domingo, 28 de junio de 2020

Santiago, un vello deus mariño


Nept/uno / For(o)i(ri)/e(n)ses / d(e) s(uo) p(osuerunt). Hispania Epigraphica 8367.

Para os historiadores o pedrón de Padrón non é máis que unha ara romana adicada como por casualidade a Neptuno, e que tivo a fortuna de ser incluída na lenda haxiográfica da chegada do apóstolo Santiago a Galicia ó servir de noray onde se amarrou a barca na que os discípulos trouxeron o corpo santo. Deste xeito, parece que o dato de que a ara estivera adicada a Neptuno é máis ben anecdótico e non relevante na reconstrución da verdadeira natureza do noso apóstolo (Américo Castro: un dos Dióscuros?; Sánchez Dragó: Prisciliano?). Coñécese que o importante é o noray, non Neptuno.

No antiquísimo Breviario Ovetense adícanselle a Santiago, na véspera do seu día, os seguintes versos:

Breui Callensem tempore
Portum pertingit barcula
Quo Regum recens sobolis
Festum pro nupto peragit
Vix scapha vidit Regulus
Equo quando dilabitur
Dimissi retro caeteris
Undas maris converberans
Cunctis mare cernentibus
Natus regis sumergitur
Sed a profundis ducitur
Totus plenus conchilibus.

Estes versos logo pasaron a considerarse, negando o evidente, unha referencia ó suceso acontecido a un cabaleiro que parece ser foi salvado polo apóstolo de afogarse co seu cabalo no mar. Dita versión, na que se produce o desprazamento dos feitos acaecidos a un terceiro, consérvase no Santoral de Alcobaça.

Máis se ligamos de forma correcta a ara de Neptuno de Padrón e os versos que se lle cantan ó noso Santiago no 24 de xullo*, "Ad Vesperas", segundo o Breviario Ovetense, poderemos intuir que o apóstolo foi o mesmo Cabaleiro das Cunchas nos momentos previos ós sincretismos e transformacións que foi sufrindo a súa figura ó longo de milenios, unha vella divindade mariña, cecáis o mesmo Neptuno, ou un vello deus pertencente a un sustrato atlántico moi anterior, depredado por outros deuses que foron chegando con posterioridade asumindo o seu rol. 

Ó Porto Calense, nun intre,
Achégase a barquiña.
Nel celebrábanse nupcias
De estirpe real.
Cando o rei viu a barca,
O cabalo levouno fóra
Deixando os outros atrás.
As ondas do mar batendo,
Ámbolos dous cinguidos polo mar.
O nado de rei** afúndese
máis desde a profundidade emerxe
todo cuberto de cunchas (púrpura).

Cecáis, o fenicio Melqart montado sobre o seu cabaliño de mar. Durante a expansión dos fenicios polo Mediterráneo os mitos púnicos chegaron ata o oeste e ás costas atlánticas. Unha versión destas lendas sitúa a morte do deus en Hispania. Salustio e Pausanias ubican a tumba do deus en Iberia, e falan da celebración en Gades da súa morte e resurrección (Mª Eugenia Aubet Semmler, The Phoenicians and the West: Politics, Colonies and Trade, 2001, px. 154).

Somente os deuses mariños van vestidos de cunchas, somente un deles vai nun cabaliño, e somente un morre e resucita cíclicamente. Do Santoral de Alcobaça rescatamos, entón, un dato importantísimo: o suceso da inmersión no mar do cabaleiro ten lugar durante a celebración dunha boda. É un trazo que lembra a hierogamia entre Melqart e Astarté, que se celebraba no festival anual adicado ó deus mariño. Sendo Astarté a Venus romana, é doado entender por que Santiago-Melqart represéntase sempre coa vieira ou venera, a cuncha de Venus.

Arder as augas


Non vou agora, despois de tantos séculos, eliminar dun plumazo a cuncha de vieira da parafernalia do culto xacobeo, pero a súa omnipresencia xustificada desde a tradición documental e iconográfica máis antiga veu estorbar a comprensión do conchilibus que se menciona no Breviario Ovetense.

Conchylium é unha vestem purpuream, un manto ou túnica talar de púrpura, máis correto é dicir purpuream que conchiliatam, pero no Breviario preferiron a segunda. Tambén atopamos como sinónimos de púrpura as expresións vestis thalassina siue marina, polo efecto brillante da púrpura, semellante, dinque, ó resplandor das augas do mar cando reflicten o sol, ou pola orixe mariña do tinte, extraído duns crustáceos (v. De Re Vestiaria, de Ottavio Ferrari, 1654).

Entón, o chamado Cabaleiro das Cunchas da lenda de Alcobaça casaba na Maía, en Bouzas, cunha filladalgo de Gaia, doutro lado do Doiro, e foi saír do mar co seu cabalo, ámbolos dous cunchados (cubertos de púrpura). Aínda temos en conta, tambén, que unha vaca cunchada ou con cuncha na testa é a que ten unha mancha branca na fronte, como escuma do mar. Nos versos de Silio Itálico adicados ó cabaliño asturcón Pancates, no século I, nótase que esta mancha de escuma (a cuncha) é indicadora da raza, patria ou origo: "patrium frons alba nitebat insigne".

Ó iluminar agora o termo en ablativo, conchilibus, coa acepción que consideramos debeu ser a orixinal, é inevitable voltar ós fenicios e os seus emporios ou factorías de púrpura espalladas polo Mediterráneo e o Atlántico. Mesmamente, ata o descubrimento do tinte de púrpura atribúese a Melqart nunha lenda semellante á de Alcobaça, aínda que o que sae cunchado do mar é o morro do seu can.

A exclusividade das prendas tinguidas coa púrpura viña determinada pola gran cantidade de crustáceos necesaria para extraer unha pequena medida de tinte. Tanto foi así, que a púrpura veu identificarse coa realeza e os emperadores: os prezos desorbitados que chegaban a alcanzar as irisadas prendas talares rondaban o equivalente actual duns 6.000 € por prenda, como un traxe de Brioni (v. Sandra Busatta: "The Perception of Color and The Meaning of Brilliance Among Archaic and Ancient Populations and Its Reflections on Language", Antrocom Online Journal of Anthropology, 2014).

Mírese como se mire, o Breviario Ovetense nos seus parcos e inmaculados versos describe un rei que se mergulla no mar o 24 de xullo, e emerxe cunchado, cuberto da púrpura real, a vestimenta dos emperadores e os deuses. Logo, a vieira xacobea veu colarse entorpecendo a representación e a interpretación do mito atlántico.


O Cabaleiro Cunchado da miragre xacobea, por Iuvenalis de Urbe Veteri, ano 1441. (C) Xacopedia.

O que lle aconteceu ó cabaleiro ó meterse no mar co seu cabalo e saír plenus conchilibus foi, seguramente, que se mergullou no momento no que se producía o fenómeno coñecido como arder as aguas, mar de ardora ou ardentía; un fenómeno de bioluminiscencia oceánica moi frecuente nas nosas costas atlánticas nos meses de agosto e setembro (polo menos en Pontedeume é nestes meses). Á noite, os contornos dos corpos bañados na auga do mar emiten unha luz azul fosforescente que, consideramos, é a cor que se tentaba imitar coa irisada púrpura, cuxos tons abranguen do amarelo ó azul, pasando polo verde e o vermello, sendo o ton azul o máis prezado; é por iso que é chamada vestis thalassina siue marina.

  
Para que vou dicir máis, se xa o pintou Lugrís.
(C) Dolores González de la Peña, 2017 - Exposición "Lugrís. Paredes soñadas": Tríptico de San Gonzalo, Bispo Santo.

* A Neptunalia celebrábase en Roma o 23 de xullo, e duraba dous días, ata o 24.
** Herakles-Melqart, fillo de Xúpiter, deus do lóstrego; Santiago Boanerges, fillo do trono.
Hércules tambén foi identificado co titán Briareo: Columnas de Hércules ou de Briareo, que caen por estes lares atlánticos.

Da groma a Gruma (Bruma) e a Roma

A groma ou gruma foi a ferramenta dos gromáticos (os agrimensores romanos), con ela sinalaban o centro desde o que trazaban o eixe de coordenadas que lles servía para centuriar e organizar o territorio. O punto no que se chantaba a groma era o umbilicus soli (o embigo do chan) e tamén coincidía, polo tanto, co cruce das dúas vías principais que se formaban seguindo o eixe cadastral, o cardo e o decumano.

G. Libertini na súa edición dos textos dos Gromatici Veteres (2018, px. 564-5) avalía a hipótese de que o topónimo Roma de Italia veña, precisamente, do nome da ferramenta dos gromáticos, de alto contido simbólico por inaugurarse con ela a fundación dun territorio antropizado ou dunha cidade co seu entorno, un espazo que ten que ser liberado e sinalizado ó seren transformada e apropiada a natureza polos homes, o que leva aparellada unha serie de rituais apotropaicos moi precisos (liberatio et effatio).

En realidade a idea orixinal é de Karl Wilhem Göttling (Geschichte der Römischen Staatsverfassung, 1840), quen derivou o nome de Roma da groma, ferramenta e punto central ou embigo, centro augural: "medium locum et in castris et in urbibus designari, ubi cardo vel transversus limes decumanum limitem vel prorsum limitem dirimat, quem apud veteres Etruscus mundum, apud Latinos gromam adpellatam fuisse" (Göttling, apud F.D. Gerlach). Isto é: "no ámbito dun asentamento o punto no que unha vía transversal se cruza cunha paralela chamouse mundo entre os Etruscos e groma entre os romanos". De aí o cerimonial que seguiu a desenvolverse na cultura romá en torno ó mundo ou groma augural, celebrándose en certas datas a apertura da porta ou o levantamento da lousa que o pechaba (mundus patet).

No caso da Roma italiana, segundo Libertini, o nome de *(G)roma aplicóuselle por ser un vao, un cruce entre unha vía terrestre e a fluvial do Tíber.

Nós atopamos algunha evidencia de que isto puido ser así tamén en Galicia. Ou ben por teren centuriado o país os agrimensores romanos coa súa técnica e deixando a pegada na toponimia ó empregar o léxico específico dela, ou ben por ser o Ars Gromatica ou a Xeometría do Mundo un conxunto máis ou menos homóxeneo de práticas ancestrais partilladas por varios pobos, cun léxico de fondo indoeuropeo moi semellante.

O caso paradigmático é o da Roma de Abadín, no que, ó sur do embigo da *(G)roma, aparece o microtopónimo As Antigas (Visor PBA da Xunta de Galicia). Cos nomes de antica e postica os románs designaban os terreos que restaban, respetivamente, ó sur e ó norte do decumano ou liña imaxinaria, máis tarde camiño, que ía en dirección leste-oeste. Polo tanto, na Roma de Abadín temos conservado pola microtoponimia o que podería ser o foxo augural, que tería dado o seu nome ó lugar, *(G)roma > Roma, e ademais a parte do territorio ó sur da liña decumana no microtopónimo As Antigas, ou sexa, as terras situadas na pars antica ou anterior, de diante.

Ermida de San Lourenzo no Hospital de Bruma. (C) Dolores González de la Peña, 2020.

No caso do Hospital de Bruma (Mesía), recollido como "Hospitalis de Gruma" nun documento do 1175, vemos que no século XII aínda preservaba o grupo de muta cum liquida gr-, transformado logo en br- cecáis por etimoloxía popular. Recollémolo como topónimo pertencente a esta serie ó se situar nun nó viario ou cruce de vías do Camiño de Santiago.

O feito de que o eixe cadastral do cardo e o decumano sexa ó mesmo tempo eixe viario de comunicacións fai que o asentamento principal quede sempre á marxe do cruce ou groma; é dicir, non imos atopar a groma ou o mundo augural no centro dunha antiga poboación, polas molestias que sen dúbida ocasionaría ós habitantes e gando a circulación de carros, cabalerías e peóns polo medio do núcleo proto-urbán. Pode ampliarse a información sobre o mundum fundacional na entrada O auguraculum de Adai.

sábado, 27 de junio de 2020

Castro de Elviña: O Pouporón

Vista dos catro aterrazamentos do Castro de Elviña: O Pouporón. (C) Andregoto Galíndez, 2020.

Parécenos un derivado do latín populum, "poboado", con sufixo derivativo -ar, como por exemplo Vilar, máis sufixo aumentativo -ón.

Neste caso precisamos facer unha metátese p-l > l-p, trala caída da vogal postónica: póp(u)lo > polpo > *Polparón > Pouporón, con armonización vocálica o-a-o > o-o-o. Deste xeito, o vello nome do castro, conservado aínda ó comezo dos seus bancais agrícolas e no nome dun camiño que de Mesoiro ía cara Elviña (Camiño do Pouporón), viría motivado por ser un enorme asentamento de poboación que destacaría na contorna; unha especie de macrocidade castrexa.

No caso do topónimo contrario, A Poupariña (As Pontes), vemos que o sufixo -ar se conserva sen mutación vogálica, mentras que se lle engade o sufixo diminutivo -iña. Pode asemellarse morfolóxicamente ó menos corrente Vilariña (Fruíme - Lousame).

domingo, 21 de junio de 2020

Pedrafita ou menhir de Samarugo: WANTED!

Reconstrución aproximada do menhir ou pedrafita de Samarugo, un pouco estilizada de máis e sen escala. O texto de Mato Vizoso que analizamos a continuación tamén pode entenderse sen as lúnulas, como que no centro do menhir había unha concavidade circular rebaixada, cunha das súas mitades soterrada e a outra visible.
Dimensións do menhir: 3 m de longo por 1 m de cumprimento.
(C) Andregoto Galíndez.


Na procura do lugar en que se atopa ou atopaba este posible menhir con dúas lúnulas, presentamos unha reconstrución aproximada (da nosa autoría, como é doado percibir) para facilitar a comprensión da descrición do mesmo, proporcionada por Mato Vizoso no seu manuscrito inédito "Monumentos, castros y otras antigüedades visitadas", páxinas 17-20. O manuscrito atópase no Arquivo da Real Academia Galega, escaneado a disposición na web Galiciana. A data da excursión de Mato Vizoso figura no seu escrito; foi en 1889 cando se achegou a Samarugo para examinar diversos moimentos.

Pedra de Samarugo, con representacións astrais de dúas lúnulas e dous soles, segundo reconstrución de Manuel Murguía a partir, probablemente, dunha descrición da pedrafita excavada por Mato Vizoso. (C) Manuel Murguía, Historia de Galicia, vol. I, 1901, px. 597.

Menhir de Samarugo, por Mato Vizoso


"A unos veinte pasos al O de la Pena Abalada* hemos visto un curioso menhir que presentaba la figura de una pirámide de metro y medio de elevación y truncada en su parte superior. En virtud de excavaciones practicadas a su alrededor se ha conseguido extraerla de su asiento, encontrándose debajo algunos trozos de carbón vegetal. Estaba sujeta en su hoyo con diferentes piedras, todas las cuales eran fragmentos graníticos extraídos a golpe de martillo. Examinada dicha piedra o menhir resultó ser una pieza de granito de tres metros de longitud que desde su parte media formaba una pirámide a cada extremo casi de la misma manera, una de las cuales estuvo sepultada en el terreno. Sus cuatro caras con buen desempeño y pulimento tenían diferente cuadro y sus aristas estaban perfectamente rectas. Dos [de] dichas caras, las colocadas a N y S eran de un metro de ancho en el medio de la piedra y disminuían hasta quedar en 0,15 en el extremo superior y 0,25 en el inferior. Los paramentos de E y O tenían menos anchura y poca disminución quedando de unos 0,30 en sus extremos. En la cara que daba hacia el N formaba un semicírculo rebajado unos cinco centímetros, sin formar arista por ser redondeado, y que tendría un metro su cuerda, o sea de extremo a extremo hacia el O. Su colocación era en la parte media de la longitud de la piedra, de suerte que aparecía en la pirámide descubierta un cuarto [de] círculo y otro igual en la porción inferior".

* A situación da Pena Abalada, segundo Mato, é "al norte del lugar de Cornes [¿Cornas?] y al SO del de Campomayor, y en el monte o situación llamada da Cortella, en la Parroquia de Santiago de Samarugo". Cecáis haxa que entender que ó suroeste da Pena Abalada queda Campomaior, o que nos deixa unha zona de penichaira semellante á da fotografía do arquivo documental de Mato Vizoso; a correción é precisa porque a liña imaxinaria que parte do norte de Cornas non cruza ca que parte do suroeste de Campomaior.

Pena Abalada de Samarugo. (C) Real Academia Galega - documentos de Mato Vizoso.

Segundo outros visitantes que se acercaron atá alí a fotografiar a Pena Abalada para o Portfolio Galicia, estaría preto do lugar de Cardelle, pois contan que lles acompañou "Anselmo Guás, vecino del inmediato lugar de Cardelle", que foi quen de salvala de que uns canteiros a convertiran en "piezas para sillería" ese mesmo ano (La Voz de Galicia, 7 de outubro de 1902). Así que as referencias  xeográficas de Mato ou non serían correctas, ou había dúas penas abaladas (unha en Campomaior e outra en Cardelle), o que máis ben é pouco probable, ou temos que entender sensu lato que o lugar de Cardelle estaba inmediato á Pena Abalada de Campomaior.

Cardelle: é hoxe un topónimo desaparecido do noso nomenclátor. Recuperámolo grazas ó examen das minutas cartográficas do IGN. A posible situación do menhir en Cardelle, límite parroquial, tería motivado o topónimo, ó provir probablemente dun diminutivo do latín cardus, "eixe cadastral".

Nun dos seus escritos, sostiña Mato que neste lugar de Cardelle nacera Juan Guás, o famoso arquitecto do século XV, segundo noticias que lle facilitou a familia Goás de Cardelle.


Do oeste ó leste, e facendo unha curva: Vacariza, Campomaior, Cornas, Cotillón, Cardelle e Río Mouro.


viernes, 19 de junio de 2020

As Lagoas como moimentos megalíticos

Lembro cando lle dabamos voltas na web Celtiberia.net, no 2006, ó asunto do exacto significado de laco ou lacuna nos textos medievais, como o de Celanova ("lacos anticos et mamolas", ano 982),  nun debate promovido por André Pena Graña ó pé dun artigo seu desaparecido. É certo que é un contexto brevísimo, máis debuxa nidiamente a paisaxe do megalitismo galaico.

Que poderían ser as lagoas neste contexto e noutras mencións nas que aparecen xunto coas pedrafitas? Entón non o sabiamos ben: mámoas desfeitas, cun cono de violación e aspecto de lago ou lagoela? Era o que dicía Pena Graña.

O texto de Celanova non nos fai falla máis que para comprobar o uso do termo lacos aparellado co de mámoas fai un milenio; a nosa paisaxe cultural está inzada de megalitos que reciben o nome, directa ou indirectamente, de lagoas. Se o lugar leva dito nome é pola instalación dos túmulos; por exemplo, Chan das Lagoas (no ámbito lusitano podemos anotar os dólmenes do sitio da Lagunita, en Santiago de Alcántara). 

Doutra banda, en moitos túmulos e castros desfeitos fórmanse lagoas por escorrentía da auga da chuvia cara ó seu interior, acabamos de velo nunha entrada anterior (Fornos, támbaros e lagoas: unha sauna castrexa en Goiriz?). Será únicamente por iso que reciben o nome de lagoas?

Tambén existen o que pensamos que puideron ser antigas lagoas neolíticas feitas polo home para que o gando abrevase nas penichairas, nalgún caso preto de necrópoles prehistóricas, das que temos falado nalgunha outra entrada: Lagoas neolíticas de Galicia, Lagoa neolítica no Petón da Campaíña - Corme.

Nun interesantísimo estudo de Elizabeth FitzPatrick analízanse os lugares onde se terían celebrado as cerimonias de investidura real irlandesas na Idade Media (Royal Inauguration in Gaelic Ireland, circa 1100-1600. A Cultural Landscape Study, 2004). Estes lugares eran as leaca: Leac na Ríogh, Mullagh Leac, Leac Mhic Eochadha e Leac Mhíchíl. Segundo esta autora, unha leac é unha lousa (pedra plana) situada horizontalmente. Son, entón, as pierres plates ou lapis planus, as lousas de cobertura das antas que formaban as necrópolis antigas. Neste senso, o dolmen de Lácara, na Extremadura, pode encadrarse nesta etimoloxía.

Adoitan representarse como grandes cadeiras de pedra, e ás veces son verdadeiras cadeiras ou coronation chairs. Tivemos a oportunidade de ver a de Loughcrew en Meath, e de falar abondo delas en La Piedra del Destino - Loughcrew (Condado de Meath - Irlanda), onde comentamos que unha das súas ubicacións preferentes, segundo FitzPatrick, era nas necrópoles megalíticas, pois nelas se establecía a lexitimación da soberanía territorial fundada sobre as tumbas dos devanceiros, con toda a simboloxía que elo implica.  Engadimos agora que non é que a ubicación preferente das leaca foran as necrópolis, é que as leaca eran as necrópoles.


Como topónimos, as leaca irlandesas foron deturpadas de varias formas polos ingleses: Leaghoill, Lachiell (v. FitzPatrick). Parece evidente, entón, que o mesmo poido ter ocurrido en Galicia, onde o indoeuropeo *PLAK-, "superficie plana de pedra", evolúe a *(P)LAK- > *LAG-, e conflúe polo tanto coas formas que proveñen do latín lacum, "lago, lagoa" (v. Dictionary of the Welsh Language, sub llech).

Pero houbo investidurais reais nas lagoas megalíticas de Galicia?

Coronation chair de San Tomé



Coronation chair no borde da croa do Castro de San Tomé (Ourense).
(C) Andregoto Galíndez.

A cadeira ten no seu asento a gravura dun lacum, o que a identifica, segundo a linguaxe elíptica dos gromáticos, cunha leac. Chegamos ó significado a partir do significante representado na gravura cuxa pronunciación remite a dous términos homófonos, como é corrente na práctica dos gromáticos. Aducimos o seguinte exemplo: "terminus si super se plumbum habuerit, stagnum significat aut cisterna" (Latinus Togatus, en Gromatici Veteres, ed. e trad. de G. Libertini, 2018, px. 383). Como é que o chumbo indica unha cisterna? O chumbo é un metal que se usa na aliaxe de produción do estaño, e o latín stagnum ten dous significados, estanque e estaño, polo que un depósito de chumbo xunto ou sobre unha pedrafita indica que hai un estanque ou balsa de auga que actúa como límite. A lectura destes antiquísimos símbolos gromáticos lembra moito á dos xeroglíficos exipcios, ou á dos xeroglíficos dos crucigramas.

Cofraría secreta dos Valuros

Transcribo completo o texto sobre a cofraría secreta dos Valuros, atópase nun manuscrito inédito de Manuel Mato Vizoso titulado "Colección de algunas noticias y tradiciones, referentes al Partido de Villalba" (Arquivo da Real Academia Galega, copia dixital en Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia).

"Había algunos en las parroquias de Momán, y Roás y Muimenta [todas en Cospeito] que hacían viajes explotando la credulidad de las personas rústicas, y a esto decían "ir a la Valura", y cuando alguno iba en estas excursiones decían "vay na Valura". Salían por el verano dos o tres meses, montados en buenas y enjaezadas caballerías y parece que simulaban una especie de cofradía a la que aparecían suscritos los que daban las limosnas cada año. En el país de su domicilio guardaban mucho secreto acerca de su manera de proceder en las excursiones que hacían". 

Polo visto, estamos diante dunha sociedade secreta similar á de La Garduña, unha organización criminal (neste caso, de timadores profesionais), unha mafia, xermanía ou irmandade, Cosa Nostra e Cousa Nosa, uns gangsters, Golfos Apandadores... que haberá que investigar máis en profundidade. A testemuña de Mato aporta novos datos, como o feito de que estaban obrigados a un pago que garantía a pertenza e protección (limosna = pizzo das mafias italianas). 

miércoles, 17 de junio de 2020

Fornos, támbaros e lagoas: unha sauna castrexa en Goiriz?

Permitídeme que transcriba parte de dous manuscritos de Manuel Mato Vizoso do ano 1890 aproximadamente. Están no arquivo dixitalizado da RAG (na web Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia) e neles descríbese o Castro do Campo do Cristo de Goiriz (Vilalba), polo que pasei pouco antes do confinamento; non me gusta ir pola autovía por mor da néboa.

Igrexa do Campo do Cristo de Goiriz. "Es iglesia de refugio. Año de 1773". 
(C) Dolores González de la Peña, 2019.

Monumentos, castros y otras antigüedades visitadas - 1890


Según Mato, os tres parapetos do castro situado ó sur da estrada que vai cara Mondoñedo, no Campo do Cristo de Goiriz, aparecen cortados por "una vía perfectamente encachada con rajuela [rasilla] de granito duro, la cual se encuentra cubierta en la actualidad con porción de tierra y lodo, y sirve para conducir un arroyo de manantiales y agua que se reúne dentro del castro en tiempo de lluvia. La referida vía, en su dirección hacia el norte, forma varias tortuosidades y va encajonada a unos dos metros de profundidad de la superficie de los terrenos de ambos lados -tiene de ancho cerca de tres metros-, hasta que se pierde a unos doscientos metros de distancia del Castro [...]. Existía hasta hace poco tiempo un gran chanto de granito colocado horizontalmente sobre otros dos verticales, en el que se conocía que se le hacía fuego por debajo y era conocido con el nombre Forno dos Mouros, apareció enterrado en la cima del segundo parapeto próximo a la referida vía, y todavía se conserva el hoyo de donde dichas piedras fueron extraídas."

Túmulos y castros - a. 1890


"En el indicado castro de Goiriz, hemos visto una especie de horno, a que daban el nombre de Forno dos Mouros, colocado al exterior del parapeto, y se componía de una losa cuadrilarga de un grueso de tres pulgadas, que descansaba horizontalmente sobre otras tres verticales, clavadas en el muro de tierra formando una hornilla, con evidentes señales de haber sufrido la acción del fuego, de lo cual claramente se deduce que se calentaba la referida losa horizontal para cocer sobre ella pequeñas tortas. Tenemos noticia de que también en otros castros han sido encontrados aparatos de la clase del que mencionamos y puestos igualmente al exterior de los parapetos, sin duda como precaución contra los incendios".

Como vedes, no Castro do Campo do Cristo de Goiriz formábase unha lagoa, que tiña canle de desagüe, e ademáis presentaba un forno no ¿cumio? dun dos seus parapetos. Este forno podería ser o que hoxe consideramos unha sauna castrexa, ou ben un dolmen que quedou enriscado no alto do parapeto, sen que o destruiran. Logo, os fosos deste castro formáronse traballando o terreo dunha necrópole megalítica anterior.

Lagoa de Fabás, Gomariz.

A ver quen é capaz de explicar este misterio, que completamos coa fotografia aérea da enigmática Lagoa de Fabás (en Gomariz, aldea próxima ó Campo do Cristo de Goiriz); hoxe é un humedal protexido*, aínda que non estea inventariado como castro.

Podemos engadir O Castro, en Santa Mariña de Lagostelle (Guitiriz), no que se observan os posibles restos das bases de dous túmulos, un máis pequeno e outro alongado, tipo long barrow. Dani García de la Cuesta indícame que, mesmamente, o topónimo Lagostelle podería estar relacionado coa existencia destas lagoas artificiais formadas pola destrución de antigas mámoas ou castros; e todo elo tería que ver co termalismo da zona de Guitiriz? Así, suxiro partir de *Lacusticula, un derivado de lacum, "lagoa". O topónimo resultante desta evolución iría en caso xenitivo de relación.


* Lagoas e humidais da Terra Chá, de Adela Leiro e Mon Daporta.