sábado, 16 de abril de 2022

Mantiñán, Coto Martíns e Santa Marta: derivados do deus romano Marte

O nome de lugar de Mantiñán (A Laracha) puido ter sido un Martiñán, como no caso do topónimo Martiñán de Lugo, que conservou as dúas pronunciacións, con -r e con -n, como evidenciou Amable Veiga Arias (Algunas calas en los orígenes del gallego, 1983). Chegamos a esta conclusión, non só pola dobre pronunciación do Martiñán de Lugo, senón tamén ó observar a proximidade do río de Mantiñán ó Coto Martíns (Castro de Santa Baia - A Laracha), onde poderían existir os restos dun campamento romano ó redor do castro. Parécenos que Mantiñán e Martíns teñen a mesma etimoloxía.

Doutra banda, como topónimo temos documentado un "Castrum Martiniani" na zona de Dorra (na Ulloa) no ano 572 (fonte: CODOLGA).

Forneceremos, pois, a etimoloxía destes nomes de lugar, e do haxiotopónimo Santa Marta, que se repite nas inmediacións: na Pedra de Santa Marta (límite dos concellos de Culleredo, A Laracha e Cerceda) e no Monte de Santa Marta, non moi lonxe do priorato de Soandres, onde existía no cumio unha antiga ermida adicada a esta santa, hoxe en ruinas.

No cumio do Monte de Santa Marta, límite parroquial entre Coiro e Soandres (A Laracha), observamos as ruinas da capela arrodeadas dun anel perimetral de grandes pelouros a modo de cromlech.

Para Xosé Lluis García Arias (Toponimia Asturiana: El porqué de los nombres de nuestros pueblos) "es posible que el cristianismo haya sustituido el culto a Marte generalizando la veneración a Santa Marta y a San Martín, de gran arraigo entre nosotros". Porén, tanto os haxiotopónimos Santa Marta como San Martiño, así como o derivado Martiñán / Mantiñán, poderían ser o resultado da cristianización de lugares de culto adicados ó deus romano Marte*; que, á súa vez, poderían agochar un culto prerromano a unha divindade de atributos semellantes.

Neste sentido, non descartamos que a divindade romana fose Silvano, chamado ás veces Mars Silvanus, deus que fora o que instaurou a forma de demarcar os lindes territoriais mediante pedras, ó que se lle ofrecían porcos en sacrificio, como a San Martiño.

Chama a atención que o culto a San Martiño reflictido pola toponimia peninsular, como amosara Francisco Marsá ("El topónimo San Martín en la Península Hispánica", v. XXXVIII, 1954), foi elevadísimo no noroeste (Galicia e Asturias). Cecais proveña dun culto previo a Marte, vencellado ás campañas militares das longuísimas guerras cántabras.

A ara romana achada no mosteiro de Soandres, hoxe no museo da Catedral de Santiago, lamentablemente non está adicada a Marte, senón a Xúpiter (IOM = Iovi Optimo Maximo), pero proba a intensa romanización da zona. No mesmo mosteiro, o costume de elevar os altares sobre tenantes ou peanas semellantes ás aras perdurou ata o século XIV, tal e como se desprende do achádego destes altariños baixo as mesas das capelas laterais da igrexa parroquial (Begoña Fernández Rodríguez: "Dos altares góticos gallegos: ejemplos del antiguo monasterio de San Pedro de Soandres", Boletín del Museo Arqueológico Nacional, nº 21-23, 2005).

Xogo de tenantes de altar do século XIV que sosteñen a mesa dunha das capelas laterais (antigo mosteiro de Soandres, hoxe igrexa parroquial).

* Adicados ó deus Marte ou á súa versión feminina Belona (Marta): neste sentido destacamos a coincidencia de se atopar un ara a Belona en Santa Marta de Magasca (Cáceres).

miércoles, 13 de abril de 2022

A Truxa (Santa Baia de Soandres): un templum in terra

 

A Truxa, recinto do Castro de Santa Baia (A Laracha). Indicamos cunha liña de marcas o recinto rectangular que identificou o equipo dos Roman Army, e coas estreliñas laranxas, a mámoa e os petróglifos de coviñas catalogados no Visor PBA da Xunta de Galicia.

Semella que estamos ante un derivado do latín turrem, "torre, fortificación". Nas fichas catastrais atópanse as formas A Trusa e A Troxa, que consideramos deturpacións dun posible Torrucha, topónimo que xa estudaramos na entrada relativa a Churrana e Churruchao. O eixe decumano do recinto, que vai do leste ó oeste, está aliñado coa mámoa e os petróglifos de coviñas catalogados. Este feito merece unha atención específica dentro do ámbito dos templa in terra dos auguráculos, recintos especiais utilizados polos augures etruscos (e posteriormente romanos) para validar por procedementos de adivinación a fortuna na elección dun emplazamento para fundar un asentamento, procedemento baseado no examen do voo das aves, que debía renovarse periódicamente.

Petróglifo do Outeiro do Filladuiro (xunto ó Castro de Mallou - Carnota).
Posible templum minus ou auguráculo en miniatura pertencente ó recinto do Ferro.

Dentro da tipoloxía moi mal coñecida dos recintos augurais dos antigos asentamentos existía o templum minus e o templum in terra. Ó noso xuízo os templa in terra eran a escala real, non maquetas reducidas do templum augural, de aí que, por exemplo, as árbores fosen os seus límites ("in hoc templum faciendo, arbores constitui fines") ou que amplas zonas do terreo ("regiones") quedaran delimitadas polos seus eixes ("dextras ad meridiem partem, laevas ad septemtrionem" = as zonas destras quedan ó sur, e as sinistras ó norte). Podemos notar que teñen o mesmo fundamento que as centuriacións, que probablemente deriven deste sistema.

Non compartimos, pois, as conclusións do experto en dereito sagrado, o francés André Magdelain*, que ve nos textos de Tito Livio alusións ó templo menor. Non é posible porque as referencias ás árbores e ás rexións implican un terreo real de grandes dimensións.

Conxunto de coviñas aliñadas có decumano do recinto rectangular que arrodea a croa do castro de Santa Baia. É o petróglifo que ven catalogado no Visor PBA como "Petróglifo de Coto Martíns".

Así, tanto a orientación solar do recinto rectangular que arrodea a croa do Castro de Santa Baia, como os elementos patrimoniais que temos marcados na fotografía do relevo, cadran cun templum** in terra, isto é, un auguráculo a escala real sobre o terreo.

Grazas á inestimable colaboración de Manuel Ruibal e Masús, o catálogo de petróglifos identificados na contorna vese moi ampliado con formas que poderían encaixar entre os elementos (puntos de observación, altares) e signos augurais e de delimitación dun destes espazos sagrados fundacionais. A nosa proposta concorda ademais coa frecuencia coa que os petróglifos de coviñas aparecen nos nosos rexistros históricos sinalando aínda os límites dos territorios.

Ara ou altar rupestre con focus cuadrangular atopada por Manuel Ruibal.

Conxunto de coviñas atopado por Masús. Gravadas en clara progresión aritmética: unha, dúas unidas por unha canle (tipo halteriforme), e tres unidas por outra canle. 

* "L'auguraculum de l'arx à Rome et dans d'autres villes", Publications de l'École Française de Rome,1990.
** "templum es una palabra técnica muy precisa, equivalente a la de nemeton entre los celtas, que designa un concepto ritual estrechamente relacionado con la orientación y la concepción cósmica del mundo" (Alonso Romero e Almagro Gorbea: Peñas Sacras de Galicia, 2022).

jueves, 7 de abril de 2022

Río Barcés / Marcés

 A Pepe do Curro

Límites da parroquia de Sarandós polo leste: "de este [marco] al Souto da Salgada, de aquí al pozo de Ardagaña, que se halla en el río Marcés, y al marco que está junto a él, confinando por la parte del Poniente con la precitada feligresía de Beira y San Esteban de Paleo, desde donde prosigue al marco do coto do Ladeiro" (Catastro de Ensenada, parroquia de Sarandós).

Nesta mención ó río Barcés, do ano 1750, temos o que pensamos que é una confusión por parte do escribán entre a pronuncia do b- e do m- (por ser ambos sons bilabiais). No canto de escoitar Barcés, escoitou Marcés e foi o que escribiu. Non pasaría de aquí o dato, que sería anecdótico, se non tivésemos atopado unha outra testemuña do ano 978 na que volta aparecer o Barcés de novo cun m- inicial: "villa in valle Summio, villa vocabulo Varzena sub eodem monte Gallo ripa fluvio Manizes" (documentos de Sobrado - fonte: CODOLGA).

Evidentemente baixo o monte Ghalo discorre o río Barcés que ten que ser este "Manizes", no que detectamos un posible erro de transcrición por parte do editor do documento medieval: confundiría os trazos da letra r manuscrista cós dunha n seguida dunha i, cando o que estaría escrito sería seguramente "Marzés" ou tal vez "Marizés" (cun i de apoio, epentético).

Na cartografía da Deputación (1897) vese aínda o doble nome do río: "Arroyo Barcés o Marcés". (C) "Carta de la Provincia de La Coruña con las Carreteras del Estado y Provinciales y caminos vecinales subvencionados" (Biblioteca Virtual de Defensa).

Na ocurrencia do ano 978 documéntase, porén, un interesante caso, moi temperán, de confusión de sons bilabiais no caso do hidrónimo prerromano Varcena > Barcia* [actual Val da Barcia], e o seu derivado o río Barcés / Marcés (o da Barcia); confusión que chega viva ata os séculos XVIII-XIX (o Marcés que aparece no Catastro de Ensenada e na cartografía da Deputación). Temos a sorte de conservar un documento de fai mil anos no que aparece o antiquísimo nome do río case igual que na actualidade, o que amosa a longa pervivencia da hidronimia paleoeuropea.

Amáis, o amigo Manuel Ruibal venme de informar da existencia do lugar de Morzós na vertente sur do Marcés ou Barcés, moi preto do seu nacemento. Dito topónimo nas Minutas Cartográficas do IGN figura como Marzós. Supomos que esta última forma é a orixinal, pois cadra cuns *Marzo(l)os > Marzós, en alusión ós pequenos regos do Marcés que verten ó cauce principal. Son moi correntes na hidronimia antiga europea os dobletes nos nomes dos ríos, que aparecen nomeando o cauce principal e algún dos seus afluentes.

Esta achega condúcenos a propor que a toponimia tipo MARZ- (Marzo, Marzán / Marzá, Marzoa) poida ter orixe hidronímica a partires do prerromano VARCENA, tendo en conta a confusión de bilabiais exposta.

*Várcena > Varcia / Barcia = "Terreo chan e fértil situado nas marxes dun río, que é frecuentemente anegado por este" (Diccionario da Real Academia Galega).

miércoles, 6 de abril de 2022

O Ghalo e The Wall


Minutas Cartográficas do IGN, cun interesante feixe de toponimia ó revés. O mapa é de principios do século XX (c. 1920-30): Anxelio, Xalo, Xustovedro (que en realidade serían Anghelio, Ghalo e Ghustovedro*) e Jián (en realidade é Xián). Vese tamén o antigo Camiño Real que percorría o Ghalo pola divisoría das bacías hidrográficas, dende a pedra de Santa Marta ata o Anghelio, e logo viraba ó norte cara a Xián.

Don Jacinto Ares tiña medio ferrado no lugar de Sojalo no ano 1750. O Libro real de eclesiásticos de Santa María de Celas (fol. 55) contén unha proba directa da pronuncia da gheada en Sojalo, equiparable ó son jota castelán de Jacinto. Soghalo é hoxe Suxalo, preto do Castro de Socastro, en Castelo de Arriba (Culleredo).

No libriño do interrogatorio xeral do Catastro de Ensenada da parroquia de Santiago de Castelo figura un tecelán identificado como "Juan de Jalo, texedor". O feito de escribirse Juan e Jalo con jota nesta data (1750) implica unha pronuncia con gheada (semellante á jota castelá).

Non cabe dúbida de que o nome do monte é Ghalo, con gheada, aínda que hoxe teña moito máis éxito a forma hipercorrecta Xalo. A primeira vez que se ten constancia do nome é nun documento do mosteiro de Samos, do ano 978: "villa in valle Summio, villa vocabulo Varzena sub eodem monte Gallo ripa fluvio Manizes [¿Marces? = Barcés]". Algo máis tarde: "et per terminos de Montanos et Pergalo [per Galo] et inde per terminos de Faro et per illam Carreriam de Singraes usque in Merum" (ano 1112). Ata o de agora Ghalo era considerado un zootopónimo, motivado cecais pola forma de cresta de galo do monte.


Mais na contorna do Ghalo, nas Brañas do Torreiro, destacan no mapa do Voo Americano (1956-57) os restos duns peches gandeiros moi arcaicos, identificados como Revoltas nas fichas catastrais. Veñen arrodeadas polo microtopónimo Ghalo. É por este motivo que imos analizar unha outra posibilidade etimolóxica, xa que nesta ubicación non hai formacións en cresta de galo nas que basear o microtopónimo.

Parécenos moi axeitado partir do latín vallum, "foxo defensivo ou trincheira fortificada", cuxa wau inicial consonantiza no grupo gw, que termina por perder o apéndice labial e que, máis tarde, pasaría a pronunciarse con gheada: vallum > g(w)allo > galo > ghalo. Mesma etimoloxía que a que se supón para o nome do Muro de Antonino (The Wall < latín vallum), en Escocia. Temos que ter en conta que moi preto, no Castro de Santa Baia (Soandres - A Laracha), o equipo de investigación Roman Army atopou indicios de o asentamento castrexo ter sido reutilizado como campamento romano. Así pois, o Ghalo tería sido o noso Muro de Antonino, trincheira defensiva ou barreira que percorrería a liña baixo o camiño que vai da Pedra de Santa Marta ata o Anghelio, e que formaría o límite parroquial, antigo límite do Comisso de Faro medieval.

Indicacións da existencia dun foxo xunto á pedra coñecida como Barboto ou Borboto da Vella.


Foxo de The Wall preto de Bar Hill. (C) Wikipedia.

O feito de usarse nesta zona o termo vallum > ghalo para indicar as trincheiras ou foxos fronteirizos non se limitaría só a este caso, xa que, logo, semella ter deixado a súa pegada nos valos (Ghalos) que pechaban as revoltas das Brañas do Torreiro, ou mesmamente no topónimo redundante Foxo do Galo, límite entre O Esperón (Cerceda) e A Capela (Meirama).

* Do celto-latín busto vetero > Bustovedro / Gustovedro, un antigo peche para o gando vacún. 

martes, 5 de abril de 2022

Ternande - Trinanto

Ante a falla de antroponimia xermana que explique satisfactoriamente o nome do lugar da Hermida de Ternande (Celas de Peiro - Culleredo) sospeitamos que se trata dun nome céltico agochado baixo a apariencia dun xenitivo dun nomen possessoris xermano rematado en -nande (como podería ser p. ex. Sisnande).

Na nosa opinión é cognado do topónimo francés Ternant. Ernest Nègre indica que son topónimos compostos do galo [céltico] nanto, "val", máis un primeiro elemento descoñecido (Toponymie Général de la France, 1990). Nós sabemos cal é ese primeiro elemento descoñecido, xa que o topónimo ven no famoso Glosario de Endlicher como trinanto, e a glosa que se fornece é "tres valles". Supomos que por ubicarse este lugares nas cabeceiras dos ríos onde nacen varios tributarios (dous, tres ou catro regatos) que forman a bacía principal. No caso do lugar de Ternande o río principal, o Valiñas, porta de novo, noutra lingua, o significado de "val", polo que estariamos ante un exemplo de toponimia redundante, na que se reitera o referente en diversas linguas: trinanto (tres vales) - valiñas (varios vales pequenos).

Outra opción podería ser considerar o primeiro elemento *TER a base hidronímica paleoeuropea da que ten tratado Edelmiro Bascuas, có significado de "frotar, atravesar", e que da nome ó río Tera, afluente do Esla (v. Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia, 2006). Neste caso o significado do topónimo Ternande sería "val do Ter".

lunes, 4 de abril de 2022

Os petróglifos de coviñas como marcas de trifinios

 

Castelo, Brozo, Santo André de Meirama e Laracha nas Minutas Cartográficas do IGN.

Baixo Brozo e o Iglesario de Santo André de Meirama sitúabase o lugar de Laracha, arrasado nos anos oitenta pola escombreira e a mina de "Lignitos de Meirama" (Cerceda), xunto con outros lugares da contorna. Xusto en Laracha, na delimitación da parroquia de San Román das Encrobas, segundo o Catastro de Ensenada, existía unha pedra con "abujeros" que servía de límite coa parroquia veciña de Meirama. Sen dúbida tratábase dunha pedra con petróglifos de coviñas.

Esta parte da delimitación pode seguirse case enteira hoxe en día, e é das máis completas do Catastro. Viña dende o Seixo do Ollo Bó (hoxe esnaquizado, aínda que se coñece a súa ubicación por parte dos comuneiros de Celas) e ía en liña recta á Pedra Mazafacha (no Ghalo).

Pedra Mazafacha no Ghalo.
(C) Dolores González de la Peña, 2022.

Logo baixaba pasando preto das Pedras Campaíñas "siguiendo en derechura al puerto de Ramofeito a otro peñasco que se halla en el mismo puerto con otra cruz", xa preto de Castelo.

Ubicación de Ramofeito na ficha catastral (parcela 180) baixo as Pedras Campaíñas.

Logo a delimitación ía dando un xiro cara ó oeste, cara Santo André de Meirama, dirixíndose á Laracha que vimos de atopar nas Minutas Cartográficas: "siguiendo al campo de Larache, a una piedra que se halla con señales de abujeros". Non é difícil seguir os términos pois os límites parroquiais son os mesmos que na actualidade.

Cumpre indicar agora que estes petróglifos de coviñas da desaparecida Laracha estaban situados en realidade nun trifinium parroquial (Cerceda, As Encrobas e Meirama). E non é o único caso: onte tivemos a oportunidade de visitar os do Monte da Arca Aberta, na compañía dos comuneiros de Celas, de Manuel Ruibal e de David Chas. Son tamén petróglifos de coviñas sitos pegadiños a outro trifinium parroquial (Quembre, Sumio e As Encrobas).

Petróglifos de coviñas da Arca Aberta, excepcionais polo soporte de xisto. (C) Dolores González de la Peña, 2022.

No deslinde do IGN do ano 1924 entre os concellos de Cerceda e Carral indicábase que esta pedra era un mollón antigo que servía de límite territorial, e se situaba a "unos doce metros de distancia de un enterramiento primitivo llamado en el país "Medorra del Monte de Justovedro [Gustovedro]". Fora marcada a cicel cunha L na súa cara leste.



O feito de atoparse estas pedras con "abujeros" de forma recurrente sempre nos límites de tres parroquias lévanos a establecer como hipótese de traballo se non terían sido marcas de trifinios prehistóricos; símbolos previos ás cruces de termo.

domingo, 27 de marzo de 2022

Sigrás - Cambre

 

Antigo hospital de peregríns xunto da igrexa de Santiago de Sigrás (Cambre).
(C) Andregoto Galíndez, 2022.

Ó pé do complexo de orixe neolítica formado polo castro e pazo de Sigrás, e á beira do camiño perimetral castrexo que acabou sendo Camiño de Santiago (como no caso do castro das Travesas: O nó viario prerromán das Travesas (Carral)), sitúase a igrexa de Santiago de Sigrás e a súa parroquial, que albergou un hospital de peregríns segundo informaba o cardenal Jerónimo del Hoyo na súa visita de 1607: "hay un hospital sin renta y con dos camas que recoge los peregrinos pobres".

As etimoloxías que se deron ata a data sobre o topónimo, que constitúe un caso único no país, non teñen en conta o contexto castrexo-pacego, viario e vencellado ás peregrinacións (hospedería) de Sigrás.

No blog Fror na Area (2014), á vista de que a primeira mención coñecida é a de "Cidriales" (ano 932) Miguel Costa decántase por facelo derivado do latín citrus, "cidro, limón salvaxe", o que motivaría o nome por ter sido un lugar onde habería cidreiras. Parécenos improbable o paso -dr- > -gr-, polo que sostemos que a ocurrencia "Cidriales" testemuña un caso máis de falsa latinización, frecuentes no medievo cando os escribas querían dotar de prestixio os nomes, recreando as súas incertas etimoloxías mediante un latín moitas veces inventado.

Nun artigo de 1994 do profesor Isaac Alonso Estraviz, publicado na revista Agália ("Sigrás, beleza e misterio") explícase tamén o nome de Sigrás como fitotopónimo, vencellando a súa terminación á dos abundanciais como trigás, orxás, etc. Sería pois, segundo o autor, unha forma derivada do latín  secale / sicale, "centeo". Aínda sendo posible a proposta, necesitaría ó meu modo de ver un maior número de ocurrencias, atopar máis Sigrás dispersos na toponimia do país. Non ía ser Sigrás o único lugar onde se cultivara centeo, ou se deran as cidreiras (se voltamos á proposta de Costa). A fitotopónimia é sempre homoxénea e reiterada nun territorio.

Chegamos así, en orde cronolóxica inversa, á primeira proposta que se fixo sobre a etimoloxía de Sigrás, a de Piel (Boletim de Filologia, nº 28, 1983), nun artigo titulado "Reminiscéncias trovadorescas na toponímia e onomástica galego-portuguesas". Evidentemente a etimoloxía que propón Piel, correcta, é fortuita, resultado de valorar se o nome de Sigrás tería que ver, como o topónimo que estuda antes (Xograis - Alfoz), cós xoglares ou trovadores medievais. A resposta é que non, para Piel viría do latín saecularis, en clara referencia a un establecemento de clérigos do segre. A proposta non ten validación contextual algunha, é dicir, non verifica a adecuación ó referente nin menciona a igrexa e hospedería de Santiago de Sigrás, ademáis de que sitúa a Sigrás nun municipio errado (Comba, supoñemos que pretendía indicar Santa Comba).

Así pois, de saecularis > segrares, "cristiáns que non forman parte do clero". Como indica Piel, o último r absórbese na pronuncia da vogal seguinte. Máis polo miúdo, a asimilación prodúcese ó ter a vogal un punto de articulación anterior, próximo ó da vibrante: segrares > segraes / segrais, que finalmente evolúe cara a Sigrás. Sigraes xa é forma que atopamos documentada no ano 1211 (CODOLGA).

Pola nosa parte comprobamos in situ a adecuación da proposta etimolóxica visitando o antigo hospital de peregríns pertencente á igrexa de Santiago de Sigrás, rexentado no pasado, ó que parece, por unha orden segrar ou laica. A ubicación da igrexa-hospital veu determinada pola existencia previa do camiño prehistórico que pasaba polo exterior do recinto castrexo inmediato, para enlazar cunha vía de comunicación de longo percorrido.

Os erros metodolóxicos que percibimos nas tres achegas dos devanditos investigadores son:
  • Fiar sempre na documentación antiga, sen saber cando desbotala (pseudolatinizacións).
  • Fiar só nos indicios filolóxicos (terminacións -ás / -ais propias dos fitotopónimos) e validar as propostas etimolóxicas somentes por ser acaída a evolución fonética a partires do étimo elixido, sen ter en conta a adecuación deste ó referente (u-los centeais, u-lo centeo ou as cidreiras de Sigrás? u-los segrares ou orden laica do *Sigrás de Santa Comba?).
  • En xeral, limitar a investigación filolóxica só á cara significante dos topónimos (evolucións fónicas), sen ter en conta a cara significado da proposta etimolóxica no que respecta á adecuación desta á fisionomía do lugar e á súa historia. Precisamos máis traballo de campo, que pode facerse in situ ou recorrendo á cartografía dispoñible.