domingo, 12 de diciembre de 2021

Munidi Eberobrigae e o "mundus"

Repasando unha vez máis a última bibliografía sobre a controvertida etimoloxía de mundus, "mundo", concretamente o estudo de Simona Georgescu ("The world as a yawning gap", en Words and Sounds, 2019), có obxecto de aclarar o significado último da nosa toponimia en -monde / -mundi, que non consideramos derivada de antropónimos xermáns, topamos con que no relato da fundación de Roma mediante o rito etrusco do trazado por parte de Rómulo dunha trincheira circular, foi este valado o que recibiu o nome de mundus, segundo o relato de Plutarco.

Semella que na inscrición de Talaván (Cáceres), Munidi Eberobrigae, podería aludirse a unha destas trincheiras circulares excavadas no chan, un oco sacro ou mundus, que constituiría o pomerium dunha cidade, do asentamento de Eberobre. A forma feminina munidi condúcenos entón a outra etimoloxía que ten que ver có cognado latino munire, "protexer, fortificar". Ó tempo, a testemuña epigráfica amosa o carácter prerromano do termo; antigüidade máis que suficiente para garantir unha base que explica a toponimia en -monde / -mundi como prerromana, e considerala sen dúbida de carácter fundacional.

A explicación que fornece Georgescu, que tenta fiar todas as acepcións de mundus a partires dunha única base etimolóxica, por deriva semántica, dende a que considera máis antiga (o sentido de "abertura, pasaxe" que existe nas linguas xermánicas: munda, mouth) non nos parece apropiada, pois a máis antiga terá que ver coa raíz indoeuropea MEI(3)-, que é da que xurde o latín munire, "protexer, construír un valado ou defensa, fundar).

Parécenos máis probable, entón, que do primeiro sentido, "trincheira circular, defensa, fundación", se teña pasado ó de "subterráneo, abertura no chan, galería, pasaxe", e que ó mesmo tempo se teña chegado a unha acepción de "sacro, limpo, puro" pois orixinalmente a trincheira delimitaba un espazo de carácter sagrado, e finalmente, á idea de "mundo, cosmos", que viría dada por ser o lugar de habitación por antonomasia dun grupo humán determinado, pequeno ó principio, e que vai aumentando ata englobar toda a Terra como fundación circular.

Castro de Aldemunde.

Documentado na Idade Media como Ardemunda (ano 1169), o nome indicaría a fundación circular dun asentamento protohistórico nun lugar elevado (cognados do primeiro formante: irlandés ard, "elevación", latín arduus, "abrupto, escarpado").


sábado, 11 de diciembre de 2021

Dumnorix / Dubnoreix

Na nosa opinión, o nome deste chefe (rei) galo ven amosar, na súa alternancia dumno- / dubno-, que o que dixo Paulo Diácono no seu epítome a Festo, "dubenos apud antiquos dicebatur, qui nunc dominus" ( = dubenos dicíase entre os antigos o que agora se di dominus), é certo. Ou sexa, que dominus, "señor", dicíase antes dubenos (ou dubnos, se temos en conta a caída da vogal postónica).

Un estudo etimolóxico sobre o dato fornecido por Paulo Diácono: Luca Rigobianco, "Latin dubenus, 'dominus': an attempt at etymology" (Words and Sounds, 2019). O autor propón unha etimoloxía a partir da forma arcaica duenos, que no século VI a.C. indicaría a pertenza a unha elite aristocrática (Colonna).

Entendemos entón que isto mesmo se podería aplicar ó nome do chefe galo, que pode transcribirse das dúas formas (námbalas dúas con caída da vogal postónica: dum(i)no e dub(e)no). O nome Dubnoreix, ou mellor, título honorífico, viría significar literalmente "O Señor El-Rei". O feito de conservar o galo a forma máis antiga dubno, "señor", apunta cecais a que as linguas célticas foron máis conservadoras que o latín. O antropónimo non tería que ver polo tanto con dubno, "mundo", que é a etimoloxía que adoita fornecerse (*"Rei do mundo").

O Fortín (A Casanova - Miraz, Xermade)



Recinto dun só anel, ou cecais un henge, na Chousa do Castro, preto de A Casanova (San Pedro de Miraz, Xermade). Código do inventario de patrimonio GA27021174.

Na microtoponimia das parcelas inmediatas figura o nome de O Fortín, en clara alusión ó anel defensivo do recinto. No Catastro de Ensenada, na delimitación da parroquia de Piñeiro (Vilalba) e Miraz (Xermade) noméase neste punto a modia da Casa Nova, que tamén podería designar esta formación. O termo modia non ven nos diccionarios ó uso (nin no Estraviz nin no Diccionario de diccionarios). Semella ser a mesma palabra indoeuropea que pasou ó etrusco mutina, "tumba", orixe do topónimo Módena. Non podemos descartar a observación de Rivas Quintas (Toponimia de Marín, 1982, px. 74), que aduce unha metátese dende modarella a muradella / morodella, o que podería ter propiciado (segundo a nosa opinión) formas alternantes muria - mudia / modia, dificultando a etimoloxía (se dunha base indoeuropea *MUT / MOT, "túmulo de terra, outeiro, tumba", ou do latín murum, "muralla de pedra").

domingo, 5 de diciembre de 2021

Miñón, Melide

 


A croa do castro de San Vicenzo (Cerceda) leva o nome de Miñón (ficha catastral), o que semella estar motivado por unha metáfora na que se aplica o nome da peza central da roda do carro á croa, en virtude do seu parecido formal e funcional, isto é, ocupar o centro dunha roda. Esta peza ten nomes ben distintos na nosa xeografía: mión, muil, mil, mile, milde... Supoñemos, entón, que a mesma metáfora aplicouse ó castro de Melide, de onde tiraría o seu nome a vila: Milde > Milide (con epéntese de vogal de apoio), etc. A nosa proposta ven avalada pola tradición onomástica de nomear como Roda ó conxunto circular de foxo e terraplén que arrodea á croa do recinto, sendo esta nova forma Miñón / Milde > Milide unha expansión da metáfora que equipara ós recintos castrexos coas partes da roda do carro.

sábado, 4 de diciembre de 2021

Arepennis > alpendre

Xa nos parecía que si, mais agora que atopamos o traballo de Cornelius Joseph Crowley (New linguistic data for Hispano-Celtic: an evaluation, 1981) está claro que o céltico arepennis dá alpendre, "alboio ou pendello". A evolución fonética está suxeita a novas leis, pouco ou nada exploradas, da evolución do céltico ó galego: vemos que o grupo nn ás veces evolúe a ndr (Spinno > Espindro).

Desta etimoloxía e dos sinónimos dedúcese que are-penn ou are-pend (con disimilación do grupo nn) ten que ver có cognado latino pendere ou colgar, pois é que o teito destas construcións propias do agro está sostido ou suspenso por uns postes. Are pode ser a preposición "ante" que se explica no Glosario de Endlicher ou, máis ben neste caso, forma do artigo ou presentador (v. bretón: Argoad, "o interior", e Arvôr, "a costa").

No Dicionário Estraviz fornécese a etimoloxía latina appendere (que segundo nós non sería máis que o cognado romano do céltico arepennis), e recóllense as seguintes definicións:

(1) Teito saliente por cima de uma porta, ou ao lado de uma parede, sustentado por pilastras ou colunas. alpendrada, cabanote, pendelho, palhota, alboio
(2) Lugar coberto rusticamente e pegado à casa, onde se guarda o carro e demais apeiros de lavrança.

Topónimo portugués Alpendurada (equivalente ó galego alpendrada).

Na deriva semántica da palabra dende o céltico galaico ó galo é posible que adquirise a acepción de "medida agraria" que tivo nesta última lingua: alboio ou pendello -> patio no que se ergue o alboio -> extensión agraria determinada vencellada ó seu pendello.

Evidentemente o núcleo da palabra, penn, é o mesmo penn que tamén significou cabeza (teito, o que cubre, o que pende). Esta forma, como é ben coñecido, coexistiu coas variantes cenn / ceann (goidélico irlandés). Ámbalas dúas, con p- ou k- iniciais, proveñen da forma indoeuropea *kʷennos.

Ter en conta a alternancia de formas habilítanos para considerar os topónimos Pintia e Quintá como descendentes desta base *kʷennos (non do numeral indoeuropeo penkwe), cecais coa acepción agraria que estamos a ver, referida ás construcións dos alpendres e ós terreos ou patios anexos ó asentamento principal nos que se erguían estes. No artigo de Salvador Repiso Cobo, "Pinza y Las Pinzas. Historia de un topónimo" (2017), atopamos un resumo do estado da cuestión, aínda que no seu corpus conta con topónimos como os Pinzás galegos, derivados de paínzo.

Elementos do conxunto castrexo de A Pinza (Sarria). Trátase seguramente da Pintia dentre os galaicos lucenses mencionada por Ptolomeo.

Vela (croa fortificada no Ferro, latín vigilare, "vixiar")
Pacio (vello núcleo gandeiro orixe do asentamento, indoeuropeo *palatiom, "peche gandeiro neolítico coa vivenda do pastor")
Castro (fundo ou territorio adscrito a un asentamento, indoeuropeo *k̂es-, "cortar, parcelar, dividir")
A Pinza (alpendre ou construción auxiliar das tarefas agrícolas).

Pedras Campaíñas

 

Menhir ou parafita chamada Pedra Campaíña. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

No límite entre San Román das Encrobas e Santo André de Meirama, preto da urbanización do monte Ghalo / *Xalo, atópase un aliñamento de parafitas chamadas Pedras Campaíñas. O litotopónimo pertence ó tipo da clasificación de Vicente Feijoo Ares denominado "nombres que aluden al sonido que emite la piedra", entre os que inclúe: A Fraga do Tambor, A Pedra que Fala, A Pena que Tanxe, A Pedra da Campá, O Outeiro do Sino, ou A Fraga do Tintinidoiro… O autor indica que "el sonido está producido por el aire, por el eco, por un palo o una piedra con los que se golpea, o por un ser legendario que habita dentro de la roca" ("Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia: cultos, ritos y leyendas").

Non debe ser un derivado de campo (Campiña), pois que na zona existe algún outro caso de pedras asociadas ó son da campá. No Catastro de Ensenada na delimitación da parroquia de As Encrobas (San Martín de Cerceda), síguense os seus límites por "la Peña Negra que llaman de Altamira, también redonda, con una cruz que tiene por parte del Levante, de esta sigue así mismo agua arriba, hasta dar en otra piedra llamada do Cancel da Campana, que tiene otra cruz y está caída en el suelo, y de aquí a otra piedra, que llaman debaxo del Camino Francés, que tiene otra cruz, y de esta se va a la Peña Parda, de aquí en derechura a la Peña da Edra".

Un estudo máis detallado sobre a arqueoacústica dos megálitos e as pedras resoantes é o de Fernando Alonso Romero (Cultos y creencias en torno a los megalitos del área atlántica europea, Andavira, 2012), no que conta, por exemplo, a crenza portuguesa de que nos Penedos do Sino (Penha, Guimarães) habitaba unha moura encantada. O máis razoable, para este investigador, é considerar que foron pedras cuxo son vibrante ó seren golpeadas en certo punto interpretábase, segundo os criterios do receptor, como de bo ou mal agoiro. Estes cultos litolátricos foron cristianizados, nalgúns casos erguendo campanarios nelas, e pasando o son a identificarse có dunha campá, símbolo acústico da nova fe.

*Grata a Manuel Ruibal por terme amosado as Pedras Campaíñas.

viernes, 3 de diciembre de 2021

A Toxa, Gatañal, Pebidal: a toponimia do toxo

O Atlas Lingüístico Galego recolle entre os nomes e tipos de toxo: pebidal, mulario, mular, molar, molairo, melgo, manso, macho, gato, gatés, gateño, gateiro, gatañal, femio, femia, fema, de pebida, de gato, da Mariña, carapuchudo, can, cachal, bravo, brañío, brañego, blanco, besteiro, aznar, arnello, arnaz, arnau, arnal, albeiro, albariño e albar. A ter moi en conta para explicar topónimos como Pebidal, Pebideira, Gatañal ou Gatañeira como fitotopónimos.

O toxo gateño segundo Francisco Mª de la Iglesia é o mesmo que o carrasco ou besteiro ("Modismos", px. 19, Arquivo Galiciana).

Gatañeira xunto á Chousa da Toxa, no límite das parroquias de Santa María Madanela de Montemaior e San Pedro de Soandres, preto dos núcleos de poboación de O Pazo, Trixezo e A Orraca. 

Os topónimos se explican mutuamente: A Toxa é un colectivo de toxo, por estar destinada a chousa ó cultivo deste gamallo, e Gatañeira recibe este nome por estar sementada de toxo molar ou gateño (ulex minor), tal e como sinala Xosé Vidal Pérez (Catalogación toponímica do Concello de Laxe); porén non ten que ver cós gatos (animal), salvo no que atinxe ás espiñas, que poden arañar como un destes felinos.

Ó mesmo tempo, a identificación da toponimia do toxo fornece un testigo ou fósil director da existencia dos montes veciñais en man común, ó mostrar un dos aproveitamentos máis característicos destes.

Nesta familia fitonímica poderían entrar topónimos como Gateira, Gaiteira (por metátese), Gaiteiriños, etc.