Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
sábado, 27 de diciembre de 2025
Etimoloxía de bacallao, capellá e badexo
jueves, 25 de diciembre de 2025
Gaia
Como ten sinalado Almeida Fernandes na súa obra Toponímia Portuguesa. Exame a un dicionário, o topónimo Gaia, mormente o de Vilanova de Gaia fronte a Porto, pero tamén outros Gaia que existen en Portugal, non é compatible coa etimoloxía que o fai derivar do topónimo histórico Cale (Itinerario de Antonino, Anónimo de Rávena, Crónica de Hidacio) nin do nome propio Gadila que propuxera Piel, que nin sequera está documentado, segundo apunta o investigador.
A outra proposta de Piel, Cale - Cala > con caída do -l- intervocálico *Gaa > con epéntese de -i- entre vogais idénticas Gaia, é desmontada por Almeida Fernandes indicando que o suposto *Gaa resolveríase mediante crase en *Ga, como Sa(l)a o fai en Sa. Máis o principal argumento do autor para investigar a etimoloxía de Gaia a partires dalgún nome común evoluído é a súa ampla presenza como topónimo.
Nós propoñemos o substantivo latino cavea na súa acepción menos coñecida de "foxo, excavación, soto", que ten aplicacións como orotopónimo e amais é a orixe do termo que designa as caves ou bodegas de Gaia (e tamén os semisotos de edificios onde habitan algúns portuenses - eu téñome aloxado nunha destas caves).
Do latín cavea provén o galego-portugés gabia ou gaiva, "abertura subterránea, foxo, cuneta", conservando a estrutura fónica do étimo con pequenísimas variacións, como pode ser a bilabialización do wau, o peche máximo do ditongo latino ea > ia, ou a sonorización da oclusiva velar xorda K- > G-, que xa presentaba alternancia en latín: Callecia / Gallaecia, Caius / Gaius.
Mais outra evolución do étimo cavea, con perda do wau intervocálico, sería Gaia. Na nosa opinión Vilanova de Gaia tería sido parte dun importante complexo portuario romano na foz do Douro, cunha estrutura dupla: o porto principal (Porto) e a súa cavea ou zona de almacéns na outra beira (Gaia). A devandita estrutura mantense na actualidade, pois as caves de viño de Porto semellan ocupar a mesma zona de almacéns portuaria que históricamente se tería desenvolto alí mesmo para dar servizo as actividades comerciais romanas. Na nosa proposta non negamos a ubicación da cidade de Cale en Porto-Gaia; unicamente estudamos a etimoloxía do topónimo Gaia, que non vemos compatible co étimo Cale. Porén, Cale podería ter sido o nome da cidade a ámbalas dúas beiras da foz do Douro, e logo os nomes dos seus barrios principais, Porto e Cavea > Gaia.
martes, 16 de diciembre de 2025
Proto sanandresiños de miga de pan: a orixe
A primeira mención a obxectos profilácticos ou amuletos feitos co que chamamos "miga de pan" (aínda que non sexa exactamente miga, senón unha masa de fariña e auga) é do ano 1541, e por suposto foi nunha das características prohibicións da Igrexa de facer rituais pagáns, ás que nos ten acostumados (grazas Igrexa!). Atopámola en documentación de Mondoñedo (Corpus Xelmírez):
"Muchas personas tienen costumbre de hazer unas cruces de massa del primero pan nuevo que cogen y ponerlas encima de la ucha a do ponen el pan cozido, teniendo por cierto que aquella supersticion y ceremonia les aprobechara para que el pan se multiplique y no se estrague; y como esto sea rito gentilico, anatematizamos, maldezimos y descomulgamos a todas las personas que lo hizieren y consintieren y los condenamos en pena de cada dos mill maravedis y en una penitencia publica un dia de fiesta en la missa maior".
Naquela altura o termo pan aínda non designaba só ó pan cocido, como agora, senón tamén ó cereal cru co que se facía o pan. Daquela, enténdense que cunha masa formada coa fariña do cereal cru e moído (e un pouquiño de auga) se facían cruces que logo se puñan sobra a arca na que se gardaba o pan cocido para que non se estragase e houbese sempre abundancia del. Temos pois unha primeira mención de meados do século XVI ó modelado con pasta de fariña para facer cruces protectoras, como as cruces dos sanandresiños de Santo André de Teixido, o que foi considerado pola Igrexa un rito xentílico ou pagán: non sabemos moi ben en que residía o paganismo para estes persoeiros, se no feito de facer figuras protectoras con pasta de fariña, ou facer cruces desta masa (non de madeira) e usalas logo como obxectos protectores que gardaban a ucha do pan. Non é doado sabelo, con esta xentiña tan maniática!
Un dos dous sanandresiños de "miga de pan" que pintara Bello Piñeiro nos murais do Casino Ferrolano entre 1925 e 1936; polo que se ve aínda non se coloreaban con anilinas de vibrantes cores.
domingo, 14 de diciembre de 2025
Arracada de Vilar de Santos debuxada por Antonio Palacios - 1929
Identificada polo arquitecto Antonio Palacios como unha posible "alfaia visigótica (?)", a arracada de Vilar de Santos foi debuxada por el en 1929, cando a xoia pasara xa a ser propiedade do párroco Marcelino Freiria (Caderno 6 de Antonio Palacios). A arracada pasara ás mans do cura trala súa descoberta casual en 1924 por parte de Benito Sabuguido, que a atopara a dous metros baixo terra cando facía un desaugadoiro na súa finca, coñecida co nome de Albariño e situada á esquerda do desaugadoiro da Lagoa de Antela (v. información na ficha de Altalimia.org). Tras varios intentos por parte do Museo de Ourense de adquirila, finalmente o párroco Marcelino Freiria venderíallela no ano 1979 (v. ficha do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense: "Arracada de Vilar de Santos").
Na parte superior esquerda da folla do caderno de Palacios debúxase lateralmente un paxariño saíndo dunha tulipa picando nun racimo de uvas ("pájaro con racimo"), este detalle minúsculo é o que vai no vértice da arracada, co racimo pendurado dunha argola.
Tal e como supón Luis Congil os triángulos recheos de gránulos, típicos das arracadas, serían representacións de racimos de uvas. No caso da arracada de Vilar de Santos o triángulo de gránulos é semellante ó racimo en miniatura que pende do seu vértice, e, polo tanto, o discurso iconográfico desta arracada sería unha versión dobre do tema do paxariño mailo racimo ("Castros, joyas y racimos: primeras representaciones de la vid en España", Vinetur 2020): un paxariño inserido nun borde circular situado sobre un racimo de uvas que, á súa vez, remata nunha miniatura formada por un paxariño que emerxe dunha mini tulipa circular da que pende outro racimo de uvas. Trátase dunha redundancia por recursividade, característica do arte celta, no que un tema se contén a se mesmo ata xerar a vértixe do infinito.
Vista da arracada de Vilar de Santos na que se percibe o colgante do racimo no vértice.
sábado, 13 de diciembre de 2025
A Zoca - Casas dos Mariñeiros
Cóntame o amigo Pancho Gallego que ó Barrio dos Mariñeiros ou das Casas dos Mariñeiros da Coruña, ó que foron vivir moitos pescadores procedentes dos vellos barrios mariñeiros, como San Roque ou O Peruleiro, tamén se lle coñece como A Zoca. Pesquisando pola rede unha pode atopar algunha explicación dos veciños ó nome de "A Zoca": "Lecho, o Churro, un mariñeiro histórico [...] descubriu as orixes dun dos nomes polo que se coñeceu ao longo dos anos a este barrio dos Mariñeiros. “Chamábanlle a Zoca, porque os vellos ían antes todos coas zocas”" ("Unha barriografía dende o “Maracaná da Chave”, musicaenbranco.org 2013). Parécenos que Lecho explicaba o nome polo calzado de madeira, e esa é a idea predominante, xustificada polas rúa cheas de lama, sen asfaltar.
Mais eu, lembrando os motivos mariñeiros e as embarcacións que aínda podían verse no Peruleiro fai uns anos (aínda que algo retirado do mar, o barrio non está demasiado lonxe da liña da praia como para que antigamente non se puidesen baixar e subir os botes), pensei nunha etimoloxía mariñeira para o nome da Zoca, pois é que unha zoca é unha especie de chalana ou bote auxiliar:
- "Chalana chata por ambos lados, para el servicio auxiliar de trincados y galeones" (Carré Alvarellos)
- "Embarcación de remo sólo para una o dos personas, que es cuadrada y plana por el fondo" (Eladio Rodríguez)
- "Embarcación de remo" (Franco Grande)
miércoles, 10 de diciembre de 2025
Cereixo e Toroño (Gondomar)
lunes, 8 de diciembre de 2025
Mougá e Malucanes
O topónimo Mougá dá nome a dous lugares contiguos das parroquias de Doniños e Esmelle (Ferrol) e ten correspondencias cos de Mougán (Guntín) e Mougás (Oia). Para Elixio Rivas e Fernando Cabeza Quiles estes topónimos, xunto cos de Mogor, Mugardos e outros de empezo semellante, provirían da base preindoeuropea *mok / muk, "prominencia" (Toponimia de Galicia, 2008).
Nós xa temos presentado etimoloxías diferentes, tanto para Mogor < xenitivo plural latino monacorum, "dos monxes", como para Mugardos < morgados, con metátese do r. Polo que respecta a Mougá, Mougán e Mougás pensamos que moi posiblemente proveñan do nome propio feminino Malucca ou Maluca documentado na Idade Media no Tombo de Sobrado como orixe do topónimo zamorano Malucanes, forma que semella un xenitivo en -anis tomado da casuística xermánica; aínda que como nome propio xermánico Maluca sexa descoñecido, o caso xenitivo singular en -anis da declinación xermánica dos rematados en -a no nominativo aplicouse por analoxía a varios nomes que non tiñan esta orixe.
Así pois, do xenitivo analóxico de Maluca - Malucanis formouse o nome do actual despoboado zamorano de Malucanes (Benavente). Na opinión de Riesco Chueca, Maluca sería un antropónimo de orixe árabe: "Elías Terés interpreta Maluca como hipocorístico femenino derivado de mâlik, con el significado de poseedor" ("Nuevas conjeturas de toponimia zamorana", Instituto de Estudios Zamoranos Florián de Ocampo - Anuario 2008). Independentemente de cal sexa a orixe do nome propio feminino Maluca, e sendo posible que houbese xentes procedentes da zona musulmana da Península, na evolución fonética da lingua galega na Idade Media un termo como Malucanis dá perfectamente Mougás ó perder o -l- e o -n- intervocálicos sobre o século IX, evoluír o ditongo resultante au a ou e sonorizar -c- > -g-.
Polo que respecta a Mougán (Guntín) e Mougá (Doniños e Esmelle), cremos que serían topónimos procedentes da forma masculina Malucanus, formada a partires do nome femenino Maluca. Do xenitivo latino de Malucanus - Malucani sairía Mougáni, que perfectamente tería evoluído a Mougán / Mougá.
A Casa da Serea de Mugardos e o proceso da Inquisición contra o alcalde Ramón Mariño
É moi coñecida a lenda da muller mariña, serea, Melusina ou mermaid que aparece como explicación da orixe do apelido Mariño que levan moitas familias, aínda que non estean emparentadas entre si: todos eles serían descendentes dunha muller mariña que casou cun home. É o caso da familia dos Mariño de la Barrera, con solar na vila de Mugardos. No paseo do porto consérvase en bastante mal estado o antigo pazo dos Mariño de la Barrera, agora utilizado como almacén de barcos. No seu brasón a figura da serea entre as ondas dá conta da mítica orixe familiar.
Nesta casa viviu Ramón Mariño de la Barrera, dacabalo entre os séculos XVIII e XIX. O que fora alcalde de Mugardos tivera que enfrontarse a un xuízo no Tribunal da Inquisición de Santiago por mor dun preito que levaba contra a comunidade relixiosa de Montefaro, dona e despótica señora da vila de Mugardos, que impuña pesadas cargas ós veciños. Ramón Mariño loitou, primeiro como xuíz da vila (logo como alcalde), pola súa independencia "sostendo a libertade e dereitos do pobo"; deseguida a vila pasou a depender da Coroa, perdendo en 1805 o mosteiro de Montefaro todo dereito sobre ela.
Evidentemente o preito presentado por Mariño, en representación do pobo, contra o mosteiro de Montefaro foi a causa de que a Igrexa comezase a atacalo para quitalo do medio coa denuncia ante o Tribunal da Inquisición. Na conxura urdida polos frades e os seus parceiros vertíronse calumnias e verdades que debuxan a un home cunha educación avanzada, mais na época só serviron para cuestionar a súa moralidade. Segundo os testigos Mariño dicía que a simple fornicación non era pecado, que o home debía vivir segundo o seu libre albedrío, non cría no Inferno nin no Purgatorio, e defendía que a morte dos seres humáns era igual que a dos brutos (animais) - isto é, que non tiñamos alma eterna. Parece ser que tamén viviría amancebado cunha súa criada que tiña na casa como doncela, feito que, de ser certo, lle daría moi mala vida á súa virtuosa muller.
Nesta lista dos pecados de Ramón Mariño saen datos moi interesantes respecto da súa formación cultural e os seus gustos. É da salientar que na súa biblioteca tivese obras do ilustrado Voltaire e "El Gerundio", o Fray Gerundio de Campazas (1758), obra que fora prohibida pola Inquisición debido á sátira que se facía nela da charlatanaría dos predicadores. Tamén un testigo comentaba que tiña un opúsculo manuscrito sobre a vida secreta (sexual) de María Luísa de Parma, sobre a cal corrían algunhas publicacións na época, distribuídas silandeiramente en círculos pechados ó tratarse do asunto da libido exacerbada da raíña. María Luísa tivera varios amantes; o máis famoso disque fora o ministro Godoy. E chegamos finalmente á colección artística que Ramón Mariño exhibía na súa casa do Pazo da Serea: "efigies de Venus, Júpiter y otras desonestas y enteramente desnudas", "en sus salas tenía a la vista a la Diosa Venus en cueros y otras figuras desonestas", "en su casa tenía varias pinturas que eran algo desonestas". Preguntámonos se a propia serea núa no escudo do pazo non tería sido considerada unha destas efixies deshonestas que alimentou a suposta depravación do home.
O interese deste proceso inquisitorial reside en que amosa o atraso cultural que no 1800 imperaba nun país completamente sometido ó dominio da Igrexa, no que ler a Voltaire ou ter esculturas neoclásicas en mármore con figuras núas da mitoloxía grecorromana eran considerados motivos suficientes para tentar excomungar a unha persoa e impedirlle continuar a súa carreira política. O expediente, de 1804, pode consultarse no Arquivo Histórico Nacional no titulo Mariño, Ramón, signatura INQUISICIÓN,3734,Exp.107.


