lunes, 1 de julio de 2024

A paisaxe de bocage de Trasancos no Visor de Valados de Galicia (Xunta de Galicia)

A paisaxe de bocage (denominación francesa tomada do estudo que o xeógrafo francés Abel Bouhier fixera da vella paisaxe agraria galega, aínda non superado por ningún investigador) é característica exclusiva do extremo noroeste de Galicia. As leiras, parcelas ou propiedades agrícolas, de forma cuadrangular, adoitan pecharse con sebes vexetais constituíndo unha paisaxe efímera e cambiante.

No Libro de arrendos que o mosteiro de Xuvia tiña en Trasancos (século XVIII) os colonos ás veces mencionan o feito de estar as propiedades "circundadas" con sebes vexetais; a sebe mixta que máis se menciona é a composta de salgueiros, ameneiros e loureiros, ou ben de salgueiros, ameneiros e silveiras (zarzas): "circundada sobre si con laureles, salgueiros y porción de ameneiros". Noutras descricións menciónanse peches diferentes, como muros de pizarra, ou un silveiral dunha banda máis un cómaro alto doutra. O peche vexetal sinxelo máis frecuente é o formado polas silveiras, que adoitan usarse no exterior da finca, máis tamén como división interna da mesma se é que está parcelada.

Chama porén moito a atención que o Visor de Valados da Xunta de Galicia non recolla na nosa zona nada máis que seis mostras da paisaxe de peches vexetais chamada de bocage, e que adique case o resto do corpus a peches inespecíficos formados con táboas e aramio. Destas seis mostras, dúas delas foron tomadas das imaxes aéreas do PNOA, e o que xa dá unha idea do poco esforzo adicado a esta tipoloxía paisaxística tan relevante é que nelas non se visualiza a característica parcelación cuadrangular do bocage. Nas restantes, están completamente ausentes exemplos de peches vexetais tradicionais formados polas especies arbóreas que vimos de indicar (salgueiros, ameneiros e loureiros) e toda explicación redúcese ó descritor "sebe de vexetación espontánea", identificándose só nun caso, como de casualidade, que se trata dunha silveira.

Nunha das mostras tomadas da fotografía aérea do PNOA vese un parcelario cuxa forma atípica en ángulo está determinada pola vía do tren e a carreteira.


"Bancal vexetado con vexetación [sic] espontánea".

"Sebe de vexetación espontánea (silveira)".

Será que xa non hai peches vexetais arbóreos na paisaxe de bocage de Trasancos? Habelos hainos, iso significa que non se molestaron moito en atopalos, ou en saber o que tiñan que buscar, que case é peor. Na fotografía de abaixo, cómaro e peche de salgueiros no concello veciño de San Sadurniño. O salgueiro tiña a utilidade engadida de que se podía usar como leña, e así se indica nun dos documentos do Libro de arriendos de Xuvia: "en el enunciado Beque, sauces para leña que en el cortan anualmente".

(C) Dolores González de la Peña.


sábado, 29 de junio de 2024

A migración armoricana dos britóns nas Tríadas Galesas

Un outro texto que menciona a migración masiva dos britóns do emperador Magno Máximo cara á Armórica primitiva, que convén resituar na costa norte de Galicia (que foi a antiga diócese de Britonia), ven nunha tríada do século XIV contida nas Trioedd Ynys Prydein (Liber Triadum). A tríada titúlase "Cando unha armada foi a Lychlyn", e componse, como tódalas tríadas, de tres partes. Nesta alúdese a tres migracións, que non deixan de ser variacións temáticas en torno ó feito histórico da migración das lexións dos britóns do emperador galaico Magno Máximo cara a costa europea occidental, ocorrida a partir do ano 383.

Migracións dos britóns ós fisterres europeos. O descoñecemento que se tiña ata non fai moito en Europa da colonia bretoa asentada no noroeste da Península Ibérica, provocou que calquera mención textual a Armórica ou á Pequena Britania e a Letavia se tomasen sempre como referencias á Bretaña Francesa.

Na primeira parte desta tríada as lexións diríxense ó mar Grego, a dúas illas chamadas Gals e Avena. Na toponimia conservada, e posto que a migración claramente ía dirixida cara a costa atlántica europea, só podemos ver alusións ó extremo noroeste da Península Ibérica. O nome de mar Grego que recibe o tramo marítimo da Gallaecia proviría das afirmacións dos historiadores da antigüidade de que os galaicos tiñamos orixe grega e costumes semellantes ás dos gregos (v. párrafos de Estrabón, San Isidoro ou San Braulio no estudo de J.J. Moralejo: "De griegos en Galicia", 2000, en Callaica Nomina). As dúas illas seguramente sexan unha visón deformada dun mapa no que se vían as dúas columnas de Hércules; o nome de Gals dunha delas semella estar baseado no da Gallaecia, e o nome de Afena / Avena da outra illa reproduce coa fonética celta o nome real de Abena que tiña unha das columnas.

Na segunda parte da tríada, as lexións teríanse dirixido a Lychlyn comandadas por Elen Luydavc e Macsen Wledig (o emperador Magno Máximo), e xamais terían retornado, idea que reproduce a afirmación de Nennio na súa Historia Britonnum (século IX): "Hi sunt Brittones Armorici, et nunquam reversi sunt huc, usque in hodiernum diem" = "Alí están os britóns armoricanos, e nunca voltaron ata hoxe". Nunha versión anterior que se menciona no traballo de Merdrignac (D'une Bretagne à l'autre: Les migrations bretonnes entre histoire et legendes, 2022) indícase que Elen partiu xunto con Conan (Cynan Meriadoc), un dos homes de Magno Máximo.

Na terceira parte da tríada, a expedición vai na procura dos Kessaryeit (os homes do César).

Para a editora da tríada, Rachel Bromwich, o texto ten como tema principal a memoria do mítico emperador Magno Máximo, ó que se lle atribúe nas tradicións galesas medievais ter privado a Britannia dos seus defensores, ó tempo que varias dinastías reais do País de Gales o recoñecen como ancestro (v. Merdrignac, op. cit., px. 78).

A concordancia desta tríada coa lectura do texto de Gildas que fixeramos en Bretones en Galicia (Arqueotoponimia, 2008), no que respecta á migración dos britóns cara unha Armórica situada na costa norte de Galicia nunha data máis recuada que a que se ven propoñendo para o establecemento da Sé Britoniense (século VI), confirma a nosa hipótese de que as lexións ou un continxente de tropas do emperador Magno Máximo se asentou no arvôr galaico cara finais do século IV, sendo porén os célebres migrantes bretóns que, establecidos na Armórica, nunca máis voltaron.

Neste sentido tense pronunciado tamén Ferdinand Lot, que non excluía que un dos puntos xeográficos da extensión desta primeira Armórica, o Cruc Ochidient mencionado por Nennio como límite occidental da mesma, fose unha referencia ó Fisterre galego (v. Merdrignac, op. cit., px. 82).

lunes, 24 de junio de 2024

Mailoc, Britoniensis episcopus, e o seu irmán San Gildas (o do monte Badón)

 

Mailoc, bispo dos bretóns, como reclamo publicitario céltico nunha botella de sidra galega ecolóxica.

O texto do Parroquial Suevo do ano 569 "ad sedem Britonorum ecclesias que sunt intro britones una cum monasterio Maximi & Asturias" ( = na Sede dos Bretóns, as igrexas que hai entre os bretóns, xunto co mosteiro de Máximo e as de Asturias) constitúe según P. David "un testimonio histórico de primeira magnitude sobre a emigración dos bretóns a Galicia nos séculos V e VI; vese que a emigración non se levou só cara á Armórica galo-romana; grupos de refuxiados fuxendo da invasión anglo-saxoa, establecéronse no macizo costeiro que se extende entre Ferrol e o río Eo; algúns pasando ás Asturias" (apud Antonio Tovar: "Un obispo con nombre británico y los orígenes de la diócesis de Mondoñedo", Habis, 1972).

Mais a migración cara a Armórica (o Tractus Armoricanus, a costa continental, non só a da Bretaña francesa, como ben sinalara David) tivo que ser anterior. Sabemos exclusivamente polo monxe Gildas en De Excidio Britanniae (século VI) que "o inicio da migración dos bretóns foi decisión do emperador Magno Máximo [finais do século IV] cando determinou enviar un corpo de tropas a Hispania, onde precisamente se atopan trazas dos bretóns de Máximo en auténticos documentos dos séculos VI e VII, que mencionan en Galicia un mosteiro de Máximo e unha igrexa episcopal sede dos Bretóns" (A. de la Borderie: "Le roi Conan Meriadec et son dernier chevalier", Revue de Bretagne et de Vendée, 1860).

Sobre a necesidade de adiantar o inicio da migración bretoa e o senso amplo de Armórica, xa tiñamos escrito fai tempo o noso "Bretones en Galicia" (Arqueotoponimia, 2008) mais agora retomamos o tema para analizar o feito de que só Gildas fose o único autor ben informado da historia, que profundiza nos detalles e indica que a migración bretoa cara a costa continental foi ordenada e iniciada polo emperador Magno Máximo .

Da vida de Gildas sabemos aproximadamente as datas de nacemento e morte (496-570) e que naceu probablemente na Bretaña insular. Fillo de Caunus, tiña un irmán chamado Mailoc ("Mailocum, qui a patris sacris litteris traditus" = "Mailoc, que foi destinado polo pai ó estudo dos textos sagrados" - Vita Gildae), co mesmo nome que o do bispo da Bretaña menor galega. A formación relixiosa de ámbolos dous Mailocs e as datas coinciden, pois lembremos que o noso Mailoc firma no II Concilio de Braga no ano 572, e probablemente asina no I Concilio de Braga (561) co nome erróneamente transcrito de Maliosus [Maliocus?].

Gildas o Sapiente ou Badónico, chamado así por ter nacido no ano da batalla do monte Badon, era, pois, coétaneo do bispo galego Mailoc, de orixe bretoa. A probabilidade de que o noso Mailoc fose, non só coétaneo, senón tamén o irmán de Gildas, prantexámola á vista da identidade dos nomes, a idéntica formación curricular de ámbolos dous e ós profundos coñecementos que Gildas amosa sobre a migración dos bretóns, que se poderían entender mellor polo interese engadido de ter ó seu irmán como bispo na sede episcopal da Bretaña galega (que sobrevive territorialmente na actual diócese de Mondoñedo-Ferrol).

Sobre o nome do bispo Mailoc o profesor Antonio Tovar (artigo citado) teno vencellado correctamente co nome galés Maglocuno (latinizado) ou Maelgwn, formado por un primeiro elemento maglo, "príncipe, noble", e un segundo elemento cuno, "perro, lobo", que liga á maxia dos nomes de animais, citando a Birkhan, o cal fornece exemplos de como o perro e o lobo son identificados cos xefes (cfr. tamén para unha explicación filolóxica máis detallada, Charles-Edwards, Wales and the Britons, 2013, px. 85). O nome, pois, é un antropónimo propio das elites bretoas, que levaron príncipes como Maelgwn Gwynedd (século VI).

Na Vita Gildae do monxe de Rhuys (Bretaña francesa) vese que Gildas, moi viaxeiro, como todos os relixiosos da céltica insular da súa época, que procuraban a conversión dos pagáns, estivo na Armórica. O seu biógrafo, sendo bretón da Francia, vese obrigado a explicar o termo Armórica moi pormenorizadamente, o que pon de manifesto que dende logo a Armórica que visitou Gildas non era a patria do monxe de Rhuys, a Bretaña francesa, pois nunca se refire a ela como Armórica, senón como Britannia.

Segundo a Vita Gildae, semella que estivo na costa da actual Bélxica, no tempo do rei franco Childerico. Por este detalle vese como o monxe de Rhuys inventa o que non sabe, tenta cadrar Armórica con algunha parte coñecida da costa atlántica e a data da visita co reinado do merovinxio Childerico (437-481), que reinó cando Gildas aínda non nacera. Pensamos que a viaxe é certa, aínda que probablemente Gildas visitara outra colonia bretoa menos coñecida, a da Armórica galega, integrada no reino dos suevos, daquela aínda arrianos. É unha das suxestións de Bernier, que se pregunta se os bretóns non virían a Galicia a reforzar as posicións dos romanos contra dos arrianos (G. Bernier, "As igrexas bretonas en Galicia", Boletín do Museo Provincial de Lugo, 1983).

A existencia desta terceira Britannia, olvidada, nunha parte da Gallaecia (costa da Coruña, Lugo e cecais occidente de Asturias), obriga a reler e desenguedellar a antiga documentación da céltica insular e bretoa da Francia (tanto a histórica como a lendaria), sempre tendo en conta que as mencións a Armórica e á Pequena Britannia poden ser referencias a ela, non só á Bretaña francesa.

Nunha das súas viaxes, de volta á Bretaña francesa, Gildas fundaría un mosteiro nun "castrum in monte Reuvisii in prospectu maris"; alí "construxit monasterium atque in eo claustra coenobitali ritu perfecit". O dato de facer un cenobio nun castro nun monte de Rhuys cadra coa situación do cairn megalítico do Petit Mont de Arzon, na península de Rhuys (Bretaña francesa).

Cairn do Petit Mont de Arzon na península de Rhuys (Bretaña francesa), que posiblemente foi reutilizado por Gildas como eremitorio. (C) Dolores González de la Peña, 2008.

domingo, 23 de junio de 2024

Dúas notas sobre o Rei Charlo de Lourenzá

NOTA 1. O REI CHARLO OU REI SEÑOR

No libro de Apeos de Lourenzá (1527), o mesmo no que María Xosé Rodríguez Galdo atopara o costume da caza do paxariño chamado Rei Charlo por aninovo como requisito para elixir os alcaldes da vila perante o señor abade, existen varias versións relatadas por distintos testigos que van informando sobre este costume e os límites da vila, etc. Todas elas coinciden, salvo a que fornece Alonso Rodríguez de Cabarcos veciño de Vilanova (folios 44-45), que di así na parte que agora interesa:

"que los vecinos e moradores del dicho Concejo el día de año nuevo [...] han de ir a buscar una ave que dicen Rey Señor a la pumarega da fonte e que lo buscan e hallan, todos los vecinos del dicho Concejo son obligados disponer todas diligencias, e que los alcades e juez del año antes postrero pasado son obligados de dar al que lo prendere dos panes de trigo e medio azumbre de vino al que lo hallare e traxere [..] e los vecinos de dicho Concejo que non fueren con los otros de los vecinos a ello, que los tales alcades los prendan e levarles a cada uno [...] que son trece blancas e un dinero [...] e allí lo ponen atado en un palo uno de los alcades, e mandan a dos vecinos de dicho Concejo que mejor les parezcan que lo trayan, e así se vienen con él juntos y le traen a los palacios del señor abad y se lo entregan".

O paxariño coñecido como Rei Charlo era chamado tamén Rei Señor, co que se confirma unha das propostas de Pensado de facer do seu nome un motivo ligado ó rei Carlo Magno ("O Rey Charlo de Vilanova de Lourenzá", Grial, 1981). En galego antigo o Rei chamábase O Señor El-Rei.

Na nosa opinión, a denominación primeira do paxariño sería a de Rei Señor. O reiseñor é o paxaro que tamén se chama carrizo, segundo a glosa do Bacharel Olea comentada por Pensado no artigo citado. A conexión entre o Rei Charlo = reiseñor / carrizo e o folklore europeo do wren, tantas veces aducido nos estudos deste costume, queda plenamente refrendada.

Do nome Rei Señor supoñemos que tería xurdido o alternativo de Rei Charlo por sinécdoque, ó aplicarlle ó paxaro o nome dun dos reis máis famosos da antigüidade (Carlomagno), utilizado aquí para designar ó rei xenéricamente. O costume de Lourenzá amósase, pois, vencellado a primitivos rituais de investidura dos reis, tanto nos nomes que recibía o paxaro, como na finalidade do rito (elección dos alcaldes), ó comprobar agora que o nome de Charlo non lle ven de ningunha ave, como supuña Pensado noutra das súas hipóteses, senón que é equivalante a Rei.

Outra variante interesante da versión do testigo Alonso Rodríguez de Cabarcos é que o premio ós que atopaban e cazaban ó paxariño corría da parte dos alcaldes saíntes e do xuíz. Despois, os que ían ata o pazo do abade levarlle o paxaro eran invitados a comer e beber por este, que é como continúa a narración xa dada a coñecer no estudo de Pensado.

NOTA 2. OS APELIDOS CHARLO E BRETÓN EN LOURENZÁ


Noutro libro do mosteiro de Lourenzá, o Índice de documentos, encontramos Charlo como apelido familiar duns veciños de Canedo (Pacio de Tovar). Trátase do testamento que fixo Juan Charlo, fillo de Pedro Charlo, no ano 1405 (IDL, fol. 149r) e dunha confirmación de foro (IDL, fol. 384r) feita a Pedro López Charlo, tamén do Coto de Canedo, no ano 1620. O apelido Charlo, ó noso parecer, teríase integrado nesta familia como alcume cando un dos seus devanceiros exerceu o cargo de rexedor ou alcalde, cecais nunha época recuada na que o cargo tería certa permanencia máis aló do ano, ou ata carácter hereditario, como ocorría na Bretaña (v. "O topónimo Rilleira como indicador de antigos asentamentos bretóns", Arqueotoponimia, 2024).

Pacio de Tovar no Coto de Canedo (San Tomé de Lourenzá). (C) Mª del Carmen Torres, 2019.

Respecto dos bretóns galegos, cos que se ten vencellado o rito da caza do Rei Charlo de Lourenzá, vemos neste mesmo libro de apeos que figura Bretón como apelido nun documento do ano 1427, integrado no microtopónimo Casal de Bretón, sito na Rilleira de Recemil - Lourenzá (IDL, fol. 183v), o que amosa efectivamente a presencia de bretóns na Mariña lucense, máis aló do que se sabía pola existencia da Sede Britoniense e da análise filolóxica do nome celta do bispo Mailoc. O lugar de Casal de Bretón é mencionado noutra parte (IDL, fol. 473v) a propósito da herdade da Vila do Rei, que lle pertencía. Sobre o termo Rei como topónimo, se ben pode ser un hidrónimo provinte do latín rivi, "río", en caso xenitivo, non descartamos, á vista do sucedido co apelido da familia Charlo, que Vila do Rei puidese ser un microtopónimo motivado por ter sido propiedade dun destes reis tribais das divisións territoriais chamadas rilleiras, tan semellantes ós ploue bretóns.

Casal Bretón ou de Bretón (noutras mencións) e Vila do Rei no documento mencionado.

O topónimo Rilleira como indicador de antigos asentamentos bretóns

Na documentación do mosteiro de Lourenzá vese como o que hoxe consideramos simples aldeas, como a de Recemil (Lourenzá), en realidade eran chamadas rilleiras ou relleiras.

Como topónimo maior, A Rilleira semella que só existe en Cabarcos (Castro da Rilleira) e en Cambás, aínda que como nome de terras (microtopónimo) é algo máis frecuente e ten unha distribución moi marcada na Mariña lucense e na área de influencia de Santiago de Compostela.

Segundo María Cando "rilleira é un topónimo derivado da palabra rella, do lat. REGŬLA ‘regra’ ‘barra de metal ou de madeira’ (DCECH), co significado de “pegada que deixa unha roda” (DRAG), pois cómpre ter en conta que o concello de Barreiros está caracterizado por terras lamentas" (María Cando Cruña, Estudo etimolóxico e semántico da toponimia maior de Barreiros, 2021).

Se ben a etimoloxía fornecida é correcta, nós non estamos de acordo coa acepción xeral que se ofrece, e vemos a necesidade de adaptala ó contexto agrario no que se atopan as rilleiras: apuntamos que ese regula > rella é unha referencia á rella ou ferro do arado. Porén a pegada que deixa a rella do arado na terra será, neste caso, unha relleira ou rilleira. Nada que ver, pois, coas pegadas das rodas do carro na lama ou as chamadas rodeiras (na pedra das calzadas).

Por extensión ou ampliación do significado, rilleira pasou a indicar un terreo de labradío que conformaba unha división territorial específica, alusiva a un tipo de asentamento en granxas dos colonos dos mosteiros, menor que a parroquia e de todo punto comparable ó plou bretón, co que comparte etimoloxía semánticamente; xa viramos que a etimoloxía dos numerosísimos topónimos bretóns do tipo Plou-, como Plougastel, remite a plough / plovum, "arado", non ó latín plebem, "pobo" (Plou y el arado, Arqueotoponimia, 2008), termo do que provén o nome da división territorial específica das comunidades bretoas, os ploue, que se teñen comparado ás parroquias galegas.

Segundo Arthur de la Borderie, o plou bretón non é únicamente unha circunscrición, é unha institución, e aínda que os escribáns medievais traduzan este termo polo latín plebs, non ten que ver coa plebs eclesiástica; o plou é unha institución civil, un grupo de habitantes establecidos por xeracións nun territorio rexido por un xefe, cuxa principal prerrogativa é exercer o poder xudicial, que é nomeado como príncipe do plou, en latín princeps plebis, e tiern en bretón, investido dunha autoridade hereditaria (Le Cartularie de Landevenec, 2022). Sucede o mesmo na nosa zona de estudo, exceptuando o carácter hereditario dos cargos de rexedor ou alcalde, que polo que sabemos eran elixidos anualmente (cfr. a elección de alcaldes e xuíz segundo o costume da caza do Rei Charlo de Lourenzá).

Rilleira da Telleira (Lourenzá).

Así, na páx. 442r do Índice de documentos do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (IDL) un testigo indica que a relleira de Telleira comprendía os lugares de Pumar de Don e Condomiña, polo tanto, sen chegar a abranguer a parroquia de Santa María de Lourenzá na súa totalidade. Outro testigo (IDL px. 447v) indica que no concello de Lourenzá había catro relleiras, con setenta casais distribuídos entre elas, propiedade do mosteiro. Polo tanto dedúcese a articulación do territorio colonial do mosteiro en rilleiras, e estas, en lugares, cos seus casais.

O paralelismo entre as rilleiras e o sistema bretón armoricano de ordenación territorial dos ploue deixa de ser unha mera coincidecia se lembramos a chegada dos bretóns ás costas de Galicia (a pequena Armórica) a partir de finais do século IV (v. "Bretones en Galicia", Arqueotoponimia, 2008). Entendemos que este sistema de colonización agraria e articulación territorial podería ser de orixe bretoa, porque ademais deixou a súa pegada no nome dun dos casais que formaba a rilleira de Recemil (Lourenzá): Casal de Bretón. O noso primeiro topónimo "Bretón"!

O primeiro bretón que deixou a súa pegada na toponimia de Recemil (IDL px. 183v).

Lembremos tamén que o xeógrafo francés Abel Bouhier, nunha das súas máis interesantes hipóteses sobre a orixe da paisaxe agraria galega, e ó respecto das peculiaridades da paisaxe da zona das montañas setentrionais, prantexara a posibilidade dunha orixe bretoa para o sistema do bocage propio dela. Posto que os colonos bretóns chegaron á Armórica galega establecendo en torno ó século V (nós probáramos que fora antes) a Sede Britanorum, e dita forma de parcelación / ocupación agrogandeira foi coñecida entre eles "sería entón lícito pensar que os bretóns, que traían a fórmula agraria do cerrado, a tiveran difundido no norte de Galicia" (Galicia. Ensaio e interpretación dun vello complexo agrario, trad. Benxamín Casal, 2001, px. 1229).

sábado, 22 de junio de 2024

Covas do Serrapio entre Lourenzá e Mondoñedo: contexto prehistórico da Furada dos Cans

No libro Índice de documentos do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (dende o fol. 466v ad finem), o que se ve que consultou pero non chegou a rematalo o historiador Villaamil y Castro cando excavou na cova da Furada dos Cas no monte Serrapio (1), dous testigos fornecen os límites da Rilleira de Recimil, Tiagonce, Arroxo e Soutelo, e dan conta da existencia de varias covas no cimbro do Serrapio, aínda que ningunha é nomeada como Furada dos Cas (si se emprega o termo furada).

O primeiro testigo, Álvaro Alonso de Piquín "O Vello", indica que os límites ían pola Cruz da Algara, onde había un foxo de lobo, e polo cimbro do monte ó Espiño das Louseiras e á pena e castro de Pena Caxide, logo a unha cova na Portela e de alí a ámbolos castros, un que dicen da Cibdade, onde morou Gonzalo de Vilamor, e outro cabo del. Este testigo volta falar da existencia de "covas y furadas antiguas" nos límites de Arroxo, unhas na Veiga de Anguieiro, outra baixo o camiño francés que saía de Vilanova de Lourenzá e outra máis na fonte da Azoreira.

O segundo testigo, Diego da Lamela, repasa os límites neste tramo do Serrapio, e engade un dato ben interesante: "polo lombo do Serrapio ó castro de Pena Caxide, e de alí á cova que sae á Portela, entre o castro da Cibdade e o da Pena Caxide" [texto traducido ó galego]. Indica que unha das covas do Serrapio, seguramente A Furada dos Cans, estaba comunicada coa Portela sita entre os dous castros da Cibdade. Este mesmo testigo, como o anterior, volta falar das "cuevas furadas antiguas" cando informa das herdades de Arroxo. Son catro covas, as que nomea así: "dos Carrís del Rego de San Martín", "del rego de Angueiro", "cueva da Vella del Espino de las Louseiras" e "cueva de la Portela".

Estado actual da Cruz da Algara, do foxo do lobo de Algara (situación aproximada), da Furada dos Cas e dos dous castros de A Cibdade (actual monte da Trinidade), todo elo arrasado polas canteiras locais.

Calculamos deste relatorio que no cimbro ou lombo do Serrapio habería unhas seis covas ou furadas antigas, entre elas a da Furada dos Cas que excavara Villaamil y Castro chegando á conclusión, e fornecendo evidencias, de que fora lugar de habitación prehistórica. Unha destas covas comunicaba ou chegaba ata a Portela ou acceso á zona na que logo se construirían os dous castros xemelgos da Cibdade, no actual monte da Trinidade. Nós aquí vemos unha conexión evidente (continuidade) entre os asentamentos na transición do hábital en cova (cando era posible) ó hábitat nun recinto fortificado. Resulta tamén moi curioso na liña da continuidade, ese dato do tardío habitante do castro da Cibdade, Gonzalo de Vilamor, o último castrexo irredento.

A lenda que recolle Antonio Reigosa de que o túnel da cova da Furada dos Cas chegaba ata o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá (2) semella que non ía tan desencamiñada, pois chegar chegaba ata a Cibdade (non á cidade de Vilanova de Lourenzá, senón ó vello asentamento da Idade do Ferro). Cecais a Cibdade do monte da Trinidade fose a misteriosa Cidade de Reiriz, que segundo a lenda recollida por Villaamil (1873: px. 74) fora afundida por un máxico.

(1) Na páxina 6 o autor fai mención ó Índice de documentos de Lourenzá: Antigüedades prehistóricas y célticas de Galicia, 1873.

(2) "A Furada dos Cas: a cova osuaria de J. Villaamil", blog Caderno de campo de Antonio Reigosa, 2019.

martes, 18 de junio de 2024

Os Culdees britóns da illa Coelleira

Daquela famosa carta que Justo Pico de Coaña publicara na Ilustración Gallega y Asturiana (28/7/1881), quen non lembra o relato dos "templarios" (?) da illa de San Miguel da Coelleira, que navegaban en barcas de coiro para ir dar misa na capeliña que logo foi a igrexa de Santiago de Viveiro?

O motivo das barcas de coiro trasládanos ó ámbito dos coracles galeses (britóns), pois é que a costa galega de Viveiro pertenceu á diócese de Britonia, a primeira igrexa galega, fundada polos britóns que, a partires de finais do século IV da nosa era, migraron (1) cara Armórica (a costa atlántica europea).

Para soster que o mosteiro de San Miguel foi fundación britona, pertencente á diócese britonnorum, baseámonos tamén na súa ubicación nunha illa costeira, propia dos eremitorios dos Culdees. As fundacións monásticas da Igrexa primitiva galesa podían presentarse nesta forma dúplice, cun mosteiro principal situado no interior e un eremitorio nunha illa (Stöber e Austin: "Culdees to Canons: the Augustinian Houses of North Wales", 2013).

O nome latino deste tipo de eremitas é coelicola, e parécenos que pode ser a orixe do topónimo da illa de San Miguel da Coelleira, polo que a forma medieval documentada do topónimo, Quonicularia (dos coellos) non sería máis que unha pseudolatinización. Para elo recorremos a unha evolución híbrida celto-galega na que o diptongo do radical coel- evolúe como en galés, cwyl, ó que se segue a perda do -l- intervocálico máis a redución do grupo c´l > ll, propias do galego. Destes cambios sae a forma *coella, á que se lle engadiría o sufixo derivativo, Coelleira. Deste xeito, coa mediación dos migrantes de falas britónicas, xustifícase a forma Coelleira fronte ó esperable *Celleira. Porén, o nome da illa viría motivado, non polos coellos, senón por ubicarse nela o eremitorio britón dos coelicolas (celícolas ou Culdees), os adoradores do ceo.

_______________________________

(1) Unha versión lendaria desta migración histórica, vía Bretaña francesa, podería ser a que se recolle na lenda dos Templarios da Coelleira, que semella conter versións actualizadas dos feitos e dos seus protagonistas: "Cuando en Francia fueron perseguidos los Templarios por el rey Felipe el Hermoso, vinieran para la Coelleira 38 de ellos de aquella nación" (E. Lence Santar: "La isla Coelleira", Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943).