domingo, 23 de junio de 2024

Dúas notas sobre o Rei Charlo de Lourenzá

NOTA 1. O REI CHARLO OU REI SEÑOR

No libro de Apeos de Lourenzá (1527), o mesmo no que María Xosé Rodríguez Galdo atopara o costume da caza do paxariño chamado Rei Charlo por aninovo como requisito para elixir os alcaldes da vila perante o señor abade, existen varias versións relatadas por distintos testigos que van informando sobre este costume e os límites da vila, etc. Todas elas coinciden, salvo a que fornece Alonso Rodríguez de Cabarcos veciño de Vilanova (folios 44-45), que di así na parte que agora interesa:

"que los vecinos e moradores del dicho Concejo el día de año nuevo [...] han de ir a buscar una ave que dicen Rey Señor a la pumarega da fonte e que lo buscan e hallan, todos los vecinos del dicho Concejo son obligados disponer todas diligencias, e que los alcades e juez del año antes postrero pasado son obligados de dar al que lo prendere dos panes de trigo e medio azumbre de vino al que lo hallare e traxere [..] e los vecinos de dicho Concejo que non fueren con los otros de los vecinos a ello, que los tales alcades los prendan e levarles a cada uno [...] que son trece blancas e un dinero [...] e allí lo ponen atado en un palo uno de los alcades, e mandan a dos vecinos de dicho Concejo que mejor les parezcan que lo trayan, e así se vienen con él juntos y le traen a los palacios del señor abad y se lo entregan".

O paxariño coñecido como Rei Charlo era chamado tamén Rei Señor, co que se confirma unha das propostas de Pensado de facer do seu nome un motivo ligado ó rei Carlo Magno ("O Rey Charlo de Vilanova de Lourenzá", Grial, 1981). En galego antigo o Rei chamábase O Señor El-Rei.

Na nosa opinión, a denominación primeira do paxariño sería a de Rei Señor. O reiseñor é o paxaro que tamén se chama carrizo, segundo a glosa do Bacharel Olea comentada por Pensado no artigo citado. A conexión entre o Rei Charlo = reiseñor / carrizo e o folklore europeo do wren, tantas veces aducido nos estudos deste costume, queda plenamente refrendada.

Do nome Rei Señor supoñemos que tería xurdido o alternativo de Rei Charlo por sinécdoque, ó aplicarlle ó paxaro o nome dun dos reis máis famosos da antigüidade (Carlomagno), utilizado aquí para designar ó rei xenéricamente. O costume de Lourenzá amósase, pois, vencellado a primitivos rituais de investidura dos reis, tanto nos nomes que recibía o paxaro, como na finalidade do rito (elección dos alcaldes), ó comprobar agora que o nome de Charlo non lle ven de ningunha ave, como supuña Pensado noutra das súas hipóteses, senón que é equivalante a Rei.

Outra variante interesante da versión do testigo Alonso Rodríguez de Cabarcos é que o premio ós que atopaban e cazaban ó paxariño corría da parte dos alcaldes saíntes e do xuíz. Despois, os que ían ata o pazo do abade levarlle o paxaro eran invitados a comer e beber por este, que é como continúa a narración xa dada a coñecer no estudo de Pensado.

NOTA 2. OS APELIDOS CHARLO E BRETÓN EN LOURENZÁ


Noutro libro do mosteiro de Lourenzá, o Índice de documentos, encontramos Charlo como apelido familiar duns veciños de Canedo (Pacio de Tovar). Trátase do testamento que fixo Juan Charlo, fillo de Pedro Charlo, no ano 1405 (IDL, fol. 149r) e dunha confirmación de foro (IDL, fol. 384r) feita a Pedro López Charlo, tamén do Coto de Canedo, no ano 1620. O apelido Charlo, ó noso parecer, teríase integrado nesta familia como alcume cando un dos seus devanceiros exerceu o cargo de rexedor ou alcalde, cecais nunha época recuada na que o cargo tería certa permanencia máis aló do ano, ou ata carácter hereditario, como ocorría na Bretaña (v. "O topónimo Rilleira como indicador de antigos asentamentos bretóns", Arqueotoponimia, 2024).

Pacio de Tovar no Coto de Canedo (San Tomé de Lourenzá). (C) Mª del Carmen Torres, 2019.

Respecto dos bretóns galegos, cos que se ten vencellado o rito da caza do Rei Charlo de Lourenzá, vemos neste mesmo libro de apeos que figura Bretón como apelido nun documento do ano 1427, integrado no microtopónimo Casal de Bretón, sito na Rilleira de Recemil - Lourenzá (IDL, fol. 183v), o que amosa efectivamente a presencia de bretóns na Mariña lucense, máis aló do que se sabía pola existencia da Sede Britoniense e da análise filolóxica do nome celta do bispo Mailoc. O lugar de Casal de Bretón é mencionado noutra parte (IDL, fol. 473v) a propósito da herdade da Vila do Rei, que lle pertencía. Sobre o termo Rei como topónimo, se ben pode ser un hidrónimo provinte do latín rivi, "río", en caso xenitivo, non descartamos, á vista do sucedido co apelido da familia Charlo, que Vila do Rei puidese ser un microtopónimo motivado por ter sido propiedade dun destes reis tribais das divisións territoriais chamadas rilleiras, tan semellantes ós ploue bretóns.

Casal Bretón ou de Bretón (noutras mencións) e Vila do Rei no documento mencionado.

O topónimo Rilleira como indicador de antigos asentamentos bretóns

Na documentación do mosteiro de Lourenzá vese como o que hoxe consideramos simples aldeas, como a de Recemil (Lourenzá), en realidade eran chamadas rilleiras ou relleiras.

Como topónimo maior, A Rilleira semella que só existe en Cabarcos (Castro da Rilleira) e en Cambás, aínda que como nome de terras (microtopónimo) é algo máis frecuente e ten unha distribución moi marcada na Mariña lucense e na área de influencia de Santiago de Compostela.

Segundo María Cando "rilleira é un topónimo derivado da palabra rella, do lat. REGŬLA ‘regra’ ‘barra de metal ou de madeira’ (DCECH), co significado de “pegada que deixa unha roda” (DRAG), pois cómpre ter en conta que o concello de Barreiros está caracterizado por terras lamentas" (María Cando Cruña, Estudo etimolóxico e semántico da toponimia maior de Barreiros, 2021).

Se ben a etimoloxía fornecida é correcta, nós non estamos de acordo coa acepción xeral que se ofrece, e vemos a necesidade de adaptala ó contexto agrario no que se atopan as rilleiras: apuntamos que ese regula > rella é unha referencia á rella ou ferro do arado. Porén a pegada que deixa a rella do arado na terra será, neste caso, unha relleira ou rilleira. Nada que ver, pois, coas pegadas das rodas do carro na lama ou as chamadas rodeiras (na pedra das calzadas).

Por extensión ou ampliación do significado, rilleira pasou a indicar un terreo de labradío que conformaba unha división territorial específica, alusiva a un tipo de asentamento en granxas dos colonos dos mosteiros, menor que a parroquia e de todo punto comparable ó plou bretón, co que comparte etimoloxía semánticamente; xa viramos que a etimoloxía dos numerosísimos topónimos bretóns do tipo Plou-, como Plougastel, remite a plough / plovum, "arado", non ó latín plebem, "pobo" (Plou y el arado, Arqueotoponimia, 2008), termo do que provén o nome da división territorial específica das comunidades bretoas, os ploue, que se teñen comparado ás parroquias galegas.

Segundo Arthur de la Borderie, o plou bretón non é únicamente unha circunscrición, é unha institución, e aínda que os escribáns medievais traduzan este termo polo latín plebs, non ten que ver coa plebs eclesiástica; o plou é unha institución civil, un grupo de habitantes establecidos por xeracións nun territorio rexido por un xefe, cuxa principal prerrogativa é exercer o poder xudicial, que é nomeado como príncipe do plou, en latín princeps plebis, e tiern en bretón, investido dunha autoridade hereditaria (Le Cartularie de Landevenec, 2022). Sucede o mesmo na nosa zona de estudo, exceptuando o carácter hereditario dos cargos de rexedor ou alcalde, que polo que sabemos eran elixidos anualmente (cfr. a elección de alcaldes e xuíz segundo o costume da caza do Rei Charlo de Lourenzá).

Rilleira da Telleira (Lourenzá).

Así, na páx. 442r do Índice de documentos do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (IDL) un testigo indica que a relleira de Telleira comprendía os lugares de Pumar de Don e Condomiña, polo tanto, sen chegar a abranguer a parroquia de Santa María de Lourenzá na súa totalidade. Outro testigo (IDL px. 447v) indica que no concello de Lourenzá había catro relleiras, con setenta casais distribuídos entre elas, propiedade do mosteiro. Polo tanto dedúcese a articulación do territorio colonial do mosteiro en rilleiras, e estas, en lugares, cos seus casais.

O paralelismo entre as rilleiras e o sistema bretón armoricano de ordenación territorial dos ploue deixa de ser unha mera coincidecia se lembramos a chegada dos bretóns ás costas de Galicia (a pequena Armórica) a partir de finais do século IV (v. "Bretones en Galicia", Arqueotoponimia, 2008). Entendemos que este sistema de colonización agraria e articulación territorial podería ser de orixe bretoa, porque ademais deixou a súa pegada no nome dun dos casais que formaba a rilleira de Recemil (Lourenzá): Casal de Bretón. O noso primeiro topónimo "Bretón"!

O primeiro bretón que deixou a súa pegada na toponimia de Recemil (IDL px. 183v).

Lembremos tamén que o xeógrafo francés Abel Bouhier, nunha das súas máis interesantes hipóteses sobre a orixe da paisaxe agraria galega, e ó respecto das peculiaridades da paisaxe da zona das montañas setentrionais, prantexara a posibilidade dunha orixe bretoa para o sistema do bocage propio dela. Posto que os colonos bretóns chegaron á Armórica galega establecendo en torno ó século V (nós probáramos que fora antes) a Sede Britanorum, e dita forma de parcelación / ocupación agrogandeira foi coñecida entre eles "sería entón lícito pensar que os bretóns, que traían a fórmula agraria do cerrado, a tiveran difundido no norte de Galicia" (Galicia. Ensaio e interpretación dun vello complexo agrario, trad. Benxamín Casal, 2001, px. 1229).

sábado, 22 de junio de 2024

Covas do Serrapio entre Lourenzá e Mondoñedo: contexto prehistórico da Furada dos Cans

No libro Índice de documentos do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (dende o fol. 466v ad finem), o que se ve que consultou pero non chegou a rematalo o historiador Villaamil y Castro cando excavou na cova da Furada dos Cas no monte Serrapio (1), dous testigos fornecen os límites da Rilleira de Recimil, Tiagonce, Arroxo e Soutelo, e dan conta da existencia de varias covas no cimbro do Serrapio, aínda que ningunha é nomeada como Furada dos Cas (si se emprega o termo furada).

O primeiro testigo, Álvaro Alonso de Piquín "O Vello", indica que os límites ían pola Cruz da Algara, onde había un foxo de lobo, e polo cimbro do monte ó Espiño das Louseiras e á pena e castro de Pena Caxide, logo a unha cova na Portela e de alí a ámbolos castros, un que dicen da Cibdade, onde morou Gonzalo de Vilamor, e outro cabo del. Este testigo volta falar da existencia de "covas y furadas antiguas" nos límites de Arroxo, unhas na Veiga de Anguieiro, outra baixo o camiño francés que saía de Vilanova de Lourenzá e outra máis na fonte da Azoreira.

O segundo testigo, Diego da Lamela, repasa os límites neste tramo do Serrapio, e engade un dato ben interesante: "polo lombo do Serrapio ó castro de Pena Caxide, e de alí á cova que sae á Portela, entre o castro da Cibdade e o da Pena Caxide" [texto traducido ó galego]. Indica que unha das covas do Serrapio, seguramente A Furada dos Cans, estaba comunicada coa Portela sita entre os dous castros da Cibdade. Este mesmo testigo, como o anterior, volta falar das "cuevas furadas antiguas" cando informa das herdades de Arroxo. Son catro covas, as que nomea así: "dos Carrís del Rego de San Martín", "del rego de Angueiro", "cueva da Vella del Espino de las Louseiras" e "cueva de la Portela".

Estado actual da Cruz da Algara, do foxo do lobo de Algara (situación aproximada), da Furada dos Cas e dos dous castros de A Cibdade (actual monte da Trinidade), todo elo arrasado polas canteiras locais.

Calculamos deste relatorio que no cimbro ou lombo do Serrapio habería unhas seis covas ou furadas antigas, entre elas a da Furada dos Cas que excavara Villaamil y Castro chegando á conclusión, e fornecendo evidencias, de que fora lugar de habitación prehistórica. Unha destas covas comunicaba ou chegaba ata a Portela ou acceso á zona na que logo se construirían os dous castros xemelgos da Cibdade, no actual monte da Trinidade. Nós aquí vemos unha conexión evidente (continuidade) entre os asentamentos na transición do hábital en cova (cando era posible) ó hábitat nun recinto fortificado. Resulta tamén moi curioso na liña da continuidade, ese dato do tardío habitante do castro da Cibdade, Gonzalo de Vilamor, o último castrexo irredento.

A lenda que recolle Antonio Reigosa de que o túnel da cova da Furada dos Cas chegaba ata o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (2) semella que non ía tan desencamiñada, pois chegar chegaba ata a Cibdade (non á cidade de Vilanova de Lourenzá, senón ó vello asentamento da Idade do Ferro). Cecais a Cibdade do monte da Trinidade fose a misteriosa Cidade de Reiriz, que segundo a lenda recollida por Villaamil (1873: px. 74) fora afundida por un máxico.

(1) Na páxina 6 o autor fai mención ó Índice de documentos de Lourenzá: Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia, 1873.

(2) "A Furada dos Cas: a cova osuaria de J. Villaamil", blog Caderno de campo de Antonio Reigosa, 2019.

martes, 18 de junio de 2024

Os Culdees britóns da illa Coelleira

Daquela famosa carta que Justo Pico de Coaña publicara na Ilustración Gallega y Asturiana (28/7/1881), quen non lembra o relato dos "templarios" (?) da illa de San Miguel da Coelleira, que navegaban en barcas de coiro para ir dar misa na capeliña que logo foi a igrexa de Santiago de Viveiro?

O motivo das barcas de coiro trasládanos ó ámbito dos coracles galeses (britóns), pois é que a costa galega de Viveiro pertenceu á diócese de Britonia, a primeira igrexa galega, fundada polos britóns que, a partires de finais do século IV da nosa era, migraron (1) cara Armórica (a costa atlántica europea).

Para soster que o mosteiro de San Miguel foi fundación britona, pertencente á diócese britonnorum, baseámonos tamén na súa ubicación nunha illa costeira, propia dos eremitorios dos Culdees. As fundacións monásticas da Igrexa primitiva galesa podían presentarse nesta forma dúplice, cun mosteiro principal situado no interior e un eremitorio nunha illa (Stöber e Austin: "Culdees to Canons: the Augustinian Houses of North Wales", 2013).

O nome latino deste tipo de eremitas é coelicola, e parécenos que pode ser a orixe do topónimo da illa de San Miguel da Coelleira, polo que a forma medieval documentada do topónimo, Quonicularia (dos coellos) non sería máis que unha pseudolatinización. Para elo recorremos a unha evolución híbrida celto-galega na que o diptongo do radical coel- evolúe como en galés, cwyl, ó que se segue a perda do -l- intervocálico máis a redución do grupo c´l > ll, propias do galego. Destes cambios sae a forma *coella, á que se lle engadiría o sufixo derivativo, Coelleira. Deste xeito, coa mediación dos migrantes de falas britónicas, xustifícase a forma Coelleira fronte ó esperable *Celleira. Porén, o nome da illa viría motivado, non polos coellos, senón por ubicarse nela o eremitorio britón dos coelicolas (celícolas ou Culdees), os adoradores do ceo.

_______________________________

(1) Unha versión lendaria desta migración histórica, vía Bretaña francesa, podería ser a que se recolle na lenda dos Templarios da Coelleira, que semella conter versións actualizadas dos feitos e dos seus protagonistas: "Cuando en Francia fueron perseguidos los Templarios por el rey Felipe el Hermoso, vinieran para la Coelleira 38 de ellos de aquella nación" (E. Lence Santar: "La isla Coelleira", Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943).

lunes, 10 de junio de 2024

Un galego na corte do rei Artur: o emperador Magno Máximo

Entre as fitas de néboa que envolven as lendas sempre se albisca a historia. A suposición de que certamente existiu un dux bellorum britano-romano cuxas xestas, magnificadas aínda máis polo paso do tempo, deron pé á construción da personaxe lendaria do rei Artur ten orixinado varias propostas de identificación. A que ten máis sona é a de que a figura histórica na que se baseou a lendaria foi a persoa do prefecto Lucio Artorio Casto (s. II), que estivo ó mando dun continxente de cabalería sármata (escita) en Britania. Nesta hipótese pouco máis hai que o parecido entre o nome de ambos, Artorio - Artur, pois o mito escita (o mito de Batraz) que se alegou como coincidente co motivo da espada no lago á morte de Artur, é un motivo tardío que non aparece nas primeiras lendas do ciclo artúrico (véxase unha comparativa en Sainero: Arturo: Dux Bellorum, 2018).

Que dicir das xestas militares e heroicas do tal Lucio Artorio Casto? Que foi o que fixo para crear en torno á súa figura semellante lenda descomunal? Nada destacable que se saiba, a escala mítica.

Pola contra, segundo Robert Humphries, nas tradicións galesas só aparecen reiteradamente dúas figuras, sempre inextricablemente vencelladas á soberanía da illa, á soberania de Britannia, e son Macsen Wledig e Gwrtheyrn, é dicir, o emperador galaico-romano Magno Máximo e Vortigerno ("From Superbus Tyranus to Gwrtheyrn Gwrtherneu. The development of the Vortigern tradition in early medieval Wales").

Imos centrarnos, pois, na análise destas dúas figuras históricas para amosar que en realidade Magno Máximo e Vortigerno non foron dúas persoas distintas, senón unha soa, case como Deus. Movémonos cronolóxicamente entre os séculos IV e V, nos séculos escuros, no mundo bárbaro do fin do dominio romano sobre a illa de Britannia (ano 410).

Gallaecia, Betica e Lusitania na Notitia Dignitatum. (C) Fondation Martin Bodmer, Cod. Bodmer 118.

Magno Máximo naceu na Gallaecia ca. 340-345, como o seu primo o futuro emperador Teodosio (M. Craven, Magnus Maximus: The neglected roman emperor and his British legacy, 2023). Segundo Craven, o feito de seren creada por entón Gallaecia como provincia romana das consulares, de maior categoría, deberíase ó emperador Magno Máximo, o que amosaría a sua conexión con Gallaecia. Como xa dixeramos fai anos, outro dato que liga a Magno Máximo coa Gallaecia, concretamente coa Gallaecia máis galega, é o establecemento dos seus britanos na costa armoricana de Galicia e cecais da de Asturias, e a fundación en Bretoña do "monasterio Maximi" (o mosteiro de Máximo) no século IV (Bretones en Galicia, Arqueotoponimia, 2008). Coñecemos o nome do bispo britano que estivo a cargo da sede no século VI, Mahiloc, de orixe galés, Magloco (nominativo de Maglocunos: Charles-Edwards, Wales and the Britons, 2013, px. 85).

Durante a carreira militar de Máximo, pasou a Britannia, e ata estivo establecido na illa. A súa victoria nos conflictos bélicos contra os rebeldes pictos e escotos na zona do muro de Adriano entre os anos 380-381, nunha empresa na que tódolos líderes militares fracasaran previamente, motivou que os seus homes o proclamasen líder supremo (tyrannus), o que á súa vez desencadeou o proceso de usurpación que rematou coa proclamación de Máximo como emperador de occidente, tralo asasinato do emperador Graciano no ano 383. Por este motivo a figura de Máximo (como usurpador) estivo condenada á maior escuridade e desprestixio na historiografía romana, e por este mesmo motivo, paradóxicamente, foi elevada á categoría de mito na primitiva historiografía de Britannia, como o primeiro rei. As datas son aproximadas, e expóñense na Chronica Gallica do ano 452:

  • No ano III de Graciano "Maximus tyrannus / imperator (1) in Britannia a militibus constituitur" = no ano 3º do emperador Graciano, Máximo foi proclamado en Britannia líder supremo polos seus homes.
  • No ano IV de Graciano "incursantes pictos et scottos, Maximus Tyrannus strenue superavit" = no ano 4º de Graciano, Máximo Tirano aplastou as incursións dos escotos e os pictos. Veríficase xa a variante do nome de Magno Máximo como Máximo Tirano.

A trascendencia real da súa persoa amósase no pilar de Eliseg (Denbigshire - Gales), erixido por Concenn sobre o ano 800. Nel aparece como rei de Britannia, e vencellado á liña xenealóxica dos príncipes de Powys (reino de Gales); inequívocamente é Magno Máximo pois alúdese a el como o rei Máximo de Britannia, que matou ó rei dos romanos (ó emperador Graciano). Na inscrición fálase da súa filla Severa, coa que Guarthigirn (Vortigerno) tivo un fillo (2), bendecido por San Xermano. A continuación fornecemos parte do texto do pilar, hoxe ilexible, tomado do estudo de Robert Vermaat ("The text of the pillar of Eliseg" - Vortigern Studies) que reproduce a lectura que o lingüista Edward Llwyd fixera en 1696.

[--] MONARCHIAM
[--] MAXIMUS BRITTANNIAE 
[CONCE]NN PASCEN[T] MAUN ANNAN
[+] BRITU A[U]T[E]M FILIUS GUARTHI
[GIRN] QUE[M] BENED[IXIT] GERMANUS QUE[M]
[QU]E PEPERIT EI SE[V]IRA FILIA MAXIMI R
[E]GIS QUI OCCIDIT REGEM ROMANO
RUM + CONMARCH PINXIT HOC
CHIROGRAFIUM REGE SUO POSCENTE
CONCENN + BENEDICTIO DOMINI IN CON
CENN ET SUOS IN TOTA FAMILIA EIUS
ET IN TOTAM [RE]GIONEM POUOIS.

Pilar de Concenn ou de Eliseg en Valle Crucis Abbey, Denbighshire - Wales. O pilar ía rematado por unha cruz que foi abatida polas tropas de Cromwell no século XVII (Vermaat, "The Pillar of Eliseg" - Vortigern Studies).
(C) Eliseg's Pillar, Northeast Wales, 2024.

A trascendencia mítica de Magno Máximo amósase na personaxe lendaria de Macsem Wledig, Máximo o Príncipe, o Rei, que protagonizou parte do ciclo literario dos Mabinogi na historia de "Breuddwyd Macsen Wledig" (O soño de Macsen Wledig): "Macsen, emperador dos romanos, saiu un día de caza en compañia dos seus homes [...]".

Ata aquí temos, porén, a un galego / galaico como efectivo rei de Britannia, orixe da monarquía da illa, orixe da liñaxe dos príncipes de Gales e protagonista dos Mabinogi. Alguén dá máis? Pódeselle dar outra voltiña? Pódeselle dar, se pasamos a analizar os nomes propios.

GWRTHEIRN / VORTIGERN, VERSIÓN GALESA DO NOME MAXIMO TYRANNO


O nome de Gwrtheirn (Vortigern ou Vortigerno) non é un nome propio, senón un título, composto de dúas palabras galesas. Gwr ou vor significa "grande" e theirn, teyrn ou tigern, "señor" (3). A primeira palabra do composto non ofrece dúbidas, a alternacia nas linguas célticas insulares entre vor / mor é ben coñecida, e probablemente indica que o termo é un préstamo antigo tomado do latín ma(i)ore, "grande". A segunda palabra theirn / teyrn / tigern está intrínsecamente vencellada ó latín tyrannus, "gobernador, señor". De feito tamén semella unha adaptación ó galés do termo latino tyrannus. Vortigerno, porén, é unha glosa de Maximo Tyranno, que era outro dos nomes polos que era coñecido o emperador Magno Máximo, como vimos na Chronica Gallica. O título Gwrtheirn mantívose como tal na onomástica galega ata o século IX nos nomes Gutierre / Gutiérrez, dos condes Hermenegildo Gutiérrez e o seu fillo Gutierre Menéndez.

No Excidio Britanniae do monxe Gildas (século VI), que contén a primeira crónica histórica da illa, non aparece mencionado Vortigerno, senón un Superbus Tyrannus, que ven sendo, á súa vez, outra forma de se referir a Magno Máximo; é a mesma idea da Chrónica Gallica, na que usaban Maximus Tyrannus (maximus = superbus, "soberbio, enorme"). A este Superbus Tyrannus (Magno Máximo), primeiro rei britano, atribúeselle a responsabilidade de introducir na illa os depredadores saxóns como aliados e colonos (foederati) na súa loita contra os pictos e escotos, decisión á que tanto Gildas como o Venerable Beda na súa Historia Ecclesiastica Gentis Anglorum (século VIII) vencellan a perda da soberanía sobre o país. Beda é o primeiro cronista que glosa ó Superbus Tyrannus de Gildas como "suo rege Vurtigerno", creando así, co aparente cambio de nome, o que parece unha outra personaxe, desglosada da figura de Magno Máximo. Neste punto da historia sabemos xa cal foi a estratexia empregada, nun proceso iniciado por Máximo, para vencer os pictos e escotos: a alianza cos foederati xermanos, como adoitaron facer os romanos noutras provincias no declive final do seu imperio en occidente. Na Hispania pasou exactamente o mesmo.

Jude Law no papel de Vortigerno na película King Arthur: Legend of the Sword - Guy Ritchie, 2017.

A estas alturas temos ó galaico Magno Máximo, emperador de occidente, rei de Britannia, fundador da liña xenealóxica dos príncipes de Powys (Gales) e protagonista dunha historia nos Mabinogi, desdobrado xa en Vortigerno, tratado amplamente como personaxe histórica nas crónicas británicas (Beda, Nennius, etc.), e personaxe fundamental coa que se inicia o ciclo artúrico, onde representaba o papel de malvado que usurpa o trono britano ó tío de Artur, Aurelio Ambrosio (que supomos trasunto do emperador Graciano). Pódese ver que o ciclo artúrico iníciase coa idea política subxacente de restaurar o mítico reino de Britannia, perdido trala errónea decisión histórica por parte de Magno Máximo / Vortigerno de entregalo ós foederati saxóns. A personaxe de Arturo nace literariamente, pois, como contrapunto de Magno Máximo, como alter ego, por oposición ó primeiro rei galaico de Britannia. Dicía Rodney Castleden que "Vortigerno é unha figura moi interesante porque dalgunha forma prefigura a Artur" (King Arthur: The Thruth Behind the Legend", 2003).

Dolmen de Carreg Coetan Arthur en Newport (Gales). A. Galíndez, 2013.

MERLÍN, O DRUÍDA DE MAGNO MÁXIMO


San Ambrosio de Milán, chamado Aurelio Ambrosio, foi un poderosísimo bispo na época de Magno Máximo, moi vencellado ó emperador. Xa co emperador anterior, Aurelio Ambrosio fora responsable da excomunión e desterro do bispo Prisciliano da Gallaecia e os seus seguidores, pois informara a Graciano das prácticas máxicas que exercían os priscilianistas, e este decretou o seu desterro. En última instancia, aínda que a Igrexa tentara minimizar a súa responsabilide, a persecución do priscilianismo por parte de Ambrosio de Milán influíu tamén no decreto de Máximo, que impuxo a condena á pena capital de Prisciliano e os seus discípulos.

Como xa vimos que Magno Máximo é a mesma persoa que Vortigerno, convén engadir que o druída de Vortigerno, o famoso mago Merlín, é mencionado nos textos insulares como Ambrosio, o que na nosa opinión supón unha clara alusión a Ambrosio de Milán, o bispo do emperador Magno Máximo. Algunhas das mencións son:
  • "Merlinus vates Vortegirni" (Geoffrey de Monmouth) - onde se define a Merlín como vate (profeta, cecais no senso de druída) de Vortigerno = Magno Máximo.
  • "Merlinus Ambrosius" (Geoffrey de Monmouth) - onde xa aparece o nome de Ambrosio aplicado a Merlín.
  • "Ambrosius [...] sub rege Vortigerno prophetizavit" (Giraldus Cambrensis) - onde se fala das súas profecías no tempo do rei Vortigerno = o emperador Magno Máximo (N. I. Petrovskaia, "The fool and the wise man. The legacy of two Merlins in modern culture", 2017).

Reliquias de San Ambrosio (mago Merlín) na basílica de Milán.

Resulta esclarecedor o vencello entre a figura do vate pagano e do bispo cristiano, polas súas funcións de intermediarios co sagrado. Doutra banda, vemos como na formación da chamada materia de Bretaña, nos seus alicerces, subxacen personaxes reais da época britano-romana, tamizados polos mitos célticos que aínda pervivían no país.


_______________________________

(1) Imperator aparece noutras versións: Mathisen e Shanzer, Society and Culture in Late Antique Gaul, 2017.

(2) Cecais a proba do algodón máis chamativa de que Magno Máximo e Vortigerno eran a mesma persoa é o incesto lendario que se lle atribúe a Vortigerno. Os que lesen o pilar de Eliseg, ou documentos semellantes, lembrando que Maximus e Guarthigirn eran a mesma persoa só poderían chegar á conclusión de que Severa tivo un fillo co seu propio pai, de aí a orixe do dato lendario do incesto. O texto do pilar foi redactado, ó que parece, nun momento no que os dous nomes xa se atribuían a dúas persoas diferentes, non obstante, perduraba a noción de estaren estreitamente emparentadas, polo que Máximo aparece como sogro de Vortigerno.

(3) A tradución é miña, por evidente; non se precisan moitos coñecementos de galés para darse de conta, só bastantes de latín. Outros investigadores aseguran a equivalencia entre Gwrtheyrn e Superbus Tyrannus / Maximus Tyrannus, p. ex. Foster e Daniels, Prehistoric and Early Wales, 2017: "There is a likelihood that Gildas' description of Vortigern as superbus tyrannus is a translation of British *Vortigernos; Guy Halsall, Worlds of Arthur. Facts an Fictions of the Dark Ages, 2013: "Vortigern's name could be read as a translation of the Latin magnus or (better) maximus tyrannus, wich can mean Magnus or Maximus the Tyrant but also great, or greatest, tyrant".

viernes, 7 de junio de 2024

O túnel da muralla de Lugo

 


Para o caso de que a cidade de Lugo fose caer en mans do enimigo, os militares españois a principios do século XIX adicáronse a deseñar posibles estratexias defensivas. Dúas delas atopámoslas nun caderniño da Biblioteca Virtual de Defensa (José de Castellar, 1811).

A primeira hipótese de traballo, para evitar que precisamente o enimigo se fixera forte na cidade protexido polas murallas, fora arrasar con elas antes que nada: sen murallas xa non se podería atrincheirar na cidade. É a estratexia da terra queimada, que consiste en destruír todo o que lle poida ser de utilidade ó enimigo cando avanza polo territorio.

A segunda hipótese de traballo de Castelar era reforzar as murallas para evitar que a cidade fose tomada, mais, para o caso de que o enimigo conseguise entrar nela, facerlles uns buratos ou fornelas en lugares estratéxicos, que, ben recheos de pólvora, permitisen voalas mentras o exército local e os veciños abandoaban a cidade por unha pasaxe subterránea existente: "también sería conducente, que en caso que se verificase la expresada fortificación, se preparase con hornillos, para que viéndose precisados los defensores a entregarla después de toda la defensa posible, volasen sus murallas, proporcionándose la salida de la plaza por un conducto, que aunque no he visto, tengo entendido que hay, y no sería difícil disponerlo de suerte que, ignorando los enemigos la boca o salida, los burlasen completamente".

Menos mal que non houbo necesidade de usar ningunha delas! 

Na segunda hipótese semella que o conducto ou pasaxe da que tiña coñecemento Castelar, e que permitía abandoar a cidade, puido ser a cloaca romana que pasa baixo a Porta Miñá e ten unha altura interior que oscila entre 1,30 m. e 1,60 m., máis un ancho de 0,60 m., dimensións que permiten transitar por ela lixeiramente encorvado. No 2016 tamén aparecera un túnel no cubo sexto da muralla, vencellado ó sistema de evacuación das augas residuais da cidade, do que existían noticias orais ("Sitúan en el medievo el origen del único túnel hallado en la muralla de Lugo", Enrique G. Souto, La Voz de Galicia, 28/7/2016).

Unha amable lectora indícame nos comentarios que Abel Vilela documentou que en 1547 xurdiran restos do "túnel" na praza: “al hacer la cimentación para una casa, aparece en la plaza una de las cloacas romanas aunque consideran que es un conducto subterráneo para entrar y salir de la ciudad en caso de asedio" (Mirian Tallón: Evolución urbana de la Plaza Mayor de Lugo a partir del proceso de desamortización", TFG, Universidade de Santiago de Compostela, 2014-2015.

Reconstrución da saída do colector principal da cloaca na Porta Miñá. (C) SUB TERRA AQUAE.

En calquera caso, o sistema romano de evacuación das augas residuais tiña, nalgúns dos seus tramos, dobre funcionalidade, permitindo abandoar a cidade en situacións de emerxencia, o que se comprende ben dado o carácter defensivo da súa muralla. Un elemento arquitectónico destas características ten que contar con saídas de emerxencia para a poboación e o exército, tal e como José de Castellar puxo de manifesto no seu escrito de 1811. É pois, posible, que os tuneis descritos no folklore dos castros tivesen esta mesma función defensiva, isto é, que fosen construídos para poder saír dos poboados en situación de asedio.

viernes, 31 de mayo de 2024

Toponimia de Lendo - A Laracha

BRAGUNDE


Segundo o filólogo alemán Joseph Maria Piel este topónimo é un nome propio en caso xenitivo de posesión, que indicaría que o lugar pertenceu a un tal Verecundus (masculino) ou a unha muller chamada Verecunda, nome cristián baseado no latín verecundia, "vergoña". ("Sobre a origem de uma trindade toponimica galega: Bergunde, Bergondo, Bragunde", Grial 82, 1983). Este tipo de nomes propios usábanse para propiciar a modestia ou outras virtudes cristiás nos seus portadores.

Inclinámonos pola posibilidade de que o lugar de Bragunde tivese pertencido a unha muller cristiá da Idade Media chamada Verecunda, pois é que na documentación medieval galega só atopamos o antropónimo como nome de muller:

"Ebragundia" (ano 954 - Corpus Xelmírez).
"Ipsa larea que fuit de avia mea Bragundia" (1097 - Braga) = a leira que foi da miña avoa Bragundia.

FONTE GAREA

Segundo Paulo Martínez Lema, "A Garea, que lle dá nome a unha aldea da freguesía de Agrón (Ames), comparece na documentación de DTT baixo a forma Dagarii (1205), o que nos permite interpretalo como o resultado dun sintagma *(UĪLLA) DACAREDĪ, do antropónimo xermánico DAGAREDŬS / DACAREDŬS" (A toponimia da comarca de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do Tumbo de Toxos Outos (séculos XII-XIV), tese de doutoramento, 2010).

Na nosa opinión, a existencia na parroquia de Lendo (A Laracha) dunha Fonte Garea esixe ter en conta a súa explicación como posible hidrónimo. Neste caso o topónimo Garea semella provir da mesma base prerromana que deu orixe a Guareña (Badajoz) ou a Ojo Guareña (complexo kárstico de Burgos).

Hubschmid (Palabras pirenaicas de origen prerromano", 1954 - ed. de Llorente Maldonado) explicara por exemplo que garouno nos Pirineos designaba os cursos de auga, e que era forma sinónima de la Garonne; en montañés guareña significaba "pradería na que abundan os regos ou fontes"; e en salmantino, "ribeira, rego, charca, prado no que abundan os regos"; en Zamora existe o hidrónimo Guareña < vallem de Garonna; e en toda Francia Garonne.

Pola súa parte, Menéndez Pidal tamén tratara do hidrónimo Guareña nunhas "Notas de toponimia" publicadas primeiramente no 1927 e logo na súa obra Toponimia prerrománica hispana (1952). Neste traballo destaca a análise que fixera das formas, que presupón formas antigas con vogal aberta que logo diptongou: o río Guareña que nace na provincia de Salamanca e percorre a de Zamora era designado na documentación medieval como "Garona" (ano 1116) ou "Garonna" (ano 1156). Así pois, ó ser o galego unha lingua na que non se produce a diptongación das vogais abertas faríase necesario explicar Garea como procedente dunha variante suposta *Gare(n)a non documentada, que alternaría coa forma Garona.

Unha outra posibilidade nola suxire o dicionario de Marcial Valladares, que rexistra a forma garejar "rezumar, traspirar una vasija por sus poros cualquier líquido". O verbo semella acaído para explicar o hidrónimo Fonte Garea, pois presupón un substantivo *garea vencellado ós líquidos, de onde se derivaría o verbo garejar, que amosa epéntese de iode antihiática. Seguindo esta posibilidade, o máis probable é que Garea e garejar sexan derivados do latín aquam ou do indoeuropeo akwa con aférese da vogal inicial e redución do grupo kw > k > g. O topónimo Garea designaría, pois, uns terreos que rezuman auga, percorridos por regos, irrigados para pasteiros, ou ben un manancial.

Fonte Garea, segundo o Catastro de Ensenada, era un dos marcos que dividía Laracha de Carballo. A liña de demarcación continuaba polo recinto fortificado da Torre Vella.

Castro da Torre Vella, entre as parroquias de Noicela (Carballo) e Lendo (A Laracha). Xunto del obsérvase outro recinto máis pequeno, o Castro do Coto, segundo nos informa a arqueóloga Puri Soto.

LARÍN


O Larín de Lendo, como o topónimo Larín de Láncara e mesmo o Larín de Arteixo, que atopamos documentado como "Elarim" no ano 969 ("Sanctum Stefanum de Elarim"), provén do nome propio Elarinus, en caso xenitivo de posesión (Elarini), o que indicaría a pertenza das vilas a un propietario deste nome.

Existen mencións ó Larín de Láncara que tamén proban esta etimoloxía: "territorio Sarrie subtus muro de Mahamuth, propre villa regis que vocitant Elarin" (Samos, ano 962), ou "per terminum de Sarria et inde per termino de Elarin et per termino de sancto Vincentio de Lancara" (Samos, ano 1059).

Elarinus segundo Ana Isabel Boullón é un derivado do nome propio latino Hilarius / Elarius, de orixe grega, vencellado á alegría e á risa. Convén distinguilo do nome persoal Lalinus, probable orixe do topónimo Lalín de Pontevedra.

O Seminario de Onomástica no seu vídeo sobre o nome de lugar pontevedrés de Lalín (a cargo de Gonzalo Navaza) indica que o Larín de Arteixo se documenta como Lalín nos textos medievais, polo que viría de Lalinus, do mesmo xeito, afirma o investigador, que o Larín de Láncara. Mais dita consideración non está a ter en conta que as ocorrencias máis antigas destes dous topónimos Larín amosan a forma "Elarini", de Elarius.

Larín no Catastro de Ensenada (Libro Real de Leigos) figuraba como núcleo duplo, desdobrado nos lugares de Larín Novo e Larín Vello.

LENDO


O nome da parroquia rexístrase como "Leedo" nun documento outorgado por Alfonso IX no ano 1228 (fonte: CODOLGA). A presenza do son nasal leva a restituír un til de nasalización non grafado *Leẽdo, o que apunta a un étimo como o latín lenitum, "doce, suave, temperado, calmo", ou ben a planetum, "chao, chaira", con perda céltica do p- inicial seguida de líquida, tal e como ocorreu no topónimo Ledesma (Boqueixón), procedente do prerromano Pletisama, "a grande chaira".

No primeiro caso, a motivación do nome viría dada por ocupar a parroquia un terreo protexido dos ventos mariños polo contraforte do monte Lendo; no segundo, faría referencia á cualidade de ser a maior parte do terreo parroquial, unha chaira, salvo o mencionado contraforte do monte, que a protexe polo norte.

Pía bautismal románica do século XII de San Xiao de Lendo. (C) Arquivo Galiciana.

No traballo de Carlos Pereira Martínez sobre a encomenda templaria que existiu en Lendo, indícase que era lugar de paso obrigado entre A Coruña e Malpica, e que no Catastro de Ensenada aparecen os microtopónimos Calzada de Baixo e Calzada de Riba ("Dúas encomendas templarias galegas descoñecidas: Lendo (A Laracha) e San Sadurniño", Anuario Brigantino, 2000). Segundo o investigador, podería tratarse dunha antiga vía de comunicación de orixe romana que transcorría pola parroquia.

Calzada de Abajo e Calzada de Arriba no Libro Real de Leigos de Lendo
(px. 189 do visor - Arquivo Galiciana).

*LEXAS - LEGAS


No Libro Real de Leigos de Lendo (Catastro de Ensenada) a forma que continuamente aparece é Legas (px. 129, 130, 167, etc.) así como no Libro Real de Eclesiásticos (px. 34). Por elo sostemos que o topónimo Lexas é unha forma ultracorrecta. Nalgún momento entendeuse que a pronuncia de Legas con gheada (Leghas) era un castelanismo, e restituíuse o son que se confundiu coa jota do castelá polo equivalente galego, xe.

Legas podería provir do latín laicas, "relativas ós leigos", designando unha terras que non eran do Igrexario. Na documentación medieval e ata finais do século XVIII adoitábase facer esta distinción entre as terras de "ecclesiario" e de "leigario", as que eran da Igrexa e as que non eran propiedade do clero. A particularidade da forma Legas, se é que procede do latín laicas, é que presenta unha redución do diptongo, pois a forma esperable sería Leigas.

Legas no Libro Real de Leigos de Lendo. (C) Arquivo Galiciana, px. 129.

SAMIRÁNS


Samiráns é un xentilicio, de onde se tira que necesariamente a aldea tivo que se denominar primeiro Salamiri, nome que adoita evoluír a Saamil (varios lugares en Galicia), a Samil (moitísimos máis lugares de Galicia) ou ben a Samir (Soandres - A Laracha). No caso da vila chamada Salamiri de Lendo, tivo mellor fortuna como topónimo o seu xentilicio Salamiranes, "os habitantes dun lugar chamado Salamiri", que finalmente rematou por dar nome ó lugar. A forma actual é a esperable trala perda do -l- intervocálico, preceptiva na evolución do galego medieval.

Salamirus foi un nome propio medieval de orixe xermana moi corrente, rexistrado nos documentos dende o ano 831. Trátase dun composto de dúas bases, SALA, "hall, corte", máis MEREIS, "célebre, famosa, grande". Como se pode percibir, o certo é que o seu significado encaixa moito mellor como nome común de orixe xermana co significado de "grande hall ou corte; importante edificio pacego". 

Cremos que a meirande parte dos lugares chamados Saamil / Samil / Samir de Galicia, como os Saa e Sa (provintes tamén do xermano SALA), foron nomes impostos polos colonos suevos ós establecementos rurais que fundaron, e que primeiramente o nome foi usado como nome común co significado de granxa ou pazo, non como antropónimo. Isto explicaría que as máis antigas mencións sexan referencias a vilas deste nome ("villa Salamiri" - ano 747), non a persoas denominadas Salamirus.

Un exame do entorno de Samiráns podería sacarnos de dúbidas sobre se o topónimo provén en última instancia do nome propio do posesor da vila (un tal Salamirus) ou se foi unha frase xermana SALA + MEREIS = residencia principal, pazo, corte. Ó oeste de Samiráns no lugar da Torre ben podería terse ubicado o edificio principal, o hall. Na parcela catastral 120 (entre A Torre e Samiráns) o microtopónimo Cervecería, un caso único en Galicia de perduración dunha forma provinte do latín servicialia, indicaría que se practicou a servidume, isto é, que houbo servos (colonos) ó servizo dun señor feudal.

Microtopónimo Cervecería no Libro Real de Leigos de Lendo (px. 165 do visor - Arquivo Galiciana).

*XOIOS - GOIOS


Como ocorrera no caso de *Lexas - Legas, Xoios pode ser outro caso de ultracorreción da gheada da pronuncia Ghoios, restituíndose o son que se confundiu coa jota do castelá polo equivalente galego, xe. A dobre solución empregada no Libro Real de Leigos do Catastro de Ensenada (parroquia de Lendo, px. 203), "Joios" e "Foios", indica que a pronuncia do topónimo facíase cun son fricativo velar que o escribán dubidaba como transcribir: en xeral empregou a jota do castelán, pero tamén, polo menos nesta ocasión, o f. Esta segunda elección gráfica resulta moi interesante, pois dá conta de que no ámbito do castelán a pronuncia do f xa era aspirada (cun h aspirado, son semellante ó da nosa gheada ou ó da jota castelán), de aí que o escribán castelán recoñecera na pronuncia de Ghoios, erróneamente, un h aspirado, pronuncia vulgar do f, por iso o transcribe como Foios. Este problema engadido do f como transcrición da gheada, que detectamos por vez primeira nos textos catastrais do XIX redactados por escribas casteláns, vai ser necesario telo en conta para normalizar topónimos pouco coñecidos.

O nome que restituímos é, pois, Goios, que para Ana Boullón é un antropotopónimo (nome de posesor ou fundador da vila) provinte do nome latino Gaudius (Antroponimia medieval galega, 2014).

En comunicación persoal, o filólogo Xabier Canosa indícame que goio ten tamén os significados de "oco, concavidade do terreo", e que podería ser variante de pronunciación de coio, "canto rodado"". Efectivamente, como se pode comprobar no Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega, o seu sentido abrangue as acepcións anteditas máis as de "cova", "sepultura", "lagoa", "poza". Polo que, de acordo cos principios da toponomástica, debemos inclinarnos primeiro por estes valores descriptivos da orografía, antes que recorrer á hipótese antroponímica de Boullón.

"Joios" e "Foios" no Libro Real de Leigos de Lendo, px. 203 - Arquivo Galiciana.