jueves, 24 de marzo de 2022

Bregua / Bréghola (Vilar de Adrán - Ordes)

Baixo o Vilar de Adrán (Ordes) atopamos os microtopónimos Bregua e Bréjola (Corredoira da Bréjola), este último reflicte unha pronuncia con gheada grafada con jota castelá. Vemos como se conservan xuntas dúas formas a partires do celto-latín brigula, unha coa perda do -l- intervocálico e a outra manténdoo. Fenómeno, o da conservación do -l- neste sufixo diminutivo, que semella ser tendencia na zona (v. o próximo Barcula).

Dicía Moralejo que "para Bergoa y para su posible variante Bregua (Culleredo) hay que traer a colación la Bergula, Ptol. 2.6.60, de los bastitanos del interior y que tiene grado pleno *bergh-, pero tampoco se puede excluir el cero de *bhrgh- > *brig-, es decir, *brigula (cf. Deobrigula de los turmogos, Ptol. 2.6.51), pues en ámbito gallego el resultado seguro de *brig- es berg- y la metátesis berg > breg es cosa fácil" ("Topónimos célticos en Galicia", Paleohispánica 10, 2010).

Confírmase entón a hipótese do profesor de que Bregua provén de Bergula / Brigula, sendo pois un derivado do orónimo céltico bergh-, "elevación".

domingo, 20 de marzo de 2022

Freixo dos Avogados (Gadamil - Oroso)

Coñécese o costume celta de ter os brehons, os homes de leis da Irlanda, as súas asambleas ó ar libre nun tipo especial de recintos chamados raths, situados nos outeiros. No estudo de FitzPatrick trátase deste punto, e tamén da simboloxía do freixo como árbore sagrada, bile, que adoitaba plantarse nestes recintos de función xurídica nos que tiñan lugar as cerimonias de entronización dos chefes dos clans (v. Royal Inauguration in Gaelic Ireland C. 1100-1600: A Cultural Landscape Study, 2004). O bile, xa o temos visto no blog, era un símbolo da xenealoxía ou da estirpe do clan.

Freixo dos Avogados, xunto do castro da Revolta do Castrexo (Gadamil - Oroso).

Parécenos ter atopado a pegada toponímica que deixaron os nosos brehons no microtopónimo Freixo dos Avogados, xunto ó castro da Revolta do Castrexo, en Gadamil (Oroso). Segundo pensamos, non se trataría dunha motivación banal do topónimo, é dicir, dunha leira chamada Freixo, propiedade dun bufete de avogados, que sei eu... de Santiago, por exemplo, ou dunha familia alcumada así. Temos que analizar o nome no seu contexto, tendo en conta a súa situación preto do castro e que o freixo foi unha das árbores sagradas da cultura céltica que adoitaba vencellarse ós brehons (ós avogados, se queremos actualizar o termo) e ós emprazamentos dos parlamentos e dos recintos asamblearios onde tiñan lugar as eleccións dos chefes.

domingo, 6 de marzo de 2022

Castro Monelos - Bascuas

 

Castro Monelos: novo castriño en Bascuas (Guitiriz).
(C) Capa do Voo Americán - Visor PBA da Xunta de Galicia.

Vimos de ver vai pouco unha extraordinaria cruz outa, como as high crosses irlandesas, feita nun só monólito. Debémoslle a visita ó lugar da Ermida (Capela de Bascuas) ós nosos amigos Judit (Judiña de Lea) e Marcial Tenreiro. É un lugar ben interesante: na ermida se conservan vestixios dunha curiosa tradición relacionada có uso dunhas chaves de ferro coas que se marcaban, quentes ó roxo, ós enfermos de rabia*, e preto da cruz, unha pía e unha fonte diviña na que se botaban miguiñas de pan para ver se non afundían, entón cumpriríase o desexo.

Cruz outa de Bascuas coa pía diante. (C) Dolores González de la Peña, 2022.

Unha cruz monolítica, segundo Castelao, podería ter sido antes un menhir que foi reutilizado, volto a labrar en forma de cruz; ou ben unha antiga cruz dos camiños, porén, de orixe non cristiana. Engadimos que os monólitos en forma de cruz poden ser incluso perrománs, ó representar unha figura antropomorfa cós seus braciños esbozados (idoliños de Parxubeira, cruz de Pau da Vella; o que se coñece como hermae).

Un megálito destas características marca con moita frecuencia o cruce viario dos camiños perimetrais que parten dun castro. E... velaí o castriño que acabamos de atopar! Localízase moi preto, tras a ermida. O seu nome recuperámolo da ficha catastral da parcela (clic sobre ela unha vez activada a capa catastral do visor). No mapa do relevo do Visor PBA vese aínda bastante ben a roda da croa, logo a súa extensión tivo que ser maior (antecastros e peches). Tendo en conta isto, os camiños que arrodeaban o seu contorno acadarían a zona que ocupa a ermida. No cruce viario ou non moi lonxe, chantaríase a característica herma antropomorfa, elemento que máis tarde evolúe desenvolvéndose como cruceiro cristián.

_________________________________
* Segundo atopamos no Du Cange, as chaves de San Pedro utilizábanse para marcar os animais e protexelos da rabia: "Clavis S. Petri, in signandis animalibus, ut a rabie servarentur, adhibita".

martes, 1 de marzo de 2022

As revoltas dos castros: o caso das Quenllas do Forno

 Revoltas dos Casaliños e da Leira Vaca, Casaslongos (A Laracha).
(C) Manuel Ruibal R, Voo do 21/2/22.

Situación con respecto ós cursos fluviais do aparentemente dobre castro das Quenllas do Forno e do castro da Maseira (O Buriz). Recóllese a microtoponimia relativa ós recintos (Revolta, Curro) e ás vías de tránsito (Camiño Real, Porto Bois). (C) Capa de relevo do Visor PBA da Xunta de Galicia.

Dobre castro das Quenllas do Forno (O Buriz).
(C) Voo Americán de 1945-46, IGN.

Toda vez que nunha entrada anterior (Revolta) presentamos unha nova tipoloxía de paisaxe agrogandeira galega, baseada nos recintos pecuarios chamados revoltas, dos que nos falara o señor José Rodríguez Coto, "Pepe do Curro", veciño de Carral, quedamos coa impresión de que esta paisaxe coincidía có tipo que Bouhier denomeaba como paisaxe de cerrados ou de bocage, propio do extremo noroeste.

O bocage é un tipo de paisaxe antropizada que na bibliografía vense considerando específicamente gandeira, mais con peches vexetais, mentres que os das revoltas son de terra ou pedra. O bocage, segundo a bibliografía sobre o tema que temos manexado, e concretamente na obra de Bouhier sobre a paisaxe agraria galega, podería ser o modelo máis antigo de xestión da paisaxe para uso gandeiro, probablemente de orixe neolítica.

No dobre castro das Quenllas do Forno do Buriz a microtoponimia infórmanos do carácter pecuario dos dous recintos (Curro e Revolta). Por outra parte, o entramado que se visualiza na imaxe do relevo como unha zona de trincheiras de pouca profundidade entre as dúas croas e arrodeando á do sur, que podería parecer en principio un elemento defensivo máis entre os dous recintos, revélase na fotografía aérea de 1945-46 como un conxunto de revoltas ou peches gandeiros de terra, é dicir, formados mediante a mesma técnica coa que se construíron as croas e os parapeitos defensivos dos nosos castros, da que só se diferenza por acadar unha menor altura / profundidade nos valos. Temos, porén, nas revoltas, a pervivencia dunha técnica construtiva milenaria, que ven sendo a mesma que usaban os nosos paisanos castrexos.

O que nos dá a chave para considerar estas revoltas do castro das Quenllas do Forno coetáneas do recinto habitacional da Idade do Ferro é, non só o emprego da mesma técnica construtiva para facer os peches gandeiros, senón tamén a restante microtoponimia, Camiño Real e Porto Bois, que indican o carácter pecuario do asentamento dende tempos recuados.

No noso folkore a funcionalidade gandeira destas trincheiras semisubterráneas ou excavadas na terra permaneceu nas lendas que recolleu Mar Llinares García (Mouros, ánimas y demonios, 1990, px. 72): eran como tuneis polos que iba o gando dos mouros (cabalos, sobre todo) dende o castro a beber á fonte ou ó río. Efectivamente, entón, o gando podería ter estado dentro do complexo do recinto menor e desprazarse polo entramado de valos das revoltas periféricas. 

Con este sentido de "subterráneo" ligaremos a etimoloxía de revolta. No Du Cange ven un significativo texto do Roman d'Abladane onde se fala dunhas galeirías subterráneas chamadas vaultes: "Et dit que li Messagiers y entreroit par Vaultes, qui estoient faites dessous terre de long temps". Mais tamén no Du Cange temos a entrada bolbitum, "esterco dos bois", que ligaría as voltas e revoltas ós lugares onde se estabulaba o gando.

Enorme valo da Revolta das Quenllas do Forno. (C) Dolores González de la Peña, 2022.

Marco nunha das esquinas (vai sinalada coa frecha vermella no mapa do relevo) da Revolta das Quenllas do Forno. Era preceptivo indicar con marcos as catro esquinas das revoltas, segundo declaracións do noso informante o señor Pepe do Curro.
(C) Dolores González de la Peña, 2022.

Concluíndo:
  1. Temos entón unha técnica construtiva milenaria de peches gandeiros de terra (ou pedra), que pode aínda conservarse asociada ós castros (caso da Revolta das Quenllas do Forno no Buriz, ou do castro da Revolta en Narón), ou ben atoparse desligada deles (Revoltas dos Casaliños en Casaslongos - A Laracha), o que podería indicar que son de recente construción.
  2. A partires dela configurouse a primitiva paisaxe neolítica galega a base de cerrados gandeiros de terra (ou pedra). O bocage vexetal da tipoloxía de Bouhier derivaría das revoltas e teríase espallado posteriormente polo noso territorio.
  3. O complexo formado polo castro gandeiro (croa + revolta) amplía considerablemente o espazo dos asentamentos do Ferro, que xa non se limita só as croas e ós seus parapeitos. 

domingo, 27 de febrero de 2022

Benito da Fonte: o Bento do Mesón do Bento

Mesón do Vento ou do Bento? Sobre este curioso topónimo do Camiño Inglés tense pronunciado moitos filólogos e interesa ós paisanos coñecer se convén escribilo con uve ou con be.

Di Cabeza Quiles (Toponimia de Galicia, 2008, px. 402) que "segundo algúns autores e opinións, faría alusión a un hipotético propietario ou mesoneiro de nome Bento (Benito, en castelán). Non compartimos esta opinión por crer que a expresión toponímica "do Vento" pode facer referencia ao vento, que, tendo en conta a situación elevada e desprotexida do lugar, alí ha soprar con forza e frecuencia, como ocorre cós topónimos Ventoso, Ventoseira, Ventosela [...]". Incluso, o autor descarta que no lugar houbese un establecemento hosteleiro, apuntando que o termo mesón neste caso indicaría unha elevación do terreo en forma de mesa orográfica.

A nós non nos cabe dúbida de que o termo mesón, nun camiño da relevancia que tivo na antigüidade o Camiño Inglés, facía referencia a unha venta, taberna ou establecemento hosteleiro con posibilidade de aloxamento para os peregríns e arrieiros. A existencia deste camiño real viña informada polo capelán de Crendes, que no 1775 debuxouno dende Cabeza de Lobo e Hospital de Bruma ata a ponte de Beldoña xa preto de Piadela - Betanzos (v. a entrada neste blog: O nó viario prerromán das Travesas (Carral)).

Ponte de Beldoña (Mabegondo). (C) Dolores González de la Peña, 2007.

Respecto á discusión de se é Vento (con uve) ou Bento (con be), unha lectura detida do Catastro de Ensenada (1750) deparounos a sorpresa de atopar ó futuro dono do mesón, que por entón tiña tres tabernas ó seu cargo neste tramo de camiño real que pasaba pola parroquia de Beira (Carral). Este dato disipa xa calquera posibilidade de defender unha etimoloxía a partires de vento, baseada nas inclemencias do tempo e os fenómenos atmosféricos.

Benito da Fonte, có seu nome de pila castelanizado, era natural das Travesas, concretamente do lugar da Fonte, que xusto veñen de atopar agora Manuel Ruibal e David Chas grazas á información fornecida polo veciño Manolo de Pepito (de 99 anos de idade). Viviu a mediados do século XVIII, fai uns trescentos anos, e tiña moita sona na contorna de Beira ó ter ó seu cargo as tres tabernas da parroquia, o que lle reportaba uns beneficios anuais astronómicos para a época. Del fálase nada menos que dúas veces no libro do interregatorio xeral da parroquia de Santa Mariña de Beira [Veira no Catastro de Ensenada].


"A la vigésima nona [pregunta], dixeron que en este término hay las tres tabernas que dexan depuesto, las que lleva en arrendamiento dicho Benito da Fonte, al que, por la utilidad que le contemplan en él, le regulan de ganancia mil y cien reales al año".

Dado que as catro tabernas da veciña parroquia de Ardemil (As Mamoas, Cabeza de Lobo, A Piolla e Canedo), onde se sitúa O Mesón do Bento, levábaas na época do Catastro de Ensenada o veciño Sebastián Francisco Manteiga, e só lle reportaban trescentos reais ó ano, pensamos que Benito da Fonte foi facéndose có tempo con boa parte do negocio da contorna, pois é que cuadriplicaba as ganancias da competencia. En definitiva, o taberneiro Benito da Fonte viu unha oportunidade ó non haber aínda ningún mesón en Ardemil no 1750 (v. Catastro de Ensenada - Ardemil), así que pouco despois abriu un a só tres kilómetros das Travesas (Beira), que levaría o seu nome e daría orixe ó pobo do Mesón do Bento.

Cecais, unha das tabernas do Bento nas Travesas (Carral). (C) Dolores González de la Peña, 2022.

Das tres tabernas que tiña Benito da Fonte en Beira, antes da apertura do mesón coñecido polo seu nome de pila, parécenos localizar unha no lugar das Travesas, pretiño da Fonte (onde residía o hosteleiro): trátase dunha construción antiga con aspecto de ter sido taberna á beira do camiño real monumentalizado (do que tratamos na entrada citada do blog). A casiña, cecais de orixe medieval, vese moi deteriorada; cunha parte reconstruída con cemento e teitada de uralita. O negocio semella pervivir no actual estanco-bar fronte dela. Á existencia doutra taberna, xa en Montouto, ven indicado polo topónimo Taberna Nova, a só catro kilómetros. O nome proba, unha vez máis, a existencia de toponimia baseada ou motivada pola instalación de establecementos hosteleiros (v. p. ex. Hospital de Bruma) ás beiras dos antigos camiños reais.

martes, 22 de febrero de 2022

Espiñeira

 

Fotografía do Voo Americán de 1956-57.

Parcelario disposto en forma de espiña; feito que motiva o nome do lugar de Espiñeira (Sistallo - Cospeito). Neste caso non se trataría, pois, dun fitotopónimo.

O mesmo sector no Voo Americán de 1945-46.

Nota do 27/2/22:
Nos comentarios á entrada un lector anónimo apunta que no Voo Americán de 1945-46 o parcelario non ten ese aspecto, como ben pode observarse na segunda imaxe, capturada da fonte indicada. Dita forma en espiña de peixe foi, polo tanto, resultado da concentración parcelaria do franquismo (iniciada na Terra Chá en 1950) tal e como sinalan dous lectores. O topónimo Espiñeira, entón, semella ter valor fitotoponímico, ou cecais aludir á certa vertebración das parcelas entre sí, que na fotografía de 1945-46 van percorridas por un camiño central en zig-zag que podería actuar como dorsal.

sábado, 19 de febrero de 2022

O nó viario prerromán das Travesas (Carral)

 

Sector noroeste do mapa de Juan de Villuga (1543): Repertorio de todos los caminos de España.
(C) Wikipedia.

No repertorio dos camiños de Villuga o lugar das Travesas (Beira - Carral) aparece nun vial principal dos camiños de antiga fundación que percorrían o noso territorio, a continuación do Hospital de Bruma e cara Coruña, o que determina o vínculo do Castro das Travesas directamente cunha vía de comunicación milenaria. Aínda que non fai falla que o dixera Villuga, pois As Travesas é un nó viario per se; nel conflúen as divisorias de augas das bacías hidrográficas de tres ríos, Anllóns, Mera e Tambre, as cales configuran as correspondentes vías de tránsito naturais que soportarán logo os camiños reais.


Dous séculos despois, un tramo do mesmo camiño, o que ía cara Betanzos, chamado Camiño do Norte a Santiago, foi debuxado por don Roque Nicolás de Vigo, capelán de Crendes (ano 1775, BNE, MSS/7297, f. 262-266) para o Diccionario Xeográfico de Tomás López. Pasaba polos lugares de Cabeza do Lobo - Hospital de Bruma - Monte e Feria das Travesas* - Montouto - Abegondo - Crendes - Mabegondo - Ponte de Beldoña - Piadela.

Castro das Travesas ou do Quenllo dos Mouros, e debaixo á dereita, o Castro da Alcaiana.
(C) Visor PBA da Xunta de Galicia.

Na articulación dos espazos castrexos teñen especial relevancia as estruturas aproadas que toponímicamente poden aparecer nomeadas na folla catastral como Bico ou Beque. Os bicos (do céltico beccus, "pico, proa, estrutura angular") dun castro son visibles no voo como proxeccións triangulares ou en cuña. Están formadas polos camiños que rodean a contorna do asentamento e logo tiran cara un punto onde conflúen có camiño principal exterior, vía de comunicación de longo percorrido que leva a outros destinos fóra da localidade. A orientación do extremo do bico é relevante entón para determinar o punto de empalme con esoutra vía de comunicación exterior, que adoitaba chamarse xenéricamente camiño francés (franco, de libre paso) ou camiño real.

No caso do castro do Quenllo dos Mouros vemos que un dos seus bicos leva aínda o nome no parcelario (Bico da Costa), o outro bico perdeuse toponímicamente, máis é ben perceptible a súa forma na imaxe da captura do Voo Americán de 1956-57: partía do leste da croa, quedando no medio o acceso ó recinto, e confluía no camiño principal que ía cara o punto chamado Muralla, onde seguía pola actual estrada hoxe asfaltada AC-542, o antigo Camiño do Norte a Santiago (Ferreira Priegue**).

O nome patrimonial do Castro das Travesas, Quenllo dos Mouros, recuperámolo do estudo de Xosé Lois Vilar Hermidas (Santa Mariña de Veira [sic], Concello de Carral, 1999), e a súa etimoloxía fai referencia a unha trincheira (latín cuniculum, "galeiría", ou ben latín canaliculam, "canle"). Dita trincheira semella que podería ser o vial castrexo exterior do que estamos a tratar, que podería ir amurallado ou garnecido, pola evidencia amosada polo microtopónimo Muralla no punto en que enlaza có Camiño do Norte a Santiago.

A hipótese arqueotoponímica podería confírmase grazas a información*** fornecida por Manolo de Pepito (veciño de As Travesas, de 99 anos de idade). Podemos asegurar que efectivamente o topónimo Quenllo dos Mouros facía referencia a un camiño monumentalizado. Segundo Manolo de Pepito o Camiño dos Mouros viña dende o Castro das Travesas garnecido por dous muros, e se dirixía ó Castro da Alcaiana.

No estudo de Fernández Malde e Castro Vilariño (A Vía Per Loca Marítima ao seu paso polo territorio Mariñas - Betanzos, 2011) o arquéologo sitúa un camiño monumentalizado, semellante ó descrito polo noso informante Manolo de Pepito, unindo en liña recta o Castro das Travesas e o da Alcaiana. Nós non dubidamos da proposta, xa que foi verificada sobre o terreo; o que supoñemos é que esta solución de monumentalización dunha vía de enlace seguramente aplicouse tamén no tramo do camiño que saía do Castro das Travesas cara ó leste para unirse ó camiño real chamado logo Camiño do Norte a Santiago (actual AC-542), de aí a pervivencia do microtopónimo Muralla na leira na que se produce o contacto, así como do odónimo Carreira, na leira contigua.




Tramos do valo característico dos camiños reais entre a subestación eléctrica "Mesón do Bento" (As Travesas) e o estanco fronte á ermida de San Roque, da beira da carreteira.
(C) Dolores González de la Peña.

Cabe sinalar que na zona onde segundo Malde tería existido un camiño amurallado de comunicación directa entre os castros, non hai microtoponimia que avale o percorrido (só aparece Candal); si existe, en cambio, no punto que sinalan os microtopónimos Muralla e Carreira, dende onde non só baixa un camiño cara o Castro da Alcaiana, senón que aí enlaza o vial castrexo có camiño real.

* Feria mensual, de bois e vacas e alimentos, da que tamén deixa constancia a mediados do século XVIII o Catastro de Ensenada (parroquia de Beira, fol. 272).
** Elisa Ferreira Priegue: Los caminos medievales de Galicia, 1988.
*** Entrevista realizada por Manuel Ruibal e David Chas o 18/2/22.