Entre brujas (novela comprimida), é a historia inédita dunha linaxe de mulleres meigas orixinaria de San Xurxo da Mariña (Ferrol) que pasou a asentarse na veciña parroquia de Serantes, e dos problemas que lles ocasionou dito traslado precisamente por ser de San Xurxo, lugar moi vencellado á meiguería. A vella señora Nemesia, a súa filla Calixta, e a neta, Rosiña, de vinte primaveras.
O doutor e arqueólogo don Santiago de la Iglesia Santos conta en primeira persoa o extraordinario caso de bruxería do que fora testigo na súa xuventude, cecais o que foi o último caso de bruxería coñecido no noso país. El mesmo protagoniza a historia cando, recén licenciado e destinado á cidade de Ferrol para ocupar o cargo de médico rural de Serantes, ten que atender de urxencia á vella señora Nemesia, a meiga filla do demo que fora moída a paos pola muller e as fillas dun rico labrador da veciñanza.
O relato curto, baseado en feitos reais e autobiográficos, foi redactado en decembro de 1919, corenta e seis anos despois de que tiveran acontecido os feitos (1874).
A noveliña mergúllanos de cheo na tradición literaria do naturalismo; na corrente naturalista máis dura. Como médico e científico que foi o seu autor, enfróntase ó enigma das feiticeiras tentando explicar a crenza popular no fenómeno paranormal da bruxería, que para el estaría causado pola suxestión, hipnose ou mesmerismo, seguindo así a outros especialistas da súa época que analizaron do mesmo xeito o caso de licantropía que supostamente afectaba ó noso home-lobo Manuel Blanco Romasanta. Lembramos aquí como un tal Mr. Philips no ano 1853 influíra no caso de Romasanta aducindo que a súa enfermidade viña provocada pola electro-bioloxía ou hipnose (Torres e Mariño: "El caso de Blanco Romasanta, el hombre-lobo gallego desde la perspectiva psiquiátrico-forense actual", Estudios penales y criminológicos, 2007).
Neste aspecto, dentro do relato as referencias do doutor de la Iglesia acomódanse perfectamente á bibliografía da época sobre o tema da hipnose, e por certo á dos máis famosos literatos naturalistas: "la señora Nemesia poseía el don de la proyección de lo que llama Balzac la fuerza de la voluntad [...] a la que dio expresión y fuerza científica Charcot en sus inolvidables experiencias de la Salpêtrière, creando el hipnotismo médico".
Entre brujas pasa a ser, entón, o primeiro estudo de etnomediciña ou mediciña forense de Galicia, no marco literario do naturalismo máis ortodoxo. Máis non só é relevante por esta razón.
O que me resulta máis fascinante aínda é a nota folklórica ou etnográfica que insire sobre as xentes de San Xurxo da Mariña e Covas, de onde procedían as mulleres: "de todos estos pueblecillos, ninguno más curioso y original que San Jorge de la Mariña; diríase arrancado de la costa de la Normandía, de tierra de piratas [...] pidiendo al cielo les conceda naufragios". E continúa, facendo que o lector se sinta como na Pousada do Almirante Benbow: "la tradición secular habla allí de refugios de hombres del norte, de Nor-mands feroces en sus luchas [...] trayendo en sus naves cuchillos y armas de calidad excelente, bebidas fuertemente embriagadoras, útiles y enseres variadísimos y llevándose carnes saladas y frescos quesos, y mantecas y granos". Unha xa os imaxina cantando aquelo de "ron, ron, ron, a botella de ron!". Stevenson quédalle moi preto ó doutor de la Iglesia.
Delo despréndese a certeza dos contactos entre os de San Xurxo e Covas e os piratas e corsarios normandos dende tempo inmemorial, cos que practicarían un intercambio comercial ata achegarse ó moderno contrabando de bebidas alcohólicas, logo tabaco, etc.
Neste outro aspecto da noveliña tambén é salientable a descrición que fai do costume dos veciños de San Xurxo de aproveitar as crebas arroxadas polo mar tras os naufraxios. Os obxectos máis nobres atopábanse nas chozas máis miserables: camas ou portas de cedro, fermosas pezas de porcelá e vidro. Tamén valiosos produtos químicos, como o cloruro áurico, e as bebidas máis escollidas, como o ron e o champán que tivo a oportunidade de beber o mesmo doutor nas súas visitas médicas, tiñan a mesma orixe.











