Fotografías: Anxo Martínez-de Alegría
Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
lunes, 26 de octubre de 2020
Percibindo os nosos ancestros nuha paisaxe sacra. O hórreo como tumba e templo.
Fotografías: Anxo Martínez-de Alegría
lunes, 19 de octubre de 2020
O espazo castreño: entre chousas
O Castro do Prado Chousa (A Gulpilleira - Curtis) non ocupa o centro do gran sel octogonal de Maques, senón que é periférico con respecto a él. Se a fundación do sel foi coétanea ou anterior á do castro, a situación periférica deste amosa que o asentamento do Ferro non estaba adicado específicamente ó coidado do gando, xa que segundo estamos a ver (seguindo a obra de Rementeria e Quintana, Los seles de Busturialdea-Urdaibai. Paisaje, cultura y etnografía, 2010), é no centro do sel (coidamos que é o vello pazo ou palatiom indoeuropeo) onde se sitúan as vivendas dos pastores e gandeiros, que logo dan paso ós caseríos propios do hábitat espallado vasco atlántico, tambén característico de Galicia: "en los seles encontramos el origen del hábitat disperso vasco atlántico, en la medida en que la agricultura se va desarrollando como actividad principal y la vocación pastoril de estos espacios se transforma con el asentamiento de comunidades humanas sedentarias reunidas en torno al caserío, que se sitúa en el interior de los seles".
Queda, pois, a tarefa de explicar a situación periférica dos castros do Ferro, a ocupación do espazo libre entre chousas gandeiras (o kortabitarte vasco) que algunha vez temos atopado como topónimo no noso territorio baixo a forma Chusmeal (cecáis Chusmeau / Chusmeao), "espazo no medio de dúas chousas". É este espazo de fóra, o que artella a paisaxe castrexa do Ferro, ó mesmo tempo que a existencia destes arcaicos seles gandeiros, como no País Vasco, modula e incide directamente no modelo de dispersión poboacional propia dos asentamentos de Galicia.
Sel octogonal básico. Plano del Burgoa Baserriko Basokorta, por Roslyn Frank, Universidade de Iowa ("Otro acercamiento al diseño de los seles vascos: sus vínculos con el sistema de medición septenario", ponencia no Symposium Biribilak Mendietan. Seles, Kortak, Saroiak: El Monte en Círculos, Euskal Herriko Museoa, Gernika, Bizkaia, 28 de setembro de 2019).
domingo, 18 de octubre de 2020
A Golpa (Cariño)
A Golpa neste caso non ten que ver, como é afirmado sen deterse a comprobar a adecuación do topónimo á orografía, coa raposa (latín vulpem > golpe). Nomea unha zona escarpada de difícil acceso que conflúe nunha garganta visible na fotografía aérea do Vóo Americán de 1956-57, xunto co conxunto de cerrados circulares dos que xa tiñamos falado (seguindo a tipoloxía de Abel Bouhier).
Entón, cumpre tirar en parte da interpretación de Martín Sevilla, que estuda os orónimos asturiáns gulipa e gulipu ("Las voces gulipa, gulipu, en el Occidente asturiano", en Corona Spicea: in memoriam de Cristóbal Rodríguez Alonso, 1999). Gulipu, segundo o devandito autor, na zona de Somiedo é un "lugar de difícil acceso; sendero entre rocas de paso difícil y peligroso; precipio", así mesmo, gulipa, "valle estrecho y pendiente". Para nós, o asturián gulipa viría da base onomatopeica *gulp, "tragar, gorxa, grolo", cun i epentético de soporte do ele en posición final de sílaba, o que tería provocado un desprazamento acentual: galego Golpa / asturián gulipa. Non obstante, Martín Sevilla funda a súa análise na comparación có holandés medio clippe e o antigo saxón e baixo alemán klif, "altura escarpada", que tambén resulta apropiada, remitindo a súa presenza no noroeste ó estabelecemento dos colonos suevos na Alta Idade Media.
lunes, 12 de octubre de 2020
Fornoucos e Pena Molegha
No lugar de Vilasuso (concello de Narón) existen varias Penas Molegas ocultas na paisaxe e nas fichas do parcelario. Preferimos soster que o nome actual de Pena Molexa que se lle ven dando á máis coñecida, situada no lugar de Fornoucos, non é máis que unha ultracorrección da pronuncia con gheada, Molegha. Nada ten que ver o nome, pois, coa moega das aves ou a glándula timo do gando bovino, xa que a outra Pena Molegha que acabamos de atopar no caminiño que sae un pouco máis adiante dos invernadoiros do mapa, ten forma de menhir ou pedrafita, non de disco.
Pensamos que Molegha é derivado do latín molem, "de gran volume", con conservación atípica do -l- simple intervocálico. Respecto ós singularísimos topónimos Fornoucos e Cova da Fornouca, que nomean a ubicación da Pena Molegha máis coñecida, son derivados de forno, probablemente na súa acepción atlántica de cámara megalítica (véxase o caso do dolmen irlandés de Fornoks). Neste senso, habería polo menos un dolmen moi preto do enclave, sinalado no Visor PBA (capa de patrimonio) da Xunta de Galicia.
viernes, 9 de octubre de 2020
Fontes electrónicas na investigación onomástica / Electronic resources for onomastic research
Thank you so much to Dr. Evgeny Shokhenmayer and Dr. Irina Martynenko, Russian linguists, for having included my blog in their useful bibliographical indexes.
E. Shokhenmayer: "Resources, media, networks and future of onomastic studies", 2019.
I.A. Martynenko: "Electronic resources as tools for toponymic research", TSPU Bulletin, 2020.
I remain them truly faithful.
A Rusia in Santa María de Melide (A Coruña - Galicia), near the round barrow (kurgan) of A Madorra.
Maradona
A recente descoberta por parte das asociacións Mariña Patrimonio e Irmandade Santo Estevo dun novo xacemento da Idade do Ferro precedido dun impoñente foxo no lugar da Maradona, nun espolón entre o Masma e o Rego Puxigo (San Xusto de Cabarcos), ó sur de Celeiro de Mariñaos, e que podería conter os restos do que parece unha sauna castrexa, lévanos a falar deste curioso arqueotopónimo, e non de fútbol...
Nós témolo atopado como nome duns túmulos no concello de Cerdido coa forma deturpada Maria Dona (A Barqueira Vella). Ten resonancias co topónimo histórico galego Castellum Meidunium e co sustantivo medoña, "túmulo funerario".
O topónimo céltico bitemático Maridunum ou Moridunum penso que ven do antigo europeo e o seu significado sería o de "gran túmulo ou colina artificial", cun primeiro formante que ten o seu cognado no inglés more, "great", tal e como sinalaba Pulman (The Book of the Axe, 1865, px. 62), sendo o segundo o ben coñecido dunum, "elevación de terra". Os seus descendentes atópanse no ámbito galés, hoxe baixo a forma Caer Myrddim, onde se cre naceu o druida Merlín. Curchin (1) tambén cita o galego Morodon (topónimo histórico mencionado polo Anónimo de Rávena no século VII) como equivalente de Moridunum (Gran Bretaña), aínda que considera ós primeiros formantes como procedentes do céltico *mor(i)-, "mar", o que non é aplicable ós nosos Maradona ou Maria Dona, de aí que aportemos como suxestión o devandito étimo paleoeuropeo *MOR-, "grande".
miércoles, 7 de octubre de 2020
Teixeverga
Teixeverga do Cano (Moeche), Agro do Ceo e Castro Sete (Cerdido). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, Capa do Vóo Americán de 1956-57.
Presentamos o primeiro topónimo bitemático composto co céltico -briga que atopamos no noso país, cunha pronunciación, por certo, paroxítona. A súa situación liminar próxima ó sel circular do Agro do Ceo, que ten a medida canónica dun sel maior ou invernizo (500 metros de diámetro) e é dependente do Castro Sete (Cerdido), parece indicar que o nome de Teixeverga aplicouse ós lindes do conxunto territorial dunha briga. Así mesmo, o desenvolvemento do agro parcelado neste caso parte da existencia previa dun sel gandeiro que acabou sendo reutilizado, como a míudo adoita ocurrir en Bizkaia (Los seles de Busturialdea - Urdaibai. Paisaje, cultura y etnografía, Rementería Arruza e Quintana Peña, 2010). Velaí, neste recuncho da paisaxe das Montañas Setentrionais, unha posible orixe do sistema de agras espallado por case toda Galicia.












