A Pedra Cedeira, situada no interior, no límite entre os concellos da Laracha e Cerceda, leva un nome que evidentemente non pode provir do latín cetaria, "viveiro de peixes", como sucede co nome da vila de Cedeira das Rías Altas, situada a carón da costa. No caso da Pedra Cedeira non podemos considerar que o litotopónimo (o nome propio da pedra) sexa un talasónimo, isto é, un nome de lugar vencellado ó mar e á actividade pesqueira.
A Pedra Cedeira, polo seu enorme volume e a situación liminal, posúe folklore e lendas asociadas. Segundo Manuel Ruibal os vellos contan "que no cumio desta pedra hai gravados o mapa dun tesouro, e tamén unha serpe que o garda". Imos explorar outras dúas etimoloxías, relacionadas co folklore das penas sacras.
Unha primeira posibilidade é que proveña do latín Petra desideria = pedra dos desexos. Da frase "Pedra desideria" pasaríase a separar o "de" ó interpretalo como preposición, o que daría "Pedra de Sedeira", e logo "Pedra Sedeira / Cedeira", corrixindo o son s por z ó supor que o s era unha mostra de pronuncia seseante, considerada vulgar. Neste suposto etimolóxico teriamos evidencia dun culto litolátrico adiviñatorio, como o que se practicaba na Mazafacha ou noutros penedos sacros, neste caso cecais botando pedriñas no cumio para que se cumpriran os desexos.
Outra posibilidade etimolóxica, moi vencellada á lenda do mapa e a serpe recuperada por Manuel Ruibal, é que o litotopónimo proveña da frase latina Petra siderea = a pedra sideral, das estrelas, celeste. Na evolución fónica tamén se tería producido a corrección do son s por z (Pedra Cedeira) pola mesma razón xa explicada. Nestoutra proposta etimolóxica consideramos que o mapa que habería no seu cumio podería ter sido un petróglifo cun conxunto de coviñas, interpretadas como estrelas. É dicir, un mapa cósmico gardado pola serpe mitolóxica que arrodea e custodia o mundo (o Uroboros grego, o Jörmungandr nórdico). Logo reinterpretado o mapa pola mentalidade popular como se fose o mapa dun tesouro.
A familia do substantivo desiderium aparece con bastante frecuencia na nosa documentación medieval, tanto como nome común (desexo), nome propio (Desiderius), verbo (desiderare = desexar) e ata como nome de lugar ("in villa Nugaria inter Desideria Lamazales subtus monte Spino, iuxta rivulum Alister" - ano 904 Braga). Polo que respecta ó substantivo sidereum, tamén se documenta no noso corpus medieval, aínda que con menor número de casos; non obstante convén lembrar que o termo sidereum é esencial na nosa mitoloxía, xa que aparece na lenda de Setptemsiderus, a máis antiga lenda fundacional da Gallaecia, da que temos tratado no blog e nalgunha revista especializada, e que fornece evidencias dunha antiga crenza: a orixe mítica astral do país.
.jpg)
.jpg)
1 comentario:
Moi ben. En "Montemaiore" sempre foi pedra Cedeira e non Cerdeira
Publicar un comentario