Rois é o nome dun concello da Coruña e máis de dous lugares de Pol e Bergondo. As primeiras documentacións son baixo a forma Ruis: "usque in fontano que dicimus Ruis, et per ipso fontano usque in uallo" (ano 915: CODOLGA). A devandita forma, Ruis, é compatible polo tanto co étimo latino riuus, "río", en caso nominativo singular. Ten apariencia de plural rematado en -s, pero non o é. O contexto do documento que citamos, no que o topónimo aparece como nome dun curso fluvial ou manancial (fontano), apunta á etimoloxía que estamos a fornecer: riuus > rius > rus / ruis (ben con aférese do i, ben con metátese ou cambio de posición do i). Pódese consultar tamén a entrada que dedicamos ó nome do lugar de Rus no blog ("Rus (Carballo; Zas) e Ru (Vilasantar)", Arqueotoponimia 2023).
No caso concreto do concello de Rois coruñés, refórzase a nosa proposta etimolóxica ó comprobar que o Río Rois pasa polo concello de Rois. O seu nome ven sendo un exemplo típico de hidrónimo redundante: Río Rois = Río Río, expresado en dous estadíos lingüísticos distintos, o termo romance "río" e o termo arcaico fosilizado "rois", que aínda garda a estrutura casual do latín nesa forma de nominativo singular provinte do latín riuus.
Non consideramos acertada a proposta que presenta a profesora Boullón na web Toponimia de Galicia (O Seminario de Onomástica responde: Rois), na que indica como étimo o antropónimo xermánico Ruderico > Rodrigo > Roi (hipocorístico), logo levado ó plural para indicar que alí vivían os familiares ou descendentes dun tal Roi (*Os Rois), pois non ten en conta que a primeira documentación do topónimo é como hidrónimo, e que aínda se mantén como nome dun curso fluvial. Amais, de ser certa a orixe antroponímica, faltaríalle o artigo (*Os Rois), como no caso do veciño Os Dices (= os de Diz ou Díaz) onde se atopa a capital do concello de Rois.

No hay comentarios:
Publicar un comentario