Preto da aldea de Brandián, a capeliña de San Miguel da Veliña, mailo lugar das Penas da Veliña (O Freixo - As Pontes de García Rodríguez), que segundo Ana Durán Penabad teñen de sempre ese nome que lle ensinou o seu avó, presentan a mesma deturpación por influencia do derivado do latín vallem, aparecendo Baliña e Abaliña, fronte a "La Veliña", nas Minutas Cartográficas do IGN.
Toponimia prerromana, hidronimia paleoeuropea, etnografía, megalitismo e arte rupestre. Se chegaches aquí por Google e non te levou á entrada que procurabas, volta a repetir a búsqueda dende Bing! ou usa o buscador interno do blog. Grazas!
miércoles, 28 de diciembre de 2022
Veliña
Preto da aldea de Brandián, a capeliña de San Miguel da Veliña, mailo lugar das Penas da Veliña (O Freixo - As Pontes de García Rodríguez), que segundo Ana Durán Penabad teñen de sempre ese nome que lle ensinou o seu avó, presentan a mesma deturpación por influencia do derivado do latín vallem, aparecendo Baliña e Abaliña, fronte a "La Veliña", nas Minutas Cartográficas do IGN.
martes, 27 de diciembre de 2022
O Cadramón
domingo, 25 de diciembre de 2022
San Breixo
O topónimo céltico Berísamo, documentado na epigrafía da Gallaecia, é un superlativo formado coa base preposicional UPER, "sobre, enriba", mailo sufixo de superlativo celta -ísamo. Significaba "o que está máis enriba, o superior". Na Idade Media foi latinizado como Veríssimus, o que lle proporcionou de paso unha falsa etimoloxía ou vencello co latín verus, -a, -um, "verdadeiro, veraz; - o máis sincero". Logo de latinizarse, completou a súa transformación coa conseguinte cristianización como Sanctus Veríssimus > Sambreixo (Láncara) ou San Breixo (varios lugares e advocacións inspiradas polo topónimo: na Fonsagrada, Monterroso, etc.), desprovistos en xeral do marcador de grao superlativo. Aínda que se conservan algúns casos nos que o seu carácter de falso haxiotopónimo resulta máis evidente, como no Beresmo de Avión, e os Bréixome de Rairiz da Veiga e Cuntis - Pontevedra, ó ir sen o adxectivo San.
Normalmente atoparémolo asociado ós recintos fortificados en altura da Idade do Ferro; estruturas habitacionais características dos celtas galaicos. A súa grande dispersión por toda Galicia dá conta do carácter céltico da antiga toponimia do país, e porén da lingua nativa, o que é aínda discutido a pesares das evidencias lingüísticas. Neste sentido, resulta moi relevante o feito de explicarse a evolución do *UPER- cara *VER- pola perda do p característica das linguas célticas: segundo Curchin está moi ben "documentada la perdida de la oclusiva labial indoeuropea /p/ en las lenguas célticas. En el caso del celtibérico se citan generalmente, como muestras de este fenómeno, *pari > are-, *uper- > uer-" (Curchin: "P indoeuropeo en celtibérico: nuevos ejemplos", Habis, 2002).
viernes, 23 de diciembre de 2022
O baile do Sol - cursus Solis
Nos tratados de astronomía medievais representábanse os tres soles con estes semircírculos de cores, o Sol de inverno ou hiemalis, cun corto percorrido ou cursus, o Sol equinoccial, cun percorrido maior, e o Sol de verán ou aestiuus, o que percorría a maior distanza.
Coas estreliñas estamos a marcar os ortos e ocasos do Sol na súa respectiva época do ano. Coa liña grosa de lápiz que une os tres semicírculos tomámonos a licencia de trazar a viaxe completa do Sol, que xa adopta a forma gráfica dun labirinto, motivo amplamente representado nos nosos petróglifos da Idade do Bronce, e que, seguramente, estea a plasmar o movemento do Sol tal e como se concebía na antigüidade. Este movemento ou danza solar circular que dá volta sobre se mesma para logo cambiar a dirección de xiro pervive no mito do baile do Sol do noso folklore da mañá de San Xoan - solsticio de verán, outra data importante do curso do astro.
Segundo os agrimensores romanos, existían pedras de límite que seguían o curso do Sol "qui Solis cursum sequuntur"; con elo poderían referirse á orientación solar dalgunhas pedras de término, ou cecais a debuxos grabados nelas, que ben poderían ser os grabados de labirintos.
Felices festas solsticiais!
jueves, 22 de diciembre de 2022
Avium inspex = augur
miércoles, 21 de diciembre de 2022
Chandrexa: igrexas, griegas e brigas
Ó me xurdir nunha búsqueda na base de datos do CODOLGA o topónimo Penna Egregia, cun claro valor oronímico (latín egregius, -a, -um = noble, principal, insigne, elevado) nun contexto que descarta calquera relación co latín ecclesia, "igrexa", xunto coa ocurrencia Chian d' Egregia, que é o Chandrexa actual de Parada de Sil ("Johannes Petri de Sequer de Boys, Adam de Chian d’Egregia", ano 1249: CODOLGA), lévame a reconsiderar a etimoloxía tradicional deste último, a que, como é ben coñecido, se fai derivar do latín ecclesia, como o nome de Chandrexa de Queixa. Máis que nada, porque en Chandrexa hai unha igrexa, si, pero tamén un outeiriño cun castro, O Castelo.
O Sagrado de Sacardebois: santuarios naturais da paisaxe histórica
O Padre Sarmiento (1) foi o que por primeira vez viu a relación etimolóxica entre o topónimo Sacardebois e a súa versión medieval latinizada Rouoyra Sacrata: "Rouoyra Sacrata, qui est in Monte de Ramo" (ano 1124). No Catastro de Ensenada (s. XVIII) a parroquia de Sacardebois aínda figuraba adscrita a Montederramo (Ourense), aínda que hoxe pertenza a Parada de Sil.
O monxe bieito partía da idea de que a forma Riboira Sacrata (dita lectura non é correcta, senón Rouoyra) que atopara na obra de Yepes era a forma orixinaria, na que logo se alteraría a posición do adxectivo, Sacrata Riboira > Sacra Riboira, de onde xurdiría o Sacardebois posterior. A proposta etimolóxica do Padre Sarmiento levaba, porén, a idea dunha ribeira dun río sagrado, o Sil.
O que resulta claro é que nas antigas terras de Montederramo, segundo veñen no Catastro de Ensenada, o único nome de lugar compatible coa latinización Rouoyra Sacrata é o da parroquia de Sacardebois. E non é doado, dende logo, darse de conta de que existe unha relación entre ambas formas; mais o Padre Sarmiento fiaba moito do latín e daquela non se coñecía aínda o que eran as falsas latinizacións da toponimia tan habituais nos textos monacais da Idade Media. É dicir, Sacardebois podería estar máis preto do étimo orixinal, e Sacra Rouoyra ou Rouoyra Sacrata podería ser unha pseudolatinización total ou parcial do orixinal.
Outras formas medievais que atopamos no CODOLGA, coas que aparece escrito o topónimo son:
- Sicario de Bobus (ano 1204).
- Seker de Bobus (ano 1238).
- Sequer de Bois (varias mencións dende o ano 1240 ó 1258, na documentación do mosteiro de Montederramo).
Vemos nelas que os bois estaban moi presentes, e que cecais podería tratarse dun sequeiro, "lugar onde se poñen a secar froitos ou pezas de cerámica, leña...; terreo non regado". Descartámolo inmediatamente pois no entorno de San Martiño de Sacardebois (O Val) atopamos o microtopónimo O Sagrado, que explica o "Sequer" medieval como provinte do nominativo latino sacer, "sagrado".
Preto de San Martiño de Sacardebois atopábase o mosteiro románico de San Adrián de Sacardebois (reconstruído no ano 925 segundo inscripción hoxe desaparecida descrita por Ferro Couselo), e o eremitorio-necrópole altomedieval de San Vítor (San Lourenzo de Barxacova). Temos, pois, un lucus, ou un nemeton, un bosque sagrado evidenciado pola advocación a San Lourenzo (2), a microtoponimia O Sagrado e a propia etimoloxía de Sacardebois, que vimos de presentar coa colaboración do Padre Sarmiento: *Sacer de Bobes = O Sagrado dos Bois.
(1) "Etymología de el nombre de lugar de San Martín de Sacar de Bois".
(2) V. "Un lucus en San Lourenzo de Niveiro".
(2) Archaic Roman Religion, I, 1996, px. 465.domingo, 18 de diciembre de 2022
Ourego
Entre as parroquias carballesas de Artes, Rus e Ardaña sitúase o Castro da Forca ou de Antelo (por existir nel un marco de límite parroquial). Agora vimos de atopar no Catastro de Ensenada (de meados do século XVIII) un outro nome do mesmo recinto: Castro de Ourego (v. delimitación da parroquia de Ardaña). Ten un considerable valo dobre que o circunvala, que ó noso xuicio é o que orixina o topónimo Ourego; nome que en principio non tería que ver coa pranta comestible chamada ourego, que adoita botárselle ó tomate da pizza.
A cabana do náufrago, de Francesco Benozzo
I
lunes, 12 de diciembre de 2022
Soandres e Bendrade: a propósito de -n'r- > -ndr-
A epéntese do b é regular cando o son nasal é un m (Tám(a)ra > Tambre), mentres que a do d é case inexistente ou imperceptible cando o son nasal é n (gen(e)rum > xenro, non *xendro).
Mais case inexistente non significa que non se practicase nos inicios da lingua. Temos exemplos, aínda que limitados ós escasos étimos que comportan unha cadea fónica formada pola nasal n + unha vogal átona perdida + o son vibrante simple r. E aquí imos ver dous casos tomados da toponimia, eido dos fósiles lingüísticos e dos eslabóns perdidos.
Soandres (A Laracha) é un topónimo composto pola preposición so, "xunto de" (1), máis o tema hidronímico paleoeuropeo Ánaris (mesma base hidronímica que o Anas de Guadiana). Este Ánaris é o hidrónimo que o xeógrafo hispanorromano Pomponio Mela (século I) mencionara entre o pobo prerromano dos ártabros ou arrotrebas. Ós ártabros, segundo o papiro de Artemidoro (século I a.C.), hai que resitualos no seo formado pola desembocadura do Anllóns, entre Laxe e Corme. Como é sabido, o Anllóns nace preto das Brañas da Estaca, en Soandres (A Laracha). Tendo en conta a reubicación do porto dos ártabros á que obriga o papiro de Artemidoro, non queda outra que reducir o río Ánaris ó Anllóns, que desemboca nel. É, porén, moi probable que o nome prerromano do río se conserve na súa cabeceira baixo a forma Andres, provinte de Án(a)ris > *Ánres > Andres, coa epéntese do d entre n'r da que estamos a falar. O nome do río logo sería sustituído polo latín *Angulones > Anllóns, motivado polos meandros do curso fluvial, mais o antigo hidrónimo se tería mantido dende a Idade Antiga ata a actualidade nomeando ó territorio que ocupa a súa cabeceira: Soandres = Xunto do Andres ou Ánaris.
Bendrade (Cuiña - Oza dos Ríos) é un topónimo escuro (2) se non se ten en conta na súa análise este fenómeno de epéntese; se se ten en conta, resulta doado averiguar a súa etimoloxía romana. Como nome propio, Veneratus, en caso xenitivo de posesión Ven(e)rati > Bendrade.
* A etimoloxía de senrar e senra a partires do latín seminare, é mea e de Harri Meier, e confronta a hipótese da orixe celta da palabra. V. Senra.
(1) Jairo Javier García Sánchez, "El elemento prefijal sub (> so) en toponimia. Reconsideración de su valor", Archivum, 2002.
(2) Dun hipotético antropónimo xermano *Brandatus, ou dun prerromano Bend- máis ráth, "defensa de terra" (Carlos Búa: "Thesaurus Palaeocallaecus", en Onomástica Galega, ed. Dieter Kremer, 2007).
jueves, 8 de diciembre de 2022
Sésamo e Sesmonde
O nome de Sésamo, din os que respostan as preguntas do Catastro de Ensenada, de meados do século XVIII, "deriva de hallarse en su término una montaña en cuya cima se haya la iglesia parroquial". Non sospeitabamos que se atoparía na memoria popular do século XVIII a lembranza etimolóxica deste topónimo céltico que ten estudado Cabeza Quiles na súa obra A toponimia celta de Galicia (2014). Aínda que a lembranza é escura, non deixa de facer referencia á montaña onde se ubica o recinto fortificado da Idade do Ferro de Sésamo, maila capela de San Cosme, antiga parroquial.
Resumimos polo capítulo que Cabeza Quiles adica ó topónimo: do celta Segisamo derivan Sésamo (Culleredo) e Sísamo (Carballo), mentres que da variante casual (pola declinación do nome) Segisamone provirían Sasamón (Burgos) e Sisamón (Zaragoza). Todos eles formados pola base celta SEG-, "vitoria, forza, poder" mailo sufixo de superlativo, tamén céltico, -ISAMO.
Á vista do significado como orónimo conservado aínda na memoria popular dos habitantes de Sésamo (Culleredo) no século XVIII, podemos reconstruír un valor semántico do topónimo ligado ás elevacións orográficas onde se emprazaban preferentemente moitos dos asentamentos fortificados da primeira Idade do Ferro: "a fortaleza, o lugar máis forte e inexpugnable".
As fontes clásicas e epigráficas mencionan para o actual Sasamón de Burgos indistintamente as formas Segísamo (caso nominativo) ou Segisamóne (caso acusativo) - uso o til para indicar o desprazamento acentual que conleva o aumento silábico; dito acento consérvase fixo e inmutable nos resultados evolutivos modernos.
Dado que Sésamo e Sísamo proveñen do nominativo Se(g)ísamo, semella que en Galicia non quedarían formas provintes do acusativo Se(g)isamóne > Sasamón (Burgos) / Sisamón (Zaragoza), o que resulta bastante extraño, pois tanto o nominativo como o acusativo son os casos típicos que orixinan a toponimia (son case inexistentes topónimos provintes doutros casos).
Vías naturais como factor determinante dos asentamentos da Idade do Ferro
- Estreliña vermella: As Travesas (Carral).
- Aspa verde: Cruce de Sesmonde (Curtis).
- Círculos marróns: castros. De esquerda a dereita (en letra verde os inmediatos á calzada): Castro de Virís (Queixas - Cerceda); Castro de Morgade (Ardemil - Ordes), e baixo el o Castro de Leira (Ordes) e o da Torre de Moscoso (Ardemil - Ordes); preto da estreliña vermella o Castro das Travesas (Beira - Carral), o Castro da Alcaiana (Vizoño - Abegondo) e o Castro de Castromaior (Vizoño - Abegondo); Castro de Vizoño (Abegondo); Castro dos Ricos preto de A Calzada (Visantoña - Mesía); Castro da Braña (Visantoña - Mesía); Castro de Castiñeiras (Mesía); recinto-torre de Churruchao (A Pobra Mesía) e Castros de Tamarín e de Monteiro (Bascoi - Mesía), doutro lado do río Samo; Castro de Borrifáns (Oza-Cesuras); no Cruce de Sesmonde, Castros de Ril e Parrando e baixo eles, Castro Mouro ou de Viladarcas e Castro de Estremil (Barbeito - Vilasantar); voltando á divisoria de augas e preto de Porto Carros, Castro de Fisteus e A Roda de Godulfes (Curtis); Castros de Vilarullo e Frádegas (Curtis); Castro de Santaia (Curtis); Castro de Foxado (Curtis); Castro de Sante (Grixalba - Sobrado), preto de Casa Camiño; Castro de Cumbraos (Sobrado); Castro da Lagoa (Codesoso - Sobrado); Castro dos Cotos (Roade - Sobrado).
- Liña laranxa: divisoria de augas do Tambre (ó sur) e os ríos Mero, Mendo e Mandeo (ó norte).
- Liñas azuis: divisorias de augas das cuncas fluviais dos ríos Mero, Mendo e Mandeo.
- Distanza de Brea ó mosteiro de Sobrado: 50 kms.
domingo, 27 de noviembre de 2022
Dolmen do Curro de San Tomé - Recaré (O Valadouro). O ouro dos mouros
O dolmen de San Tomé de Recaré tamén é coñecido na bibliografía antiga (1) como do Padorno, por estar moi preto deste lugar, que localizamos na microtoponimia da folla catastral, e de cuxo significado, en relación cos megálitos, xa temos tratado neste blog (Padernelo, Padornelo, Paderne..., Arqueotoponimia, 2016).
- "Un home que andaba coas ovellas no Chao do Padorno, sentindo que lle viña encima a treboada, gardouse debaixo dunhas penas, e como non paraba de chover, botou a noite enteira alí. Cando acordou, á mañanciña, viu que a auga lavara o acubillo, descubrindo un baño cheo de ouro. Axiña quixo facerse con el, mais o baño pesaba tanto que o home tivo que baixar á aldea e xunguir unha parella de bois para carretalo. Co ouro que tirou fixo un casal, que aínda hoxe lle chaman o Casal do Rico".
- Amáis, unha outra lenda: "O Día de San Xoán, os de Santa Cruz madrugan para ver a roupa tendida do Encanto do Padorno".
miércoles, 23 de noviembre de 2022
Posmarcos e Promercos
Se xa tiñamos a sorte de conservar o milenario etnónimo dos célticos Praes(t)amaricos (Mela e Plinio) no nome da parroquia de Posmarcos do concello da Pobra do Caramiñal, temos que felicitarnos por atopar estes días o seu xemelgo inseparable, o etnónimo dos célticos Supertamaricos, citado sempre polas fontes clásicas acompañando ó devandito Praes(t)amaricos. Sobre estes últimos, aínda que pareza imposible, está documentada a evolución do étimo Praes(t)amaricos cara o resultado actual Posmarcos; pode consultarse o completo estudo das fontes que tratan deste territorio e a súa progresiva redución de comisso a parroquia, dende os autores clásicos ata a Idade Media, na entrada do blog Fror na area, de Miguel Costa: "Territorio Pestomarcos", 2009.
Situación do microtopónimo Fonte Promercos no Alto do Roque ou de San Roque, entre Negreira e Outes (parroquia de Xallas - Negreira).
Precisamente por ser Promercos un nome de lugar extrañísimo, inexplicable doutro xeito, ten que ser necesariamente a parella de Posmarcos, coa que garda unha estrutura fónica semellante.
Promercos < Supertamaricos
Posmarcos < Praes(t)amaricos
A favor da nosa conxectura, amáis do paralelismo fónico evolutivo, temos a ubicación da Fonte Promercos no territorio que se supón ocupaban os célticos Supertamaricos, ó norte ou sobre do Tambre (antigo Tamara), nos actuais concellos de Negreira, Outes e Muros (espallados tamén, cecais, polos de Carnota e Mazaricos).
Supomos que na evolución de Supertamaricos a Promercos prodúxose a caída da sílaba átona inicial, precisamente pola súa pronuncia débil. Logo entraría en xogo unha posible reinterpretación popular do resto, *Pertamar(i)cos, como *Portamarcos / *Portomarcos, de onde por sucesivas alteracións obteríamos o actual Promercos. Algún cambio menos sufriu o etnónimo Praestamaricos ata chegar ó actual Posmarcos, mais tamén resulta irrecoñecible.
Suxerimos a reinterpretación popular como porta ou porto xa que no Catastro de Ensenada da parroquia de Santa María de Xuño (na antiga xurisdición do Caramiñal), vemos que o seu irmán Posmarcos tamén pasou por esa fase, mencionándose como "San Isidro de Porto Marcos".
lunes, 21 de noviembre de 2022
Freón, Mirón, Brión e os topónimos en -dunum
Na documentación antiga da Gallaecia só temos reflictidos tres topónimos formados co termo céltico dunum, "fortaleza, cidade": o Caladunum mencionado por Ptolomeo, o Castellum Meidunium do documento epigráfico atopado en Rubiás - Ourense e Morodon, topónimo histórico mencionado polo Anónimo de Rávena no século VII, que viría sendo equivalente ó galés Moridunum (Curchin).
A escasez de datos fixo que Curchin negase incluso que fosen topónimos en dunum, propoñendo un derivado do celta *calet-, "duro, forte", co engadido dun sufixo -uno, para Caladunum, e directamente non incluíndo a Meidunium neste tipo ("Los topónimos de la Galicia romana", Cuadernos de Estudios Gallegos, 2008).
Mais se temos en conta que Asturias formou parte do antigo territorio da provincia da Gallaecia podemos engadir o caso do actual topónimo Valduno (Les Regueres), que Martín Sevilla estudou como de orixe céltico: *Valodunum, isto é, "a fortaleza ou cidade do valo ou dos valos". Dita hipótese, segundo o investigador, non pasaría de ser unha probabilidade, pois é que dunha forma *Valodunum pode esperarse unha evolución Valduno; mais non sería segura a non ser porque nas inmediacións de Valduno "existe un castro denominado El Castillo de los Vallaos", en alusión ás súas defensas ou valos (Toponimia de origen indoeuropeo prelatino en Asturias, 1980).
Pola súa parte, Xosé Lluis García Arias tamén inclúe na serie os topónimos asturianos Lliberdón e Gordón (v. resumo en JV García Trabazo, "Toponimia prelatina en Asturias: una revisión crítica en perspectiva histórico-comparativa", Lletres Asturianes, 2016).
Se ben de Caladúnum ou de *Valodúnum poden esperarse solucións con caída da vogal pretónica como *Calduno / *Caldón, Valduno / *Valdón, existe unha outra evolución posible que comprende a caída da consoante oclusiva dental sonora -d- ó ir en posición intervocálica. Dito fenómeno coñécese como lenición celta, e vai encadeado a outros feitos no paradigma das consoanes oclusivas, como a sonorización da sorda correspondente (t) e a simplificación da xeminada correspondente (tt). Porén, de Caladunum esperariamos en Galicia unha forma como *Caaón, pois o antigo -l- intervocálico tamén cae, como é ben coñecido. De dita forma *Caaón poderiamos esperar *Caión, pola epéntese dunha i antihiática. Mais sen documentación ou traballo de campo que refrende a evolución dunha forma como Caladunum a Caión movémonos neste caso no ámbito da incerteza.
Como asegurarse de que determinado topónimo en -ón procede dun composto con -dunum como segundo elemento, é un simple aumentativo en -ón, ou procede dun antropónimo en acusativo pertencente á declinación tipo Silus (nominativo) - Silonem (acusativo con tema en nasal)?
1. Recorrendo á documentación: o topónimo Freón.
Sempre que a documentación medieval acredite un -d- na forma etimolóxica. Temos documentado no ano 922 un "Castrum Fredoni" na Colección Diplomática de Lugo (Fonte: CODOLGA), cun -doni que podería ser a forma romanceada inicial do céltico dunum, en caso xenitivo de relación (non de posesión). O documento é relevante tamén pola referencia a un castro chamado de Fredoni > Freón, o que indicaría a repetición ou redundancia do referente "asentamento fortificado" nos termos "Castro" e no "-doni" procedente de dunum. Intrepretamos o primeiro elemento do composto Freón < Fredoni polo xermánico fra, "diante de", co que resultaría un topónimo recurrente no que se amosan restos de tres linguas e que podería traducirse como "Castro de Diante do Castro".
2. Ampla dispersión do topónimo ó longo do territorio: Mirón.
3. Comparativa con outros topónimos idénticos interpretados como provintes de -dunum no ámbito europeo: Brión.
sábado, 19 de noviembre de 2022
Dindshenchas. Da etimoloxía toponímica á mitoloxía da paisaxe
Convídovos a ler unha colaboración que veñen de me publicar no último número da revista SAGA. Revista dixital de investigación, nº4, 2022, da Sociedade Antropolóxica Galega.
martes, 15 de noviembre de 2022
Congo e Abeleiras (A Garrida, Verís - Irixoa)
martes, 8 de noviembre de 2022
Vilaño (A Laracha)
Na microtoponimia da folla catastral do entorno de Vilaño (A Laracha) atopamos o nome dun camiño que comunica o lugar cos castros de Montes Claros e As Motas e a igrexa de San Tiago de Vilaño. O camiño chámase de Milaño Vello. Esta variante ben podería deberse a unha confusión de sons bilabiais (b - m), mais o feito de estar arrodeada a zona de Vilaño de microtoponimia viaria, como Calzada e cecais Millareiras, e mailo achádego dun miliario reutilizado nalgún momento do pasado como tenante de altar na igrexa de San Tiago (hoxe exposto na sacristía), lévanos a propor que o topónimo orixinal foi, en realidade, Milaño; un derivado do latín miliam (passum).
*Milianeum > *Millaño, e por disimilación de sons palatais, *Milaño, logo Vilaño por confusión de sons bilabiais. O topónimo aludiría a un lugar onde se cumplía a distancia dunha milla de percorrido por unha calzada romana. En principio, pois, non tería que ver coa ave chamada miñato ou vilaño, segundo hipótese que formulara Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia, 2008).
sábado, 5 de noviembre de 2022
Xogos de velorio: O Abellón
O caso irlandés
- Ademáis dos xogos de rolda e prendas, existían xogos de tipo deportivo como o lanzamento de pedras e salto de altura e lonxitude; xogos atléticos, como os que Aquiles celebrou na honra do seu amigo Patroclo. Así, Joe Griffin (Galway) indicaba que "The next day before the funeral, stone-throwing was done to find out the strongest man in the parish. Long jumping and high jumping were also".
- Os xogos producíanse no entorno ritual do funeral acompañados dos prantos (Cluichthe Cointe = Xogos de prantos; banshee = carpideira, chorona).
- Certos xogos tiñan grande antigüidade, como The building of the fort e The building of the ship; apenas quedaban maiores que os tivesen presenciado. No xogo da Construción do castro os participantes simulaban un combate, ían enmascarados e armados de lanzas e protexidos con escudos, lembrando fortemente o antiquísimo Ludus Troiae romano, tamén de carácter funerario. No da Construción do barco representábase a construción dunha embarcación e finalmente a saída ó mar dun barco varado no lodo; suxire un fondo paralelismo coa morte e a navegación das almas cara ó Alén mariño das crenzas escatolóxicas celtas. É posible, pois, que algúns dos xogos tivesen unha compoñente simbólica vencellada á ocasión fúnebre.
- Nun artigo de Henry Morris ("Irish wake games", Béaloideas, 1938) amáis de describirse varios xogos de velorio, sinálase un tabú sobre estes: "these games were permissible at wakes only: it would be considered very wrong, unlucky and dangerous to play them at any other time". Precaución que puido ser certa para os xogos de velorio orixinais, pero costa aplicar semellante tabú a un xogo como, por exemplo, Antón Pirulero ou A Zapatilla.
- Finalmente, reservo a sorpresa para o final. Os xogos de abellas tamén estiveron presentes nos "Wake games" irlandeses. Unha forma de xogalos era estilo "O xogo das cadeiras", na que os participantes cada un ten a súa silla para establecer nela a colmea, menos un: "One is left out an the others blackens all his face with soot form the chimney" ("Bees in the Hive" - dúchas.ie). Outra forma de xogalo era simular a construción dunha colmea: os nenos levábanlle ó que facía de abella raíña unhas palliñas na boca mentras zoaban imitando o son das abellas, da segunda volta o que lle levaban na boca sen deixar de zoar era auga (= mel?), e a abella raíña quedaba mollada ("Bee-hive", dúchas.ie).
Conclusións
domingo, 30 de octubre de 2022
Cordal, Cordón, Cordeiro
Corda ou Cordal son orónimos que deixaron escasa pegada na nosa toponimia: A Corda (Friol, Palas de Rei), A Corda da Ara (Sobrado dos Monxes), O Cordal de Montouto (serra entre Aranga e Guitiriz), O Cordal (Abadín, As Pontes, Vilalba). Designan unha serra ou cadea de montañas, ou a altura dun monte. Segundo Charles Rostaing poderían provir da base oronímica prelatina *COR (variante de *CAR). Mont de Cordon é un dos topónimos que menciona no seu Dictionnaire etymologique des noms de rivières et de montagnes en France. Semella evidente, pois, que o noso Cordón é herdeiro desta base indoeuropea: así o Monte Cordón (preto de Lapela - Coirós) e o lugar de Cordón (Santalocaia - Castro de Rei).
O profesor Porto Dapena ligaba o Cordón da vila de Cedeira ó eido da oronimia, mais facíao provir do latín chorda, "corda dun instrumento musical, feita de febras ou tendóns retortos" (Diccionario toponímico do concello de Cedeira, 2014). Nós preferimos tirar da base indoeuropea, polo feito de estar o topónimo vencellado á oronimia, o que é indicativo da grande antigüidade do nome e da súa precedencia, antes de que, por deriva semántica, evoluíse cara á designación de obxectos de forma semellante (cfr. o orónimo Serra, do que sae o nome da serra, "ferramenta dentada").
É significativo que cordón tamén designe unha especie de cobra, a víbora macho (dicionario de Aníbal Otero). Aínda que normalmente pénsase á inversa, que foron as cobras as que deron nome ás cadeas de montañas (Sierra de la Culebra, Serra da Cova da Serpe, Cordón), o mecanismo foi seguramente á inversa: coluber, serpe e cordón foron orónimos antes que nomes de réptiles. A orografía do referente designado polo oro-hidro-topónimo desencadeou a metáfora, que se aplicou a outros elementos, obxectos ou seres vivos semellantes.
No caso do topónimo Cordeiro e o composto Precordeiro / Percordeiro (As Pontes de García Rodríguez) ten bastante consenso a hipótese de que designa un lugar no que habitaba ou tiña o seu obradoiro un home que se adicaba ó oficio de facer cordas (Cabeza Quiles, Toponimia de Galicia, 2008; Encarna Domínguez Ramil, "Nullum est sine nomine saxum: Apuntes de toponimia", Hume. Revista de Estudios Históricos Locais, 2015). Sen negar que en certas ocasións poida facer referencia ó oficio, suxerimos ter en conta a posibilidade de que sexa un orónimo da familia de Corda, Cordal e Cordón, como parece no caso da elevación chamada Alto de Cordeiro (A Olga, Santa María de Álvare - A Pastoriza).
Para Percordeiro Rivas Quintas falaba dun topónimo antroponímico ("Fenomenoloxía toponímica de Galicia", 2006), é dicir, semella que quería derivalo do nome persoal Pero ou Pedro máis o apelido Cordeiro, que cecais aludise ó oficio antedito... Mais para nós a explicación antropotoponímica é sempre a última opción cando existen outras posibilidades que reflicten as motivacións esenciais dos topónimos, pola orografía do terreo ou pola actividade de aproveitamento desenvolta nel. Cecais un *Pedro Cordeiro (cun masculino analóxico procedente do femenino pedra), que designase un penedo senlleiro situado nun cordal (cfr. o topónimo Pedro Monteiro), ou un *Prae Cordeiro, como sinalara Domínguez Ramil, cunha preposición latina que indicaría a situación do lugar diante dun cordal.
sábado, 24 de septiembre de 2022
Riquiño, dígovolo eu
- Existe a convención de que os diminutivos non se recollen, porque, do contrario, o dicionario aumentaría considerablemente o volumen de entradas innecesarias. Xa que, logo, estes derivados teñen o mesmo significado (mais en pequeno) que o termo en positivo, sería un desperdicio de tempo e espazo. Neste caso, o "riquiño" do exemplo dos versos de Rosalía, ó ser claramente un diminutivo de "rico" como oposto a "pobre", non ten entrada nos dicionarios.
- Excepción: recóllense aqueles diminutivos lexicalizados, é dicir, diminutivos que, procedentes dun positivo, acadaron acepcións especiais moi específicas que non se atopan exactamente no termo do que proveñen.
- Para rexistrar nun dicionario un termo, neste caso, un nome, ten que darse ou tivo que darse o seu uso na lingua falada ou escrita. Isto é unha regra de Perogrullo, pero é así: non se poden incluír entradas (palabras) cuxo uso non estea difundido nunha lingua.
- Pódense rexistrar préstamos doutras linguas se o seu uso está normalizado na lingua que o recibe, e con máis razón se o termo adaptouse á lingua receptora.
Se atendemos á parte en que din que non se pode meter "riquiño" no Dicionario porque é un diminutivo galeguizado do castelán "rico", coa acepción de "niño bonito y a la vez gracioso, encantador", respostamos que podería entrar no Dicionario, como préstamo galeguizado procedente do castelán. Non hai obstáculo algún para admitiren préstamos nos dicionarios, calquera que sexa a súa morfoloxía (non están prohibidos os diminutivos) e lingua de procedencia.