridade o lugar de nacemento destes dous ríos.

Altariño das Fontes do Anllóns. (C) Fotogrametría de Álex Negreira.

Cando o amigo Manuel Ruibal atopou un precioso petróglifo no Ghalo, ó que bautizou como "Altariño das Fontes do Anllóns", por representarse nel varias nascentes fluviais que brotan no monte, eu quedara un pouco pasmada porque cría que o Anllóns non nacía no Ghalo, pero se o dicían a cartografía e os xeógrafos... seguramente estaría eu errada.


Porén, a pouco que se observe a cunca hidrográfica da cabeceira do río Anllóns vese que nace na estribación leste da Serra de Montemaore (Soandres - A Laracha), na zona entre as Brañas da Estaca e o Porto do Eixo, mentras que o río que nace no Ghalo preto da Pedra de Santa Marta, fito límite entre os concellos da Laracha, Cerceda e Culleredo, é claramente un tributario do Anllóns, pois é moito máis curto. Paréceme que nin sequera daría para falar dunha cabeceira bifurcada ou dobre. 

De onde provén o erro de considerar ó Ghalo o nacemento do Anllóns? Vemos que esta crenza está bastante extendida. Así, na web Toponimia de Galicia lese que "Anllóns é o nome dunha das correntes fluviais máis coñecidas de Galicia e o principal río da comarca de Bergantiños. Nace no Monte Xalo" ("Anllóns e Anllo: cando un río forma ángulos"). Así mesmo, na cartografía dende a primeira edición do MTN25 xa ven sinalado o nacemento no Ghalo na zona da Pedra de Santa Marta; o seu nome indícase co hidrónimo castelanizado "Allones" colocado ó longo do curso do tributario, baixo as aldeas de Mantiñán e Refoxo.


Pola súa parte, o xéografo Augusto Pérez Alberti describira unha cabeceira triple para o Anllóns: unha fonte no Xalo ó sueste de Mantiñán (Soandres - A Laracha), que ven sendo a que nacería preto da Pedra de Santa Marta, outra en Antemil (Cerceda) e outra no monte Pedrouzos, que baixaría por Currelos de Arriba e formaría o Río Grande (A xeografía: o espacio xeográfico e o home, 1986).


Non nos parece pertinente considerar ó rego que pasa por diante de Currelos de Arriba unha cabeceira, pois se incorpora ó río principal que ven do Porto do Eixo e recibe o nome de Rego das Brañas do Feo ou do Zudre, e ó seu paso por Antemil e Lavandeiras cambia o seu nome polo de Rego das Lavandeiras ou de Cortella, para logo adoptar o de Porto dos Carros e Río Grande, e finalmente, o de Anllóns. Precisamente é co nome de Río Grande como aparece nomeado o Anllóns no deslinde entre A Laracha e Cerceda (1924: IGN): "continúa después la línea de término remontando el referido "Río Grande" dejando en término de Laracha los lugares de Currelos de Arriba y Salgueiras, pasa por unos molinos importantes, propiedad de Ricardo Candal, vecino del lugar de Pedamúa, de la parroquia de Meirama, recibiendo en dichos molinos el nombre de "Río do Porto dos Carros", continúa desde allí remontando el mismo río hasta este 3er mojón [situado preto do "Rego das Lavandeiras" ou de "Cortella]".

Polo tanto, o Río Grande, nome que adoitan recibir os cursos fluviais principais, continúa nos tramos chamados Río do Porto dos Carros e Rego das Lavandeiras, sendo sempre o mesmo río, o que invalida que o tributario que nace no Ghalo (Pedra de Santa Marta) e que nin sequera ten nome nas minutas do IGN, poida considerarse o nacemento do Anllóns.

Os exploradores do Instituto de Estudos Bergantiñáns, como Stanleys, comezaron no 2000 varias andainas para localizar as fontes do Anllóns e chegaron as mesmas conclusións ca min ("O nacemento do Anllóns", La Voz de Galicia, 10 de maio de 2022), editando un caderniño e un libro cos resultados das súas investigacións, O Anllóns, arteria principal de Bergantiños (2020).

Non concordo con eles na apreciación que se reflicte no artigo citado de La Voz de Galicia: "se antigamente ao lugar de nacemento dun río se lle atribuía pouca consideración, hoxe en día esperta moita curiosidade para todas aquelas persoas interesadas pola xeografía local e amantes do medio natural". Basta con lembrar o culto as fontes (mananciais e nascentes fluviais) que caracterizaba a primitiva relixión galaica, segundo deixou escrito San Martiño de Dumio na súa obra De correctione rusticorum. Proba delo é o petróglifo do "Altariño das Fontes *do Anllóns*" descoberto por Manual Ruibal no monte Ghalo, no punto no que nacen os sistemas fluviais do Rego da Hermida - Rego das Xesteiras - Valiñas - Mero, e o do Rego da Orca - Rego da Porta Antiga - Barcés - Mero, e mailo devandito tributario do Anllóns.

Pola relevancia que ten coñecer con exactitude a nosa xeografía, e concretamente o lugar de nacemento dun río tan importante para a comarca bergantiñá como é o Anllóns, é preciso correxir o erro na cartografía nacional, orixe desta confusión.

domingo, 9 de noviembre de 2025

María Balteira, a nosa cruzada: as soldadeiras como mulleres guerreiras

De prostituta a xograresa


Evidentemente o termo soldadeira ten que ver con soldo, polo feito de percibir un soldo (soldada), salario ou estipendio a muller que desempeñaba un determinado traballo. Mais a cuestión fundamental que nos ocupará vai ser tratar de averiguar que traballo desempeñaban as soldadeiras das cantigas galaico-portuguesas.

Non está claro, e ós feitos me remito, por exemplo ó estudo de Tania Vázquez García, "Unha aproximación semántica aos termos soldada e soldadeira" (Revista de Filología Románica, 2022), no que a autora suliña a polisemia da palabra e aclara que non hai ningún texto galego-portugués que aluda á capacide artística destas mulleres ou que indique que acompañaban nas actuacións ós xograres e trobadores. Doutra banda, existen textos noutras linguas peninsulares nos que soldadera se emprega como sinónimo de ramera, mentras que no ámbito occitano tiña outra acepción, posiblemente artística, deducida do feito de que o trobador Gaucelm Faudit casara cunha soudadeira chamada Guillelma Monja, moi instruída, que o acompañaba nas súas performances.

Así as cousas, é recomendable ter precaución no momento de consultar os dicionarios de galego cando se procure este termo, pois as definicións non se basean en acepcións reais e comprobadas, senón que son reconstrucións ou deducións, nalgún caso produto de esquemas mentais patriarcais e denigrantes para a muller, e noutros, acepcións non certificadas no noso ámbito.

  • Soldadeira: "Mujer que en la Edad Media acompañaba a los soldados en campaña y ejercía la prostitución" (Boullón, Monteagudo e García Cancela: Dicionario normativo galego-castelán, 1988). Compróbase que o esquema mental do patriarcado influíu na idea preconcebida que xustificaba o soldo da muller como resultado da súa venda sexual. O molde misóxino cega e impide abrir unha perspectiva de estudo ampla na que se analicen outras posibilidades de que a muller gañe o seu salario.
  • Soldadeira: "Muller que bailaba e realizaba exercicios ximnásticos durante as actuación de xograres ou trobadores" (DRAG - definición actual). Como sinalamos, non está comprobado que as mulleres que formaban parte do espectáculo xograresco recibisen o nome de soldadeiras, de feito os termos usuais foron ioculatrices ou saltatrices.
María Balteira, por Luís Seone. (C) Fundación Luís Seoane.

De xograresa a doncela guerreira


Nas cantigas, mormente de escarnio, nas que aparecen as soldadeiras non se prestou moita atención ó contexto bélico que ás veces arrodeaba estas mulleres. Podemos mencionar a caracterización da famosa María Balteira como "a nossa cruzada" (Pero da Ponte), o que sen dúbida a define como guerreira que ven de participar nas Cruzadas de Terra Santa. Outra soldadeira, presentada vestida para o combate contra un mouro, foi Domingas Eanes, que "houve sa baralha com uum genet', e foi mal ferida [...] o colbe a colheu por ũa malha da loriga, que era desmentida" (Alfonso X). Mentras que a soldadeira Marinha Sabugal noutra cantiga séntese impaciente por ir loitar: "ora quer ir moiros guerreiar" (Afonso Anes do Cotom).

A presentación da muller soldadeira como guerreira nestas composicións é explicada por Benjamin Liu como un xogo de equívocos no que se alude ó tan manido tropo da actividade sexual equiparada alegóricamente a un combate ("Affined to love the Moor", en Queer Iberia, Blackmore e Hutchenson ed., 1999).

Nós pensamos que o termo soldadeira foi a versión feminina do soudadier cortesán, "mercenario, guerreiro ó servizo dun señor feudal, estipendiario" (1): unha muller que ofrecía os seus servizos como soldado, por iso se presenta varias veces en contextos bélicos, loitando e travestida como un guerreiro. O seu reducido número, o abandono dos roles de xénero marcados na época e, sen dúbida, a limitada e insegura masculinidade ibérica, provocaron o escarnio do que son obxecto nas cantigas galaico-portuguesas. Semella que a base do escarnio foi xogar equívocamente a equiparar as mulleres soldado coas prostitutas, polo feito de recibir unha soldada ámbalas dúas en troques dos seus servizos, e por moverse as soldadeiras nos ambientes masculinos da corte. Estas cantigas, polo tanto, funcionarían amais como unha coacción para manter as mulleres no seus roles femininos.

A pesares de que existiron, no plano lendario non temos protagonistas femininas guerreiras como as skjaldmeyjar nórdicas (escudeiras), as burrneshat albanas (viragos) ou as onna-bugueisha (mulleres samurais) xaponesas que aparecen nos seus ciclos épicos (p.ex. a lenda albana da burrnesha "Omer i ri") porque os nosos compositores medievais foron incapaces de admirar literariamente a fortaleza, o valor e a superación destes modelos femininos, só puideron rirse procazmente, que é o mecanismo defensivo fronte o medo das mentes primarias que se senten desconcertadas ou ameazadas no desfrute dos seus privilexios.

Así temos dúas formas contrarias de ver o mundo e as mulleres, ou dúas formas de facer literatura, que non é outra cousa que unha forma de estar no mundo:

1. Nas Edas de Sæmundr Fróði, o Sabio, hai unha bela declaración de Brunilda na que se opón a vivir con Sigurd, pois ela é unha skjaldmær consagrada á loita.
2. Mentras tanto, ou un pouco máis tarde, noutro lugar..., o noso rei "Sabio" introduce nunha das súas cantigas o característico asunto procaz e primario ligado ás mulleres, propio dos retarders: "Fui eu poer a mão noutro dia a ũa soldadeira no conom, e disse-m'ela: Tolhe d'alá, Dom" [de fondo escoitaríanse as gargalladas das mesnadas do rei].

O tema literario da doncela guerreira sobreviviu no romanceiro español na forma daquela canción infantil que cantabamos de pequenas: "A un capitán sevillano siete hijas le dio Dios, y tuvo la mala suerte que ninguna fue varón. Un día la más pequeña le tomó la inclinación, de ir a servir al rey vestidita de varón. - No vayas niña no vayas que te van a conocer, tienes el pelo muy largo y dirán que eres mujer. - Si tengo el pelo muy largo madre córtemelo usted, que con el pelo cortado un varón pareceré...". A canción coñécese en Portugal e nas Azores, Castela, Cataluña, entre os xudeus de Tánxer e Marrocos, Hungría, Serbia, Grecia, Constantinopla, Asia Menor e Palestina; aparece tamén no Piamonte e norte de Italia, en Francia, Grecia e Albania (Carmen García Surrallés: "La doncella que fue a la guerra: romance y cuento", Revista electrónica de formación de profesorado en comunicación lingüística y literaria, 1989). As probas ás que é sometida a doncela por parte do príncipe namorado, para averigüar o seu verdadeiro sexo, aparecen tamén na lenda albanesa "Omer i ri", que relata a historia dunha doncela guerreira, unha burrnesha ou virxe xuramentada, das que aínda quedan algunhas no país. O seu desenvolvemento pode seguirse nesta curta de animación de Esperanca Konomi: "Omer i ri" (1983).

________________________________________________

(1) Tobler-Lommatzsch definíraa tamén como «muller soldado» («die mitkämpft») .

viernes, 7 de noviembre de 2025

Abenzá e A Valenzá

Como indicara Xosé Ramón López Boullón no seu traballo sobre a Toponimia de Ames, o topónimo Ventín (varios en Galicia) procede do nome propio romano Valentinus en caso xenitivo de posesión (Valentini); o tal Valentín tería sido o propietario primeiro dos terreos, os que, como adoita suceder noutras ocasións, levaban o nome do seu posuidor. Nun documento de Toxos Outos do ano 1156 aportado por López Boullón vese aínda sen monoptongar o ditongo xurdido trala caída do [l] intervocálico: "Vaintim".

Máis doada de identificar é a forma do ditongo que aparece nun documento do ano 1197 (Santiago - Tumbo C: CODOLGA): "tam de abolentia quam de ganantiam in Vaentim et in Aderei".

Interésanos destacar, polo tanto, que os casos con conservación do [l] intervocálico desta familia léxica (Valentinus, Valentia, etc.) son cultismos, sendo a evolución patrimonial a que presenta caída do son lateral [l] e monoptongación do ditongo ae resultante. Así:

  • "per Petram Curuam recto itinere ad Uilar Ualenti" = Vilarvente (Lugo). Ano 897 (Lugo - fonte: CODOLGA)
  • "in uilla que uocitant Cella Valenti flumen Viuei" = Celavente (Ourense). Ano 912 (Astorga - fonte: CODOLGA).

Por este motivo introducimos como posibilidade a ter en conta que a etimoloxía do topónimo oxítono Abenzá (Celanova) haxa que remitila a unha frase *illa villa Valentiana , termo formado dende Valentia ou Valentius máis sufixo derivativo -ana. O artigo feminino, que nun primeiro momento facilitaría a elisión do substantivo "villa" núcleo da frase, A (vila) Venzá, rematou por se entender como parte do topónimo: Avenzá / Abenzá, do que A Valenzá (Lugo) sería o cultismo correspondente. O topónimo español Valencia, de feito, atópase nalgún caso na documentación medieval galega como Baenzia ou Baentia: "in Gallecia et Castella, in Naiara et Saragocia, in Baentia et Almaria" (ano 1151 - Sobrado: CODOLGA). Non sería extraño, polo tanto, que o topónimo Abenza paroxítono fose evolución patrimonial de *Illa Valentia: "Afonso da Abenza" (ano 1467 - Amoeiro: CORPUS XELMÍREZ).

Isto ven a conta porque para o Abenza deducido do nome do río Portabenza (tributario do Mandeo) e o topónimo Abenzá de Celanova, o profesor Juan José Moralejo non descartaba que provisen de antropónimos latinos, ben de Aduentus, ben de Aventius ("Hidrónimos galaicos con sufijo -ANTIA", Acta Paleohispánica, 2005), mais parécenos improbable pois estes dous nomes propios non están documentados como tales no corpus galego.

O nome de "Castro do Valente" aparece na parcela 164 baixo o círculo lítico de Ventosiños (Coeses).

O perigo de interpretar algúns destes resultados como derivados do latín ventum > vento é un risco claro (cfr. Ventín ou, por exemplo, o "Villare Valentum" (ano 572) do que esperariamos un resultado *Vilar Vento). Esta confluencia cecais explique por que o círculo lítico de Castro do Valente (Coeses - Lugo) estea moi preto da aldea de Ventosiños, nome que cecais non sexa, como parece, un derivado do latín ventum, senón unha reinterpretación sufixada do resultado *Vent- procedente do Valente que se conserva como nome do castro.

Dende o século IX o verbo de orixe latino valere, "ser forte", pasa a ter un significado económico, e non pode descartarse que na toponimia os nomes de lugar desta serie, se é que non proveñen dun posuidor chamado Valentinus ou Valentius, fagan referencia ó valor económico que tiñan as terras designadas como Valentia, no senso de "valiosas, prezadas".

sábado, 1 de noviembre de 2025

A ría de Ferrol no ataque de Francis Drake de 1589

 Parte do mapa realizado polos ingleses para orientar o contraataque de Francis Drake e John Norris dirixido contra os restos da Armada Invencible, que se refuxiara nos portos de Ferrol e A Coruña - 1589. (C) Biblioteca do Congreso dos EEUU.

Neste mapa recoñécense os nomes do Cabo Prior, o Castelo de San Filipe, A Graña (Groina), Ferrol, Mugardos (Negares), e o Castelo da Palma (Paloma).


No medio da ría destaca o debuxo dun buque inglés coa característica bandeira de San Xurxo (cruz vermella sobre fondo branco) situado fronte á Graña (Groina) e o Castelo de San Filipe; námbalas dúas fortificacións ondean as bandeiras dos tercios da mariña castelá, cruz de Santo André en cor vermella sobre fondo branco. Non son de aplicación as consideracións que fai Alfeirán sobre os dos dous tipos de cruces das bandeiras, que interpreta como enseñas dos barcos e castelos de Galicia, e que logo pon en relación coa bandeira coa cruz de Santo André (azul) que máis tarde sería enseña da provincia marítima da Coruña ("Una nueva imagen de la Torre de Hércules (1086-1684): el faro romano", Nalgures, 2016). 

Cecais a posición do buque de guerra inglés indicase o obxectivo de adentrarse no interior da ría, o que nos leva a considerar se o pecio identificado como a "Ragazzona" da Armada Invencible española, atopado na enseada de Cariño no interior da ría de Ferrol, sería realmente un buque español ou ben un buque inglés do contraataque de Drake e Norris (da Invencible inglesa). Neste sentido cumple salientar que un cañón atopado durante a prospección subacuática do pecio resultou ser de procedencia inglesa (cañón Saker de ferro feito en Inglaterra: David Fernández Abella, "Buscando a la Ragazzona: prospección arqueológica subacuática en la ensenada de Cariño, Ferrol", Gallaecia, 2013), o que se tentou explicar como material importado pola Armada española.