domingo, 31 de enero de 2021

Unha poesía visual descoñecida de Valerio do Bierzo

Témoslle especial cariño a Valerio do Bierzo, eremita do século VII. Un home que amou ás mulleres e soubo valoralas poñéndoas como exemplo de superación das súas obrigas socioculturais, que lles impediron en xeral destacar nos campos científicos e da creación. Algunhas foron, grazas ó seu denodado esforzo, capaces de ultrapasar ós homes nas metas do coñecemento e mesmo da aventura; a eles, que viñan libres destes impedimentos de xénero.

Por el coñecimos a Egeria, a peregrina galaica que viaxou a Terra Santa no século IV ou comezos do V. A obra na que recolleu a epístola que lle adicou é a Vitae Patrum (manuscrito MSS/10007 da BNE), copiada por Armentario no século X. Nela pódese observar que Valerio era aficionado a construir poesías visuais, con versos acrósticos nos que expresou a autoría da obra e a quen lla adicaba. Como ten sinalado Díaz e Díaz "algunos copistas reconocen [os acrósticos] poniendo las iniciales de verso, y las finales, en tinta roja". Fóra destes clásicos versos acrotelésticos nada sabiamos doutras formas de poesía visual que poidese ter empregado Valerio, xa que a derradeira folla do libro, que imos estudar agora, é interpretada como un labirinto de letras onde só se expresa o nome do seu posuidor, segundo a ficha da BNE, para quen Armentario tería copiado a obra ("Este Armentario, que hay que entender como el segundo gran copista, al que se debe la mayor parte del códice y singularmente su final, vivía en un monasterio no identificado, bajo la dirección de un abad llamado Trasamundo" - Díaz y Díaz).


A folla está ilustrada cun labirinto ou sopa de letras tipo cadrado SATOR onde podemos recoñecer dúas palabras con sentido, son as palabras latinas ARA e MUNDI, que se len en todas as direcións dos dous recadros que marcamos, e que á súa vez encadran un tau central. O tau é símbolo cristián da ara ou altar onde foi sacrificado Cristo, é dicir, é símbolo da cruz. Sendo entón as palabras que o enmarcan unha definición do simbolismo do tau: "ARA MUNDI" (altar do mundo). Un pequenísimo poema, un haiku paleocristián que pensamos que ten que ser da autoría de Valerio, que pasa entón a convertirse en precursor dos caligramas de Apollinaire, como o poeta latino Venancio Fortunato ("Poesía, dogma y política en la Antigüedad Tardía: el caso de Venancio Fortunato y los Carmina Figurata", Liliana Pégolo, TRABAJOS MONOGRAFICOS - Anales de Historia Antigua, Medieval y Moderna, nº 50, 2016).


Poema visual de Venancio Fortunato (s. VI) adicado á cruz: "mihi refugium", "est quam semper adoro", etc. Códice de San Gallen, 196.
(C) Universidade de Friburgo.

Doutra banda, partindo do tau e seguindo a vertical ou a horizontal ata os bordes, e logo seguindo os bordes en calquera direción, tambén pódese ler o nome "TRASAMUNDI ABTI" (do abade Trasamundo), o que forma un debuxo no centro en forma de cruz +, non por azar.


Ó atribuir a autoría deste poema visual a Valerio, necesariamente derívase como corolario que o tal abade Trasamundo, o propietario do libro orixinal, foi coetáneo de Valerio, e non do copista Armentario como se ven pensando. Armentario faría esta nova copia na que incluiría o labirinto de Valerio.

No hay comentarios: