martes, 30 de agosto de 2022

Sofandónigo (Sofán - Carballo)

Composto da preposición so (1), "xunto de", máis o núcleo *fan < fanum, "templo", e o adxectivo dónigo < dominicum, "do señor".

Segundo X. Ll. García Arias "los lugares de culto pagano fueron aquellos donde se erigió algún FANUM ‘lugar sagrado’, ‘pequeño templo’, que frecuentemente solía situarse a la orilla de los caminos un poco al estilo de los actuales oratorios o capillas". En Asturias é probable que, por exemplo, os topónimos Fano (Xixón), Fanu (Colunga), e Fanón (Valdés) teñan orixe no latín fanum.

A mesma etimoloxía é a que fornece Ernest Nègre na Francia para toponimia como Fa ou Fain, documentada como Fanum ou Fano na Idade Media, Feneu (Fanum Novum), Famars (Fano Martis), Fanjau (Fanum Jovis), Montfa (Montefano), etc.

Supomos que o antigo santuario que deu orixe ó topónimo Sofandónigo estaría situado na vecindade do castro de Sofán, na aldea de A Casanova, onde a igrexa parroquial adicada ó Santo Salvador. A primitiva advocación "do señor" faría alusión ó deus Xúpiter, a máxima divindade do panteón romano, ou cecais, se o templo xa pertencía ó primitivo cristianismo, ó deus cristiano. A ubicación do templo xunto do castro suxire tamén a posible articulación da paisaxe castrexa cun espazo sagrado contiguo ó asentamento habitacional e pecuario, sobre o que se terían construído templos posteriores, ó perdurar a función sacra do lugar ó longo do tempo.

Se cabía algunha dúbida da pervivencia da palabra fanum fosilizada como topónimo, o caso de Sofandónigo, ó levar como adxectivo un termo que neste contexto alude á divindade, proba a adecuación da proposta etimolóxica.

(1) Jairo Javier García Sánchez, "El elemento prefijal sub (> so) en toponimia. Reconsideración de su valor", Archivum, 2002.

jueves, 25 de agosto de 2022

Lengüelle e Anllóns

Moralejo Laso tiña considerado que o nome do río Anllóns (Bergantiños, A Coruña) provía de *angulones, aumentativo do latín angulus, "ángulo", en referencia ós meandros do río: "de *ang(u)lones "rincones, meandros", por alusión a los que forma en su curso bajo y desembocadura" (Toponimia gallega y leonesa, 1977). Perfilando algo máis esta idea xa dixemos que *angulones talvez era un derivado de anguis, "serpe, cobra, río sinuoso", pola tendenza a identificar os ríos con as cobras, que xa ven dende a antigüidade (cfr. o río Tíber chamado coluber nos libros dos augures romanos) e explícase pola forma semellante de ambos.

Pensamos que no nome do río Lengüelle se atopa a mesma etimoloxía, ou de angulus, "ángulo", ou de anguis, "serpe". Para elo hai que ter en conta que o artigo do latín vulgar ou tardío, antes de evoluír ás formas o / a propias do galego quedou pegado ó étimo angulum nalgunha ocasión, como se ve na documentación de Sobrado de Trives: "des porto de Langulo como uadit per aqua de Uerruguela usque ad Carriles " (ano 1201). Así pois, sería dunha forma en diminutivo *Languliculo có artigo adherido, da que partiriamos para explicar o resultado Lengüelle. Primeiro teríase producido a redución do grupo -ic(u)lo > -ello, e posterior caída do -l- intervocálico, *Langüello. No caso xenitivo (de relación) é Río Langüelle - Río Lengüelle, por armonización vocálica. Onde se amosa, aproveitando, que non todo topónimo que remata en -elle é un nome de posuidor en caso xenitivo de posesión.

As Brañas da Estaca: á dereita, nacemento do Anllóns (Rego das Brañas do Feo), e á esquerda, nacemento do Lengüelle.


A hipótese de Moralejo Laso amplíase con este caso máis, que ven reforzado polo feito de naceren ambos ríos moi xuntos case no mesmo punto da Serra de Montemaore, nas Brañas da Estaca (Soandres - A Laracha). Sabiamos dos ríos en diminutivo, que adoitan nomear afluentes dos principais: Sar e Sarela, Tambre (Támara) e Tamarela... Mais non é o caso do Anllóns e Lengüelle; o par indica que unha mesma motivación cultural moveu a nomealos dun mesmo xeito, que é precisamente o que se estima que sucedeu na formación da uniforme hidronimia paleoeuropea.

Tamén sería o caso do río Lengüello, tributario do sistema Brandexo - Iso - Ulla, que nace no lugar de A Calzada (Burres - Arzúa).

domingo, 21 de agosto de 2022

Gontes / Ghontes ou Xontes?

 

(C) Minutas cartográficas do IGN.

Na nosa toponimia temos demasiados casos de normalizacións erróneas nas que se pretendeu regaleguizar con xe os sons da gheada, considerados como pronuncias castelanizantes, sendo sons propios do galego. É o caso de Xontes (Sumio). Se imos á cartografía antiga vemos que tanto Jontes (hoxe Xontes) como Juntís (hoxe Guntín) e Jocín (hoxe Xocín) van grafados cunha jota que sinala seguramente a pronuncia con gheada do que sería Gontes, Guntíns / Guntís e talvez Gocín. Deste último non estou moi segura, pero é que estas cousas xa lle fan dudar a unha de todo.

Guntín grafada a pronuncia con gheada utilizando a grafía castelá j, no cartel da estrada DP-2104.

Semella evidente que a etimoloxía de Ghontes e Ghuntíns ou Ghuntín podería ser a mesma, talvez un antropónimo de orixe xermánica da serie *Gunths, "loita", como en Conturiz - Lugo (doc. Gunturiz). Paulo Martínez Lema tamén ten atopado que no caso do topónimo Begonte concorre a forma Gonte, documentada como variante con aférese; é pois posible que Ghontes e Ghuntíns ou Ghuntín sexan topónimos provenientes de *BOCONTI, xenitivo dun nome de posuidor de orixe celta, UOCONTIUS ou UOCONTIA ("Nomes de posesor na toponimia do concello de Begonte", Revista galega de filoloxía, 2007). Máis tirando na liña que indicara Nicandro Ares, que consideraba Begonte un etnónimo relacionado coa tribu gala da Narbonense, os Vocontii.

Na relación establecida entre Ghontes e Ghuntíns / Ghuntís é notable o topónimo, hoxe desaparecido, que se atopa na periferia deles no Mapa Topográfico Nacional do IGN: Xontes Pequeno. Dá a impresión de que é unha glosa que explica Ghuntíns, que efectivamente ten aspecto de diminutivo, como un pequeno Ghontes separado da fundación orixinal.

Pé de Mende / Pena de Mende: un orónimo e un hidrónimo paleoeuropeo

Edelmiro Bascuas remitía os topónimos estreitamente relacionados co amieiro á base hidronímica *AM-, "cauce", e entreles citaba Mindelo en Vila do Conde (Portugal) documentado como "Minitelo" (964) e "Aminitello" (1025). O a- inicial de Mindelo teríase perdido nun proceso de fonética sintáctica, ou simplemente pola súa atonicidade, xa que aquí non é posible aducir que se considerou artigo, como ocurreu no caso do río chamado "aqua de Ameneta" (1130) que evoluíu a A Meda (Castroverde - Lugo), ó non coincidir o xénero feminino do suposto artigo (a) co do sustantivo (Mindelo). A forma "Minitelo" é relevante para entender as primeiras mencións do río Mendo como "Minuete".

Pouco despois o profesor Juan José Moralejo, talvez suxeito ó xuramento hipocrático tácito de seguir á raia a hipótese dos nomina possessoris contra toda evidencia, considerou que o nome do río coñecido nas primeiras documentacións como "Minuete", teríase substituído polo nome dun posuidor chamado Mendo: "en la margen derecha del río Mendo tenemos un Mende con todas las trazas de remontarse al genitivo Menendi para aludir al possessor del territorio, también aludido, quizá, en el orónimo A Pena de Mende, cercana a Bandoxa". Aparece entón o Hermenegildus, de onde xurde Menendus e Mendo (como amosara Pidal), o suposto propietario das terras que daría nome a Pé de Mende ou Pena de Mende, e ó río Mendo segundo Moralejo. Mais non todo o que remata en -e é un nome persoal en caso xenitivo, pois hai usos do xenitivo que implican relación e non posesión.

Voltando á hipótese hidronímica, desta vez baseada nun étimo latino, mais congruente co exposto por Bascuas, o profesor Porto Dapena explicaba que o topónimo Neda podería provir de *Am(e)neda, un derivado del latín amnis, "río". Neda sería, polo tanto, unha *ameneda ou "terra ribeireña situada ó longo dun río".

Navaza, aínda que dende un punto de vista fitotoponímico, di que a etimoloxía de amieiro pode ter parentesco co latín amnis, "río", que Rivas Quintas remonta á raíz *am- / *ab-, "auga".

Así pois, non hai que teimar nos nomina possessoris se hai evidencias, e neste caso hainas, que apuntan noutra dirección. Nesta selección de documentos vese a evolución dos hidrónimos dende as formas plenas Ameneta e Ameneda cara a forma Mende. O xenitivo de relación nunha secuencia como *aqua Amenete, tería  favorecido a perda do a- inicial de Ameneta por fonética sintáctica, ó ser absorbido polo -a final de aqua.
  1. Ameneda rivulo 787
  2. aqua de Ameneta 1005
  3. ribulo Ameneda 1016
  4. aquam de Menede 1061
  5. aquam de fluuio de Meende 1218
Pé de Mende, e non como aparece na cartografía, Pena de Mende, coa expresión "pé de" = "a carón de" (v. dicionario de Carré Alvarellos), é a variante que lle escoitamos ó noso informante, Santiago, e cadra coa situación de Pé de Mende preto da ribeira, non nela exactamente; atópase no límite das parroquias de Bandoxa e Regueira, ambas pertencentes ó concello de Oza dos Ríos. No Catastro de Ensenada aparecen marcados os límites con nomes tan suxerentes como "Pena Escripta" e "Pena da Cerva", indicativos da existencia de petróglifos.

A primeira parte do topónimo Pé de Mende tambén podería ter a súa orixe na palabra prerromana alpe, "monte", cuxa evolución en galego *aupe, favorecería a segmentación da primeira sílaba considerada como contracción da preposición "a" máis o artigo "o": *Aope de Mende - O Pé de Mende - Pé de Mende. O mesmo tería pasado con Pé de Meda ("Alpe de Meta") e outros orónimos semellantes do país.

Bibliografía

- Edelmiro Bascuas: Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002.
- Juan José Moralejo: "Mandeo, Mendo y Miodelo", Anuario Brigantino, 2002.
- Álvaro Porto Dapena: "Principios de toponimia: os casos de Neda e Xubia", Revista de Neda, 2006.
- Gonzalo Navaza: Fitotoponimia galega, 2006.

sábado, 20 de agosto de 2022

Cruzul

Dicía Monteagudo (1) que o topónimo Cruzul provía dun antropónimo latino, é de supor, mais de orixe etrusca *Craeciurius, derivado de Craecius cun sufixo -urius, frecuente nesta lingua, e citaba a mención máis antiga do topónimo, do ano 1087, na documentación de Samos: "in Crezur".

Nós non estamos moi conformes coa proposta do profesor porque as influencias etruscas quedan lonxe da base que formou a nosa onomástica medieval, e de dito nome propio non hai restos no noso territorio. Aproveitando que na documentación de Penamaior do ano 1232 recóllese unha forma Creszur ("ecclesiam de Creszur, hereditatem quam habet in Valde Tortores et in Valle de Auseli") proporemos outra hipótese máis acorde có modelo onomástico galego medieval, de base latina e xermana.

Trataríase dunha vila ou dunha venda propiedade de Cresciturus (home) ou Crescitura (muller), antropónimo de orixe latina común no primitivo cristianismo (século VI). As connotacións de crecemento e mellora persoal que contén o nome terían motivado que o recibise o seu portador co fin de axudalo a achegarse ós ideais cristiáns. Así pois: *(villaCrescituri > Cruzul = a (vila) de Crescitura ou de Crescituro.

  • O nome propio "Crisciturus" aparece nunha pizarra visigótica de compra-venda, datada no ano 586 por Velázquez Soriano (Galinduste - Salamanca); na pizarriña vai grabada unha cruz monogramática.
  • "Crescitura", escrito con caracteres gregos nunha lápida datada no século VI atopada preto da Catedral Vella de Cartaxena (Murcia).
  • Un "patri nostro Creceturo" documéntase nun texto do ano 904 (Catedral de León).
  • "Creceturus" (ano 941 - Catedral de León).
  • "Cresceturo" (ano 952 - Catedral de León).

Lidia Becket no seu Hispano-romanisches Namenbuch recolle tamén como variante deles Crezuro, pois provén de Cresciduro, con perda do -d- intervocálico, e considera a onomástica personal derivada do latín crescere de orixe xudeo. Sen compartir a orixe xudea deste antropónimo, pois o feito de ir as mencións máis antigas en documentos cristiáns o impide, si suscribimos o paso de Cresciturus a Cresciduro e Crezuro, ou ás formas femininas correspondentes, de onde, en caso xenitivo, sairía o topónimo galego Crezur (1087) > Cruzul. O topónimo, porén, está baseado nun nomen possessoris de orixe latino-cristiá e denota unha fundación do asentamento ó redor do século VI.

(1) "Hidronimia galega", Anuario Brigantino, 1999.

miércoles, 17 de agosto de 2022

Mera, amerigar e Mérida

Recolle Eligio Rivas o verbo amerigar, "calcular ben ó facer o reparto" e "calcular, dividir en partes proporcionais, facer porcións iguais ou case iguais" (sub mera). Noutros varios dicionarios (Carré Alvarellos, Franco Grande, Rivas Quintas e o apéndice ó dicionario de Eladio Rodríguez) defínese o que é unha mera:

  • Parte que lle corresponde a un no que se reparte - reparto
  • Sorte, parcela que lle toca a un nun reparto - reparto territorial
  • Sorte comunal que lle toca a cada veciño - reparto do parcelario en man común
  • Sorte que lle toca a un polos padres - reparto dunha herdanza
  • Terreo, parcela: Olla! Fulano anda alá na mera - uso locativo cuasi toponímico
Sen lugar a dúbidas a familia léxica de amerigar e mera, nesta acepción, teñen que ver co verbo latino mereo, meres, merere, merui, meritum, "merecer", tendo ademais meritum o sentido de "salario, ganancia, paga".

É certo que Mérida, Emerita Augusti, foi fundación romana de Augusto. Segundo conta Dion Cassio, o emperador concedeulles ós soldados vellos, que chamaban eméritos ou veteráns, unha gran parte de terra na provincia da Lusitania, e o lugar tomou deles o nome, e o de Augusto, o emperador que mandara edificar a cidade. Agora ben, vese que a explicación do topónimo atribúese ó nome dos soldados, e non, como parece máis lóxico, ó feito de ter sido recompensados cun reparto de terras equitativo (verbo merere).

Dende o meu punto de vista, o topónimo Mérida indicaría un territorio que foi amerigado, repartido en meras, "parte de terra que lle corresponde a un nun reparto", semellante ó topónimo Sorte ou Sortellha, do que xa tiñamos falado ("Sortelha y las sortes suevorum"). Ou, se facemos caso ó sentido de meritum, "ganancia, paga", a cidade e o seu territorio terían sido "a recompensa, a paga de Augusto".

Pola nosa parte, en Galicia, tendo léxico vivo vencellado ó reparto do parcelario e da herdanza, é lóxico pensar que moitos dos nosos topónimos Mera poidan ter esta orixe, e non ser sempre hidrónimos de orixe prerromana, sobre todo cando van precedidos do artigo ou presentador, que indica que o topónimo tivo, e aínda ten, significado comprensible e foi ou é parte do léxico cotián. Pode ser o caso de A Mera, na parroquia de Insua (Ortigueira), onde percibimos ademáis un uso xeralizado na microtoponimia da forma A Mera na aldea veciña de Torneiros.


domingo, 7 de agosto de 2022

Os montes Nervasos nos Ancares lucenses

No ano 419 o exército de Hermerico, primeiro rei suevo da Gallaecia Lucense e Bracaranse, nunha campaña militar de expansión territorial contra os vándalos asdingos, dirixidos polo seu rei Gunderico, que ocupaban a Gallaecia Asturicense, foi sitiado por estes e obrigado a replegarse cara ós montes Nervasos.

Como ata o de agora o topónimo semellaba desaparecido, o lugar onde se desenvolveu este episodio histórico fora reducido, xa que logo ocurríu nunha fronteira territorial, a Arbás del Puerto (na fronteira entre Asturias e León). Mais di Vicetto que non se comprende esta retirada na que os suevos, en lugar de replegarse cara ó seu territorio, "metíanse máis e máis no corazón da madrigueira enimiga". A redución Nervasos - Arbás supón ademáis que o topónimo chegaría con erros de copia, sendo a forma correta Ervasos, o que é moito supoñer. O certo é que non houbo tal erro, pois consta de Hidacio "Narbasis montibus" (montes Narbases). Tamén Ptolomeo mencionara un foro ou feira do pobo dos Narbasos, na Gallaecia Lucense. 

Microtopónimo Fontes dos Narvases en Deva (Cervantes). Citado por Hubschmidt como Fonte dos Narvasoes segundo as minutas cartográficas do IGN (1).

Microtopónimo Narvasio (Donín - Becerreá).

Microtopónimo Nervaso (A Borquería - Becerreá).

A proliferación do topónimo Narvases / Narvasio / Nervaso na zona dos Ancares lucenses (concellos de Navia de Suarna, Cervantes e Becerreá) obriga a resituar a lexendaria batalla dos montes Nervasos nesta zona fronteiriza entre a Gallaecia Lucense e a Asturicence (León). A retirada do exército de Hermerico sería, como é lóxico, dende o territorio ocupado polos vándalos cara ó seu, replegándose nos Ancares.

No dicionario de Aníbal Otero (1967) rexístrase o sustantivo nervaso como nome da caña do maíz, e dise que a súa etimoloxía é o latín nervium, "nervio, tendón". Nós pensamos que os topónimos derivan dunha antiga raíz indoeuropea *sneu, "fluír", a mesma que dá o latín nervium ou o grego νεῦρον (neuron -> neurona). Podería terse aplicado tardiamente ó tallo fibroso dalgúns cereais, como a caña do maíz, máis en orixe aplicaríase a paisaxes fluviais formadas por numerosos regos que van tributando uns noutros ata acadar o cauce principal, formando como un sistema nervioso fluvial (2); ou ben, ás aristas montañosas, que forman as nervaduras dunha bóveda. Considerámolo, pois, un hidro-orónimo paleoeuropeo que podería ter sido o nome primitivo dos Ancares.

(1) "Substratprobleme: eine neue iberoromanisch-alpinlombardische Wortgleichung vorindogermanischen Ursprungs und die vorindogermanischen Suffixe -ano- und -s(s)-", Vox Romanica, 1969.

(2) Monteagudo no traballo "Hidronimia gallega" (Anuario Brigantino, 1999) recolle un "fluvium de Nervia".