lunes, 9 de noviembre de 2020

A raposiña de Morás: a arpía galega

Veño de ler o interesante resumo que tivo a amabilidade de enviarme o músico e investigador asturianista Daniel García de la Cuesta sobre a etimoloxía da palabra harpa, parte da monografía que ten adicada a este instrumento musical (Harpa y la so presencia n'Asturies, 2004). Nel saen as arpías, e as raposas. Como podería eu concretar e visualizar máis claramente a relación entre elas? Entón, dándolle voltas ó asunto, non me quedou máis remedio que lembrar a historia da raposiña de Morás que conta don Antonio de la Iglesia nun dos seus papeis manuscritos, case que ilexibles, polo costume que tiña o erudito de escribir os seus apuntes a xeito de palimpsestos, sobre vellos impresos, cun feixe de incisos intercalados e chamadas.

A raposiña de Morás é unha figura da mitoloxía galega prácticamente descoñecida, antiquísima e en perigo de extinción. Ten moitos outros nomes*: raposiña do Morrazo, raposiña das Mordazas, raposa dos Morganzos, etc. O único estudo longo que se lle ten adicado é o de Aitor Freán Campo, onde a equipara có Cancerbeiro: "El Urco en Galicia y Asturias: análisis y caracterización", Boletín de Literatura Oral, 14/07/20.

Pasamos entón á ler a miña transcrición, lixeiramente modernizada nas grafías e certamente incompleta aínda que respetuosa co orixinal, da historia da raposiña de Morás, contada por don Antonio de la Iglesia a finais do século XIX. Veremos que as características da raposiña son as mesmas dunha arpía grega (cfr.): un ave de rapiña hibridada morfolóxica e etimolóxicamente coa raposa, que, como as arpías, secuestra e conduce as almas ó Alén. Aplicamos, entón, a proposta de García de la Cuesta ó noso ámbito territorial e comprobamos que nel existiu o mito prehistórico dos secuestradores de almas que veñen polo aire. O mito tería xurdido, segundo pensamos, nos albores da humanidade da observación do comportamento das aves rapaces e carroñeiras.

Aparición da raposiña de Morás na carballeira de San Lourenzo (Santiago de Compostela)

No medio do campo e carballeira de San Lourenzo hai unha peneda disforme que era moitismo máis grande noutro tempo, mais fóronlle metendo barrenos e barrenos nas entrañas e sacando anaquiños para a obra do convento, e quedou así esmornada e redocida segundo se ve. Extendíase ademáis a citada peneda polo que agora lle chaman a Poza dos Cans [...]. Frente ó lado norte da Poza corre a liña de casas chamadas do Penal, construídas en alto enriba da peneda [...]. Tómase alí ben o sol no inverno, e queda a costume de sempre sentarse a parolar alí a xente, aunque sea de noite.

Sucedeu nunha delas que vellos e mozos tantos contos e casos alí contaron, que se foi pasando sin sentir gran parte dunha noite oscura, aunque temperada e serena; e tan distraídos estaban que, ou fose por esto, ou polo vento contrario, non sentiron hora ninguna do reló da catedral, e pasaba xa da media noite cando ouviron un grito, un ¡ai! no ceo, encima deles, que os obrigou a calar e mirar para riba. E viron que viña do norte a raposiña de Morás polo aire, botando llamas pola boca, e, que sin deterse, foi a dar o segundo grito ó pasar por encima da torre do convento, e o terceiro ¡ai! aló por encima do Pinal e montes da Curitaina e do Agrasán.

Habíanse levantado todos os circunstantes có asombro, e o máis ancián deles, que se chamaba D. Roque, a petición dos outros [...] dirixen uns Pater Nósteres, Ave Marías e Gloria Patries, que rezaron por todas as benditas almas do Purgatorio, marchándose seguidamente cada un para súa casa, preocupados e conmovidos, que apenas poideron dormir en todo o resto da noite. A alma tan delorosamente en pena, simbolizada na raposiña de Morás, foi un motivo máis que suficiente e poderoso para traer, como trouxo, por uns días, tristes, macilentos, abatidos e meditabundos ós da tertulia do Penal de San Lourenzo [...] (Folk-Lore gallego : os aparecidos. III-IV, 1890).

Baixorrelevo asirio dun voitre psicopompo levando os intestinos dun morto ó Alén - British Museum, século VIII a.C. (C) Dolores González de la Peña, 2013.

Estes espíritus que veñen polo aire, precursores da morte, aparecen indirectamente no céltico insular na denominación dos espanta-bruxas coñecidos como sheela-na-gigs. Lembramos o complicado que é achegarse ó spelling das linguas goidélicas, nas que para o caso que nos ocupa o aire / vento é  geay en manés e gaoth en irlandés, e que a pronunciación é [ɡiː]. Suxerimos por elo que nun dos spellings populares da figura, Síle na Ghaoth (Tipperary), consérvase o significado verdadeiro que a vencella cos espíritus que veñen polo aire anunciadores da viaxe ó Alen, ós que ela pretende afunguentar amosando a súa vulva: a vida frente á morte.

*Leite de Vasconcelos nas Tradições populares de Portugal (1882) fala da Zorra de Odeloca ou Zorra Berradeira como criatura mítica do Algarve, considerada como un alma en pena. Trátase dun paxaro que chega ó Algarve no verán e cuxos berros imitan ós da raposa. Para o etnógrafo, a tradición é vestixio da crenza segundo a cal as almas dos pecadores transfórmanse en varios animais que vagan polos campos e cemiterios.

sábado, 7 de noviembre de 2020

Modorras da Braña de Ernes (Negueira de Muñiz)


Situación da Braña de Ernes segundo as minutas cartográficas do IGN: ó sur de Ernes e ó leste de Escanlar, na aba sur do serrón das Penas de Libria.

Cabaniñas da Braña de Ernes cos seus corrais. Nos arredores, o microtopónimo Lagoas ou Laguas Braña conserva o nome do vello poboado, hoxe desaparecido dos mapas.

Escanlar de Ernes "está entre dos arroyos que se unen y forman el río del Guadramil. El de la derecha tiene principio en la Braña de Ernes o Sierra de Busbeirón, que fue lugar de vecinos hoy despoblado y está en letigio si es de Burón o de Asturias. En esta Sierra de Busbeirón o Braña de Ernes se halla una laguna que llaman de Correlos y en la circunferencia de ella, tres o cuatro modorras o sepulcros antiguos" (Antonio María Queipo y Ron: "Descripción topográfica del concejo de Allande", 1798, en Diccionario Geográfico de España (Asturias), Tomás López, MSS/7295 da BNE, f. 367r).

Imaxe capturada có Google Earth que amosa o anel dun dos currais (cecais lagoa) da Braña de Ernes. No perímetro parecen intuirse os tres ou catro túmulos dos que fala Queipo.

E como coidamos que chegar a Ernes ven sendo como adentrarse no Amazonas, e superaría as nosas posibilidades (xa foi moito chegar a Pesoz), abandoamos a idea de investigar in situ arqueotoponímicamente a correlación entre as brañas o pastoreo neolítico e os túmulos, non sen antes anotar a descrición de Queipo das medorras de Foxo (Barcela), tambén en Negueira de Muñiz, estas xa inventariadas por Patrimonio: "en este número 14 [Foxo] a orillas del Navia se hallan cuatro modorras muy grandes que son unos cúmulos de tierra artificiales de figura de media naranja que habrán sido sepulcros gentílicos" (ib. f. 365v). No Visor PBA da Xunta, a parcela que ocupan as medorras chámase Santos.

miércoles, 4 de noviembre de 2020

Cendadella e a vía natural entre Asturias e Galicia polo Porto do Acevo

Segundo Jovellanos, o señor Antonio María Queipo y Ron foi autor dunha "Descripción topográfica del concejo de Allande", que ven sendo a que se atopa no Diccionario Geográfico de España (Asturias), de Tomás López (MSS/7295 da BNE, f. 362r-380v), xunto cun mapa do concello, datado todo elo no mes de xullo de 1798. Esta aclaración ven ó caso porque na tese de doutoramento de Pedro Pisa Menéndez a descrición do concello de Allande atribúese a Matías Menéndez de Luarca. Non é así, aínda que ignoramos cómo se chegou a errónea atribución do texto (Red viaria en Asturias: de las vías romanas del oro a los caminos medievales, 2015), que cecáis fose copia do orixinal.

Todo o manuscrito de Queipo y Ron é interesantísimo, no que atinxe á etnografía, á política da época, á arqueoloxía, á xeografía e incluso á lingüística, chegando a recoller o autor diversas acepcións de palabras faladas na zona, cuxa lingua é considerada por el como un amestao de galego e castelán antigo.

En canto á rede viaria, vou transcribir o párrafo que nos permitirá seguir o trazado da vía pecuaria ou camiño francés que viña de Salime e subía ata o Porto do Acevo. Verase entón a orientación do trazado, cara Hospital de Cuía, non cara Grandas de Salime e o castro de Chao Samartín, como pretende Pisa Menéndez no seu traballo de doutoramento.

"A la izquierda del Navia el despoblado Eirado, en el que antiguamente (según consta por tradición) se celebraba un mercado, y había en el Navia en aquel sitio una puente magnífica por la que pasaba una carretera que subía por las Lamas a Fulgueiras y a la Mesa&a: cuyos vestigios se reconocen bien en el día, y se dice que era esta el camino francés, hasta que llevó el río aquel puente, que por ser muy costoso [de reconstruir] en aquel sitio se pasó a Salime; no hay duda que está bien fundada esta tradición, por ser mucho más cómodo este camino (que bajaba diagonalmente con muy poco declive al dicho Eirado, y subía del mismo modo al Hospital de la (Cuya) digo Cuhia) que el que baja perpendicularmente a Salime y sube del mismo modo a Grandas" (f. 370r).

Mapa de Allande por Queipo y Ron, 1778. (C) BNE.

En laranxa, a carreteira á que se refire Queipo, a cal, tras pasar a vella ponte de Eirado sobre o Navia (destruída nunha chea do río), en diagonal ía cara Hospital de Cuía e cara Galicia polo Porto do Acevo, saída natural dende Cuía.

A milenaria vía pecuaria natural, logo reaproveitada como calzada romana ou camiño francés, e Camiño de Santiago, chega entón ás próximas medorras da Cabreira, de onde pode tirar para Fonfría por diante do Pico da Cendadella. (MTN50 1ª ed.). E ata aquí queriamos chegar para presentar outro topónimo derivado do latín civitaticulam, que probablemente marque una statio ou mutatio viaria, campamento militar nun cruce de estradas. Variantes do topónimo: Ceadella (campamento romano - Sobrado), Xiradella / Siradella (castro - O Grove).

A Cendadella. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, Capa do Vóo Americán de 1956-57.

Chao do Arco, microtopónimo que designou algún elemento arquitectónico que arrodeaba a Cendadella polo oeste. Vense uns caminiños que se achegan ó interior do recinto, o cal aproveita as rochas naturais como defensa. (C) Minutas Cartográficas do IGN.

domingo, 1 de noviembre de 2020

O rosario de castañas

Eu tiven a sorte de levar rosario de zonchos (castañas cocidas coa pel) no Día de Defuntos. A miña aboa paterna facíanolos á miña irmá e máis a min: eran uns rosarios enormes que chegaban pola cintura, e penso que dobres ou triples. Aínda que non lembro ben a cousa, só que logo o fío víase moito para o meu gusto, unha vez que comías dúas ou tres castañas.

O rosario non era un simple colar, como adoita pensarse; era un rosario cristián que tiña a función de liberar almas do Purgatorio a medida que se rezaba ou se comía. Recuperamos a súa condición de rosario co conto gótico de Bermúdez Jambrina publicado na Revista Gallega (1895-1907, nº 503):

O rosario de castañas (Conto do día de Difuntos)

-¡Miña abolita! Pasadomañán é o día dos difuntiños. ¿Háme facer un rosario de castañas tan grande coma o do ano derradeiro?

-Sí, miña xoyina, sí, hei mercar un ferrado de zonchos é heiche facer un, moito mais grande qu'o que ten pendurado da cintura o frade franciscano que che dou onte as mazás tabardillas. Pero dinantes tes que ser bó, adeprendel-as leuciós, obedecer cando eu te chamo é sobre todo facer ó que che dixen, rezar todal-as noites pol-os teus pais.

-¿E quen son os meus pais, aboliña? ¿Por qué non veñen a verme y-a darme bicos coma mos dás tí e como llos dan á Xiliño, o do lado, os seus pais?

-Cala, neniño, cala: non poden vir porqu'están no ceo. Reza, reza por eles. Quero que te acostumes á rezar pra que cando eu morra pidas tamén á Dios pol-a miña alma.

[Mais tristemente, e non sen antes facerlle o rosario de zonchos ó netiño, a aboíña morre tras sufrir un accidente, atropelada polo imprudente señor do Pazo da Sal. O seu corpo é trasladado ó Pazo:]

O salón do Pazo da Sal vístese de colgarellos mouros. No medio, colocada n-unha caixa, moura tamén, descansa o corpo da tía Antona. De rodillas diante d'ela está o pobre pequeno: ten pendorado ao pescozo un rosario longo de castañas e chora esconsolado salayando con angustia que parte á y-alma.

Aquel día era o de difuntos. As doce da noite daban na campá do Pazo, cando a xente que estaba no salón mouro quedouse suspensa e ademirada. A tia Antona ergueuse na caixa e dirinxíndose ao neto díxolle: "Xorxiño, reza pol-os teus pais e por min, reza".

O pequeno, sonrinte e contento, comezou a marmular un rezo docísimo como o rezo d'un anxel: as xentes maquinalmente caeron de xionllos é acompañaron nas suas oraciós ao neno, que caeu morto cando terminou de repasar entre os seus dedos as castañas do rosario que lle fixera a aboliña.




O ciclo do toxo: un exemplo de sustentabilidade

 

Pisando toxo na Irlanda. (C) Ulster Folk & Transport Museum Collections.

Verea y Aguiar na súa Historia de Galicia esmilagrábase de como valorabamos os nosos costumes cando viñan sancionados polos de fóra: "Una prueba de la crasa ignorancia que hay sobre las cosas de Galicia es lo que he visto en una de las Gacetas de Madrid hacia el año de 18: en ella se dio la interesante noticia de que en Irlanda sirve de excelente alimento para el ganado vacuno en el invierno el tojo pisado. En Galicia es muy común esto desde tiempo inmemorial: se pisan las ramas de este arbusto, y mezclado con hierba se forma una especie de pasta que nutre perfectamente y cría la delicada carne del buey cebón. Pero esta noticia nada valía, si no viniese de Irlanda" (Historia de Galicia, 1ª ed. 1838*, Imprenta de Nicasio Taxonera, Ferrol, px. 86-87).

Agora atopamos outra referencia ó toxo como penso, na descripción dos Montes de Brión (Ferrol): "los montes están poblados en tojos, que es un arbusto de corto tamaño y duración, imitante a la ulaga, los que sirven para leña y a propósito para cocer pan; cuando son tiernos los cortan para pisarlos y mantiene el ganado vacuno, cabruno y mular en el invierno, cuando los campos no tienen hierbas" ("Montes de Brión y la Villa de la Graña", por José Castroviejo Barreiro, 1798 - Diccionario Geográfico de España: La Coruña y Lugo, Tomás López, f. 400).

Mazadoiro de toxo en Cabreiros (Xermade - Lugo). (C) Fotografía por cortesía de Miguel Losada.

Por que non saiu adiante a máquina trituradora de toxo para penso que presentou Rof Codina no seu artigo "Interesante máquina trituradora de tojo" (El Progreso Agrícola y Pecuario, 15-03-1913)? Pois porque o ciclo do toxo non remata inmediatamente nos billetes do ciclo do eucalipto ós que nos teñen acostumados; o ciclo do toxo é longo e sustentable: cómese (como penso fai unha carne de calidade), cágase (fai o estrume que fertiliza os campos), é un combustible barato, fai un mel boísimo... Demasiado bó e respetuoso coa natureza como para servir ós intereses do capitalismo depredador. Poderán facerse kleenex da celulosa do toxo? A cousa cambiaría entón.

Nestes tempos de reciclaxes mal entendidos nos que se confunde a simple reutilización co reciclado, coa  participación da materia nun sistema produtivo que abrangue varias utilidades económicas para voltar sobre se mesma, teriamos que recuperar o vello ciclo do toxo, e tambén estudalo e propoñelo como modelo a imitar para reverter a insostible situación produtiva actual. Velaí un dos estudos dos que estamos a falar: "Aprovechamiento del matorral como combustible en calderas de biomasa", Irene Mediavilla", 2017 (7º Congreso Forestal Español - Plasencia).


*O meu exemplar foi atopado a piques de ser tirado nun contedor de reciclado de papel.


sábado, 31 de octubre de 2020

O Ceao / O Xián / O Ceán

 

Alto do Ceán ou do Xián en San Cremenzo de Pazos (Zas). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia - capa do Vóo Americán de 1956-57.

A chave da etimoloxía que imos propoñer baséase na orografía do terreo; adaptámola á elevación que recibe o nome. Descartamos entón que os topónimos Ceao / Ceán / Xián / Xiao sexan derivados do latín planum, "chao", en alusión as penichairas de montaña, con variadas solucións da africada palatal provinte do grupo pl- inicial. Segundo pensamos, serían derivados patrimoniais dun termo indoeuropeo *SIL-, "colina, túmulo", do que sae o inglés hill, con aspiración do s- inicial. Deducímolo do nome Selbarrowe Hill (século XVI, actual Silbury Hill), que podería conter de forma tautolóxica as dúas formas da base proposta, sen e con aspiración do s- inicial respectivamente: Sel / Sil - Hill.

Silbury Hill - Montaña do Túmulo Montaña.

No noso territorio cabe nesta proposta a pseusolatinización como Iulianus > Xián e a reinterpretación como chan < latín planum. Así a medoña de Xan Rei no Alto do Xestoso cecáis sexa unha "montaña do rei".

Non satisface o étimo *SIL-? Aínda temos algún máis: a toponimia deste tipo podería ter derivado, mediante sufixación, do céltico *OKELO, "altura, elevación".

Hallstatt, o cloruro sódico e os seles (sáas)

 


Xunto ó Castro da Redonda (O Enxeito - Friol) desprégase o que foi unha antiga sala para o gando. A toponimia das fichas catastrais do parcelario amosa unha oscilación no xénero do sustantivo (Monte da Sel / Monte do Sal), así como a alternancia no vocalismo Sel / Sal. O topónimo Monte do Sal lémbranos ó de Costa do Sal (Coirós) do que xa tratamos nunha entrada anterior, vencellando o nome de lugar coa práctica de botarlle sal ó gando en determinados lugares como complemento da súa nutrición, xa dende a prehistoria.

O nome que recibe a que se pensa que foi a cultura céltica por excelencia, a que reflicten os achádegos de Hallstatt, ven cecáis da palabra do indoeuropeo do oeste que designaba o cloruro sódico, cunha aspiración do s- inicial: sal > hal (Hallstat = o lugar do sal, estación do sal). Segundo pensamos agora, esta mesma base rematou por dar nome tambén ás salas > sáas (seles) onde se recollía o gando para tomar o nutriente esencial para o seu crecemento e pasar a noite. Deiquí xurdirían despois o hall do inglés, ou o salón do español, con significados moito máis modernos.

O sal das minas de Hallstatt extraíase dende a prehistoria como complemento nutricional das explotacións gandeiras do seu entorno. Polo tanto hai unha relación moi estreita entre o sal e a gandeiría. É por elo que propoñemos a deriva semántica do termo, da súa acepción primeira de mineral (Na Cl) ata chegar á de lugar onde se garda e se distribúe o cloruro sódico entre o gando, que tería formado un primitivo asentamento pastoril.

Vilasal (Tordoia) cun novo castriño marxinal no borde da vella sá (sel gandeiro). Chama a atención o microtopónimo dunha das fichas catastrais, Resío do Castro.

Seguindo a Gamkrelidze, a palabra para o sal chegou ás linguas fino-úgricas cecáis dende o tocario (tocario B: salyiye) ou "otherwise from western Indo-European, cf. OLat. sale 'salt'"; xa que non é unha palabra común das linguas indoiranias, onde só se atopa como reliquia en sánscrito, sal-ilá, "mar".

Antiga fotografía dos dous vasos campaniformes (bell-beaker) de Vilavella - As Pontes de García de García Rodríguez, unidos polo seu descubridor, Santiago de la Iglesia, como se foran parte dun só exemplar.

Segundo Elisa Guerra Doce et al. ("Bell beaker pottery as a symbolic marker of property rights: the case of salt production center of Molino Sanchón II, Zamora, Spain", 2015) a cerámica campaniforme aparece ligada non só á metalurxia, senón a centros productores de sal. Doutra banda, a análise do vaso campaniforme de Vilavella realizado por Carmelo Fernández Ibáñez deu positivo no test de cloruros, cousa que sorprendeu moito ó técnico, aínda que tentou explicalo por cristalización do sal ambiental sobre a superficie cerámica (a pesares de aparecer os fragmentos dos cacharros na base do túmulo), como sucede sobre a pedra exposta ó ar libre.

Un dos túmulos de Vilavella (As Pontes), segundo Santiago de la Iglesia.

A palabra sá non sería, entón, de orixe xermánica, senón céltica (Celtic from the West), xurdida  no ámbito da cultura gandeira celto-atlántica da produción e comercio do sal, caracterizada polos enterramentos tumulares, a cerámica campaniforme e os peches gandeiros e habitacionais que levaron o nome do mineral (sáas ou seles, chalets, etc.). Os castrexos, ó que parece, virían despois dominar a sá, non dende o seu centro, senón dende a periferia, nunha posición separada e cunhas construcións defensivas e de coacción sobre os seus (1) que semella indicar o xurdimento de dúas castas: os da sá / os do castro; aldeáns / urbanitas; proletarios / señores. É por elo que as notas definitorias dos mouros habitantes dos castros no folkore galego, vistos polo paisano, son a riqueza, a avaricia, a malignidade e a crueldade características dos déspotes. No folklore da Basse Navarre acontece o mesmo cos mairiak: "les Mairiak sont des hommes durs et avaricieux. Ces deux derniers adjectifs reviennent fréquemment dans les réponses. Partout les Mairiak, répétons-le, sont tenus pour riches, avares et égoïstes" (Reicher e Lafon, "Des personnages mal connus du folklore basque: les Mairiak", Revue de l'histoire des religions, 1940).

(1) Neste senso pronúncianse Delgado Borrajo e Grande Rodríguez sobre as defensas dos castros e o militarismo crecente desta sociedade: "militarismo creciente como medio de protección pero sobre todo, de coacción al resto de la comunidad que lleva a cabo el trabajo productivo" ("La Gallaecia antigua: diversidad, paisaje rural, estructura social y poblamiento", Herakleion 2, 2009, pxs. 61-92).