jueves, 20 de enero de 2022

Castro dos Cabróns - Erboedo


 Novo castro en Erboedo (A Laracha), chamado dos Cabróns.

Dentro de non moito tempo, cando o territorio estea infestado de eólicos, plantacións de aproveitamento forestal, hidroeléctricas, explotacións mineiras, e as súas respectivas pistas de servizo, viais, AVES, etc., non quedará nada do noso rural, que é como dicir que desaparecerá a nosa esencia. Os arqueólogos, etnógrafos e historiadores terán pouco que prospectar ou investigar no seu traballo de campo, có patrimonio desmoroado, esnaquizado, petróglifos desfeitos, mámoas arrasadas, castros desmantelados, parcelarios reconcentrados... A forma de achegarse ó estudo da nosa paisaxe histórica será, pois, case meramente nominal, é dicir, literalmente a través dos nomes de lugar e mediante a arqueotoponimia.

Grazas a esta disciplina filolóxica pódese, sen necesidade de ter un correlato real na paisaxe, reconstruír esta examinando a dispersión dos nomes, tendo en conta a súa etimoloxía, e a súa distribución con respecto ós acuíferos, para determinar como se artellaba o territorio hai varios miles de anos. Na fotografía lese perfectamente na microtoponimia a estrutura do castro de Erboedo: a croa, e o campo principal (Campo Real) ante o acceso (Portela) e a antiga paisaxe gandeira na contorna nos microtopónimos Parada, Estremadoiro e Fonte Besteiros (de besta, animal, non de bésta, arma). Os límites do territorio corren pola divisoria de augas, e lense na microtoponimia: Marco Danta ou da Anta, Pedra do Carallo (pola forma fálica da pedrafita), Lagoas (nome con frecuencia vencellado a megálitos, situados nas divisorias das augas).

Seguindo os límites desta parroquia de Erboedo no Catastro de Ensenada (meados do século XVIII) atopamos un novo castro sen catalogar: "... va en derechura a otra piedra llamada da Moura, de allí sigue diferenciado este término del de Loureda por el Coto do Fieital, hasta la Fuente Besteiro*, y marco grande que dicen Dante, de este xira a un marco sito donde llaman Pedrón, o Moíño Vello, de aquí a la Fuente de María Núñez, a la de Seixos, y pasando por la falda del Coto da Graña, se viene a la Cueva y Casal de Elvira, de allí a la Fuente do Capelán, Castro dos Cabrós, porto da Vella, Casal de Xerpe...".

Castro dos Cabrós (aparece cunha corrección) e figura da parroquia de Erboedo.
(C) Catastro de Ensenada.

Tras ubicar a Fonte de María Núñez consultando as Minutas Cartográficas do IGN, hoxe Fonte Seca, e localizar Capelán e Cabróns na capa catastral, situamos o castro preto dos seus contrafortes, ós que semella aludir o microtopónimo Cubo. Lamentamos non ter atopado a Pedra da Moura (preto do Fieital, linde polo oeste) e o Porto da Vella e a Xerpe, que estarían a continuación do castro, pois son  importantes figuras da nosa mitoloxía; veñen ben para remitir cronolóxicamente a fundación territorial a tempos moi recuados. Neste contexto mitolóxico suxerimos que os Cabróns ós que alude o nome do asentamento poderían ter sido os mouros, míticos habitantes dos castros galegos. Este nome faltoso daríaselles localmente por imaxinalos como diaños, pagáns, malévolos acaparadores do ouro... (o que se recolle no noso folklore). Tamén Cabróns pode estar empregado como sinónimo de Castróns (habitantes dun castro).

*Cóntanos o amigo Masús, da Laracha, que a mámoa de Carboeiros, xunto da Fonte Besteiros, está xa moi arrasada, mais que moi preto poden observarse aínda os buratos no chan onde se facía o carbón.

5 comentarios:

Carlos dijo...

Carvão cabrão... Mmmm...

Andregoto Galíndez dijo...

Si, pero de feito o texto manuscrito do Catastro de Ensenada semella estar correxido marcando ben Cabrós, e mais na capa catastral do Visor PBA ven Cabróns. Como despectivo dos mouros (hipótese mítica) non cadra mal. Castro dos Carbóns véxoo menos probable, aínda quedaría ver se poderían ser uns carbóns, non o mineral, senón derivado do prerromano carba, que si é topónimo.

Carlos dijo...

Rio Cabrón en Ordes. Carril como hidrónimo..

Carlos dijo...

*Cabril

Andregoto Galíndez dijo...

A ver se non será por isto: os que viven nun castro chamaríanse castróns, que puido considerarse como sinónimo de cabróns?