Nos mapas antigos (planimetrías e minutas do IGN) aínda se lía o nome que tiña o Campo da Feria de Momán (Xermade): O Mariñeiro, nome que xa coñeciamos pola nosa amiga Judit (Judiña de Lea), cuxa familia é orixinaria deste lugar. Non moi lonxe, atravesando Os Cobos por un vello camiño, chégase ó Castro de Margá (Guitiriz), que está a menos de dous kilómetros do Mariñeiro.
A forma máis antiga do topónimo Margá aparece nun documento do ano 572 do Tombo Vello de Lugo, vencellado ó Parroquial Suevo, como Maragane, coa terminación propia do caso xenitivo: "Oritur ubi ingreditur Latra in Mineo et, ueniens ad Serra de Sancta Cruce, pertransit in directum ad Maragane ueniens ad Coruiti, pertransiens ad Castellum Aranga" (CODOLGA).
No ano 1202, xa perdido o -n- intervocálico, aparece mencionado nun documento de Monfero como Maragai: "et vilar de Sancti Iacobi et Vigo Mau et Maragai et vilar de Lia, et mea portione d´Espigaroa usque ad pena de Lea" (CODOLGA). A devandita forma continúa a empregarse ó longo do século XIII. Un documento de 1282 fálanos do Cast[r]o de Maragay: "outrosi outorgamos que dela mamoa dAffonssoerez atroes o Casto de Maragay non ffazã por lo Conçello nj̃ por lo Moesteyro cassas nj̃ pobranças ' Et este Lugar deue aficar parao laurar et parao paçer" (Corpus Xelmírez). Xa no século XIV aparece como "herdade que iaz en Maragaae ffijglesia de Sancta Maria de Laurada" (Corpus Xelmírez).
A secuencia consonántica do étimo, MRGN, non cadra coa antroponimia de orixe latina ou xermánica coñecida. De feito, unha procura na base de datos do CODOLGA mediante o comodín que substitúe un carácter (M?R?G?N*) só devolve resultados como o propio Maragane, Mauriganes (Dozón, ano 1100), Moroganus / Moraganus (Coimbra, ano 1101), Miragano (Xubia, ano 1113), Mirogono (Pedroso, ano 1128) e Maragani (Monfero, ano 1223). Todos eles compatibles con evolucións por asimilación e disimilación vocálica, do antropónimo céltico bitemático *Mor(i)genos, "nado do mar, mariño". Mor(i)genos, pola súa vez, é o étimo que orixina o antropónimo Morgan, Morgen, Muirgen, cecais Morgana (Morrigan - cfr. Torres Asensio 2003), etc. nas linguas celtas insulares.
Ámbalas dúas bases que integran o antropónimo *Mor(i)genos foron coñecidas e utilizadas polos pobos celtas da Península Ibérica. MER / MORI, "mar, lagoa, humedal", segundo Villar está na base do epíteto teonímico celta MARANDIGUI, e GENOS, "clan, familia, orixe", integra como segundo elemento varios antropónimos celtas como MEDUGENOS.
Nós pensamos que o fundador / posuidor do Castro de Margá tiña como nome nome propio unha forma provinte do antropónimo céltico *Mor(i)genus, "nado do mar / de orixe mariño", logo dobrado de xeito redundante no veciño topónimo do Mariñeiro. Cecais o seu nome tiña que ver con algunha lenda celtoatlántica sobre a orixe da familia fundadora do castro a partir dunha muller mariña ou serea (cfr. a lenda fundacional da liñaxe dos Mariño), ou cecais procedía dun lugar costeiro: segundo escoitou a amiga Judit, dicíase que os do lugar do Mariñeiro viñan de Viveiro... Outra lenda ben interesante sobre O Mariñeiro é que na casa familiar de Judit (propiedade do señor Domingo Nieto) había unha queixada de balea integrada na estrutura da vivenda como trabe! As lendas que transitan pola memoria dunha colectividade moitas veces parecen de antonte, e o mesmo teñen dous milenios.
Caben outras posibilidades para explicar o topónimo dobrado Margá / O Mariñeiro nun lugar que non está na costa, como as que nos indican Rosa Brañas e Marcial Tenreiro: o vencello toponímico do castro co mar pode ter unha explicación mítica. Entre os mitos sobre o mar agochados na toponimia e no folclore galegos atópanse por exemplo os pozos peagos, que se cre que se comunicaban co mar e funcionaban, polo tanto, como portas ó Outro Mundo. Entón é posible que o topónimo Margá / O Mariñeiro remita a lugares da xeografía sagrada. Neste sentido o epíteto teonímico xa mencionado, MARANDIGUI, segundo Brañas, podería aludir ó mar como elemento de comunicación co Alén.
Doutra banda, chama a atención a alta frecuencia do apelido Miragaya nas provincias de Lugo e A Coruña, o que amosa que podería proceder do topónimo Margá na fase Maragay - Miragay (con disimilación vocálica). Debo esta interesante aportación ó historiador e amigo Luís Torres.



No hay comentarios:
Publicar un comentario