Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
martes, 4 de enero de 2022
A vella igrexa de San Xiao de Ferrol
domingo, 2 de enero de 2022
Os Castros e o porto vello de Ferrol
lunes, 27 de diciembre de 2021
Revolta
O avoíño de Manuel Ruibal descansando na súa saa de paredes de cachotería có lume aceso á súa beira, sentado nunha vella cadeira de vimbio có canciño durmindo confiado no seu colo, lémbranos no porte a un antigo chieftain ou a un rei escocés, daqueles primeiros reis que vivían como o pobo, sen roupas de satén ostentosas, sen pretensións, só tendo moi claro cal era o seu cometido na vida. O home ten un ollar no que se descubre unha sabiduría milenaria que cecais lle faga sorrir por algo que só el coñece..., e ós seus 96 anos aínda lle ten afición ó traballo físico propio do agro, como o de partir a leña! Del imos aprender un significado do termo revolta que se lle escapou a Bouhier, o francés que adicou parte da súa vida ó estudo da paisaxe agraria de Galicia, unha acepción que descoñecía ata o Eladio Rodríguez! Xogamos con vantaxe ó dispor dun informante de primeira, un mestre: o señor Pepe do Curro (José Rodríguez Coto), que xa colaborara có concello de Carral na recuperación dos muíños de Costa da Égoa.
"As revoltas eran os cerrados que se facían no monte aberto para acubillar as vacas, feitas de pedra ou terra. Cada familia tiña a súa, ou varias, e se se abandoaban, outro veciño podía ocupar o lugar có seu gando. Adoitaban estar xuntas e marcadas nas catro esquinas con cruces" (definición fornecida por Manuel Ruibal segundo explicacións do seu avó, nado en Carral).
Así pois, peches para gando no monte comunal, feitos de terra ou pedra. Quedaríanos perfilar en que se diferencian as revoltas das chousas, que tamén aparecen no monte aberto e están pechadas, como indica a etimoloxía (do latín clausa, participio de claudere, "cerrar"): eu, sen entrar moito en materia xa que non a coñezo ben, diría que unha gran diferencia é que a función orixinaria das chousas non tiña que ver exclusivamente có gando, pois é que nelas, por exemplo, podía sementarse toxo.
A partires dunha acepción fornecida por Eladio Rodríguez no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano
Revolta 4: Terreno de monte donde se planta el trigo que se siembra en la revolta (v. Revolta 1: Revuelta, segunda vuelta o repetición de la volta (v. Volta 13: labor que se le da a la tierra)).
varios investigadores do eido da toponimia teñen establecido que o topónimo Revolta podería gardar relación coas curvas dun camiño ou río, ou ben podería aludir ós terreos nos que se sementaban cereais ou outros vexetais na segunda volta ou labor que se lle daba á terra.
Grazas a importantísima achega do noso informante podemos asegurar que, de atoparse no monte aberto e presentarse varios destes cerrados xuntos, o topónimo faría referencia á existencia dun antigo sistema de acubillar o gando mediante peches de terra ou pedra. O sistema aseméllase, na forma que adoptan os recintos, á tipoloxía da paisaxe de cerrados de bocage establecida polo francés Bouhier; máis non no modo de peche, que ven sendo vexetal no bocage. A asociación por contigüidade das chousas e das revoltas é bastante recurrente na paisaxe de cerrados do interior da provincia polo que podería constituír unha tipoloxía nova (paisaxe de revoltas) a ter en conta na caracterización da paisaxe histórica do agro galego.
O ciclo mítico do Mabinogi no caldeiro de Gundestrup
"Pwyll, príncipe do Annwfn achegouse á horta cun grupo de cen cabaleiros, tal como Rhiannon lle indicara, levando a bolsa con el. Ía vestido con farrapos e calzaba unhas grandes botas de pel. Cando estivo seguro de que na Corte xa estaban a beber trala cea, entrou na sala, felicitou a Gwawl e aproveitou para facerlle unha petición:
- É unha petición modesta, señor, só pido ser aliviado da fame. Este é o favor que lle pido: que me encha esta bolsiña de comida.
- É unha petición ben humilde -dixo Gwawl-, e concedereicha de bo grado. Traédelle comida!
Moitísimos criados comezaron a meter comida na bolsa, mais a pesar de que metían gran cantidade, a bolsa non estaba máis chea que ó principio.
- Amigo -dixo Gwawl-, a túa bolsa darase enchido algunha vez?
- Non o fará por moito que se lle meta, a non ser que un home da nobreza, con terras e dominios, poña ámbolos dous pes sobre ela e diga: xa é bastante!
- Meu heroe -dixo Rhiannon- vai pisar a bolsa dunha vez!
- Fareino de grado -respostou Gwawl.
Ergueuse e puxo os dous pes na bolsa. Pwyll deulle a volta de xeito que Gwawl foi de cabeza nela e rápidamente pechouna facendo un nó coas cordas; entón tocou a trompa. Ó chamado acudiron os seus homes e fixeron prisioneiros ós de Gwawl".
Segundo sospeitamos, no panel do caldeiro de Gundestrup da fotografía teríase representado a Pwyll no momento de meter a Gwawl no saco máxico sen fondo, mentras os seus cabaleiros escoitan dende a horta o sinal da trompa, e van entrando na Corte. Ante a imposibilidade de gravar no panel a Pwyll tocando a trompa ó mesmo tempo que mete no saco a Gwawl, o sinal é dado polos tres homes da dereita do panel, que tocan o carnyx celta. Os cabaleiros que se dirixen á Corte aparecen separados en dous niveis por unha rama (ceinc, en galés), que podería indicar a primeira rama do Mabinogi (Pedeir Ceinc y Mabinogi = As catro ramas do Mabinogi) á que pertence o episodio, ou ben o espazo vexetal da horta na que están a esperar agochados. A representación de Pwyll como un xigante viría dada pola súa categoría ou estatus de príncipe, para resaltar a súa importancia: cumpre destacar que neste episodio o príncipe é agora chefe do Annwfn, o Alén galés.
O obxecto máxico da bolsa sen fondo (the bottomless bag) é propio dos contos marabillosos, polo que podemos encadrar sen dificultade, e por moitas máis razóns, o relato de Pwyll nesta categoría. Esta primeira rama estrutúrase segundo os contos marabillosos e, seguindo a teoría de Propp, como un viaxe iniciático do protagonista no que a súa formación como adulto conclúe có matrimonio coa maga Rhiannon. O folklorista ruso incide en que non é doado diferenciar estas experiencias iniciáticas ás que se sometían os xovens, dos trances xamánicos ou das viaxes dos xamáns ó Alén. As observacións de Propp póñense de manifesto no conto de Pwyll con moita máis intensidade que nos modernos contos marabillosos, pois é que o protoganista xa é principe do Alén (noutro episodio da mesma rama intercambiáronse durante un ano o propio Pwyll e Arawn, o verdadeiro dono do Alén). Doutra banda, as técnicas xamánicas do trance iniciático e da viaxe ó Alén percíbense noutro panel do caldeiro de Gundestrup, que podería estar a representar un outro episodio do mesmo ciclo mítico do Mabinogi, o de Pwyll no Alén: é o panel no que un home semella meditar sostendo un torques e unha serpe, arrodeado de animais entre os que destaca un cervo.
Ó vencellar estes paneis do caldeiro de Gundestrup có conto de Pwyll da primeira rama do Mabinogi obtemos, pois, unha secuencia temporal longa e documentada para o xénero do conto marabilloso, que vai dende o século II a.C. ata o XIV, e podemos percibir que o carácter iniciático dos mesmos, que xa aventurara Propp, estaba moito máis marcado.
jueves, 23 de diciembre de 2021
Capela / Capilla
lunes, 20 de diciembre de 2021
Xaniño pelica de ovella e o chifre máxico: xamanismo paleoeuropeo no arco atlántico
Imos analizar o conto Xaniño despido, pelica de ovella, fornecido por Lois Carré Alvarellos (Contos populares da Galiza, Porto, 1968) e que pertence ó tipo ATU 592 ("The dance among thorns" = "A danza entre espiños"). Fora recollido polo autor en Barbeito - Santaia de Cañás (Carral).
Lamentablemente o tipo 592 cítase sempre en estudos vencellados ó antisemitismo, pois nunha das versións máis coñecidas é un xudeu a personaxe que se ve impelida a bailar sen parar ó son do instrumento musical máxico, dándose a circunstancia de estar rodeado de espiños, có que a danza interminable convértese nun suplicio doble. A nosa versión maila súa xemelga irlandesa que imos comentar en paralelo, non pertencen a esta liña evolutiva do conto base; nelas trátase simplemente do motivo do instrumento musical capaz de facer que as persoas e os animais bailen sen parar mentres escoitan o seu son.
Na versión galega o noso Xaniño vai en coiros, como noutras ocasións, ata que a súa ovelliña morre esmagada por unha árbore... Entón pasa a vestir a pelica da súa compañeira (1). Vai á Corte desta guisa tan impropia, para tentar casar coa atristada filla do rei, se é que logra facer que ría, e leva con él uns obxectos máxicos que lle foron entregados por persoas ás que axuda durante a viaxe: unha moca e un chifre. A moca é capaz de vencer sempre os inimigos, e o chifre ten a capacidade de facer bailar sen parar a quen o escoite. Na Corte, Xaniño fai rir á filla do rei collendo un cabaleiro e alzándoo no ar como se fose un boneco, e logo ten que empregar a moca có resto dos cabaleiros que saen a defender o seu compañeiro. O rei, que non quere darlle a filla en matrimonio, quítalle a moca mentres durme e ordea aforcalo: "atárono con moitas cordas, e amañaron de o enforcar; cando acordou, tíñano para encolgar da ponla dun carballo; soio a principesa ollábao con un aquel de tristura, e foi a ela a quen lle pediu tirarlle o chifre do peto e poñerllo na boca: Virxe querida!, que maneira de brincar todos, homes e bestas, cás e todo: brincaban atolecidos, e tanto bailaron, tanto bailaron, que xa non podían mais os corpos".
Xaniño atado con moitas cordas vai ser aforcado dunha póla, mais có son do chifre
fai que todos comecen a bailar, ata as vaquiñas. (C) Andregoto Galíndez, 2021.
Na versión irlandesa que eliximos dentre todas as que aparecen na base de datos da National Folklore Collection (The magic harp, 1937, fornecida por Mrs Mc Intyre, de Mayo) o protagonista chámase Seán, que ven sendo o mesmo nome que o Xan galego. Tamén quere ir á Corte para coñecer a filla do rei, mais non ten roupa apropiada; cada vez que vai á feira a vender unha vaca para mercar un traxe atopa un home que lla cambia, na primeira ocasión por unha harpa, na segunda, por unha cachaporra (bata buide). Logo de chegar á Corte ten que se defender do guarda usando o bate, e finalmente consegue que a filla do rei sorría cando toca a harpa e todos comezan a bailar.
Segundo a teoría de Propp, trataríase do típico conto marabilloso no que se agocha un relato prehistórico iniciático dun xoven ata chegar á fase final do matrimonio. Nel aparecen os axudantes que lle entregan os obxectos máxicos, entre os que destaca o instrumento musical cuxo son obriga a bailar ós homes e ás bestas.
Os topónimos Chamadoiro ou Chamadoira
jueves, 16 de diciembre de 2021
Fórmulas máxicas para matar o lume, curar o mal de aire e a erisipela
Mata-lo lume [queimaduras*]
O pan non ten fame,
o lume non ten frío,
a ágoa non ten sede.
Así como estas palabras
son certas e verdades:
Lume, non andes nin caves,
nin fagas mal a teu dono.
Polo poder de Dios &
(Nove días e nove veces, facendo cruces con un remendo de bayeta encarnada untado de grasa - Iñás [Oleiros]).
Cura-lo aire
(Con nove granos de bieiteiro e con outros tantos cachos de pan de trigo fanse cruces na parte dañada tirándoos pa' atrás pola espaldra e decindo:)
Se es sapo vait' ó sapegal
Se es píntiga vait' ó pintegal
Se es cóbrega vait' ó cobregal
Se es araña vait' ó arañal
Se es arañón, vait' ó brañón.
Polo poder de Dios &
Decipela ou fogo salvaxe
Vait' ó mar,
onde non sintas campana tocar,
nin pito piar, nin galo cantar,
nin barco remar.
Polo poder &
(Remendo encarnado untado de grasa)
Fogo salvaxe
que ves a buscar?
- Grasa de cocho
e cinza do lar.
Estando Lázaro n'aquelas penas
decindo ¡ai que ai!
chegou por alí nosa señora decindo:
- Lázaro, aquí que fai?
- Señora, con decipela e fogo salvaxe,
non podo parar.
- Vait' á salsa ó mar
E á cinza ó lar
E dalle con cinza e touciño
Pra que seque e revelleza
Com' a fror do liño.
[Recollidas por Francisco Mª de la Iglesia, Folk-lore, Biblioteca Galiciana]
* No estudo de Suárez López, Fórmulas mágicas de la tradición oral asturiana: invocaciones, ensalmos y conjuros, estes conxuros para matar o lume empréganse sobre todo para tratar queimaduras e afeccións da pel que cursan con queimazón).