lunes, 12 de abril de 2021

Entre brujas - As meigas de San Xurxo da Mariña

Entre brujas (novela comprimida), é a historia inédita dunha linaxe de mulleres meigas orixinaria de San Xurxo da Mariña (Ferrol) que pasou a asentarse na veciña parroquia de Serantes, e dos problemas que lles ocasionou dito traslado precisamente por ser de San Xurxo, lugar moi vencellado á meiguería. A vella señora Nemesia, a súa filla Calixta, e a neta, Rosiña, de vinte primaveras.

O doutor e arqueólogo don Santiago de la Iglesia Santos conta en primeira persoa o extraordinario caso de bruxería do que fora testigo na súa xuventude, cecais o que foi o último caso de bruxería coñecido no noso país. El mesmo protagoniza a historia cando, recén licenciado e destinado á cidade de Ferrol para ocupar o cargo de médico rural de Serantes, ten que atender de urxencia á vella señora Nemesia, a meiga filla do demo que fora moída a paos pola muller e as fillas dun rico labrador da veciñanza.

O relato curto, baseado en feitos reais e autobiográficos, foi redactado en decembro de 1919, corenta e seis anos despois de que tiveran acontecido os feitos (1874).

A noveliña mergúllanos de cheo na tradición literaria do naturalismo; na corrente naturalista máis dura. Como médico e científico que foi o seu autor, enfróntase ó enigma das feiticeiras tentando explicar a crenza popular no fenómeno paranormal da bruxería, que para el estaría causado pola suxestión, hipnose ou mesmerismo, seguindo así a outros especialistas da súa época que analizaron do mesmo xeito o caso de licantropía que supostamente afectaba ó noso home-lobo Manuel Blanco Romasanta. Lembramos aquí como un tal Mr. Philips no ano 1853 influíra no caso de Romasanta aducindo que a súa enfermidade viña provocada pola electro-bioloxía ou hipnose (Torres e Mariño: "El caso de Blanco Romasanta, el hombre-lobo gallego desde la perspectiva psiquiátrico-forense actual", Estudios penales y criminológicos, 2007).

Neste aspecto, dentro do relato as referencias do doutor de la Iglesia acomódanse perfectamente á bibliografía da época sobre o tema da hipnose, e por certo á dos máis famosos literatos naturalistas: "la señora Nemesia poseía el don de la proyección de lo que llama Balzac la fuerza de la voluntad [...] a la que dio expresión y fuerza científica Charcot en sus inolvidables experiencias de la Salpêtrière, creando el hipnotismo médico".

Entre brujas pasa a ser, entón, o primeiro estudo de etnomediciña ou mediciña forense de Galicia, no marco literario do naturalismo máis ortodoxo. Máis non só é relevante por esta razón.

O que me resulta máis fascinante aínda é a nota folklórica ou etnográfica que insire sobre as xentes de San Xurxo da Mariña e Covas, de onde procedían as mulleres: "de todos estos pueblecillos, ninguno más curioso y original que San Jorge de la Mariña; diríase arrancado de la costa de la Normandía, de tierra de piratas [...] pidiendo al cielo les conceda naufragios".  E continúa, facendo que o lector se sinta como na Pousada do Almirante Benbow: "la tradición secular habla allí de refugios de hombres del norte, de Nor-mands feroces en sus luchas  [...] trayendo en sus naves cuchillos y armas de calidad excelente, bebidas fuertemente embriagadoras, útiles y enseres variadísimos y llevándose carnes saladas y frescos quesos, y mantecas y granos". Unha xa os imaxina cantando aquelo de "ron, ron, ron, a botella de ron!". Stevenson quédalle moi preto ó doutor de la Iglesia.

Delo despréndese a certeza dos contactos entre os de San Xurxo e Covas e os piratas e corsarios normandos dende tempo inmemorial, cos que practicarían un intercambio comercial ata achegarse ó moderno contrabando de bebidas alcohólicas, logo tabaco, etc.

Neste outro aspecto da noveliña tambén é salientable a descrición que fai do costume dos veciños de San Xurxo de aproveitar as crebas arroxadas polo mar tras os naufraxios. Os obxectos máis nobres atopábanse nas chozas máis miserables: camas ou portas de cedro, fermosas pezas de porcelá e vidro. Tamén valiosos produtos químicos, como o cloruro áurico, e as bebidas máis escollidas, como o ron e o champán que tivo a oportunidade de beber o mesmo doutor nas súas visitas médicas, tiñan a mesma orixe.

Espolio dun naufraxio na praia de Marmadeiro ou da bruxa Santa Comba (Covas). A embarcación no momento da súa reaparición tralo temporal que arrastrou a area que a cubría foi obxecto de suposicións un tanto a fume de carozo, antes de que as mareas voltaran a cubrila de novo: chegou dicirse que tiña certo ar vikingo. (C) Dolores González de la Peña, 2014.

Entre brujas pode lerse completa no manuscrito do Arquivo da Biblioteca Galiciana, entre os fondos da Real Academia Galega (Fondos Persoais - Eladia de la Iglesia). A obriña dá para contar moito máis, historia de amor incluída, polo que dá tamén para unha película. Sen intención de ser exhaustiva e destripala totalmente, só vou indicar que a vella señora Nemesia morreu, pero non morreu polos paos recibidos (dos que curou polo bo facer de don Santiago), morreu de rabia. Non vou dicir que ou quen lle ocasionou semellante estado anímico (o cal é moi relevante), senón onde está enterrada a última meiga de Galicia: "frente a la puerta de la capilla en ruinas, cerca del sarcófago del hidalgo Alfonso de Serantes, cuyo sepulcro conocen tan pocos ferrolanos". Respetade a súa tumba porque as facultades da señora Nemesia son as dunha bruxa de verdade.

"La señora Nemesia era bruja de verdad"


Diante da porta, non sei se cara dentro ou cara fóra desta capeliña, moi preto do sarcófago de Alfonso de Serantes, xaz o corpo da última meiga galega. (C) Dolores González de la Peña, 2014.

Meigas ferrolás


Nun artigo de 1900 publicado en El Correo Galego, titulado "Brujerías Ferrolanas", dase traslado dun manuscrito de nigromancia da "monxa de Filgueira", con remedios para os encadelados, as malas fadas, a tiña do liño, o mal da paletilla, os nenos quebrados, diversas plantas máxicas como o xenxibre, o trovisco, o codeso, a xesta, o visgo e o trébol, e a técnica da ovomancia ou adiviñación mediante a clara de ovo (practicada na noite de San Xoán). O autor finaliza así o texto: "esta es la relación verídica y exacta de las paparruchas practicadas por las brujas que, para vergüenza nuestra, ejercen en Ferrol su profesión, con grave detrimento del buen sentido y del bolsillo de los inocentes".

martes, 6 de abril de 2021

A capeliña de San Lourenzo (Limodre - Laraxe)

Ofrendas e prendas personais xunto ó marco de San Lourenzo. Abogoso para os problemas de infertilidade, a miudo atópase roupa interior xunto del. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

O famoso culto litolátrico que aínda se desenvolve en torno ó marco de San Lourenzo, así como as referencias á capeliña hoxe desaparecida (disque voou polos aires nunha explosión*) que albergaba a imaxe do santo, están recollidas pormenorizadamente no excelente traballo de Eva Loureiro Souto: "Límites parroquiais, límites simbólicos, conmemoracións rituais: o marco de San Lourenzo", Cátedra, nº 10, 2003). No seu estudo atopamos a cita que precisamos, que nos vai servir para asentar a nosa opinión sobre a capeliña ou ermida de San Lourenzo; segundo pensamos non se trataría dun edificio cristián, xa que, logo, estaba situada nun bivium e no medio do túmulo de terra que hoxe acolle o marco. O mesmo Vales Villamarín sospeitaba da existencia dun túmulo prehistórico no lugar: "la «chanta», clavada en el mismo lugar, donde presumimos tiene su emplazamiento el túmulo prehistórico" ("El marco del monte Medela", Anuario Brigantino, 1999, px. 14).

Eva Loureiro menciona unha entrevista a José Prego Mesías (El Ideal Gallego, 4 de agosto de 1961), un dos organizadores das festas de Laraxe. O xornalista preguntáballe a José se a imaxe do San Lourenzo era moi antiga, e este respostaba: "é bastante, pero aínda o era máis a que existía nunha cova situada precisamente no centro de catro parroquias: Laraxe, San Martiño do Porto, Limodre e Maniños".

Unha ermida ou unha capeliña rara vez son equiparadas coas covas, mais con frecuencia os megálitos si se denominan así (v. gr. Cova da Moura; Marco da Cova do Tesoureiro); ademáis, pola súa situación nos límites territoriais foron reaproveitados como marcos parroquiais. Temos polo tanto un bo fundamento para supoñer que o marco é resto dun megálito case totalmente destruído nunha voadura, cecais na procura dos míticos tesouros dos mouros, ou cecais, destruído pola Igrexa (e non sería a primeira vez), coa finalidade de atallar os cultos litolátricos pagáns.

Bivium ou bifurcación do camiño, visto dende a parte dianteira do túmulo que alberga o marco de San Lourenzo, con algún anaco de seixo branco característico das coirazas das mámoas. Un dos ramais conduce direitamente ó castro de Prismos.
(C) Andregoto Galíndez, 2021.

Temos que ter en conta a propia advocación a San Lourenzo. Como viramos xa noutra entrada (Un lucus en San Lourenzo de Niveiro) Blanca García Fernández-Albalat desenvolveu a conexión (tamén lingüística) entre o deus celta Lug e San Lourenzo (Las rutas sagradas de Galicia. Perduración de la religión celta de la Galicia antigua en el folklore actual, 1999). Mais na miña opinión a advocación a San Lourenzo podería partir dun culto previo que tiña lugar no recinto dun lucus ou bosque sagrado.

Así pois, a chamada capeliña de San Lourenzo semella ter sido un túmulo cristianizado, como o dolmen baixo a Capela da Santa Cruz (Cangas de Onís), ou o túmulo de Santa Eugina de Solano (Alt Urgell) e o de Saint Michel en Carnac, sobre os que se construíron capelas.

_________________________

*Francisco Vales Villamarín (apud Eva Lourenzo): "desapareceu por completo debido a unha grande explosión de foguetería ocorrida no seu interior".


domingo, 4 de abril de 2021

Pena da Elección, da Lección ou da Lición? (Cabanas - A Coruña)

Vistas dos meandros do Eume preto xa da súa foz, dende a Pena da Lición (Cabanas - A Coruña). No cumio de arriba á esquerda, intúese a silueta do castelo de Andrade recortada contra o horizonte. Entre os dous sectores de musgo da pena, o podomorfo de orixe natural sobre o que tería lugar a investidura real segundo o estudo de Quintela e Santos Estévez ("Petroglifos podomorfos de Galicia e investiduras reales célticas: estudo comparativo", Archivo Español de Arqueología, 2000). (C) Anxo Martínez-de Alegría, 2021.

Segundo a referencia bibliográfica que me facilita o arqueólogo XMª Bello, o folklore asociado ó penedo viña recollido no traballo La arqueología en la gasificación de Galicia 14. Corrección de Impacto de las redes y ramales de A Coruña, Xesús Amado Reino, Patricia Mañana Borrazás e Paula Ballesteros (Tapa 21, 2001):

Una señora aseguró que en esa piedra se elegían los alcaldes del pueblo, recalcando que el topónimo era Pedra da Elección y no Pedra da Lección, como aparece en los mapas. Por otro lado, un señor contó que los viejos decían: "que allí, en la madrugada de S. Xoán se oía tocar a un gaiteiro" (px. 117).

Segundo o parecer de XMª Bello, a forma do microtopónimo que presenta a informante como verdadeira podería ser resultado dunha corrección erudita motivada pola lóxica mental. O que se chama etimoloxía popular. A forma corrixida (Pena da Elección) contería xa o xérmolo dunha lenda etiolóxica que viría xustificar o sentido dun nome que a informante non lle vía aplicación no contexto no que aparece o penedo: pois que resulta imposible que na rocha se dera ningunha Lección, corríxese a Elección [dos alcaldes]. É, dende logo, unha posibilidade a ter conta. 

Sobre todo, porque fai pouco que un dos netos do propietario da finca onde se sitúa a Pena da Lición, Iago IF, tivo a amabilidade de informarme de que no Catastro de Ensenada atopou o nome do penedo como "Pena delizión", e de que o seu avó sempre chamaba ó lugar "Pena da Lición". Asimesmo, me indicaba que nunca lle escoitara ó seu avó lenda algunha vencellada ó penedo.

"Pena delizión" no Catastro de Ensenada; recorte enviado por Iago IF.
(C) Libro real de leigos de Santo André de Cabanas e Santo Estevo de Irís (1752), px. 81 do visor da Biblioteca Galiciana.

Se partimos do feito de que a forma máis antiga e mellor conservada é a do Catastro, que ven sendo a mesma ca que lle transmitiu a Iago o seu avó, podemos fornecer outra etimoloxía para o microtopónimo Lición, do latín laesus, "ferido, mancado, quebrado", que ven dar no galaico-portugés antigo lijom, "mancadura" (Cantigas de Santa María), ben nunha acepción orográfica relativa ó propio penedo que semella quebrado, á paisaxe fendida polo río Eume, ou ós lindes parroquiais que pasan por esta paraxe un pouco máis arriba (marco do Salto).

No Libro Real de Leigos da parroquia de Santa Cruz do Salto altérnanse pronuncias con seseo (Serdeiras / Cerdeiras; Fonte Siega / Fonte Ciega), o que fornece unha boa base para supoñer un orixinal Lixón > Lisión, despalatalizado, que se transforma logo en Lizión ó hipercorrexir unha s etimolóxica tomada por pronuncia seseante.

A elección dos alcaldes en Santa Cruz do Salto e Santo Estevo de Irís


  1. "el alcalde de dicha felegresía [...] es igualmente nombrado por el vencindario a maior número de votos, y el que en esta conformidad sale electo, le expide su título de nombramiento para el uso y exercicio de su empleo, el Juez de dicha jurisdición de Calaveiro" - Libro interrogatorio de Santa Cruz do Salto, 1752.
  2. "a excepción del alcalde pedáneo y persona de Cavildo, que estos son eleitos por el Pueblo a maior número de votos" - Libro interrogatorio de Santo André de Cabanas e Santo Estevo de Irís, 1752.

Pode comprobarse que se describre con detalle o proceso de votación, elección e nombramento dos alcaldes sen facer alusión algunha ó lugar da Pedra da Lición.

Os petróglifos da Pena da Culler (Pedroso - Narón): un trifinium parroquial


No Catastro de Ensenada (PARES) atopamos os límites de Pracente con respecto a Sedes e Pedroso (Narón); pasaban pola Pena da Culler, que tivemos a oportunidade de coñecer grazas ó arqueólogo Eloi Saavedra.

A continuación trasladamos os límites de Pracente segundo o Catastro de Ensenada: "principiando por el Levante, con el Puerto llamado de Loureiros, división con la Felegresía de San Salvador de Pedroso, siguiendo al lugar que se dice de Pena Blanca, y de esta al Riego de Cantalarrana así a la Cumbre del monte y fuente llamada dos Mojós, de aquí a la Peña nombrada da Culler, y de ella a un marco que se dice das Quintas, caminando desde él por la división de la Felegresía de San Esteban de Sedes hasta llegar al lugar nombrado de Eira Vedra [...]" (Catastro de Ensenada: procura por "Placente").

Pena da Culler. No sector da esquerda vese claramente no centro unha das tres coviñas, e na zona do fondo, as formas creadas pola erosión natural de pedra, que lembran unha culler e o que chaman popularmente o tenedor (segundo me informa Eloi Saavedra). (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Na Pena da Culler, polo tanto, as tres coviñas de orixe antrópica aparecen vencelladas ós marcos territoriais parroquiais, que periódicamente percorrían os alcaldes e homes bos das respectivas feligresías, na Idade Media, para vixiar e renovar se for preciso as marcas de linde dos penedos. Neste caso, o feito de que sexan tres coviñas viría dado por ser a Pena da Culler un trifinium ou límite entre os territorios de Pracente, Pedroso e Sedes. En relación con este afloramento granítico consérvase aínda folklore que o liga á presenza dos alcaldes na súa contorna, segundo me indica Eloi Saavedra.

domingo, 14 de marzo de 2021

Menhir mariño en Fornoucos (Coto da Modia - Vilasuso, Narón)


Moi preto do dobre castro de Vilasuso (Narón), composto polos dous recintos da Pedreira de Arriba e a de Abaixo, pero non cara o val, senón na outra vertente que mira ó mar, e no lugar de Fornoucos (Coto da Modia), o meu irmao atopou hoxe este interesante menhir que, pola nosa parte, consideramos que podería ter funcionado como sinal de navegación ou en relación coa pesca, como os kummeli suecos. Xa que, logo, vese dende o mar.

 Menhir de Fornoucos enfiando Punta Campelo. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Presenta forma bifacial, é dicir, está aparentemente labrado como unha ferramenta prehistórica, cecais coa mesma técnica. Pola súa cara posterior ten como unha espalda coa curva da lordose, bulbo característico do proceso de talla para desprendelo do grande bolo ó seu carón. Na cara frontal e na súa parte máis distal aínda poden percibirse as pegadas duns retoques no extremo. Neste senso, aseméllase ós menhires do Bas Léon descritos por Tilley, labrados "in the form of giant axes" (The Materiality of Stone, 2004, px. 47); como eles, ten tamén na súa cara dianteira nódulos doutro mineral máis escuro que lembran machados puídos.

Extremo coas pegadas da talla. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Nódulo máis escuro encastrado no menhir; ten forma de machado puído.
(C) Andregoto Galíndez, 2021.

Está orientado cara ó océano, nunha liña imaxinaria que pasaría polo punto máis occidental da Irlanda e Islandia ata Groenlandia, ó estilo dos Menhires pola Paz coruñeses, só que este non é de antonte. Neste punto, aseméllase de novo ós menhires bretóns (Tilley, no estudo citado), pois algúns forman longos aliñamentos na costa conectando visualmente con promontorios destacados como Cap Sizun e a Península de Crozón. No folklore da Pena Molegha documéntase a lenda (1) de que as pedras transfórmanse nun rei e os seus cabaleiros na mañá de San Xoan, para despregarse pola contorna e protexela. O que coincide coa función tutelar que propón Tilley para os menhires mariños da Bretaña francesa. De que teñen que protexer o territorio?

Contraforte xeolóxico que ampara o Val de Trasancos. Resto dos pregamentos hercínicos que conformaron a orografía galega. É o único caso que está tan preto da costa e orientado paralelamente a ela. (C) Imaxe capturada do Google Earth.

Tilley expón que un dos principais motivos para erixir os menhires nas costas é que poideron ter actuado como medio simbólico de deter os futuros avances do mar nunha época na que as transgresións mariñas foron moi intensas. A lenda que rodea o menhir de Men-Marz en Haute-Léon confirma a súa proposta: din que foi chantado máxicamente pola irmá de San Pol, e dende entón o mar cesou no seu avance devastador das terras da abadía. Na costa ártabra precisamente onde se sitúa o noso menhir temos dúas lendas de cidades asolagadas: a de Valverde en Doniños e a de Marnela en Pantín. Baixo el e xa na beira do mar, o castro de Pena Lopesa, estragado polo avance mariño.

Castro de Pena Lopesa, o Tintagel ártabro (segundo carteis informativos de Vilasuso).
(C) Anxo Martínez-de Alegría, 2021.

Sébillot na súa obra Le Folklore de France (1904, px. 330) anota tamén uns casos que poderían entrar nesta función protectora das pedras contra ó asolagamento da terra. Pedras que se son quitadas de onde están, do burato manaría unha grande cantidade de auga que somerxería o mundo; ou sexa, son pedras que teñen unha función de tapón inverso (válvula antirretorno) entre o medio acuático e o terrestre.

Vista do océano dende o menhir. Unha paisaxe e un ecosistema excepcionais, afortunadamente protexidos dos eólicos pola Rede Natura 2000. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Existen rutas a pé promovidas polo Concello de Narón no entorno natural desta costa: Ruta Pena Molexa - Monte da Lagoa.

(1) Pena Graña, Narón. Un concello con historia de seu, I, 1991.

martes, 9 de marzo de 2021

Dona Mariña, Sedna e a Mermaid

A María Alonso Echanove

Sedna é un ser mitolóxico inuit (ou mellor, un espíritu mariño), é "a muller que non quería casar", e aínda así casou cun can, co que tivo ós Qallunaat, ós canciños (Qudlunait) ou cachorriños ancestros dos europeos (H. Newell Wardle: "The Sedna Cycle: A Study in Myth Evolution", American Anthropologist, New Series, Vol. 2, No. 3, 1900, pp. 568-580). Para os inuit nós somos descendentes de Sedna. E nós tamén gardamos a privilexiada memoria delo, como veremos.

Sedna é como a Mermaid irlandesa, medio peixe medio muller. Na base de datos do Folkore da Irlanda (duchas.ie) hai unhas 900 lendas e transcricións sobre a Mermaid: o seu vínculo coas focas, a capiña de pel de foca que a cubre e que lle resta poder perdela, as membranas entre os dedos, o seu matrimonio case forzado cun home do lugar, o seu carácter de ancestro dalgunhas familias irlandesas, maiormente daquelas que levan o "Mac" ou o "O" nos seus apelidos. A Mermaid adoita peitear os seus longos cabelos cun pente de cuncha, aínda que o paralelismo con Sedna no relato inuit non é aquí tan chamativo: Sedna non pode peitearse, ó non ter dedos, e é o xamán o que vai peiteala nunha das súas viaxes ou estados de consciencia alterada (trances) para tranquilizala e favorecer o retorno da caza, que ía escaseando cecais por ter violado algún tabú imposto pola muller mariña inuit. É curioso que a Mermaid tambén impón condicións para a convivencia cós humáns (non matar focas, por exemplo), máis sempre acabamos por incumprilas...

O seu aspecto e o seu carácter de ancestro xenealóxico volvémolo atopar na figura da "molher marinha" da lenda galega, a única que temos, que conta a orixe da familia Mariño. Abel Lorenzo Rodríguez estuda a relación entre Dona Mariña e a Mermaid, pero para o autor a cualidade de ser estas lendas mitos atlánticos fundacionais de estirpes queda circunscrito a unha xeografía atlántica limitada a "las Islas Británicas hasta la costa de Noruega pasando por Bretaña y especialmente en Irlanda donde se han catalogado numerosos relatos nobiliarios relacionados con el motivo de la Seal Woman" ("Hijos del mar. La sirena en el mito fundacional de los Mariño", Cuadernos de Estudios Gallegos, 2019). Non se albisca, pois, nada da Sedna inuit.

Sedna, Dona Mariña, Venus (1) ou a Virxe do Carmen. Técnica mixta: plastilina, algas, escamas de mica e medalliña da Virxe. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Nós, pola nosa parte, pensamos que efectivamente trátase, como expón Lorenzo Rodríguez, dun mito atlántico xenealóxigo (fundacional, cosmogónico ou da creación), ó que engadimos que probablemente espallouse dende Galicia polo Atlántico Norte no Holoceno, ó finalizar a última glaciación fai 10.000 anos, cando aínda viviamos como inuits adicados á caza e á pesca.

A consideración da muller mariña como encantada (Tenreiro Bermúdez: "A lenda melusínica no folklore galego: apuntamentos sobre o culto e o popular") viría dada, entón, por ser un ser espiritual có cal só era posible a comunicación na prehistoria mediante as técnicas de éxtase que levaban xunto dela ós xamáns.

(1) Os investigadores Israel Barandela Ribero e José Manuel Lorenzo Rodríguez enlazan a lenda melusínica e a divindade feminina mariña (Venus), e consideran que Santa Mariña é a versión cristianizada deste vello culto pagán: "El culto a Santa Mariña en el norte de la Península Ibérica y sus conexiones con la Europa Atlántica", Porta da aira: revista de historia del arte orensano, 13, 2011.

 

Configuración da paisaxe pacega de Galicia

Fato de ovellas no pazo de Santa Cruz de Mondoi, no interior dun antigo recinto gandeiro que era vixiado dende a torre da esquina. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Boiciño da igrexa de Santa Cruz de Mondoi. (C) Andregoto Galíndez, 2021.

Imos ver cómo a orixe da parroquia galega está estreitamente vencellada ó recinto pecuario neolítico (o palatiom > pazo indoeuropeo do profesor Moralejo), que é a peza central a partires da cal se formou a paisaxe cultural galega. Polo tanto non son os recintos fortificados da Idade do Ferro, nin as vilas tardorromanas formadas aparentemente no entorno deles, nin as agras de Bouhier, os elementos fundacionais da nosa paisaxe cultural, fortemente antropizada, máis cun vencello ó nicho ecolóxico do gando vacún moi evidente: todos estes elementos xurden do primeiro recinto que acolleu o gando bovino (o pazo), e articúlanse en torno del, poidendo aparecer todos eles deste xeito segundo acaden o grao de desenvolvemento que amosamos a continuación.

Paisaxe cultural en torno ó pazo de Santa Cruz de Mondoi (sinalado en amarelo), coa ubicación da igrexa de Santa Cruz nun extremo da área que tería ocupado o primitivo recinto gandeiro. As liñas de puntos azuis sinalan os ríos e a súa zona de influencia. (C) Visor da Xunta de Galicia, capa do Vóo Americán de 1956-57.

Boiciño da igrexa de San Pedro de Porzomillos. (C) Dolores González de la Peña, 2021.

Paisaxe cultural ó redor do Pazo de Ansoi en Porzomillos, coa igrexa de San Pedro en directa relación visual co pazo e comunicada con el por antigos camiños (microtopónimos Calzada, O Carreiro). (C) Visor da Xunta de Galicia, capa do Vóo Americán de 1956-57.

Estes dous exemplos gráficos amosan o que podería ser considerado o modelo ideal de asentamento nun nicho ecolóxico natural de interfluvio, nun espazo amplo inter ambas aquas, o cal conforma o recinto gandeiro, e, estreitamente vencellado a el, un pequeno temenos circular ou espazo sacro que acabaría por desenvolverse como recinto parroquial có cristianismo, pero aínda conservando o elemento fundacional que o vencella coa gandeiría: os inexplicables boiciños que coroan as acróteras das dúas igrexas. Nótese que nestes dous casos o adro mantén aínda bastante ben a súa primitiva morfoloxía circular, o que segundo Mingote Rodríguez é indicativo de que se trata dun camposanto ben antigo. O autor defende a hipótese de que os camposantos ou adros sexan previos ás igrexas: así, a uns douscentos metros dun castro en Coeses (Lugo) ten aparecido unha necrópole nunha chousa circular na que se atopou gran cantidade de vasillas funerarias (A rede de igrexarios e a identidade do territorio: os conxuntos vinculados ao patrimonio arquitectónico parroquial no medio rural do noroeste galego, tese de doutoramento, 2015).

Obsérvase que o Castro e o Castrillón están máis afastados dos recintos pacegos e das igrexas, nunha situación periférica apta para as labores agrícolas e para o control dos accesos ó recinto pecuario principal; teñen, pois, unha funcionalidade semellante á que hoxe vemos na torre de vixiancia ergueita no perímetro do pazo de Santa Cruz.

Concíbese deste xeito, a unha escala natural e adaptada á paisaxe, un espazo trifuncional do tipo sinalado por Bruce Lincoln (Sacerdotes, guerreiros e gando), non necesariamente indoeuropeo, estando o temenos funerario asociado indisolublemente ó pazo. De feito, aínda hoxe as antigas familias propietarias destes seguen a ser enterradas nos seus respectivos adros parroquiais (v.gr. os Leis Bugallo).

Este é, polo tanto, o modelo teórico, que atopamos íntegro na zona de Mondoi e Oza dos Ríos. Ó ocupar o temenos funerario o borde do vello recinto pecuario neolítico, e ó valarse este, o temenos pasou a ocupar unha situación periférica, a cal na nosa opinión propiciou que nalgúns casos se levara o adro cara ó outro elemento do conxunto, cara ó recinto fortificado periférico (existindo antigas igrexas fundadas sobre os castros).