domingo, 30 de julio de 2023

Cervos e círculos concéntricos

Representacións da viaxe ó Alén no xamanismo galaico


Petróglifo da Laxe dos Carballos co grande cervo - parque arqueolóxico de Campo Lameiro.
(C) Dolores González de la Peña, 2023.

Seguimos á profesora Nataliia Mykhailova principalmente en dous artigos:

"Shaman, hunter, deer" (Adoranten, 2017).

"The cult of the deer and shamans in the deer hunting societies" (Archaeologia Baltica, 2006).

Neles establece que o culto totémico ós cérvidos (en xeral son casos de alces e renos os que menciona Mykhailova)  foi fundamental nos pobos de cazadores das forestas de Eurasia, e que nese culto o xamán desempeñou o rol principal, caracterizado el mesmo como cérvido coa súa vestimenta feita coa pel do animal e tocado de cornas, símbolo da súa forza e poder. A investigadora atopa evidencias do xamanismo na Prehistoria nalgúns enterramentos mesolíticos da Bretaña francesa, Dinamarca, Suecia ou Saxonia: por exemplo a existencia de enxoval de cornas apunta a inhumacións de xamáns. 

Durante o ritual do shingkelevun realizado para obter éxito na caza o xamán evenk vestido coa pel de cervo tiña que viaxar ó territorio habitado pola Madre dos Animais e Señora do Mundo, tamén ela mesma representada como cerva (alce ou reno). Para entrar no Alén tiña que atravesar unha pasaxe sinalada por unha rocha sacra ou adentrarse baixo a árbore sagrada do clan (P. Monaghan, Goddesses in World Culture, 2010); alí obtiña anaquiños de pel de cervo, que ó seren transportados ó Aquén transformaríanse nos animais.

Un outro implemento imprescindible do xamán fora o seu tambor, tamén vencellado ó cervo. Entre outros detalles que amosan a relación mencionamos que foi corrente debuxar estes animais na súa pel e grabalos no percutor, feito que xa tiñamos atopado no Paleolítico nas representacións artísticas dos chamados bastóns de mando (que en realidade son, segundo pensamos, percutores de tambores).

Percutor de tambor Sami no Buxton Museum and Art Gallery (Acc. No. M1152a.4).

Respecto ó tema da caza como desencadeante da entrada ó Alén temos variada documentación etnográfica e literaria:

  1. Hai moitas historias entre os bantús de cazadores que perseguían animais ata un burato que os conducía á morada dos mortos (Garry e El-Shamy, Archetypes and Motifs in Folklore and Literature, 2017). A entrada ó Outro Mundo por un burato constitúe o motivo 92 do "Motif-Index of folk-literature", baixo as variantes de pozo, burato, manancial ou cova.
  2. Nos contos populares siberianos a pasaxe ó mundo dos mortos se indica con frecuencia como un burato no chan ou no xeo dun lago ou río. Se unha persoa cae accidentalmente nel mentras caza podería regresar; e ata os mortos poden facelo se son guiados de volta por un xamán (Jacobson e Tepfer, The Hunter, the Stag and the Mother of Animals, 2015).
  3. O cervo tamén aparece nas lendas celtas como o que conduce ós seus cazadores ó Alén. No relato dos Mabinogi, "Pwyll no Annwn", é precisamente durante unha cacería de cervos cando se produce a entrada no Alén do príncipe.
O carácter psicompompo do cervo vese tamén na transformación metonímica do animal, concretamente da súa corna, nunha embarcación condutora dos mortos ó Alén. Pode observarse nos petróglifos bálticos de barcos, que teñen a súa orixe na similitude entre a corna dun alce ou reno e unha embarcación esquemática cos seus remos ou tripulantes. Segundo Mykhailova existen unhas cántigas populares rumanas e ucraínas nas que unha doncela durmida viaxa nun berce situado na corna dun cérvido. A relación entre o cervo e o barco dos defuntos ten as súas raíces na Idade da Pedra, pois hai varios grabados de barcos con forma de reno no norte de Europa e na Siberia, dende o Mesolítico ata a Idade do Bronce (Mykhailova, Relics of the primaeval cult of deer in folklore of South Eastern Europe, 2021). Mais na nosa opinión non é só que as supostas embarcacións rematen nun prótomo de cérvido, senón que son representacións esquemáticas da corna, onde viaxa a doncela durmida das cántigas.


Corna-barco. Debuxo tomado de Coles 1991 representando a figuración da corna dun alce americano (apud Mykhailova, 2021).

Vistas as evidencias presentadas da relación dos cérvidos co Alén dende a Prehistoria, semella axeitado analizar as escenas dos petróglifos galegos de cervos orientados cara a círculos concéntricos neste contexto dos rituais xamánicos prehistóricos, xunto coas restantes representacións estudadas por Mykhailova. Os nosos petróglifos poderían representar a viaxe do xamán ó Alén transformado en gran cervo, figurado o acceso como unha sima esquemática formada polos círculos concéntricos.

Nese Alén o espíritu do xamán é devorado pola Nai dos Animais e renacido (parido de novo) como un dobre, que é colgado nun berce entre as ramas da árbore do clan (Monaghan) é dicir, entre as cornas do cervo, tal e como refire Mykhailova que ocorre nalgunhas cántigas rumanas e ucraínas. Parécenos que este mito podería estar a representarse na Laxe da Rotea de Mendo (Campo Lameiro).

Laxe da Rotea de Mendo co xamán renacido no berce formado pola corna do cervo.
(C) Francisco Javier Torres Goberna, 2013.

Non moi lonxe, no relato irlandés Buile Suibhne (s. XII), algúns investigadores ven reminiscencias destas prácticas xamánicas, amáis dunha clara invocación á Nai dos Cervos (Boucherit, "A deer cult in Buile Suibhne", 2011).

Finalmente, seguindo a Mykhailova (2021) o culto prehistórico totémico ós cervidos, vía xamanismo, remataría orixinando a crenza na Europa atlántica nos barcos dos defuntos con prótomo de cervo ou alce como vehículos que conducían ó Alén. Na nosa opinión non está ben resolto o paso dun psicopompo ó outro na proposta da investigadora, sendo o máis probable que a corna debuxada ou gravada esquemáticamente, como parte que identificaba por metonimia ó cérvido, viñese a se confundir, co paso do tempo, coa figura dunha embarcación.

miércoles, 12 de julio de 2023

San Amedio ou San Mamede: vestixios dos nemetons na toponimia galega

 

Capela de San Mamede de Atios (Valdoviño) co tenderete do "Bar Suso" a carón, no campo da festa.

Os autores romanos glosaron o termo céltico nemeton como fanum, isto é "santuario". Neste sentido por exemplo Venancio Fortunato explicou o nome galo Vernemetis como "fanum ingens" ou "gran templo". 

Semella bastante probable que o termo nemeton teña evoluído cara as formas cristianizadas San Amedio ou San Mamede (e variantes), advocación de numerosos templos galegos, como o de San Mamede de Atios (Valdoviño). A homofonía co nome do santo da Capadocia e o nome Mamede provinte de Mahometus fai difícil aseguralo para tódolos casos. 

Para a parte fónica da evolución supoñemos o paso *San(cto) Nemedio > San Amedio, cunha vacilación no timbre da vogal pretónica, precisamente polo seu carácter átono, e cun falso corte que leva ó n- inicial do sustantivo a se fundir co -n final da partícula San.

A forma da que proviría o noso falso santo San Amedio, *Nimedio, variante de nemeton, está case que documentada na epigrafía astur como NIMMEDO na inscrición de Ujo: NIMMEDO ASSEDIAGO (Mieres, século II). Interprétase ben como unha divindade, ben como un santuario, posibilidade esta última que nos parece a mellor por cadrar co significado de "templo" do termo celta nemeton, aínda que ser o deus do santuario tamén se axusta á advocación. O desprazamento acentual dende [németon] a [*nimédjo] ou [*nemédjo] prodúcese polo cambio á terminación -io.

Logo o resto da evolución é doada: Nimmedo > Nimedio > San Nemedio > San Amedio > San Amede / Mamede.

A toponimia do tipo San Amedio ou San Mamede é, semella, a cristianización de antigos nemeta; espazos sagrados onde había un templo cecais natural e se celebrarían ó seu carón as festividades propias do calendario céltico en forma, tal vez, de oenachs (reunións). A sacralidade do espazo perviviu, o mesmo que o seu nome, mais cristianizados, así como a tendenza a celebrar xunto ós novos templos que sustituíron ós vellos, as xuntanzas veciñais nas datas marcadas agora polo calendario cristián.

No caso do nemeton de San Mamede de Atios (Valdoviño), a localización de restos de tumbas da Alta Idade Media nun espazo incerto entre as inmediacións do castro de Piñeiros e a actual capela de San Mamede, dota dunha nova función sacra ó recinto destes santuarios, a funeraria.


Inscrición funeraria en pizarra dunha muller, Odrozia, atopada en San Mamede de Atios, no lugar de Chousa, preto da capela de San Mamede, ou cecais nas chousas de Poulo (1), preto do castro de Piñeiros. "+ OB[it] FAMVLA DEI ODROZIA DE" (Eugenio Carré Aldao, Geografía General del Reino de Galicia. Provincia de La Coruña, ca. 1928).

O topónimo Atios, tanto o de Valdoviño como o do Porriño, documentábase na Idade Media como Athenos ou Athenis (con ou sen h). Descoñecemos a etimoloxía deste nome, mais o parecido co topónimo grego Ἀθῆναι Atenas semella que puido dar orixe á suposición de que os seus poboadores eran de orixe heleno (grego); dunha interpretación erudita deste topónimo xurdiría tal vez o nome clásico da cidade de Helenes, que Estrabón e Plinio situaron na Gallaecia, e a súa suposta orixe grega.

(1) Arturo Souto Vizoso, "Hallazgo arqueológico en Valdoviño", El Ideal Gallego, 27/12/1945.

martes, 11 de julio de 2023

O Suído e Valdohome

Di Paula Ballesteros que "o mesmo nome da serra, Serra do Suído, pode facer referencia á familia dos mamíferos omnívoros á que pertencen o porco e o xabarín, os suídos, palabra de etimoloxía latina, o que fai pensar que o topónimo podería facer mención á abundancia deste animal en maior número que en época actual", e respecto a Valdohome recolle unha lenda popular: "con este topónimo denomínase a unha das dorsais máis representativas do Suído. A tradición di que fai un tempo atopouse no Campo de Abelenda o cadáver dun descoñecido, polo que pasou a denominarse “Valdohome” (= val do home)" ("A paisaxe gandeira na Serra do Suído. A construción social do espazo a través da memoria", Revista del Museo de Pontevedra, 62, 2008).

No léxico galego patrimonial, e polo tanto na toponimia de Galicia, non existen derivados do latín sus, "porco, xabarín", polo que non é posible encadrar o orónimo Suído nesta etimoloxía. Temos que considerar outras posibilidades para explicar este topónimo case único, pois só atopamos en Portugal o cognado Rocha dos Soídos (Alte - Faro), que nomea un pico roqueiro.

Soído ou suído ven recollido nos dicionarios de galego como variante non recomendada de son, procedente do latín sonitus, "son, ruído". O seu emprego documéntase nalgún texto medieval: "campanae sonitum faciente" (Santiago, ano 1335). Así pois, aínda que non sexa moi corrente, polo menos documéntase, o que, tendo en conta o topónimo portugués, podería indicar que o orónimo O Suído estivo motivado pola resonancia das voces ou calquera outro son (cecais natural, como posibles desprendementos de rochas, ruído das augas, tronos, etc.) que a configuración da elevación orográfica intensificaba. Mesmamente podería ligarse a este son ou ruído o vocerío que resoaría na serra cando se realizaban as batidas dos lobos, que eran espantados con griterío para levalos cara algún dos foxos da serra situados na divisoria de augas.

Foxo Vello e Foxo do Lobo no Suído, moi preto do nacemento do río Valdohome, segundo as Minutas Cartográficas do IGN.

Aproveitamos para lembrar a capacidade da toponimia de xerar lendas por etimoloxía popular, como a do home (morto) de Valdohome. O topónimo Home é xeralmente un hidrónimo de orixe paleoeuropea (J.J. Moralejo, "Hidronimia prerromana de Gallaecia", en Onomástica Galega II, ed. Dieter Kremer, 2013), como amosan os varios ríos Home ou Homem (tributario do Verdugo, tributario do Cádavo, tributario do Támega), documentados dende data moi temperá coa forma latinizada por falsa etimoloxía Homine (ano 569: "Portelam de Hominem" - Liber Fidei, Braga), e provintes da base *wegw, "húmido". E iste vai ser o caso de Valdohome: un río Home que deu nome ó val (Valdohome) e á dorsal.

domingo, 2 de julio de 2023

O óstraco [—]GERESIBV[S] e os topónimos O Gerês / O Xurés, Ourense e os montes "Auregenses"

Óstraco da mansio dos Baños de Río Caldo. Fotografía cedida polo equipo de Davide Bande.

A campaña de excavacións e consolidación da mansión romana dos Baños de Río Caldo (Lobios - Baixa Limia), promovida pola Dirección Xeral de Patrimonio e dirixida polo arqueólogo David Pérez (Davide Bande) aínda está en curso, pero xa forneceu material interesantísimo, como este excepcional óstraco, isto é, un fragmento cerámico con escritura, no que se pode ler a palabra [—]GERESIBV[S] na segunda liña, en caso dativo ou ablativo plural latino. A noticia do seu achádego foi presentada antonte na prensa ("Un topónimo bimilenario, el hallazgo en Lobios", artigo de Laura Fernández en La Región, 30/6/23).

Como non somos expertos en epigrafía, deixamos como é preceptivo o estudo da peza, máis a lectura do campo epigráfico formado polas dúas ou tres grafías da liña inmediatamente superior, que entraña bastante dificultade, ós especialistas nesta materia.

Nós centrarémonos exclusivamente nunha revisión da bibliografía sobre o topónimo que se está a escribir claramente na segunda liña, moi estudado por parte dos filólogos.

Nesta segunda liña lese sen dúbida algunha o nome desta mansio pertencente á vía romana XVIII, de Braga a Astorga. O óstraco garante que a de Baños de Río Caldo fora a mansio que no Ravennate e na Tabula Peutingeriana se mencionaba como Aquis Ocerensis, mentras que no Itinerario de Antonino e nas Tablas de Astorga a forma rexistrada era Aquis Oreginis ou Aquis Originis (Bascuas, 2017). Á vista das testemuñas anteriores, a restitución dunha [O] inicial para o topónimo, que daría unha lectura acabada [O]GERESIBV[S], semella case segura... mais polo momento non imos propoñer esta restitución.

Fora Amilcar Guerra (Guerra, 2003) o investigador que se decatou da relación etimolóxica entre o nome da Serra do Gerês / Xurés e o nome da mansio romana dos Baños de Río Caldo, descartando as formas Oreginis / Originis como produto dunha metátese, e tomando como correcta a forma Ocerensis do Ravennate e a Tabula de Peutinger.

Pola súa parte, Edelmiro Bascuas, que traballara previamente (Bascuas, 2002) sobre a etimoloxía de O Gerês / O Xurés dende as formas medievais, como o Ugeres documentado en 1074, sen ter en conta as dos itinerarios romanos, tiña chegado á conclusión evidente de que a forma etimolóxica precisaba dun son oclusivo velar sonoro [g], pois o xordo [k] no servía: "la velar sorda [k] ante vocales anteriores se conserva como ce, ci tanto en gallego como en castellano (por ejemplo, centum > cento, cito > cedo, caelum > ceo), y con tal reconstrucción no sería posible llegar a O Gerês" (Bascuas, 2007). É dicir, do Ocerensis proposto por Guerra non é posible obter O Gerês / O Xurés.

Así, o novo óstraco [—]GERESIBV[S] dos Baños de Río Caldo, co seu clarísimo G, ven darlle a razón a don Edelmiro Bascuas, ó tempo que concorda co consonantismo da documentación medieval tipo Ugeres e cos resultados fonéticos actuais con fricativa palatal xorda (O Xurés). O investigador, doutra banda, tiña proposto como étimo último do topónimo a raíz hidronímica paleoeuropea *wegw- "húmedo, mollar", coa raíz en grao cero e sufixo -ro-.

Juan José Moralejo (Moralejo, 2009) voltara unha vez máis sobre o estado da cuestión sintetizando os seguintes puntos:

  1. é segura a relación entre as formas do topónimo segundo os itinerarios romanos e o nome da Serra do Gerês / O Xurés
  2. Rodríguez Colmenero errou ó considerar a forma Originis como a correcta, pois non é máis que unha latinización etimoloxizante
  3. o topónimo O Gerês / O Xurés, o nome da Estrada da Geira e o teónimo feminino Ocaera dun ara atopada na antedita vía de comunicación gardan relación etimolóxica entre si (Búa, 2000; Guerra, 2003; Bascuas, 2007)
  4. cecais os "Auregensium loca" de Hidacio sexan referencia a esta zona
  5. en Murguía (1866) xa aparece a conexión entre Oreginis e O Gerês, mais nos pasaxes de Murguía (1888) hai erro, pois concorda cos que reducen a mansio de Aquis Ocerensis a Ourense
Asentimos en tódolos puntos enunciados polo mestre, salvo o último.

Respecto ó 4º, consideramos, xunto co profesor Moralejo, que os montes "Auregenses" de Hidacio, ou os "Auregensium loca", son unha mención a O Gerês / O Xurés. Habida conta de que no latín vulgar adoitábase reducir o ditongo au a o (Carnoy, 1983) e que, consecuentemente, serían frecuentes as hipercorrecións en sentido inverso, non podemos asegurar cal sería o vocalismo orixinal inicial, se AU- ou O-. A peza cerámica non pode aclaralo ó estar fragmentada no inicio da palabra. En calquera caso o "Auregenses" de Hidacio é variante, tras sufrir metátese silábica dende *Augere<n>ses ou *Ogere<n>ses.

Respecto ó 5º punto, consideramos que o topónimo Ourense tamén pode provir do étimo *Augere<n>se / *Ogere<n>se, coa mesma problemática xa explicada respecto ó vocalismo inicial, e sen que esto implique levar a mansio dende Aquis Ocerensis (Os Baños de Río Caldo) a Ourense, senón que deberiamos contemplar a posibilidade de que o topónimo tivese un amplo espazo de influencia, nomeando a serra do Gerês / Xurés, unha mansión viaria, unha estrada, e a capitalidade.

O problema do vocalismo inicial ¿AU-/O-? amplíase se engadimos o medieval "vinias Augeres" (ano 1024) que menciona Bascuas entre os documentos de Celanova. Polo que aínda nos parece precipitado restituír [O]GERESIBV[S] se podería ter sido, tamén, [AV]GERESIBV[S]. Guerra explicara este "Augeres" como latinización medieval de *Ogeres, pero Bascuas non o vía posible: "dada la evolución de au > ou en gallego, la pretendida relatinización, carente de modelo, se hace incomprensible". O modelo que lle faltaba a Bascuas, que só tivo en conta o paso au > ou romance, é o paso au > o latino vulgar exemplificado na obra citada de Carnoy.

Os topónimos O Gerês / O Xurés, dun lado, e Ourense e a mención ós montes "Augerenses" de Hidacio, doutro, según temos exposto, poderían ser evolucións diverxentes dun mesmo étimo prerromano, *OCER<E>NSES, cuxo vocalismo inicial podería ter sido orixinariamente o, ou ben au logo monoptongado en o. Os casos dos montes "Augerenses" de Hidacio e do topónimo Ourense, que necesita un étimo con au inicial, sustentan a posibilidade de que estas dúas formas nos chegasen pola vía culta.

Felicitamos ós arqueólogos que están levando a cabo a campaña na mansio dos Baños do Río Caldo, esperando que este singular fragmento de cerámica coa inscrición pase canto antes ó laboratorio e á fase de estudo por parte dos especialistas. 


BIBLIOGRAFÍA

Edelmiro Bascuas (2002). Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, anexo 51.
Edelmiro Bascuas (2007). "Aquis Ocerensis, diosa Ocaera, monte Ugeres y O Gerês: ¿*OGER- o *UGER?", Paleohispánica 7, pp. 43-54.
Juan Carlos Búa Carballo (2000): Estudio lingüístico de la teonimia lusitano-gallega. Tese de doutoramento - Universidade de Salamanca.
Albert Joseph Carnoy (1983): Le Latin d'Espagne d'après les inscriptions, Georg Olms.
Amilcar Guerra (2003). "Algumas questões de toponímia pré-romana do ocidente peninsular", Paleohispánica 3, pp. 101-112.
Juan José Moralejo (2009): "Toponimia de las vías romanas de Galicia", Paleohispánica 9, pp. 189-202.
Gonzalo Navaza (2004): "Los topónimos Acea de Ama e O Xurés", Revista Galega de Filoloxía 5, pp. 141-162.

martes, 27 de junio de 2023

Rus (Carballo; Zas) e Ru (Vilasantar)

Estes dous topónimos derivan, por harmonización vocálica, do latín riuus (nominativo singular) e riu(m) (acusativo singular), "río". Cecais cabería aducir un étimo prerromano provinte do tema hidronímico paleoeuropeo *UR < base *ER, "moverse, fluír", que é o que utiliza Bascuas para explicar como compostos bitemáticos os topónimos Ruanes (Cáceres) ou Ruña (A Coruña) (Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, 2002, 42.4).

O sentido hidronímico queda claro nun documento do ano 915:

  • "et inde per sepiato de pomare Ruderici, et inde in directura usque in fontano que dicimus Ruis, et per ipso fontano usque in uallo"

A harmonización documéntase, tras producirse primeiro a metátese da iode, no caso do nome da parroquia de Rus carballesa: *riuus > ruis > rus. 

  • ano 1272: sancto Iohanne de Tordoya, de sancta Maria de Ruis, de sancto Mamete de Andoyo, de sancto Silvestre de Veiga, de sancta Maria de Cellas
  • ano 1403: Sabeam todos que eu, Ffernã Eanes de Villariño, morador ẽna frigresía de Sancta María de Rruus

Castro baixo Ru (Vilasantar), preto de As Raposeiras, topónimo que con frecuencia aparece vencellado a asentamentos da Idade do Ferro pola semellanza entre as tobas dos raposos e os traballos de terra (terrapléns e foxos) dos castros.

No primeiro exemplo aducido vemos que un pumar cercano á mencionada fonte de "Ruis" leva o nome de "Ruderici"; resulta verosímil que o hidrónimo "Ruis" se teña interpretado nalgúns casos como se fose o hipocorístico do nome propio Rudericus (Rodrigo), isto é Roi ou Rui. A consecuencia desta etimoloxía popular prodúcese a hipercorreción do topónimo, transformándoo involuntariamente nun antropónimo de orixe xermano, que é o que nos parece que sucedeu neste caso ó chamar ó pumar "pomare Ruderici" en vez de "pomare de Ruis".

martes, 20 de junio de 2023

A Manda, manada e A Encomenda

Provintes do latín manum dare > mandar, "estreitar a man, acordar, encargar, outorgar", estes termos poden designar tanto o feito de encomendar algo a alguén, como o conxunto de bens e accións (a executar con ditos bens) que se encargan ou encomendan a alguén.

Explicando o español manada (de gando), Malkiel, ó partir dunha premisa distinta á que expoñemos aquí, non entende o extremeño manadas, "regalos que se hacen los novios", mencionado por Zamora Vicente, e di que "lo más probable es que se relacione con rebaño; un pequeño rebaño puede servir de dádiva en una sociedad pastoril" ("Estudios de léxico pastoril: manada y piara", Bulletin Hispanique, 1951). Non é así: o extremeño manadas é cognado do galego mandas, "encargos", e proba que noutras linguas románicas peninsulares o étimo manda (< latín manum dare) desenvolveu un a epentético que desprazou o acento.

A aplicación de manda ó léxico pastoril é evidente, pois a manda ou man<a>da de gando é o conxunto de reses que se encomenda pola comunidade ó coidado dun pastor.

Na toponimia atopamos polo menos un lugar chamado A Manda en  Mazaricos, que podería ter a mesma motivación que o topónimo A Encomenda (Pobra de Trives) e Leira da Encomenda (Noceda - As Nogais), é dicir, ser terras provintes dunha doazón testamentaria: "facio hodie uobis mea manda de quantum hodie habeo et habere debeo" (1086 - Lourenzá); "facio manda de cuncta mea hereditate que iacet de termino Monte de Roca" (1134 - Lourenzá); "castello de Murgadanes que fuit Iohanis Agracii tali uidelicet pacto quod ego in tota mea uita teneam ipsam hereditatem in encomendam" (1227 - Fiães). A orixe da propiedade das terras por encomenda ou manda testamentaria tería motivado estes topónimos.

Polo tanto, é o pacto selado estreitando a man (manum dare) o que orixinou todos estes significados, que básicamente son:

  • encomenda, encarga, manda testamentaria
  • conxunto de bens que se encomendan - > manda de gando, rabaño / regalos dos novios / terras herdadas por manda testamentaria
  • doación, ofrenda a unha entidade sacra (v. Mondas / móndidas e mandas / mándidas no noso blog).

miércoles, 14 de junio de 2023

SICENATA PACATA. A inscrición do Castelo de Parada

Ó tratar na anterior entrada o tema do Medulio, o amigo Manolo Camba fíxome un comentario no meu Facebook relativo á frase "SICENATA PACATA" inscrita nun penedo preto do Castelo de Parada (Vilariño - Pereiro de Aguiar, Ourense). Lembrei que no 2011, no artigo que Manolo Gago escribira para o seu blog Capítulo 0 ("Vencidos e pacificados"), eu mesma aportara nos comentarios a chave que permitiría descifrar a inscrición dun texto que ata entón fora un completo quebracabezas (1), mais por non adicarlle un minutiño máis ó asunto, a lectura quedou incompleta.

Poño a continuación o recorte do comentario no blog de Manolo Gago:

Xa o teño -di Andregoto Galíndez [eu]- "sicenata pacata = signata pacata", asinada a pacificación (escribindo esaxeradamente a oclusiva [velar] en posición implosiva). 


Aplicando este mesmo procedemento á segunda palabra da inscrición vemos que se trata dunha forma particular de escribir a frase latina SIGNATA PACTA (firmados os acordos, asinados os pactos). O escriba, aínda que letrado, non estaba moi familiarizado coa lingua latina. Notámolo en que non sabía, ou repugnáballe, escribir só, sen a compañía dunha vogal, o son oclusivo velar en posición implosiva ou final de sílaba, polo que recurriu ó truco de engadir unha vogal de apoio tras el: SIC<E>NATA PAC<A>TA. A vogal de apoio e a vogal previa son homoorgánicas entre si. Nótese tamén que o escriba era alleo a diferenciación na escrita de G e C, oclusivo velar sonoro e xordo, pois é que en posición final de sílaba esta parella ten unha pronuncia con oclusión velar indiferente para o rasgo opositivo sonoro / xordo (posición de neutralización).

Ó identificar SICENATA como participio do verbo signare faise necesario considerar PACATA como substantivo (latín pactum). É dicir, é imposible que aquí PACATA sexa participio do verbo latino pacare, "pacificar": non pode lerse con dous verbos *asinada pacificada, pois signare esixe un obxecto.

Dos feitos fonéticos descritos dedúcese que o escriba descoñecía casi completamente a norma ortográfica latina, amosando cecais unha interferencia ou colisión de linguas (2), que ben poderían ser, como hipótese: celta - latín, ou xermano - latín. O escriba sería un celta ou xermano versado na escritura pero non na ortografía latina. Amáis de explicar esta inscrición aberrante por colisión de linguas, cabería analizala dende o punto de vista da gheada, de ser unha temperá documentación dunha tendenza que comezou a se producir no final silábico e que logo se espallaría dende a posición final á posición intervocálica actual. 

A peculiaridade deste truco consistente en usar vogais de apoio para grafar sons consonánticos en posición implosiva ou final de sílaba lembra ó uso que no signario ibérico teñen os signos, que ás veces se len como silábicos en formacións de sílaba aberta, tipo consoante + vocal (ka, ke, ki, ko, ku), e outras semella que poderían ter funcionado en sílabas trabadas (que rematan en consoante) como grafías da consoante final, isto é, con lectura unifonemática [K]. Así pois, tendo en conta o exposto, o escriba podería ter sido un mercenario celtíbero ó servizo de Roma, pertencente cecais á Cohors I Celtiberorum establecida en Galicia no século II.

Mais a posibilidade de que o escriba fose xermano cadra co feito fonético da tendenza do antigo alto alemán (Old High German) á anaptixe ou epéntese de vogais. Concretamente temos localizado (3) un smaragede escrito con epéntese de <e> como vogal de apoio tras oclusiva velar en posición final de sílaba, que é a versión xermana do latín smaragdus, "esmeralda". A escritura de smaragdus como smaragede é o mesmo caso que a escritura de signata pacta como sicenata pacata, o que nos leva a considerar a inscrición de Parada como un texto escrito por un xermano, probablemente suevo, que tentaba reflictir o latín dende un sistema fonético alleo.

Segundo me indica amablemente Luís Torres Gómez, históricamente esta posibilidade ten moito sentido, xa que a inscrición está en terras ourensás, na mesma área na que se adoita ubicar aos auregenses, que segundo Hidacio estaban en guerra cos suevos no ano 461. Tras mencionar este conflito, Hidacio sinala a continuación que se restaura a paz entre os suevos e os habitantes da Gallaecia. Os "pactos asinados" da inscrición de Parada poderían moi ben aludir a esta restauración da paz que menciona Hidacio. Dende a perspectiva xeográfica do asentamiento inicial suevo (na Gallaecia bracarense) as terras ourensás foron unha zona de fronteira, onde houbo enfrontamentos coas xentes do lugar, seguidos de acordos de paz.

Tralo exposto por Luís Torres, é máis verosímil considerar que estamos ante unha inscrición latina feita por un falante dunha antiga lingua xermana (suevo), na que se perciben as tendenzas fonéticas propias do antigo alto alemán que deturpan a escritura da lingua latina. En dita inscrición, do século V, deixaríase constancia da pacificación acordada cos galaicos auregenses dos que falaba Hidacio.

O historiador José Manuel Barbosa Álvares precísanos que os pacta asinados poderían tamén gardar relación coa campaña militar que o visigodo Leovigildo levou a cabo nos montes Aregenses (Ourense) no ano 575 en oposición ó reino suevo-galaico de Miro (v. A Evolução Histórica dos Limites da Galiza, 2021, px. 81-82).

O Penedo das Letras coa inscrición "SICENATA PACATA". (C) Ferro Couselo, 1971.

(1) Copiamos aquí a errónea proposta de interpretación da inscrición que fornecera o profesor Monteagudo: "Quizá la única posible inscripción (de sólo una palabra prelatina) sería bilingüe, grabada en una peña de Vilariño (2,5kN Pereiro de Aguiar 7kNE Ourense): SICENATA PACATA 'quieta, pacificada', caracteres datables quizá antes de Cristo; ie *sek 'dejar, estar tranquilo'; lat segnis 'lento, perezoso' POK 896; [...] Ahora bien, relacionando estos dos significados con la situación flumini Minio inminentem del castelo (alto-medieval? con tradición de gran batalla y situado ca 400 m. sobre y al S de la inscripción) es lógico pensar que aquí pudo estar el tan buscado Medulium montem (Orosio VI 21,5) donde los últimos combatientes callaicos para evitar la esclavitud se suicidaron certatim (a porfia, con emulación) igne, ferro et veneno" ("Populi y Castella en el "edicto de Bembibre". Bierzo-León", Anuario Brigantino, 1999, px. 75).

(2) O belga Albert Joseph Carnoy na súa obra Le Latin d'Espagne d'après les inscriptions explica tamén no capítulo adicado á epéntese, que son os extranxeiros os que aplican este recurso ás palabras que empregan. Segundo o corpus manexado por Carnoy, no que non inclúe a inscrición SICENATA PACATA, a nosa sería o primeiro caso coñecido de epéntese documentada nas dúas palabras dunha oración. Agradezo ó profesor Marcial Tenreiro Bermúdez a achega da referencia bibliográfica á obra de Carnoy.

(3) Renata Szczepaniak: "Vowel and Consonant Epenthesis in the History of German", comunicación presentada no Workshop do Freiburg Institute of Advanced Studies, 29-31 marzo do 2010.