viernes, 20 de noviembre de 2026

Desencantadas / Dolores González de la Peña, Editorial ConSciencia 2026

 

Desencantadas no escaparate da librería Couceiro (Santiago de Compostela).
(C) Carlos Arias, ed.

Veño de publicar na Editorial ConSciencia da Coruña o meu primeiro libro en solitario, como se fose unha rock and roll star separada dun afamado grupo (o meu grupo sería o "Seminario de Eduardo Pondal" - Espiral Maior Foro - Carballo). 

O libro é un ensaio en galego, curto pero denso (xa ides avisadas), sobre a orixe da literatura nos mitos, nos contos marabillosos e no folclore, dende unha perspectiva feminina e feminista. Se queredes saber o que é a literatura e a crítica literaria, sen ter que ler os 25 volumes da Crítica da razón literaria do profesor Jesús G. Maestro, podedes comezar por Desencantadas, que volo conta en algo menos de 90 páxinas ó módico prezo de 12 euros.

Nel explicamos asuntos literarios de vital importancia, algúns xa tratados no blog, pero agora van revisados, aumentados e reorganizados dun xeito que cohesiona e unifica os materiais cara unha finalidade:

Quen é a moura da mitoloxía galega? Por que as princesas están encantadas, por que dormen? Que é o desencantamento? Que representa a figura mítica do dragón / serpe? Por que Carapuchiña leva unha carapucha vermella? Que é, no fondo, O Quixote? Existiron as doncelas guerreiras, ou son o sono húmido da mente patriarcal? Cal é o tema esencial da Odisea que Homero nos agochou? Que é o canon literario androcéntrico? E o "Camiño do Heroe" de Campbell? Houbo un "Camiño da Heroína"?

En definitiva, rescatamos e revelamos o papel invisibilizado da muller na xénese da literatura.

E sobre todo, o que procuramos con este pequeno ensaio, é fomentar a capacidade crítica para nos enfrontar a certas opinións autorizadas que sistematicamente devalúan, minimizan ou invisibilizan o rol da muller no proceso creativo e nas obras literarias (mitos, contos marabillosos, folclore, narrativa...). 

Polo momento, mentres non o presentamos e non o poñemos en circulación, podedes atopar algúns exemplares de Desencantadas nas librerías Couceiro (Santiago de Compostela) e Sisargas (A Coruña). Nuns días teredes tamén un exemplar en préstamo na Biblioteca da Diputación da Coruña, cando o cataloguen... Se algunha está interesada en adquirilo dedicado, pode escribirme ó correo do blog, e mirarei de enviarllo dalgún xeito (contra rembolso?).


Deus vos críe para boas fadas!

No hay comentarios: