sábado, 13 de noviembre de 2021

Fonte das Meigas e Fonte da Piolla

Son coñecidas as augas polas súas propiedades salutíferas e sandadoras, así como pola súa capacidade de limpar e purificar, de aquí que propongamos que os nomes destas fontes espallados polo noso territorio proveñan do latín:

  1. Aquas medicas > augas meigas. De onde sae o nome das fontes das (augas) meigas, caracterizadas polas súas propiedades medicinais, non motivado pola aparente xuntanza nelas de bruxas para facer aquelarres. Certo que o nome das meigas (bruxas) tamén provén do latín medicas, "sandadoras", como temos sinalado noutra ocasión ("Meigas médicas", Arqueotoponimia 2008), mais bastou que unha profesión estivese desempeñada por mulleres para que pronto se degradase ou se perseguise: meiga (bruxa) / médico (doutor).
  2. Piacula ou piaculum, "ritual de limpeza e purificación" > *Pialla / *Piallo > Piolla / Piollo. Nada que ver pois cos parásitos chamados piollos, aínda que estes axudaran á reetimoloxización popular do nome. Pensamos que nas Fontes da Piolla ou dos Piollos, ou Piollosa, levaríanse a cabo rituais especiais de lustratio ou purificación, máis que simple hixiene.

Trátase entón de nomes cunha cronoloxía latina que indican a existencia de fontes miraculosas ou santas xa dende un pasado remoto.

martes, 9 de noviembre de 2021

A Baiona e os castella tutiora de Gallaecia


Agochadiño no parapeto do castro de Bermui (As Pontes de García Rodríguez) atopamos un deses microtopónimos que explicitan o rol dos castros da Idade do Ferro como bastións defensivos e lugares dende onde se exercía o control económico e político do territorio circundante (v. tamén o caso de Alcaiás).

A Baiona, posto que fai referencia ó parapeto ou ó propio castro, parécenos que podería provir do latín bajula - bajulona, "tutela, protección" (v. tamén bajulare, "rexer, gobernar"), coa preceptiva perda da consoante -l- intervocálica, caída que podería ter sucedido tamén no caso da Bayonne vasca. Neste suposto etimolóxico, que semella o máis verosímil, o castro tería sido un daqueles castella tutiora ós que voltou a poboación galaica buscando refuxio no século V durante a invasión sueva.

O antendito é aplicable igualmente á Baiona de Pontevedra, posto que en 1201 o rei Alfonso IX ó otorgarlle foro á vila de Erízana, e darlle novo nome (Baiona), puido telo escollido dentre os topónimos da contorna: "et impono eidem villae de novo nomen Bajonam". Deste xeito a hipótese de Ferreira Priegue non estaría acertada. A investigadora sostén que este nome de Baiona fora tomado da Baiona vasca, xa que "es un nombre propagandístico y augurativo, típico de la repoblación urbana que rebautizaba las Valencias y Florencias de nueva planta, en un deseo de emular el prestigio de las originales" (Galicia en el comercio marítimo medieval, Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1988); a devandita hipótese vense abaixo ó non ser de aplicación ó castro da Baiona de Bermui (As Pontes de García Rodríguez).

martes, 2 de noviembre de 2021

Corazón

Derivado do verbo latino coriare, "guarnecer, revestir", nun sentido arquitectónico ou relativo á indumentaria. Na nosa opinión, deste étimo proceden coraza e coroza. Esta última é definida polo Dicionário Estraviz como:

(1) Capa feita de junco ou de palha para proteger-se da chuva.
(2) Capa de juncos que vai do pescoço até à metade da perna para se proteger da chuva.
(3) Proteção feita de juncos com a feitura de um telhado para a vaca recém-parida.

Monte Corazón, defensa natural do castro de Freón. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, capa do Voo Americán de 1956-57.

O orónimo Monte Corazón atopámolo no borde leste do castro de Freón (Arteixo), formando un contraforte natural do espazo castrexo. Supoñemos polo tanto que foi este o motivo que deu lugar á denominación, xa que o monte protexe o recinto dese lado como se fose un parapeto. Non ten moito que ver, entón, có termo homófono corazón, que designa o órgano que bombea o sangue, pois según parece este procedería do latín cor, cordis.


Sentímonos orgullosas e moi felices de contribuír con estoutro topónimo do amor ós futuros artigos das revistas dominicais que periódicamente tratan sobre a erotoponimia, xa que, logo, os nomes de lugar caracterizados polo seu aparente erotismo xa comezaban escasear, e estar un pouco vistos: Cariño, Carantoña, Bicos, Vilamor...

sábado, 30 de octubre de 2021

Vella Morta: a vaca como demiurgo creador da paisaxe

Explica Fernando Cabeza Quiles que un enigmático hidrónimo de Carballo, A Vella Morta, ten que aludir dalgunha forma á antiga divindade prehistórica que sobreviviu no noso folklore, e que era dona das forzas da natureza e o clima. Segundo el, polo tanto, o latín vetula tería evoluído a vella como anciá, e gañado unha acepción de Vella como deusa nai, divindade ancestral.

O mesmo autor, a propósito doutra Vella Morta en Rececinde (Coristanco), en falando das características deste lugar especialmente enchoupado, refire que unha informante díxolle que fai anos desaparecera alí unha vaca, engulida polo tremedal.

A partires destes dous casos nos que o topónimo Vella Morta dá nome a un curso fluvial e a un terreo anegado, pasa a xustificalo como hidrónimo mediante unha posible conexión con antigas divindades (Vellas) acuáticas pagás (v. Toponimia de Galicia, 2008, px. 631-632).

O certo é que no relato fornecido por Carmen Pardiño Rial, a informante de Cabeza Quiles, ven a chave, en forma de dindsenchas, da etimoloxía do topónimo, que na nosa opinión remite seguramente ó latín vitula, "tenreira, vaca xove, xovenca, cuxa", e non a vetula, "muller anciá". Nesta liña evolutiva temos documentación medieval que garante a proposta: "vaca vitulata" (ano 953 - Celanova) é orixe da forma, hoxe en desuso, vaca vellada = "que ten un tenreiro".

Entón, que capacidade teñen as vacas de motivar nomes de lugar, amáis da esperable microtoponimia de gandeiría? Lembremos que na Irlanda a vaca ten no folklore conservado pola tradición oral unha función de demiurgo que crea e ordena o mundo, como se recolle por exemplo no conto de Mary Fitzgerald de Bantry ("A Mermaid", Base de datos Nacional do Folklore de Irlanda, duchas.ie, School Collection, 1930): "hai moitos lugares da Irlanda que levan nomes motivados polas vacas, e a seguinte historia explica por que". Despois deste intrigante comezo a señora Fitzgerald relata como unha mermaid ou sereíña xurdiu do mar na costa oeste, coa promesa de traer tres vacas, o que se cumpriu ó ano seguinte. Foi entón cando chegaron do mar unha vaca branca, outra moura e outra rubia, que colleron tres camiños diferentes: a moura foi para ó sur do país, a rubia ó norte e a branca ó centro. A informante finaliza así o seu relato: "neste distrito hai un lago chamado Lough Bó Finne [Lago da Vaca Branca], o que proba que a vaca branca pasou por aquí".

A motivación onomástica ven sendo, polo tanto, a mesma nos dous países. Temos nambos o recurso ó mito fundacional da vaca como demiurgo, que crea e ordea un territorio ó que, ó mesmo tempo, dá nome. É moi probable porén que outros topónimos deste tipo se refiran á esta vaca mítica ou vella (vitula), e non á Vella como anciá divindade pagá (vetula).

Así por exemplo, atopamos no límite entre a parroquia de Celas (Culleredo) e Meirama (Cerceda) na demarcación fornecida polo Catastro de Ensenada relativa á parroquia de Celas, o fito chamado Cagalleira da Vella, nome que non semella oportuno vencellar á divindade pagá ancestral (antiga deusa nai), e si á vella < vitula, a vaca que dá forma ó territorio e faino habitable, porque seguramente o penedo semellaría unha bosta xigantesca.

Outra Vella Morta atópase ó pé da pedrafita de Sobrepiñeiro (Tabeaio - Carral), un marco importantísimo que sinala un trifinium parroquial e que está chantado nunha divisoria de augas secundaria (camiño real ou francés) que tamén é lindeiro territorial. Aquí, o topónimo Vella Morta amósase gardando estreita relación có camiño / divisoria de augas / límite que configura a paisaxe.

Pedrafita de Sobrepiñeiro ou da Fonte das Meigas (Tabeaio - Carral), descrita por primeira vez por X. Lois Villar Hermidas (na fotografía, xunto á pedrafita) na súa monografía San Martiño de Tabeaio, ed. Concello de Carral, 2000. (C) Dolores González de la Peña, 2021.

Ubicación da Vella Morta ó pé da pedrafita de Sobrepiñeiro, ou da Fonte das Meigas.

Lembramos, por ser moi pertinente, o estudo que ten adicado Marcial Tenreiro Bermúdez ó motivo do sacrificio fundacional no que intervén como víctima propiciatoria un bóvido ("Sobre ciertos sacrificios fundacionales y de delimitación, y sus paralelos históricos y etnográficos", Anuario Brigantino, 2007). Así pois, ben sexa que o topónimo Vella Morta faga alusión a unha destas vacas míticas que poboaron o noso país e deron nome ó territorio, como na Irlanda, ou sexa lembranza do sacrificio ritual fundacional dun bóvido có que se percorrían os lindeiros antes de darlle morte, dos estudados polo profesor Tenreiro (como podería ser tambén Boimorto), o que si podemos dar por seguro é que o topónimo nestes casos non está a aludir a ningunha muller anciá ou deusa nai anterga falecida súbitamente no lugar.

Recuperar mediante a toponimia e o folklore un demiurgo animal de orixe prehistórica, non impide seguir a considerar á Vella como deusa nai creadora do mundo, pois seguramente esta última non é outra cousa que unha versión antropomorfa da divindade animal. Na lenda de María Mighez, que amablemente me indica Paulo Martínez Lema e que fora recollida por Carlos Solla no seu Almanaque de Encantos. Mitoloxía da terra de Cerdedo (2005), a vella fundadora da aldea aparécese sempre en compañia dunha vaca: "A pantasma, campesiña enloitada, alinda unha vaca rubia, almalla, galleira, ateigadiña de ubre" (Galicia Encantada).

miércoles, 27 de octubre de 2021

Petróglifo de término nas Brañas do Torreiro (Celas - Meirama)


 
Petróglifo de término nas Brañas do Torreiro (límite entre as parroquias de Celas e Meirama).
(C) Dolores González de la Peña, 2021.

No monte Ghalo / *Xalo, no límite das parroquias de Celas (Culleredo) e Meirama (Cerceda), os amigos Manuel Ruibal e David Chas, veciños de Rodís e Carral, veñen de atopar nas Brañas do Torreiro o que consideramos un petróglifo de termo ben interesante. Non nos cabe dúbida do seu carácter de lindeiro, pois sitúase na liña recta imaxinaria que separa as parroquias anteditas, e que vai da Pedra Mazafacha ata a de Santa Marta. Podemos seguilo polo Catastro de Ensenada (libriño do deslinde da parroquia de Celas): "de aquí a la piedra Mazafacha, y va en derechura al foxo y ojo de la fuente de las Brañas do Torreiro, piedra de Santa Marta, de esta a Carballo Soo...".

Pola complexidade do gravado aventuramos a posibilidade de que se estea a representar un mapa esquemático do deslinde neste punto en concreto. No suposto mapa teríanse dibuxado, entre outros, os elementos da paisaxe que no Catastro de Ensenada se describen como "foxo y ojo de la fuente de las Brañas do Torreiro", hoxe probablemente desaparecidos. Parécenos intuír grafías compatibles con estes dous elementos: de fondo o esquema do chan atravesado por unhas liñas que converxen (foxo) e que van cara unha estrutura composta por uns cadrados sobrepostos (parcelario) rematada por un semicírculo (ollo da fonte).

O petróglifo e a rocha onde está gravado serían, entón, un tipo de término dos denominados, segundo os gromáticos romanos, cursorios. Os cursorios non son términos por se mesmos, pois sucede que neles se indica en esquema ou mediante símbolos un elemento da paisaxe próximo que é o verdadeiro límite: neste caso mediante o suposto mapa gravado nel se estaría a reflictir que o ollo da fonte e mailo foxo eran os verdadeiros elementos que marcaban os límites territoriais.

Parécenos moi relevante o achádego, pois ven corroborar a hipótese de que algúns petróglifos foron mapas do territorio.

lunes, 18 de octubre de 2021

Parada: ocupación temporal dos castros nas malladas

Nun recuncho ou cul de sac do río Fragoso, no concello de Lobeira (Ourense), sitúase o pobo de Parada do Monte, afastado de camiños ou itinerarios principais tanto antigos como modernos. Deste topónimo que pertence ó tipo dos transparentes (os máis perigosos, pois moitas veces a transparencia é enganosa) case non se ten dito nada relevante. Pénsase o evidente, que indicaría o lugar onde se facía unha parada no camiño, onde se detían a descansar os viaxeiros, dotado do aloxamento e / ou servizos adecuados á época, o que agora sería unha área de servizo. Neste sentido Cabeza Quiles afirma que os atopou sempre ó final dunha encosta ou en medio dela, nun descanso orográfico do terreo, e que ven sendo un orotopónimo equivalente a Pousada. Remite a etimoloxía do nome ó latín parare, "preparar, parar, deter" (v. Toponimia da Estrada, col. Terra Nomeada, 2018, px. 111). É seguro que esta interpretación será correcta sempre que o contexto do topónimo sexa claramente viario, mais non parece o caso de Parada do Monte.

Notamos xa no étimo de partida (lat. parare), que nin Cabeza Quiles nin ningún outro investigador recollen a vella acepción de parare como metare (Du Cange), isto é, "aposentar", xeralmente en referencia a campamentos provisionais ou estacionais, como poderían ser os dos soldados romanos no seu avance polo territorio. De aquí ven o termo castrametatio, en referencia ás técnicas moi regulares de dispoñer os campamentos ou castra, entre as que podemos citar os diferentes tipos de centuriacións. 

Se partimos da acepción de parare como metare isto é, "dispor ou levantar unha base de operacións estacional, un campamento", pode comprenderse moito mellor que o termo parada apareza nos textos galegos máis antigos como sinónimo de alvariza, pois podería verse dita construción como un pequeno campamento estacional para as colmeas: "qui sunt prope Nostra Parada ubi colminas habemus" (ano 772 - Lugo: CODOLGA). Feito que lle chama a atención a Cabeza Quiles, máis non é quen de explicalo na liña do orotopónimo.

Xosé Lluís García Arias para Asturias indica que as Paradas poderían "tratarse de auténticas majadas pues con este sentido aparece la palabra en las Actas de la Junta del Principado" (Toponimia Asturiana, sub Caballeros). Así pois, outro asentamento ou aloxamento estacional para gando e poboación.

Posible castro nas parcelas de A Pereira (Parada do Monte - Lobeira). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, Capa do Voo Americán de 1956-57.

No caso de Parada do Monte, semella que o pobo desenvolveuse a partires dun castro cuxas ruínas localizamos na Pereira < petrariam, "moreas de pedras". O castro, na nosa opinión, tería o carácter de asentamento estacional, como a mallada brañega que acabou formándose ó seu carón (a Parada). Ó norte, a uns 2,5 km, aínda se ven grandes currais para gando que na ficha catastral se nomean có microtopónimo Cortellos.

Gran curral dos Cortellos (228m*204m) sinalados os bordes cuns piquiños laranxas (Monte de Farlanza - Lobeira). (C) Visor PBA da Xunta de Galicia, Capa do Voo Americán de 1956-57.

jueves, 14 de octubre de 2021

Unha "Portalén" entre Montaos e Bergantiños

Portalén entre Montaos e Bergantiños, serra de Montemaior. (C) Manuel Ruibal, 2021.

 Outra vista da nova Portalén entre Montaos e Bergantiños.
(C) Dolores González de la Peña, 2021.

Na entrada anterior (Portaleiras, Portelas e Porteliñas do Alén), unha vez establecido o feito de que as dorsais das serras (divisorias das augas) foron fronteiras territoriais naturais (xa na documentación medieval ven sinalada esta función nos textos dos deslindes aludindo continuamente ós cordais como "aguas vertentes" = "vertedoiros das augas dos ríos"), sostíamos, en relación coas divisorias, que nas antigas concepcións culturais da nosa comunidade prodúxose unha identificación entre os conceptos de:
  • Alén como territorio fronteirizo situado doutra banda da divisoria das augas; territorio xeográfico tanxible e real habitado polos outros (os veciños).
  • Alén como un Outro Mundo mítico habitado polos devanceiros (os mortos).
Percibiamos que nas vellas creenzas non se distinguían, pois era que o Alén xeográfico foi ó mesmo tempo un Alén mítico contiguo ó Aquén (mundo dos vivos, comunidade propia). Porén falabamos de que no pasado tivo que existir un concepto laxo do outro considerado indistintamente como:
  • Extranxeiro, pertencente a outra tribo.
  • Defunto da propia comunidade. Como defunto xa non pertencería á tribo e quedaría situado, polo tanto, no limbo do Alén, ó outro lado da fronteira física (e mítica) da divisoria de augas.
Tratando deste conxunto de creenzas escatolóxicas dos nosos antergos, argumentabamos que para pasar do Aquén ó Alén era necesario, evidentemente, ter unha porta. Neste sentido, a toponimia do tipo Portela e Porteliña fálanos destas portas de comunicación có Alén nun sentido territorial e orográfico máis tamén mítico; tanto que, ás veces, podería dotarse á paisaxe do entorno fronteirizo Aquén - Alén cun elemento megalítico en forma de porta ou portal.

Ata o de agora só tiñamos constancia dun caso seguro, que era a porta megalítica estudada por Calros Solla no paso da Porteliña, situada na liña fronteiriza entre os concellos da Lama e Forcarei, á que denominou de forma poética Portalén. Segundo o seu informante Xosé Cortizo, de Barro de Arén, nesta porta adoitábanse celebrar entrevistas cós mortos: "o mes de Santos calquera mortal podía ir alí a falar cós seus defuntos; entraba na porta esa que existe alí, poñía a ofrenda alí no penedo, no pousadoiro do penedo, e facíalle unha pregunta ós mortos; os mortos a través do vento contestábanlle; pero esa pregunta era un secreto sagrado" (vídeo "Monte do Seixo. A montaña máxica. 13: Portalén", Asociación Serpe Bichoca, 2009).

Grazas ás tarefas de recuperación do patrimonio cultural que están a realizar os veciños de Rodís, entre os que temos que destacar ó infatigable Manuel Ruibal, podemos contar agora cunha segunda Portalén no territorio que antigamente se chamaba Inter Montanos et Bragantinos (CODOLGA) preto da divisoria de augas que separa os tributarios do Anllóns ó norte, dos do Tambre ó Sur.

Ubicación da nova Portalén na parcela denominada, segundo a folla catastral, Pedra de Abalar, moi preto do henge de Portaleiras (Silvaescura - Cerceda). A liña laranxa indica a divisoria de augas dos tributarios que van ó Tambre e os do Anllóns. O lugar de Pedra de Abalar é tamén límite das parroquias de Soandres e Santa María Madanela de Montemaior (ambas pertencentes ó concello de Laracha).

A nova Portalén inter Montanos et Bragantinos, vista dende o Alén. A laxe de cobertura semella desprazada intencionadamente para encaixala na fenda do penedo da dereita, que seguramente foi traballado para soster a cuberta inclinada dese lado. (C) Dolores González de la Peña, 2021.

O pousadoiro da porta visto do lado do Aquén, ó sur. Supoñemos que, como no caso da Porteliña investigada por Solla, nel depositaríanse as ofrendas ós defuntos.
(C) Dolores González de la Peña, 2021.

O feito de terse atopada estoutra porta megalítica con evidencias de modificacións antrópicas dos penedos naturais que a forman, nun espazo liminal redundante* (fronteira de parroquias, divisoria de augas), ó lado dunha fermosa e funcional pedra abaladoira que dá nome ó lugar, fornece a oportunidade de establecer agora con case total seguridade un novo tipo de elemento cultual do noso pasado, o do portal megalítico ó Alén como fronteira territorial e mítica (ou simplemente, o de "Portalén", pois foi a primeira descoberta). E é agora e non antes, porque a partires dun único elemento illado, como viña sendo a Portalén orixinal estudada por Solla, non se podía ter establecido un tipo xeral.

A conexión atlántica


Na Irlanda, atopamos na base de datos do Folkore Nacional (duchas.ie) as chamadas Comhla Bhreac ou Breac como equivalentes das nosas Portaléns. Comhla ven sendo "porta" e Bhreac "moteada, con manchas de cores" (cecais porque as comhlaí estiveron decoradas, pintadas). As Comhla Bhreac irlandesas ábrense unha vez cada sete anos, e poden atraer as personas e animais que estean preto: nunha ocasión un can foi captado pola Comhla Bhreac e desapareceu durante anos, ata que foi devolto, mais cando voltou só tiña media cabeza ("Comhla Breac", por Bridgie Flyyn).

Nos catro relatos fornecidos polos informantes de maior idade, e anotados polos nenos da escola a principios do século pasado (1930 - School Collection), podemos observar que as Comhla Bhreac eran consideradas, mesmamente, portas ó Alén, en todo semellantes ás nosas: aberturas nas rochas, penedos en forma de porta, onde se podía producir o encontro cós do Alén. Chamamos a atención sobre os ruídos en forma de forte estoupido que se escoitan ó abrirse a porta ou traspasar o seu umbral, pois nos lembran o gran estoupido que deixa cego ó protagonista do relato mítico "La viga de oro y la viga de alquitrán" (Leandro Carré Alvarellos), que se desenvolve no entorno da Serra do Bocelo, moi preto da célebre Pena Moura, que agora nos parece unha outra Portalén.

  1. O pai de Séan Ó Súilleabháin (Coulagh - Cork) contoulle que nunha ocasión un home, na procura das ovellas, achegouse á Comhla Bhreac no outeiro de Bill Harrington e subiuse nela. Entón escoitou un ruído baixo el, que fixo que correra ata afastarse dos penedos. Cando a certa distancia voltou a vista atrás, viu como a rocha se fendera, e puido escoitar o son da música e dos cascos dos cabalos, que viña doutro lado.
  2. O pai de Peadar Ó hÚrdail (Eyeries - Cork) contoulle que unha noite uns pescadores de Tráigh Mhara escoitaron un ruído preto da Comhla Bhreac que existía alí (nun lugar encantado onde había dúas rochas ergueitas). O ruído soaba como se dúas montañas se viñeran abaixo unha contra á outra.
  3. O pai de Séan Ó Ceallaigh (Caherkeen - Cork) contoulle que un home de Caherkeen vira unha pantasma dirixíndose á Comhla Bhreac dun outeiro, unha gran rocha preta. A pantasma conducía unha vaca. O pastor e maila res ó chegar á rocha desapareceron.
  4. Ellen Harrington, a informante de Mary Harrington (Kilcatherine - Cork), contoulle que nunha Comhla Breac estaba a oficiarse misa nos tempos en que estas estaban prohibidas. O cura fora asesinado por un soldado que aparecera por alí, e dende entón a Comhla Breac é curva como a porta dunha igrexa.

*Indícame Calros Solla, en comunicación persoal, que a liminariedade destes lugares exprésase de forma redundante: non só é que se sitúen nas fronteiras territoriais, senón que a toponimia o reflicte reiteradamente no entorno.