martes, 14 de junio de 2022

Coreotoponimia de Galicia

Achégase o verán, e previsiblemente teremos de novo nos suplementos dominicais estivais algún artigo lúdico sobre a toponimia do amor ou erotoponimia galega, baseado nas homofonías que se atopan entre o léxico cotián e o noso riquísimo corpus toponímico (v.gr. Cariño, ou Carantoña). Levamos xa un tempiño có arduo traballo de pór as cousas no seu sitio, insistindo en que o amor, se ben importante para o tipo medio galaico, queda sempre nun discreto segundo plano fronte ó disfrute gastronómico (Gastrotoponimia de Galicia), que non é outra cousa que un preludio ou preparación para a actividade máis importante da vida galega: a festa, tamén coñecida como "festa rachada" (AKA oenach céltico).

Imos ver, pois, como o espíritu festivo do galego, sempre pensando no seguinte oenach, se reflicte no eido da toponimia. E comezamos pola ubicación destes eventos. Campo da Festa é un topónimo recurrente por todo o país, existindo varias vilas ou aldeas nomeadas así. Non hai lugar digno de lembrar se non dispon dun: normalmente vai nunha explanada a carón da igrexa (á súa vez construída preto de ou sobre un castro) e está dotado dun palco de obra para a orquestra, o que tamén deixou pegada toponímica nomeando ata entidades de poboación como Palco da Música (Recesende - Teo) e Palco da Festa (Pacios - Castro de Rei). A actividade principal que se realiza nestes lugares é socializar mediante o baile, mocear ou conservar a parella que se ten atendendo ás necesidades románticas da mesma (o que nos leva nun círculo pechado ó tema da erotoponimia). Comer - Bailar - Amar.

A Bailadora ou Abaladoira son topónimos que fan referencia ás pedras de abalar ou de bailar, chamadas así porque se poden mover e tamén porque se bailaba sobre elas. Vidrieira no Santuario da Pedra de Abalar de Muxía cunha parella danzando riba dela, máis gaiteiro e tamborileiro tocando. (C) Andregoto Galíndez.

Aínda que todo galego que se prece ó chegar a Chan da Danza (terras en Cesures - Barco de Valdeorras) improvisaría un punteado (tacón - tacón - tacón - punta - tacón), o que semella é que estamos ante un caso de homofonía entre o sustantivo danza, "baile", e o hidrónimo paleoeuropeo Alesantia > Asanza - As Anzas (J.J. Moralejo: "Topónimos célticos en Galicia", Paleohispánica 10, 2010), logo singularizado como *A Anza, coa preposición de aglutinada en Danza.

O Salón de Baile do Castellano, nome dunha entidade de poboación de Loureda - Arteixo, alude sen dúbida á existencia dunha sala de festas, versión coberta do campo da festa, precursora das modernas discotecas; non obstante a toponimia do tipo O Baile non garante sempre esta adscripción, pois a súa etimoloxía nalgún caso terá que ver có baile ou rexedor dunha bailía, "xurisdición territorial pertencente a unha orde relixioso-militar" (Fernando Cabeza Quiles: Toponimia de Galicia, 2008).

Dende logo que os músicos e os instrumentos musicais son elementos imprescindibles na boa marcha da festa, pero non sempre topónimos como O Gaiteiro (varios lugares), A Gaiteira (varios lugares), A Tamborileira (Pino - Cospeito), O Tamboril (Las - San Amaro), O Pandeiro (varios lugares), Pandeiriño (Peñosiños - Ramirás), Pandeirete (A Guía - Gomesende) e Pandeirón (Mougás - Oia) fan referencia a eles, quen o diría! Máis si cecais Guitar (Ulloa - Palas de Rei) ou Guitarro (Meixente - Sarria) e Batería (varios lugares da costa norte).

Tendo en conta que existe un sustantivo gato / gateiro (tipo de toxo) pode que a toponimia do tipo O Gaiteiro / A Gaiteira sexa en ocasións unha deformación dun posible *O Gateiro / *A Gateira, "terreo ou terra na que se ten sementado o toxo gateño"; chama a atención tamén a cantidade de fontes chamadas da Gaiteira - preguntámonos se non recibirían orixinalmente o nome de *Gateira coa acepción de "burato no muro dunha finca para recolle-la auga". Por suposto, contamos tamén coa posibilidade de que estes topónimos fagan referencia ós míticos profesionais da cornamusa que na Noite de San Xoán adoitaban xurdir dalgún túmulo ou mámoa onde se agochaban para facer soar o seu instrumento. Tamborileira e Tamboril poderían ser derivados dos topónimos Támbaro / Támaro, que temos estudado como provintes do latín tumulum, "mámoa". Os diversos Pandeiros son orónimos da familia de pando, "terreo entre dúas montañas". A Guitar e Guitarro non lles atopo etimoloxía, non sendo a que se aplica a La Guitarrera en Horcajo de Santiago, "porque la forma de la tierra recuerda a una guitarra" ("Informe lingüístico del proyecto piloto: Nomenclátor geográfico de Castilla - La Mancha"). Batería no senso de "conxunto de cañóns de artillería dispostos para atacar ó enemigo" ten a mesma etimoloxía que a batería como instrumento musical, isto é, o latín battuere, "golpear, bater".

A práctica do baile execútase na festa tradicional sempre na forma agarrada nun continuum que vai do máis ó menos agarrado dependendo da confianza. Se non tes unhas mínimas nocións do baile agarrado no pretendas ghastar pista. Xa nin vaias! O agarrado é o que ten maior tradición entre os paisanos de certa idade baixo a modalidade pecaminosa de Apretado Estreito (terras en Paradela - Toques) e a máis romántica coñecida como Curriño Apretado (Santa Comba de Carnota). Nelas é fundamental dominar as técnicas de Os Tres Pasos (Boqueixón e Baiona: seguramente *Tras Pazos con seseo), Os Xiros (varios lugares, do latín gyrum, "circuito, contorna dunha vila") e O Xiro Longo (Bravos - Ourol). Destacan tamén os xéneros modernos que practica a xuventude: a variante galega do reguetón, O Reguete (O Monte - Xove), hidrónimo derivado de rego, a Bosa Nova (seguramente unha Bouza Nova con pronuncia seseante) e A Rumba (Morás - Arteixo), topónimo para o que lamentablemente non dispomos de etimoloxía e xa olvidamos os pasos.

Bosa Nova (terras á beira do Xallas fronte a Esmorode - Santa Comba). Visor PBA da Xunta de Galicia, capa do Voo Americano de 1956-57.

Poderiamos concluír dicindo que Galicia vai estar estes meses Enfesta ou Infesta, topónimos bastante numerosos no noso país e que, aínda que o pareza, non teñen que ver coas festas, como pensaba eu de pequena cada vez que viaxaba en tren e pasaba pola estación de Betanzos - Infesta, cecais si cun participio analóxico do verbo latino fero, "levar, conducir", aplicado a unha vía de comunicación.

miércoles, 8 de junio de 2022

Casteliño en Fonte da Vila - Souto da Regueira (Cambre)

 

Microtopónimo Castelo preto do Souto da Regueira en Santa María de Vigo (Cambre).
Visor PBA da Xunta de Galicia.

Polo topónimo, relevo e situación, nun cóbado entre regos, semella un pequeno castro. A toponimia circundante, Costado e As Parizas, vai ligada ó mesmo relevo do terreo.

O microtopónimo As Parizas, ou ben é un derivado de asperum (*asper-iceas), ben documentado na Idade Media (Asperones, Asperelo), por ser un terreo abrupto, logo con separación do segmento as- por coidaren ser o artigo feminino; ou ben sería frase formada có substantivo petra + sufixo -iceas > -izas (illas petriceas > As Pe(d)rizas > As Parizas, con abertura do e en a, frecuente ante a vibrante r: ex. Parafita < Petra Fictam).

Existe outro As Parizas en Magalofes, segundo a Base de Datos de Toponimia de Galicia, e logo xa pasariamos ás formas A Espariza, que poderían ser o singular de *aspericea, có segmento a- separado por considerarse artigo feminino; ou ben un falso singular unha vez perdido o significado do topónimo frasal illas petriceas > Asparizas (plural) / Aspariza (singular non etimolóxico) / A Pariza (singular etimolóxico existente en As Cortes - Paradela).

Os topónimos do tipo Aspariz ou Espariz, moi abundantes no noso país, na nosa opinión serían formas apocopadas destas, ou ben en referencia a terreos ásperos e abruptos, ou ben a terreos pedregosos. Non se terían formado do nome xermano Asparicus. 

lunes, 6 de junio de 2022

Ardeghurgho / Ardexurxo e Ardagaña: dous hidrónimos paleoeuropeos

Sospeitaba don Edelmiro Bascuas que o lugar de Ardexurxo (Sarandós) podería ter un nome xerado dende a base hidronímica paleoeuropea ARD- (v. tema Ard- no punto 20.1.1 dos seus Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega, Verba, anexo 51, 2002). Entre os ríos que levan este nome están o Arda (tributario do Doiro) ou o "Rivulo Ardili" (tributario do Eume, documentado no ano 714). Rebardille (Ardille) segundo o profesor sería entón un hidrónimo provinte desta base máis un sufixo diminutivo coa vogal final relaxada. Nada que ver coas ardillas (esquíos).

Concretamente respecto a Ardexurxo di que semella un composto hidronímico, cecais da base Arde- ou de Ar-de (provinte neste caso do hidrónimo *Anarem), e que lle parece menos probable que o primeiro formante veña do latín agrum pola dificultade fonética da evolución do grupo -gr-, que normalmente evolúe a -ir- (integrum > enteiro). Neste suposto o topónimo Ardexurxo sería case transparente, o "Agro de Xurxo / Eiro de Xurxo".


Unha búsqueda na toponimia da contorna de Ardexurxo, tamén na histórica, amosa que hai máis dun topónimo coa base ARD-, mesmamente un lugar chamado Ardilleiros xunto dun regato que vai cara o río Barcés. No Catastro de Ensenada (Abegondo - Sarandós) menciónase no punto que se pasa o Barcés dende Ardexurxo cara a Bordel un lugar chamado Pozo de Ardagaña, o cal nas Planimetrías das Minutas Cartográficas do IGN ven situado aproximadamente onde o pomos nós, aínda que ven cun nome errado (Pozo de Arcogaña). Asemesmo, nas ditas Planimetrías o topónimo Ardexurxo ven como Ardejurjo, o que nos fai pensar que o actual Ardexurxo é una ultracorrección dunha forma Ardegurgo con gheada (Ardeghurgho): sentida a gheada como pronuncia castelanizada foi sustituída o que lles parecía unha jota pola correspondente xe galega (*joguete - xoguete; *Jurjo - Xurxo).

E que podería ser un *gurgo no campo da hidronimia?

O Glosario de Du Cange infórmanos na entrada GURGES de que é "un divertículo nun río, profundo, unha fosa, poza ou lagoa; axeitado para construír un muíño ou para capturar peixes; gourgo en occitano".

Algunhas ocurrencias do uso deste termo ou derivados en Galicia:
  • riuulos discurrentes Mandeo et Minuete que sunt gurgites mixta alueo nominati (ano 964. Fonte: CODOLGA)
  • duas leyras vinearum quas comparavi in Gurgulione (ano 1293. Fonte: CODOLGA)

É ata probable que nalgún caso o haxiotopónimo San Xurxo teña mellor unha orixe hidronímica a partires deste *gurgo, pronunciado primeiro con gheada e logo ultracorrexido con xe.

A base Ard- explicaría, ó meu ver, toponimia que se ven considerando como xermánica (formada dos nomes dos posesores ou colonos suevos). Así o lugar de Ardemir > Ardemil, documentado no ano 1188, sería un composto desta base máis o hidrónimo prerromano MIRA tratado por Rosa María Pedrero Sancho ("El hidrónimo prerromano Mira", Emérita, 1996).

jueves, 2 de junio de 2022

O pente no xabarín: dúas precuelas galegas do "Culhwch e Olwen" galés

A maioría das veces as nosas lendas conteñen o embrión doutras que se desenvolveron e difundiron con moita máis sona: A peeira dos lobos (Carapuchiña Vermella), Xaniño Pelica de Ovella (Ulises e Polifemo - Odisea), O siñor el rei e a vella (Barbazul), Dona Mariña (A Sereíña), Tareixa do Ceo (A Cincenta), O Tributo das Cen Doncelas (Tristán e Isolda)... Nunca topáramos cunha lenda galega que, segundo imos ver, conservou datos que explican aspectos escuros doutra lenda, que non se poderían entender sen ter en conta os detalles previos cronolóxicamente que fornece a nosa, o que amosa a continuidade entre os elementos do corpus folklórico a pesar das diferentes localizacións.

O conto galés de Culhwch e Olwen podería ser o relato artúrico máis antigo conservado; nel o heroe (transformado xa case en cabaleiro), para casar coa filla dun xigante ten que pasar unhas probas... A historia artículase como os contos maravillosos que estudara Propp, dos cales descende o xénero de cabaleirías. A máis importante das probas é a caza dun xabarín chamado Twrch Trwyth (ou porcus Troit na Historia Brittonum de Nennius). O chamativo desta proba é que ten que roubarlle ó xabarín o pente, as tesoiras e a navalla que o animal leva prendidos entre as cerdas do pescozo, coas que debe afeitar ó pai da noiva.

A bibliografía na que se estuda o relato galés céntrase nos seguintes aspectos: a cacería do xabarín como expresión do comportamento aristocrático das élites (Erias: La eterna caza del jabalí, Anuario Brigantino, 1999), ou ben no tema do barbeado e peiteado, vencellados á masculinidade e ó afillamento do cabaleiro por parte do seu señor (Sheenan: "Giants, Boar-hunts and Barbering: Masculinity in Culhwch ac Olwen", Arthuriana, 2005). Non se atopan estudos sobre o feito, sorprendente e absurdo, de por que un xabarín leva prendidos entre ás cerdas os obxectos citados; semella que se consideran só os típicos obxectos máxicos que aparecen nos contos, ós que non se lles adoita prestar moita atención.

Como é que o porco Troit adquiriu o pente, as tesoiras e a navalla que leva prendidos entre as cerdas? A resposta está agochada en dous contos galegos polos que se demostra, ademáis, a conexión do xabarín có Alén e cós seres encantados que o habitan (fairies), xa que logo, considérase un animal psicopompo ou guía das almas no seu transo ó Alén, mais non sempre queda ben evidenciada esta cualidade. As lendas tomámolas da obra de X.M. González Reboredo, Lendas galegas de tradición oral (1995). O paralelismo que estamos a comentar xa fora notado por Gustavo Arce, no que atinxe á primeira lenda, no grupo de Facebook Panceltismo Galaico (8-3-2014).

  1. O porco có pente prendido - lenda do Castro de Souteliño relatada por Santiago Bernárdez (Catálogo dos Castros Galegos. Fasc. III: Terra do Carballiño, 1930): "[...] o porco fora meter o fuciño no soalleiro do millo e entón unha moura para tornarlo guindoulle cun peite que se lle prendeu nas serdas [...]". Descúbrese logo que o pente era de ouro.
  2. O porco có rastrelo do liño prendido - lenda do Carballiño recollida por Alfredo González Caíña (Nós, nº 5, 1921): "[...] Cando xa non se dicía que existían mouros neste país -non sendo os encantados-, un dos veciños botou a pastar uns porcos cara ao monte dito Monte Negro e mandou de gardián un neno, o que se meteu por unha encañada do monte onde estaba unha manta de millo a secar e, a carón dela, unha vella moura arrestrelando liño, e un dos porcos foise tranquilamente ao millo; irritouse a vella e ceboulle (para matalo) o restrelo, e con tan boa sorte fuxiu con el cravado o porco [...] o dono examinouno e sacou en limpo que era de ouro. Aínda hoxe, aos sucesores desa familia lles chaman Os do Restrelo".
Twrch Trwyth. (C) Margaret Jones.

O porco revélase nestes dous contos como un animal que pode entrar e saír do Alén, pode contactar cós seres feéricos, cós encantos (a moura). O pente / rastrelo do liño é un obxecto máxico que provén do Alén, guindado por un destes seres feéricos que, ou ben peitea con el os seus cabelos, ou carda o liño (actividade relacionada có fiado das vellas divindades nai prehistóricas). O feito de seren de ouro os dous obxectos incide no seu carácter máxico.

Na versión galesa semella que o porco Troit leva ademáis outros obxectos máxicos prendidos entre as cerdas, as tesoiras e a navalla, por serén obxectos dos que se atopan nas famosas tendiñas das mouras (v. motivo A tendiña da Moura), vencellados porén tamén có Alén, os cales terían sido engadidos á historia porque permiten desenvolver o tema complementario do peiteado e barbeado en relación coa masculinidade (Sheenan). Pero para o que atinxe á masculinidade, o tema principal tería sido o da cacería do porco para recuperar o pente máxico (cecais un trasunto da crina do xabarín), proba de valor que achegaría ó home ás portas do Alén e que ben puido ser parte dun ritual de iniciación á idade adulta: segundo Propp os contos maravillosos agochan restos narrativos de antigos rituais iniciáticos, nos que a figura da maga (moura) adoita estar presente.

O lanzamento do pente / rastrelo

Agradezo a información que o noso colega Tonhito Karransa nos proporciona sobre a existencia dunha lenda hurdana na que se evidencia que o lanzamento do pente era a técnica favorita das mouras (serranas) para capturar ó que se adentraba no Alén. Normalmente ó acceso ó Alén dase baixo forma animal ou mediante un animal guía (seguindo a Propp). Nesta lenda queda ben claro que o pente máxico non ten capacidade de matar, cortar ou capturar fóra dos límites do Alén, que veñen marcados aquí pola raia fronteiriza da serra (trátase dun Alén contiguo xeográficamente ó Aquén):

"En término jurisdiccional de Casar de Palomero hay un sitio que llaman la Peña de la Mora, donde habitaba una Mora maligna, que abusaba de los hombres y luego los mataba tirándoles un peine. Pero hubo un caballero que logró zafarse de sus zalamerías e intuyó que le esperaba una muerte segura a su lado. Así que salió huyendo en su veloz caballo, haciendo caso omiso de los requerimientos de la Mora. La Mora le arrojó el peine, que sólo logró cortar la cola de la bestia, porque el resto del animal ya había traspasado la raya de la sierra: De buena te libraste, que de la raya pasaste" (F. Flores del Manzano, Mitos y leyendas de Tradición Oral en la Alta Extremadura", 1998, px. 183).

lunes, 30 de mayo de 2022

Xuvia / Xubia: o río Grande que ten un nome pequeno


Na "Descripción del Puerto del Ferrol remitida en Carta del Marqués de Manser, de 13 de Febrero de 1639" (Biblioteca Virtual de Defensa) ven un debuxo do fondo da ría coas Aceñas do Ponto e as Reais Fábricas de Neda, onde se facía o biscoito [galletas mariñeiras] que levaban como pan os mariñeiros nas súas viaxes.

Fai 400 anos o actual río Grande de Xuvia viña nomeado como "Río de Neda". Por riba do actual río de Santa Icía, que vai cara á presa das Aceñas do Ponto ou de Lembeye, pasaba unha pontella chamada "Puente de Loiva". Na nosa opinión hai un erro na transcrición do documento orixinal do Marqués de Manser: moi probablemente poría "Puente de Joiva".

No pasado o nome do pequeno río de Santa Icía tería sido Xoiva / Xuvia, o que cadra coa proposta etimolóxica que o profesor Porto Dapena fixera sobre o hidrónimo (Revista de Neda, año 2006: "Principios de toponimia: os casos de Neda e Xubia"), facéndoo derivar de juvenam, o mesmo que xouba, "sardiña xoven, de pequeno tamaño". O étimo vai en feminino por concordar seguramente cun sustantivo como "aqua" (cfr. Aqua Lata).

O río de Santa Icía foi antes, como se pode ver no mapa e se desprende da etimoloxía, o Xoiva ou Xuvia, que logo daría nome á zona de Xuvia / Xubia, e por oposición, ó río Grande de Xuvia (río de Neda neste plano). A etimoloxía e a cartografía antiga descúbrennos unha hidronimia desprazada que creou un paradóxico río Grande (o Xuvia / Xubia actual) que etimolóxicamente é pequeno.

A reducción do Xuvia / Xubia ó río de Santa Cecilia explica a "Lenda do Salto", como un frade que escapaba do mosteiro de San Martiño perseguido polos compañeiros, non sabemos que trasnada faría, logrou saltar por riba do río e chegar a San Nicolás de Neda ("Anuario ferrolano", 1901). De ter sido o Río Grande o que tiña que saltar, sería imposible.

Nalgúns documentos antigos amósase que o Xuvia e o Río Grande eran dous ríos distintos: "in territorio Trasanquos subtus monte Petroso discurrente ad ecclesiam Sancti Saluatoris, inter fluuius rio Maiore et Iuuia" (ano 1223).

miércoles, 25 de mayo de 2022

Oxuriz / Juriz / O Xurés / Gerês

Nun artigo sobre os castros ó redor de Santaia de Bóveda, Nicandro Ares comentaba ó final do mesmo un feito moi interesante: "Al finalizar este trabajo me siento sorprendido por la enorme cantidad de topónimos germánicos que figuran junto a los castros de esta zona. Se dice que estos nombres no corresponden a la primera invasión de los bárbaros en el siglo V, sino a los pobladores posteriores a la iniciación de la reconquista española, es decir, al siglo VIII y siguientes. Pero lo extraño es que se hubiese borrado el nombre romano o prerromano. ¿Cómo y por qué sucedió esto? Podría ser un tema para estudiar" ("Castros en torno a Santa Eulalia de Bóveda" (1967-68), recopilado en Estudios de toponimia galega, v. I, 2011).

Efectivamente, así é: o feito de atopar toponimia vencellada aparentemente ós nomes dos posesores (colonos) xermanos a carón dos castros repítese por todo o rural galego, non só no entorno de Santaia de Bóveda. O que aconteceu foi, segundo pensamos, que os nomes prerromanos non desapareceron arrasados pola colonización, nin os colonos atoparon territorios despoboados que renomearon, senón que se reetimoloxizaron os nomes tirando do recurso á etimoloxía popular, mediante a cal os topónimos adoitan un aspecto lixeiramente diferente para encadrarse no léxico vixente no momento, e facerse, así, comprensibles. A toponimia, porén, adoptou unha máscara xermana.

Outro posible castro, a maiores do situado ó oeste de Oxuriz (Lugo), na parcela denominada Castrespiños (segundo a folla catastral) / Castroespiño (segundo N. Ares). Mencionado polo autor sen que chegara a visitalo. (C) Visor PBA da Xunta de Galicia.

Un dos casos que comenta Nicandro Ares no entorno de Bóveda é o de Oxuriz (O Xuriz, na normalización actual). Segundo o autor, xa que logo aparece nun documento do 1108 como villa Osorici ("in villas vocitatas retorta et Osorici"), viría do nome propio xermano *Osoricus, inexistente ou non documentado (hipótese de Piel-Kremer), ou sería o patronímico do nome probablemente latino Osorius. 

Na nosa opinión ó topónimo Oxuriz non lle queda outra alternativa que ter a mesma etimoloxía prerromana que a da antiga Aldea do Juriz (Pitões das Júnias - Portugal) sita no Xurés, a cal coincide coa dos propios O Xurés / Gerês (doc. como "alpes Ugeres" no 1074): cecais a base hidronímica paleoeuropea *wegw-, "húmedo, mollar", que propuxera Edelmiro Bascuas ("Aquis Ocerensis, diosa Ocaera, monte Ugeres y O Gerês: ¿*OGER- O *UGER-?", Paleohispánica, 2007).

"Osorici" e "Ugeres" serían, pois, dúas formas medievais de grafar o mesmo topónimo prerromano; estando a primeira claramente influenciada pola moda da antroponimia xermana.

Ruínas dunha casa na Aldea Velha do Juriz (Pitões das Júnias). (C) Dolores González de la Peña, 2017.


lunes, 16 de mayo de 2022

O ciclo épico galaico do Tributo das Cen Doncelas

Xusto ó día seguinte de publicar o último post (Tristán en Sarandós) no que estudabamos a lenda do Tributo das Cen Doncelas como resto mitolóxico moi posiblemente anterior á tradición cabaleiresca de Tristán e Isolda, o bo amigo Manuel Ruibal achegoume unha grabación na que seu avó, o Señor Pepe do Curro, de 96 anos de idade e grande coñecedor das tradicións do lugar (Carral), conta a orixe do apelido Figueroa segundo lla contou súa avoa (nada en 1870).

Escudo de Abegondo coa pola da figueira.

A xenealoxía do apelido Figueroa, como temos visto no post anterior, está vencellada á lenda das Cen Doncelas.

Transcrición da grabación efectuada por Manuel Ruibal o 16/5/22. O vídeo da grabación vai insertado ó final da entrada, có permiso de Manuel Ruibal e familia:

"Había... A onde había... Os que estaban alí, os gherreros, a onde había unha moza ben ghuapa, pois facíanse con ela. Pero a moza dicía:

Adiós casa de mis padres
casa de las cuatro esquinas
para mí se están cerrando
todas las entradas y salidas

E daquela foi un irmán, colleu unha pola de figheira, e empezou a gherra alí coa figheira, e por iso lle quedou alí Figheiroa".

* * * * *

Podemos quedar só na percepción da beleza do conto, ou na forza da lenda que chegou viva ata hoxe no concello de Carral, que limita coa parroquia de Sarandós (Abegondo). Mais a labor dun filólogo ten que ir moito máis aló, adentrándose polos camiños da teoría da literatura para amosar as conexións que permiten encaixar o relato nun xénero. Imos ver, pois, o que só un filólogo sabido podería dicir sobre esta incrible testemuña. E levaremos unha boa sorpresa!

  1. Segundo a discutida teoría de Menéndez Pidal a decadencia dos cantares de xesta medievais (da épica heroica, como o Poema de Mio Cid ou La Chanson de Roland) deu paso a fragmentos: "los oyentes se hacían repetir el pasaje más atractivo del poema que el juglar les cantaba; los aprendían de memoria y al cantarlo ellos a su vez, lo popularizaban, formando con esos pocos versos un canto aparte, independiente del conjunto: un romance". Así pois, segundo o grande hispanista, moitos romances serían retazos de ciclos épicos perdidos. Como comprobar que tiña razón?
  2. Intrusión dun pequeno romance na lenda do Tributo das Cen Doncelas contada polo Señor Pepe do Curro: efectivamente, na versión que estudamos o recitado da doncela, a súa métrica, é propia dos romances (versos de oito sílabas, imperfectos ás veces, e rima impar en asoante). Este mesmo romance está moi extendido polo noroeste peninsular (dende Portugal ata León e Asturias) sendo un romance de boda cantado por mulleres no que a temática é a despedida da casa familiar. Que fai un romance incrustado nunha simple lenda? Resulta inexplicable, a non ser que a lenda sexa algo máis, restos dun ciclo épico, tal e como sostía Menéndez Pidal. O ciclo épico do Tributo das Cen Doncelas.
  3. A despedida do fogar noutros ciclos épicos: a despedida do fogar polo desterro do heroe e o llanto deste son os versos cós que comeza o cantar de xesta peninsular máis coñecido (Poema de Mio Cid), facéndose referencia nela ás portas e fiestras da casa, ás entradas e saídas.
  4. Rosalía de Castro: vemos a orixe da morriña como un tema galaico antiquísimo, vencellado á despedida do fogar (a partida do heroe, a boda). A cantiga popular que glosara Rosalía de Castro é variante desta que analizamos, e ten versións ata en Portugal: "Adeus, pai, e adeus, mãe / adeus, gado que eu gardei, / adeus, manos, adeus, manas, / terra onde me eu criei" (Xaquín Lourenzo: Cantigueiro Popular da Baixa Limia, 1973) .
  5. O romanceiro en galego, inexistente?: vemos un outro aspecto interesante dende o punto de vista da sociolingüística, que ten que ver có polémico asunto da existencia, negada con frecuencia, dun romanceiro en galego. O salto ó castelán que fai o Señor Pepe do Curro cando insire o romance da muller despedíndose da casa familiar explicámolo cecais polo maior prestixio como lingua vehicular da cultura que acadou o castelán nos últimos séculos grazas a presión política que soubo exercer Castela. Non é que non existisen romances en galego, a proba está na cantidade de versións que recolle deste Xaquín Lourenzo, en galego e en portugués; semella máis ben que o pobo chegou a pensar que era máis digno transmitilos en castelán.

Conclusións


Do feito inusual, que lembra as técnicas da xoglaría na frase introdutoria do estilo directo ("Pero a moza dicía:"), da inserción dun romance na lenda xenealóxica dos Figueroa podemos restituír a existencia dun ciclo épico perdido coa temática mitolóxica céltico-galaica do Tributo das Cen Doncelas, ciclo común que daría paso noutras literaturas á materia de Bretaña (Tristán e Isolda) e ás lendas artúricas, tal e como vimos en Tristán en Sarandós. A teoría do hispanista Menéndez Pidal, sobre a dexeneración do xénero épico dos cantares de xesta medievais en pequenos romances que aprendería o pobo revélase certa, sen que, mil anos despois, se teña olvidado a tradición de integrar aínda estas pequenas composicións nos relatos lendarios dos que formaban parte e os orixinaron.

O romance de despedida da casa familiar da noiva con motivo da boda ("Adiós casa de mis padres, casa de las cuatro esquinas..."), coñecido sobre todo por outras seccións do mesmo, como a que glosara Rosalía de Castro ("Adeus ríos, adeus fontes, adeus regatos pequenos..."), formaba parte deste ciclo épico, equiparándose á despedida do heroe coa que comeza o Poema de Mio Cid. Nambas a descrición do fogar, dos seus límites, entradas e saídas, teñen grande relevancia:


De los sos ojos tan fuerte mientre lorando
tornava la cabeça y estava los catando.
Vio puertas abiertas e uços sin cañados,
alcandaras vazias sin pielles e sin mantos
e sin falcones e sin adtores mudados*.
(Poema de Mio Cid)

Adiós casa de mis padres,
ventanas y cuatro esquinas.
Para mí ya se acabaron
las entradas y salidas.
(Cancioneiro asturiano, de Martínez Torner)

*Dos seus ollos tan fortemente chorando / voltaba a cabeza, alí estábaos mirando. / Viu portas abertas e ichós sen candados, / alcándaras valeiras sen peles e sen mantos / e sen falcóns, e sen azores mudados.

(C) Manuel Ruibal.